Novas da lingua

Rexistros301 a 330 de 5153
06/05/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Fene anuncia a nova edición do campus lingüístico “Verán máis alá”

O Concello de Fene organiza unha nova edición do campus lingüístico “Verán máis alá”, deseñado co obxectivo de facilitar unha alternativa de lecer educativo en lingua galega e promover a conciliación da vida laboral e familiar. O programa está dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria, nado entre os anos 2013 e 2021 (idades de referencia de 3 a 12 anos). Organizarase en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 de xullo e a segunda do 16 ao 31 de xullo de 2025 (pódese participar nas dúas, ou nunha soa). A matrícula provisional pode facerse por medios telemáticos (desde o 30 de maio ao 2 de xuño) ou presencial (do 4 ao 6 de xuño). Nesta última modalidade cómpre solicitar cita previa os días 26, 27 e 28 de maio.

Podes consultar o texto completo das bases reguladoras para a matriculación no programa “Verán máis alá 2025” premendo aquí.
05/05/2025. DINAMIZACIóN

Actos de conmemoración das Letras Galegas na Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo organiza o acto “O Dereito e as Letras Galegas”, que terá lugar o vindeiro xoves, 8 de maio de 2025, na sede desta facultade. No evento participarán o profesor Xosé Manuel Pacho Blanco co relatorio “As cantareiras e a cultura galega” e a escritora Marga do Val, co relatorio “Lois Tobío, memoria dun xurista”. Ao remate anunciarase o veredicto do xurado do IV Premio xurídico de investigación en lingua galega Xosé Luis Franco Grande.

Pola súa parte, a Facultade de Educación e Traballo Social (no Campus de Ourense) tamén celebrará ese mesmo día, 8 de maio, o evento “De Rosalía ás cantareiras: as Letras Galegas con voz de muller”, que terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade. Neste caso, Cristina Asenjo presentará o relatorio “A tradición de cantar: cantareiras e cantares” e a seguir Mercedes González e Fernando Dacosta moderarán unha mesa redonda con alumnado de Educación Infantil e Primaria. O acto estará amenizado coa música do grupo de pandeireteiras Xúa e a actuación das regueifeiras Branca Trigo e Silvia Villar.

05/05/2025. DINAMIZACIóN

Xosé Lois Romero e Aliboria protagonizan o AgoraSón da primavera 2025

O Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña conmemorarán o Día das Letras Galegas organizando unha nova edición do programa AgoraSón, unha iniciativa que ten como principais obxectivos fomentar a lectura en lingua galega e promover o préstamo bibliotecario de materiais no noso idioma (libro, película, CD etc.). A principal acción do programa é a celebración dun concerto, que nesta edición da primavera de 2025 estará protagonizado por Xosé Lois Romero e Aliboria. O evento terá lugar o vindeiro 30 de maio, ás 21:00 h, no auditorio do Centro Ágora.

A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. A partir do venres 23 de maio, entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao solicitar un préstamo de material en galego.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
02/05/2025. DINAMIZACIóN

O CCG presenta o programa do Concerto das Letras Galegas 2025

O Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Concello de Carballo, o Concerto das Letras Galegas 2025, que nesta edición terá lugar o 16 de maio, ás 20:30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. Os once artistas procedentes da música tradicional, da popular e da moderna que conforman o grupo Do Bertau (creado expresamente para o Concerto das Letras Galegas 2025) renderán homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral a través dun repertorio musical que comeza e remata na Costa da Morte.

A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. O concerto tamén se emitirá a través do web do Consello da Cultura Galega e, ao día seguinte, na tvG2.
30/04/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago presenta as actividades do Apego para o mes de maio

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades que se organizarán durante o vindeiro mes de maio no marco do proxecto Apego, deseñado para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia. A oferta inclúe obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, contos, xogos e espectáculos lúdicos, que permitirán aos máis pequenos/as coñecer mellor a súa cidade no mes no que se celebra a festa compostelá de maior arraigamento: a Ascensión.

