Novas da lingua

Rexistros31 a 60 de 5273
03/02/2026. DINAMIZACIóN

Chega o febreiro bertoeiro ás escolas infantís de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón pon en marcha unha nova edición da iniciativa As nosas tradicións, co obxectivo de achegarlles ás familias das escolas infantís municipais información sobre tradicións galegas, datas de especial importancia para a lingua galega e recursos do Apego.

Neste mes de febreiro distribuíuse entre as familias o folleto Febreiro bertoeiro, con información sobre a Candeloria, o Entroido e o Día de Rosalía.

Na páxina web do SNL tes toda a información sobre esta iniciativa.
02/02/2026. OUTRAS

A USC elabora un kit de terminoloxía óptica

O Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Óptica elaboran un kit de recursos para difundir a terminoloxía da óptica oftálmica.

Neste kit, accesible en liña, atoparás un glosario multilingüe cos termos esenciais de óptica oftálmica, unha guía interactiva de termos ilustrados relacionados coa montura de anteollos e as versións oficiais en galego das normas UNE-EN ISO de terminoloxía óptica (este último recurso só accesible desde equipos da USC).
02/02/2026. CURSOS E CONGRESOS

Novo obradoiro de acollemento lingüístico en Carballo

Tras o éxito de edicións anteriores, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un novo obradoiro de acollemento lingüístico dirixido a persoas de fóra de Galicia que queiran achegarse á lingua e cultura galegas.

As sesións comezarán este mes de febreiro e terán continuidade ata maio, todos os martes e xoves en horario de 17:30 a 19:00 horas, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. As persoas interesadas en participar deben cubrir este formulario.
02/02/2026. DINAMIZACIóN

O alumnado de 22 centros da provincia da Coruña aprende a navegar nas redes con orgullo

Bota a andar a campaña «O galego na música e nas redes sociais», promovida pola área de Lingua da Deputación da Coruña en colaboración con “Orgullo Galego”. No marco desta iniciativa o alumnado de 22 centros educativos da provincia poderá participar en diferentes actividades de creación de contidos en galego nas redes sociais, así como coñecer bandas e propostas musicais exitosas en galego presentes nas plataformas dixitais.

Podes ampliar información premendo aquí.

02/02/2026. AXUDAS E PREMIOS

A UVigo publica unha nova convocatoria do distintivo “Gal Ego”

A Universidade de Vigo publica a terceira convocatoria do distintivo de galeguización “Gal Ego”, co obxectivo de outorgar un recoñecemento público a aquelas facultades e escolas máis implicadas no uso do galego.

O distintivo terá unha vixencia de catro anos (2026-2030) e vai acompañado dunha contía económica de 3000 euros, que a dirección da facultade ou da escola distinguida debe empregar en desenvolver actividades ou iniciativas que fomenten o uso do galego.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro o 27 de febreiro de 2026.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
02/02/2026. DINAMIZACIóN

Máis actividades para medrar con Apego en Ames e Santiago

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presenta a programación do proxecto Apego para o primeiro semestre do ano 2026. Trátase dun amplo abano de actividades didácticas e lúdicas (arrolos, música de diferentes estilos, obradoiros, teatro, contos, clown, unha foliada, xogos... ) deseñadas para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia.

Así mesmo, as familias compostelás adscritas ao programa Apego tamén poderán gozar durante todo este mes de febreiro das actividades que o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago preparou para que os máis pequenos/as gocen do Entroido no noso idioma: obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, contos, cantos e recitados, e tamén un obradoiro de artes plásticas.
02/02/2026. DINAMIZACIóN

Novena edición do Certame de Microrrelatos da RAG e PuntoGal

Dominio PuntoGal e a Real Academia Galega organizan o IX Certame de Microrrelatos, co obxectivo de reforzar a presenza do idioma galego e da identidade propias no mundo dixital. Poden participar todas as persoas que o desexen, e para facelo deben presentar un relato en lingua galega, orixinal, inédito, de temática libre e cunha extensión máxima de 200 palabras (título incluído). Establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes, e outorgaranse tres premios por cada unha das categorías.

O prazo de presentación dos textos estará aberto ata o 28 de febreiro de 2026.

