O punto de partida é o 7 de febreiro en Ourense, a coincidir co día propio da saída da publicacións en 1876. Para ese día están programadas diferentes actividades. Destaca un roteiro que percorrerá o Ourense de Lamas Carvajal con parada en dez lugares. Haberá intervencións institucionais, unha ofrenda floral e un itinerario guiado por un tamborileiro e un gaiteiro, en consonancia co estilo da publicación homenaxeada. O cemiterio de Ourense, a praza do Correxidor, o xardín do Posío e a praza Maior serán puntos destacados dun roteiro que remata no Liceo de Ourense cunha festa popular. Alí haberá un concerto a cargo da coral Ruada e rematará nun xantar (as persoas que queiran participar pódense anotar no correo liceodeourense@hotmail.es e no telefono 988220650 ata o día 3 de febreiro). Na véspera, a AMEGA, a Asociación de Medios en Galego, realizará na cidade de Ourense unha xornada sobre “Intelixencia artificial e desinformación” e unha foliada. O xornal La Región, moi vinculado a Lamas Carvajal, publicará ese mesmo día un especial con colaboracións dunha vintena de persoas da cultura galega tratando diferentes aspectos abordados pola histórica publicación. Félix de Castro Andrés falará da música tradicional; Xavier Castro sobre as referencias á gastronomía; mentres que Rosario Álvarez ou Henrique Monteagudo, entre outros, abordarán aspectos máis xerais sobre a cultura e o papel do Rexurdimento. Tamén se acompañará a reprodución facsímile do primeiro número da publicación.
A comisión organizadora tamén destacou que a celebración se estenderá ao longo de todo o ano, arredor de dúas datas clave da biografía de Lamas Carvajal: o 4 de setembro, data do seu pasamento, e o 1 de novembro, o seu nacemento. Entre outras actividades, a Real Academia Galega celebrará unha xornada en Ourense centrada na lingua e medios de comunicación que porá o foco na histórica publicación pero tamén na importancia da lingua nos medios de comunicación no contexto actual. A Fundación ONCE, moi implicada na celebración polo feito de que Valentín Lamas Carvajal tivo unha discapacidade visual severa a partir dos vinte anos, dedicará o cupón do 1 de novembro á súa figura e ao seu legado. Ademais, completarase a dixitalización da colección de O Tío Marcos d’a Portela, que estará a disposición de toda a cidadanía a través do portal Galiciana. Todos os contidos dixitais máis a programación deseñada para esta efeméride se divulgarán nun sitio web realizado polo Consello da Cultura Galega.
O Tío Marcos d’a Portela, pioneiro en moitos ámbitos
O Tío Marcos d’a Portela foi un xornal satírico e de opinión escrito integramente en galego que naceu en Ourense en 1876, impulsado por Valentín Lamas Carvajal no contexto do Rexurdimento chegaron a editarse 58 números de periodicidade quincenal. A publicación tivo varias interrupcións ao longo de varios anos —principalmente entre 1876 e a década de 1880— debido a dificultades económicas e á presión política, mais acadou unha notable difusión para a época, con tiraxes que chegaron a catro mil exemplares, algo excepcional nunha prensa en lingua galega e de carácter popular. Aínda que Lamas Carvajal foi o seu principal autor e alma do proxecto, o xornal contou tamén con colaboracións esporádicas doutros escritores e intelectuais galeguistas, que empregaban a sátira e a retranca para denunciar o caciquismo, as inxustizas sociais e a marxinación da lingua galega. Dirixida por Higinio Ameijeiras e Xavier Prado Rodríguez, entre os colaboradores figuraban Eladio Rodríguez González, Gonzalo López Abente, Manuel Losada Diéguez, Manuel Lugrís e Victoriano Taibo.
Na presentación destacouse que non foi só a primeira publicación periódica con certa entidade escrita en galego, senón que tamén creou un modelo de prensa popular. Se El Heraldo gallego estaba orientado a clases ilustradas, O Tío Marcos d’a Portela orientábase a clases populares con refráns, adiviñas… creando un eco que imitaron varios xornais. Outra das características é o abondoso número de mulleres que colaboraron neste xornal, fronte a outras cabeceiras da época.
Valentín Lamas Carvajal, o cuarto pé do Rexurdimento
A celebración serve tamén para destacar a figura de Valentín Lamas Carvajal quen, ademais de poeta, narrador e xornalista, “actuou sobre a cultura galega do seu tempo e moi consciente do seu papel de promotor de ideas de restauración cultural no seo do pobo”, tal e como asegura Afonso Vázquez Monxardín na entrada biográfica publicada no Álbum de Galicia. Nela reivindícase a figura de Lamas e tamén da súa muller, Amalia Rosina, que era a que facía dos ollos e das mans do xornalista, que era invidente. Como xornalista destaca o seu labor en El Heraldo Gallego, en O Tío Marcos d’a Portela e El eco de Ourense. Como poeta Lamas publica en 1875 Espiñas, follas e flores. Primeiro ramiño, obra que ten un inmediato éxito popular, e que leva un prólogo que é un verdadeiro alegación en favor da lingua e a poesía en galego. Salienta del tamén as Dez cartas escritas pr’os gallegos, para animar ao público a asistir á Exposición Rexional organizada pola Sociedade Económica de Amigos do País en Santiago que transmiten un compromiso social e nacional de grande intensidade, que o converten, segundo Monxardín, no “cuarto pé do Rexurdimento”.