Podes ampliar información sobre as diferentes actividades, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
29/04/2025. LEXISLACIóN

A Mesa e a AELG entréganlle ao Comité de Dereitos da ONU un informe sobre a situación do galego

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega presentaron hoxe, 29 de abril de 2025, na sede de Nacións Unidas en Xenebra o informe Os Dereitos Lingüísticos na Galiza, dirixo ao Comité de Dereitos da ONU para que o teña en conta no 49º exame universal ao Estado español. O informe, que conta co apoio de 26 personalidades do ámbito cultural da lusofonía, contén os incumprimentos de acordos internacionais en materia de dereitos lingüísticos por parte do Estado español e, nomeadamente, da Xunta de Galicia.

Podes ampliar información premendo aquí.
29/04/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña resolve provisionalmente as axudas ao audiovisual en galego

A Deputación da Coruña publica a resolución pola que se aproban de xeito provisional as subvencións para a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galga na provincia da Coruña durante o ano 2025.

A partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, abrirase un prazo de 10 días hábiles para que os solicitantes poidan comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, ou presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros.
23/04/2025. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral da Lingua anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 7 de marzo de 2025.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela: IES Antonio Fraguas (Celga 2, 3 e 4) e Escola Galega de Administración Pública (Celga 1); en Ponferrada: Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 2, 3 e 4) e en Madrid: Casa de Galicia en Madrid (Celga 2, 3 e 4).

As datas serán as seguintes:
-Celga 1: 31 de maio de 2025
-Celga 2: 25 de maio de 2025
-Celga 3: 24 de maio de 2025
-Celga 4: 10 e 11 de maio de 2025 (organízanse dúas quendas segundo a letra pola que empece o primeiro apelido das persoas admitidas a participar nas probas).
21/04/2025. DINAMIZACIóN

Homenaxe a José Silvent, impulsor do galego no espectáculo de títeres

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, coa colaboración da Asociación Cedofeita, o Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia, organiza un acto de homenaxe a José Silvent, creador do personaxe Barriga Verde, precursor do uso do galego no espectáculo de títeres.

O acto terá lugar o vindeiro 26 de abril, ás 18:00 h, na Casa da Cultura de Lérez (Pontevedra). A seguir, no cemiterio parroquial substituirase a súa lápida en castelán por outra en galego.

Podes ampliar información premendo aquí.
21/04/2025. CURSOS E CONGRESOS

O Instituto Cervantes de Nova York incorpora cursos de galego á súa oferta formativa

O Instituto Cervantes de Nova York inclúe por primeira vez na súa oferta formativa cursos de lingua galega, grazas ao programa de colaboración que esta entidade mantén coa Xunta de Galicia para a proxección do noso idioma no exterior. Na oferta formativa da primavera de 2025 inclúese xa o curso presencial de introdución ao galego Lingua e cultura galegas: rutas e raíces, que impartirá Álex Alonso Nogueira entre os meses de abril e xuño de 2025.

No Portal da Lingua Galega podes ampliar información sobre este programa de colaboración.
21/04/2025. EMPREGO

Convocatoria de bolsa de emprego para a contratación de normalizador/a lingüístico/a na Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña convoca as bases para elaborar listas de persoal temporal para postos de técnico/a de normalización lingüística (grupo A1, escala de administración especial, subescala técnica, clase técnicos superiores), para nomeamentos de funcionarios interinos e/ou contratacións laborais temporais. As persoas aspirantes deben estar en posesión do grao ou licenciatura en filoloxía hispánica, especialidade: galego ou equivalente. O sistema de selección será o de oposición-libre.

O prazo de presentación das solicitudes será de 20 días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
16/04/2025. DINAMIZACIóN

Feiraco celebra as Letras Galegas cunha academia de folclore en liña e un certame de microrrelatos

A cooperativa agrogandeira Feiraco Lácteos SL, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, súmase un ano máis á conmemoración das Letras Galegas convocando a décimo terceira edición do seu tradicional Certame de Microrrelatos, co obxectivo de fomentar a dinamización do idioma e a creatividade literaria en lingua galega.