Os microrrelatos deben presentarse no sitio web relatos.gal, onde tamén atoparás as bases completas do certame.
27/01/2026. OUTRAS

En liña o Calendario científico escolar 2026

Xa está accesible en liña o Calendario científico escolar 2026, unha iniciativa didáctica promovida polo Instituto de Ganadería de Montaña (centro mixto do CSIC e a Universidad de León), deseñada para achegar a cultura científica á xente nova e crear referentes inspiradores.

Tanto o calendario coma os recursos didácticos que o completan están dispoñibles en distintos idiomas, entre os que se atopa o galego. Da versión no noso idioma ocupouse a Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña.

Todos estes materiais están dispoñibles para a súa descarga de balde na páxina web do proxecto.
27/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Convócase a segunda edición do Premio “José Gil” de cinema en galego

A Deputación da Coruña convoca o Premio “José Gil” de cinema en galego do ano 2026, coa finalidade de contribuír á memoria de personaxes singulares e representativos neste campo como foi José Gil, pioneiro do cinema galego.

O premio consta de tres modalidades: modalidade de guión de longametraxes de ficción en lingua galega; modalidade de guión de longametraxes documental en lingua galega; modalidade de traxectoria ou iniciativa de especial relevancia no campo do cinema en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto entre o 10 de febreiro e o 10 de abril de 2026.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
26/01/2026. DINAMIZACIóN

O Concello de Pontevedra retoma as actividades do Apego deste ano 2026

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades que se desenvolverá no marco do proxecto Apego en febreiro de 2026, deseñado para xerar espazos de socialización no noso idioma e ofrecerlles ás familiar recursos que faciliten a transmisión do galego. Nesta ocasión a oferta inclúe arrolos, cantigas, recitados, xogos de mesa, contos e música.

Na páxina web do SNL do Concello de Pontevedra atoparás máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición.

26/01/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de escrita creativa en Vigo

O Concello de Vigo organiza un curso de escrita creativa, dirixido a aquelas persoas que queiran mellorar as súas destrezas literarias no noso idioma. O curso, de 20 horas de duración, impartirase durante o mes de febreiro de 2026.

Os/as interesados/as deben enviar un correo electrónico ao enderezo actividades.snl@vigo.org indicando nome completo e teléfono de contacto. No asunto debe figurar “Escrita creativa, nivel 2 – Edición 1”.

Para ampliar información sobre o programa preme aquí.
26/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio de Oratoria en Formato Podcast "Ramón Otero Pedrayo"

A Asociación Amigos de Otero Pedrayo convoca, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o IV Premio de Oratoria en Formato Podcast "Ramón Otero Pedrayo", coa finalidade de incentivar as habilidades comunicativas e a oratoria en lingua galega. O certame está dirixido a estudantes de 15 a 18 anos de idade que cursen estudos de educación secundaria obrigatoria, bacharelato, graos universitarios ou mestrados.

Os participantes deben presentar unha peza en formato pódcast ou vídeo, entre o 10 de febreiro e o 25 de xullo de 2026, sobre algúns dos temas do universo oteriano (o medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a historia, a xeografía, a etnografía, a comunicación oral e a tradición oral). O xurado outorgará tres premios, dotados no seu conxunto con arredor de 3.000 euros (en produtos galegos Coren e nun portátil).

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
26/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Premios para proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta de Galicia convocan o programa de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, dirixido a centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional durante o curso 2025/2026. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán cada un deles unha dotación económica de 2.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de abril de 2026.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
22/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

XVII Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2026 da Deputación da Coruña

A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo sétima edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquelas persoas que máis destaquen na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os estratos sociais; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías.

O prazo de presentación de candidaturas rematará ás 14:00 h do 30 de abril de 2026.

Para consultar o texto coas bases completas deste premio, preme aquí.
21/01/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2025/2026, organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados están dirixidos á comunidade universitaria da UVigo e son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Corrección da escrita coas TIC (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio de 2026, na modalidade en liña. O prazo de inscrición estará aberto entre o 2 e o 20 de febreiro de 2026, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
20/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Resolución provisional das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para financiar gasto do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2026.

Os solicitantes teñen un un prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución provisional no Boletín Oficial da Provincia, para comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros. Transcorrido o prazo de 10 días sen que por parte dos solicitantes se desista expresamente, a subvención considerarase aceptada tacitamente.