A maiores, este ano no que o Día das Letras Galegas está dedicado ás cantareiras e á poesía de tradición oral, Feiraco ofrécelle a toda a cidadanía a posibilidade de aprender folclore galego con Xacarandaina nunha orixinal academia en liña.

Tanto os vídeos didácticos da academia como a información do certame de microrrelatos están accesibles desde a páxina web “Feiraco. Día das Letras Galegas. Galicia é campo de artistas”.
16/04/2025. DINAMIZACIóN

A Secretaría Xeral da Lingua presenta o FalaRedes 2025

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galica organiza unha nova edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que este ano 2025 botou a andar co espectáculo de narración oral e música Pelica e burra, a cargo de Vero Rilo e Luís Iglesias. A maiores, durante os meses de abril, maio e xuño tamén se programarán en diferentes concellos galegos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística as iniciativas Fala, fala, falangueira (proposta escénica de Matrioshka Teatro que xira arredor da transmisión da lingua); Castelao, un corazón á intemperie (peza de teatro de Fantoches Baj); e Mulleres, ritmo e tradición (obradoiro de música tradicional impartido por Sabela Olivares).

Para obter máis información e consultar o calendario completo de actuacións, preme aquí.
14/04/2025. DINAMIZACIóN

Vídeos gañadores da VIII edición de Enreguéifate

O xurado do certame Enreguéifate fixo públicos os vídeos gañadores nesta edición de 2025, escollidos entre os 96 presentados. Na páxina web do proxecto podes ver os vídeos premiados nas diferentes categorías: “regueifa máis brava”, “regueifa máis aguda”, “regueifa máis diversa”, “regueifa máis reivindicativa”, “regueifa mellor falada”, “regueifa mellor cantada”, “regueifa máis inclusiva” e “regueifa máis entroideira”. A entrega de premios terá lugar o 19 de maio de 2025, ás 11:30 h, nunha gala no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.

Enreguéifate é un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.
14/04/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística na Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca axudas, dirixidas ás entidades culturais da provincia, para promover, fomentar e difundir actividades de dinamización da lingua galega, co fin de potenciar o seu uso no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia que teñan repercusión social.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
11/04/2025. DINAMIZACIóN

A UVigo reactiva o seu plan de madriñas e padriños “Galego de tranquis”

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo reactiva o plan de madriñas e padriños “galego de tranquis”, deseñado para poñer en contacto a persoas que desexan comezar a falar ou escribir en galego con outras que xa o dominan e queren axudar no proceso de aprendizaxe (madriñas e padriños). Na páxina web da iniciativa atoparás os formularios para apuntarte como aprendente ou como madriña/padriño.

A iniciativa enmárcase na campaña “Galego de tranquis”, que botou a andar en outubro de 2023 co obxectivo de animar ao alumnado que non é galegofalante a falar e escribir en galego, sen afogos nin presión.
10/04/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os VI Premios Mil Primaveras

O xurado dos VI Premios Mil Primaveras fixo públicos os catro proxectos gañadores desta edición, por seren modelos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. As catro iniciativas galardoadas nesta edición son Brazolinda (proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego); Galego para peques (proxecto audiovisual para fomentar o uso do galego na infancia); Modo galego, actívao! (iniciativa de investigación-acción en dinamización lingüística desenvolvida colaborativamente pola Real Academia Galega e o Concello de Ames) e Vitamina G (proxecto desenvolvido no CEIP Sagrada Familia da Coruña que emprega a lingua como factor de cohesión e integración social).

Os Premios Mil Primaveras están organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Podes ampliar esta nova premendo aquí.
10/04/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos curriculares

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soporte impreso ou dixital, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
09/04/2025. DINAMIZACIóN

En liña a serie audiovisual da RAG “Se canto é porque quero”

A Real Academia Galega presentou hoxe, 9 de abril de 2025, no Museo do Pobo Galego a serie audiovisual Se canto é porque quero, accesible na páxina web e mais na canle de Youtube da institución. A serie consta de tres capítulos dedicados ás cantareiras homenaxeadas este ano 2025 no Día das Letras Galegas: Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda); Eva Castiñeira (Muxía); e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). No seu conxunto, a proposta audiovisual “tece un mosaico de testemuños e olladas que van retratando o mundo das cantareiras e da poesía popular oral”.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
07/04/2025. CURSOS E CONGRESOS

A Deputación da Coruña organiza un encontro de profesionais da normalización lingüística

O Departamento de Lingua da Deputación da Coruña organiza o Encontro de profesionais da normalización lingüística no eido local, que ten como obxectivo xerar un espazo de coñecemento mutuo e cohesión entre profesionais do eido da normalización lingüística na provincia, presentar referentes inspiradores para o traballo normalizador, valorar posibilidades de intervención nos diferentes ámbitos e avaliar posibles modificacións nas bases do programa de subvencións da Deputación dirixidas aos servizos de normalización lingüística.

O evento terá lugar o vindeiro mércores, 9 de abril de 2025, no Centro Sociocultural Maruxa e Coralia, en Santiago de Compostela.

Para consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
07/04/2025. OUTRAS

Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega

O Pleno da Real Academia Galega reuniuse o pasado venres, 4 de abril de 2025, en sesión extraordinaria e apoiou a candidatura de Henrique Monteagudo á Presidencia da institución. Henrique Monteagudo é catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigador especializado na sociolingüística, a historia da lingua e os procesos de normalización lingüística, así como no estudo e a edición da obra de autores como Martín Sarmiento e Castelao.

Da comisión executiva tamén formarán parte os/as académicos/as Ana Boullón Agrelo (secretaria), Lourenzo Fernández Prieto (vicesecretario), María López-Sández (tesoureira) e María Dolores Sánchez Palomino (arquiveira-bibliotecaria).

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
04/04/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Carballo promove a poesía en galego no ámbito escolar

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza o I Concurso escolar Poesía do revés, dirixido ao alumnado dos centros escolares de primaria, secundaria, ciclos formativos e bacharelato do concello. O obxectivo do certame é aumentar a competencia lingüística da infancia e da mocidade a través da creación literaria, e contribuír á promoción da poesía en galego no ámbito escolar. Os traballos deben estar escritos en galego, ser orixinais e de temática libre, e ter unha extensión máxima de 30 versos.

O prazo de presentación dos traballos remata o 11 de abril de 2025. O xurado outorgará 2.500 euros, repartidos en tres premios para cada unha das categorías (primaria; secundaria; ciclos formativos e bacharelato).

Na páxina web do SNL do Concello de Carballo tes toda a información.
04/04/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Betanzos convoca o XV Concurso de carteis das Letras Galegas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos convoca o XV Concurso de carteis das Letras Galegas, co obxectivo de fomentar a creatividade en galego entre os nenos e nenas e difundir o coñecemento da poesía popular oral e das cantareiras, figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas 2025.

O certame está dirixido ao alumnado que estea a cursar a educación primaria, ou con diversidade funcional, nos centros educativos de Betanzos.

O prazo para entregar os carteis remata o 24 de abril de 2025.

Para ampliar información e consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
04/04/2025. DINAMIZACIóN

Abril énchese de Rechouchíos e Apego para o público infantil de Moaña e Santiago

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña presentou a nova programación de actividades que se desenvolverá ata o vindeiro 30 de abril de 2025 ao abeiro de Rechouchíos, o programa municipal de dinamización lectora e lingüística dirixido a público infantil e familiar. Os máis pequenos/as e as súas familias poderán gozar de teatro, narración oral e música en directo nos diferentes locais socioculturais do concello e no auditorio do IES As Barxas.

Pola súa parte, o Departamento de Lingua do Concello de Santiago decidiu dedicar a programación de abril do programa Apego á literatura galega, tendo en conta que neste mes se conmemora o Día da literatura infantil e xuvenil [LIX] e o Día do libro (o 2 e o 23 de abril, respectivamente).
04/04/2025. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco.

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo convoca a cuarta edición do Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco. O certame comprende dúas modalidades: unha para o alumnado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado; e outra para o alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, nos graos en Dereito, PCEO ADE-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e nos mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito, e Dirección e Xestión Laboral. As persoas participantes deben acreditar a súa matrícula nos cursos 2022-23, 2023-24 ou 2024-25.