Podes consultar o texto completo da resolución premendo aquí.
19/01/2026. DINAMIZACIóN

Bota a andar a rede de grupos de conversa en galego “Falarmos nós”

A Área de Lingua da Deputación Provincial da Coruña promove a creación da rede provincial de grupos de conversa en galego “Falarmos nós”, deseñada para ofrecer espazos de uso no noso idioma a persoas que xa o coñecen pero non o empregan habitualmente, porque non contan con contornas sociais favorables ou porque non teñen os coñecementos suficientes.

Trátase dunha rede aberta á que poden adherirse diferentes entidades da Administración local (como os servizos de normalización lingüística ou as bibliotecas municipais), así como outras entidades sociais.

Podes ampliar información premendo aquí.
19/01/2026. INVESTIGACIóN

O número 42 de Cadernos de Lingua céntrase na investigación sociolingüística

A Real Academia Galega publica o número 42 da súa revista Cadernos de Lingua, que nesta ocasión se centra de xeito case monógrafico na investigación sociolingüística.

O volume inclúe unha análise de Henrique Monteagudo dos principais datos referentes ao coñecemento e uso do idioma galego da “Enquisa estrutural a fogares de 2023” do Instituto Galego de Estatística; un artigo de Martín Vázquez Fernández no que presenta os resultados do Mapa sociolingüístico escolar de Santiago de Compostela (investigación elaborada pola RAG a pedimento do Concello de Santiago); unha exposición dos resultados acadados no proxecto de investigación-acción “Modo galego, actívao!”, a cargo de Gabino S. Vázquez-Grandío e Rosa Moreiras Cuñarro; e unha investigación de María López-Sández e Alejandro Doval Casas sobre a influencia da variable xénero nas prácticas lingüísticas do profesorado galego de matemáticas.

Todos os artigos están accesibles en liña na páxina web da RAG.
19/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

VIII Premios Internacionais de Pódcast Xosé Mosquera Pérez

Xa está aberto o prazo de inscrición na oitava edición dos Premios Internacionais de Podcast Xosé Mosquera Pérez "O vello dos contos", dirixidos a alumnado de educación primaria de Galicia e Portugal; alumnado de centros de educación secundaria (tamén para adultos), así como o doutros centros de ensino non universitario e dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral fóra de Galicia; e alumnado das universidades de Galicia e Portugal.

Os participantes deberán elaborar un podcast inédito e orixinal en galego ou portugués, cunha duración non superior aos 5 minutos, relacionado con algún destes temas: a figura de Xosé Mosquera Pérez, o inicio da radio en Galicia, a cultura tradicional e contemporánea galega e portuguesa (oralidade, música, lingua, literatura...), ou calquera materia dos plans de estudos dos diferentes niveis educativos aprobados pola Xunta de Galicia.

O prazo de inscrición remata o 13 de febreiro de 2026. Os traballos deben entregarse antes do 1 de maio de 2026.

Podes consultar as bases completas premendo aquí.
19/01/2026. DINAMIZACIóN

Comeza a oitava edición do programa “21 días co galego e +”

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia promove unha nova edición do programa “21 días co galego e +”, no que participarán ata o vindeiro 6 de febreiro de 2026 dez centros educativos das catro provincias galegas. No marco desta iniciativa o alumnado comprométense a falar exclusivamente en galego durante 21 días, así como a desenvolver diferentes propostas didácticas deseñadas para reflexionar sobre os seus usos lingüísticos persoais e a situación xeral do idioma galego.

Podes manterte ao día das novidades a través do seu blog.

No Portal da Lingua Galega tamén podes consultar máis información sobre esta iniciativa.
19/01/2026. DINAMIZACIóN

En liña as intervencións da última edición do LGx15

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publica as intervencións da última edición do LGx15, que tivo lugar o pasado 25 de outubro de 2025 en Santiago de Compostela. Podes consultalas na súa canle de Youtube e mais na páxina web do proxecto.

O LGx15 é unha iniciativa organizada pola CTNL na que diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego a través de charlas breves e amenas. Nesta última edición participaron Carlos Callón, María Maroño, Miguel López del Pueyo, Mariña Lema, Artur Trillo e Fátima Pego. Da condución do acto, a música e a poesía ocupouse Cintaadhesiva.
14/01/2026. OUTRAS

Ourense acollerá os actos conmemorativos do 150 aniversario do xornal O Tío Marcos d’a Portela

Onte, 13 de xaneiro de 2026, presentouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o programa de actos que se celebrarán a partir do vindeiro 7 de febreiro para conmemorar o 150 aniversario do xornal O Tío Marcos d’a Portela, pedra fundacional do xornalismo en lingua galega; así como para homenaxear o seu fundador, Valentín Lamas Carvajal.

O programa inclúe actividades diversas, como unha xornada sobre lingua e medios de comunicación, outra sobre intelixencia artificial e desinformación, unha foliada, un roteiro por lugares da cidade de Ourense vinculados á biografía de Lamas Carvajal, unha ofrenda floral, unha festa popular, un concerto a cargo da Coral de Ruada, a publicación dun especial temático no xornal La Región, a dixitalización da colección completa de O Tío Marcos d’a Portela, a reprodución facsimilar do primeiro número do xornal ou a edición dun cupón da Once en homenaxe a Lamas Carvajal, que tivo unha discapacidade visual severa.

Na comisión organizadora participa o Consello da Cultura Galega, xunto coa Real Academia Galega, a Xunta de Galicia, A Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, a Fundación ONCE, a Coral de Ruada, AMEGA, o Liceo de Ourense e familiares de Lamas Carvajal.

Se desexas máis información, preme aquí.
14/01/2026. OUTRAS

Convócanse probas de avaliación en competencias clave

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convoca probas de avaliación en competencias clave para persoas que desexen cursar accións formativas dos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional.

O lugar, os días e os horarios de realización das probas publicarase na páxina web desta Consellería. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.

As competencias clave que se valorarán son matemáticas, lingua castelá, lingua galega e inglés. No Campus Virtual da Consellería podes atopar materiais de autoformación para preparar as probas.
13/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2025/2026, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada.

En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias.
13/01/2026. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2026 destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo para presentar as solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/01/2026. DINAMIZACIóN

Bota a andar a cuarta edición do programa “Modo galego, actívao!”

A Real Academia Galega e o Concello de Ames presentaron a nova edición do programa de investigación-acción “Modo galego, actívao!”, que desenvolven de xeito colaborativo desde 2023 co obxectivo de incidir nos usos lingüísticos do alumnado de infantil, primaria e secundaria escolarizado neste concello. Como novidade, nesta edición incorpóranse ao proxecto as escolas deportivas de xestión municipal.

Na páxina web da RAG podes ampliar información sobre esta iniciativa.
13/01/2026. EMPREGO

Bolsas de formación no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao en Tradución e Interpretación, no que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grado en Lingua e Literatura Galegas; o grao en Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou titulacións equivalentes.

O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí (corrección de erros en relación ao prazo de solicitudes).

13/01/2026. OUTRAS

Xenocidio, Palabra do Ano 2025

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público o termo elixido como Palabra do Ano 2025: xenocidio. Trátase dun neoloxismo acuñado polo xurista polaco de orixe xudía Raphaël Lemkin (1901-1959) co obxectivo de que se recoñecese a matanza perpetrada polo nazismo como un crime contra a humanidade. O termo volveu poñerse de actualidade na comunicación pública ao longo do ano 2025 para denominar as matanzas do estado de Israel na Franxa de Gaza.

Podes ampliar esta información premendo aquí.
23/12/2025. OUTRAS

En liña a base de datos da dobraxe en galego

O novo sitio web adobraxe.com compila información relacionada coa dobraxe en lingua galega. Nesta base de datos atoparás as producións dobradas ao galego con cadanseu cadro de actores de voz; así como información sobre as empresas, directores e demais profesionais que participaron nestas producións.

Trátase dun proxecto de carácter participativo aberto ás achegas dos propios usuarios/as.
22/12/2025. DINAMIZACIóN

Festa do Apego para despedir o ano en Compostela

O vindeiro sábado, 27 de decembro de 2025, as familias con nenos/as de 0 a 6 anos de Santiago de Compostela teñen unha cita no Auditorio de Galicia, onde se celebrará a Festa do Apego. O evento, organizado polo Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela, está deseñado para crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer infantil e o programa inclúe música, xogos, teatro e moita lingua.

Para consultar o programa completo, preme aquí.