Outorgarase un premio de 500 euros en cada unha das modalidades e un diploma acreditativo. O prazo de presentación dos traballos remata o 25 de abril de 2025.

Para consultar as bases completas da convocatoria preme aquí.
03/04/2025. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES Rafael Dieste reivindica que “o Dépor é da Coruña”

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Rafael Dieste presenta unha nova iniciativa normalizadora baixo o lema “O Dépor é da Coruña”, que se desenvolverá ao abeiro da exitosa campaña “Aquí tamén se fala”.

Os promotores contan neste momento co apoio das principais institucións e entidades culturais, tanto de ámbito galego como municipal, que asinaron un manifesto adheríndose á inicitaiva e solicitándolle ao Dépor que aproveite a conmemoración do seu cento e vinte aniversario para amosar o seu compromiso co idioma galego, recuperando o topónimo oficial da cidade no nome do club: Real Club Deportivo da Coruña.

Na nova páxina web de "Aquí tamén se fala" tes toda a información.
02/04/2025. OUTRAS

Un país coa súa lingua: inscrición na mesa “Sanidade, ciencia e servizos sociais”

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente ao terceiro debate do foro Un país coa súa lingua, que nesta ocasión se centrará na formulación de propostas para garantir a presenza do galego na sanidade, nos servizos sociais e na investigación científica. O debate, coordinado por Iolanda Casal e Dolores Vilavedra, terá lugar o vindeiro 23 de abril de 2025, a partir das 16:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela).

A maiores da participación presencial, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.

Na páxina web do CCG podes ampliar información sobre esta terceira mesa de debate e acceder ao formulario de inscrición.
02/04/2025. INVESTIGACIóN

Informe sobre o uso do galego na docencia da USC no curso 2024-25

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta o informe sobre o uso do galego, do castelán e doutras linguas na actividade docente no curso 2024-25, elaborado a partir da información que declara o profesorado na súa programación docente.

En termos xerais, na actualidade impártese en castelán o 70,5% das horas docentes, en galego o 25,4%, en inglés o 2,1% e noutros idiomas estranxeiros o 2%. Se comparamos esta cifra de uso do galego coas de cursos anteriores, comprobaremos que “é a máis alta dos últimos 10 anos, nun marco xeral que amosa un leve incremento do galego (do 20 ao 25 %)”. Con todo, a realidade tórnase moi diversa se analizamos os datos atendendo a variables como o tipo de estudos, as áreas de coñecemento ou o campus no que se imparte a docencia.

Podes consultar o estudo completo premendo aquí.
02/04/2025. DINAMIZACIóN

Primavera con Apego en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra deseñou un novo programa de actividades para que os máis pequenos/as e as súas familias poidan gozar da primavera durante o vindeiro trimestre participando en diferentes actividades lúdicas e didácticas en lingua galega.

Para as familias con bebés de 0 a 3 anos o programa inclúe actividades relacionadas co noso patrimonio lúdico e musical, a narración oral ou os xogos iniciáticos. Para nenos/as con idades a partir de 4 anos programáronse dous obradoiros didácticos, un no que aprenderán a fotografar con luz solar e auga algunhas plantas da contorna, e outro para aprender cantigas, danzas sinxelas e xogos cantados e bailados. A maiores, o 10 de xuño haberá unha xornada festiva con música e xogos tradicionais na que poderán participar todas as familias con nenos/as de 0 a 6 anos.

Para coñecer a programación completa e obter información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
31/03/2025. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición nas XXXIV Xornadas de Lingua e Literatura

O colectivo de profesorado non universitario de Galicia ten unha nova cita formativa o vindeiro 26 de abril de 2025 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). Trátase das XXXIV Xornadas de Lingua e Literatura, que organizan un ano máis a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino co obxectivo de ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, e de reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino.

Podes consultar o programa completo premendo aquí. A inscrición é de balde e podes facela cubrindo este formulario.