Novas da lingua

Rexistros3001 a 3030 de 5145
04/02/2015. INVESTIGACIóN

Novos datos sobre usos lingüísticos na docencia da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago analiza no último número d´O Cartafol os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2014-2015. En termos xerais, impártense en castelán o 73,95% das horas docentes, en galego o 22,20%, en inglés o 1,80%, en portugués o 0,42% e noutras linguas (francés, italiano, alemán) o 1,62%. Tamén se ofrece información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos doce anos.
02/02/2015. OUTRAS

Declaración institucional da RAG sobre a situación do idioma galego

A Real Academia Galega fixo pública, o pasado 30 de xaneiro, a declaración institucional “O galego dá vida, pola vida do galego”, en reacción aos resultados da última enquisa do IGE. Trátase dun decálogo no se que interpela aos diferentes sectores sociais para que aposten decididamente polo uso do galego e ao goberno galego para que modifique a súa política lingüística, concretamente implementando o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e derrogando o decreto do plurilingüismo.
02/02/2015. CURSOS E CONGRESOS

A debate o modelo de lingua para o uso público

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC organiza o debate “Que fala falas? Gheada, seseo e localismos no uso público?”, que terá lugar o 11 de febreiro de 2015, ás 19:00 h, no Salón de Graos desta facultade. No acto intervirán Xosé Luís Regueira, catedrático de Filoloxía Galega da USC e membro da RAG; Paulino Novo, coordinador lingüístico da CRTVG e doutor en Filoloxía Galega; Lorena Pose, presentadora da TVG e licenciada en Xornalismo, e Federico Pérez, actor e licenciado en Filoloxía Galega. O debate estará moderado por Lois Celeiro, director do Gabinete de Comunicación da USC.
02/02/2015. DINAMIZACIóN

III Concurso de cartas de amor en galego

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal convoca o III Concurso de cartas de amor en galego, co obxectivo de fomentar a creatividade e a creación literaria no noso idioma. O certame está dirixido a persoas maiores de 14 anos. O xurado outorgará tres premios e os/as gañadores/as recibirán cadanseu lote de libros. O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de febreiro de 2014. Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
29/01/2015. DINAMIZACIóN

A lingua como Ponte a Europa

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presentou onte o programa Ponte a Europa, que dinamizará o uso da lingua a través de conversas e narracións multimedia entre escolares do rural pontevedrés e universitarios e universitarias europeos.

Despois do éxito acadado con Ponte a Londres, nesta edición os centros de primaria do municipio poderán comunicarse con estudantes de Oxford, Birmingham, Varsovia, Zadar, Berlín, Cork e Helsinki, co obxectivo de impulsar o galego como lingua de comunicación máis alá das nosas fronteiras, así como aprender a valoralo como fonte de riqueza lingüística e de identidade. Coñece a información detallada aquí.
28/01/2015. INVESTIGACIóN

Preséntase “Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa”

O Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega presentan a publicación Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa, que compila dez contribucións orixinais sobre este tema, froito do simposio homónimo realizado en Santiago de Compostela en 2013. O acto de presentación terá lugar mañá xoves, 29 de xaneiro, ás 12:00 h, na sede do Consello da Cultura Galega.
27/01/2015. DINAMIZACIóN

Obradoiros de dobraxe para mellorar a compentencia oral

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza Dobraxe na Escola, unha actividade lúdico-educativa dirixida ao alumnado de ensino primario redondelán, co obxectivo de mellorar a súa competencia oral en galego a través do mundo da dobraxe. Nos obradoiros, que se desenvolverán en sete centros de ensino desde o 26 de xaneiro ata o 3 de febreiro de 2015, participarán os actores Suso Pando e Manuel Pombal. Para ampliar esta información, preme aquí.
27/01/2015. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
26/01/2015. AXUDAS E PREMIOS

Nova convocatoria dos Premios Nós tamén creamos!

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan unha nova edición dos premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”.
A convocatoria, dirixida a todos os centros educativos galegos de infantil e primaria, ten como obxectivo estimular o uso do galego e a creatividade dos máis pequenos/as. Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQO, un agasallo da CRTVG e mais unha certificación de Premio de Innovación Educativa. As curtas gañadoras serán emitidas na TVG. O prazo para enviar os traballos remata o 30 de abril de 2015.
23/01/2015. OUTRAS

En liña o novo Boletín de Sumarios do CDSG

Xa podes consultar o noso Boletín de Sumarios 2014, produto documental que inclúe os sumarios de 39 números de publicacións periódicas, correspondentes a 21 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o ano 2014. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
23/01/2015. DINAMIZACIóN

Nova campaña para que o galego forme parte da túa imaxe

A Área de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo e a Asociación Provincial de Empresarios de Perruquería, Estética e Afíns están a desenvolver a campaña “O galego é a túa imaxe”, co obxectivo de crear novos espazos de uso para a cidadanía no ámbito das perruquerías. Para concienciar ao gremio de perruqueiros e perruqueiras sobre a importancia de usar o galego, distribuiranse trípticos e outro material informativo con vocabulario específico da profesión. Podes ampliar esta información premendo aquí.
22/01/2015. DINAMIZACIóN

Mil barcos pola paz navegan en galego cara a Silleda

O alumnado de 5º e 6º de Primaria do Colexio Mª Inmaculada de Silleda, coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), está a organizar a campaña “Mil barcos por un soño, mil barcos pola paz!”, coa que o centro vai conmemorar o Día da Paz. Co obxectivo de vincular o uso do galego a valores cívicos como a Paz, o vindeiro 30 de xaneiro o patio deste colexio converterase nun mar de barcos de cores. Para conseguilo, convidan a centros de ensino, entidades e particulares a colaborar enviando o seu barco de papel (sinalando o nome e apelidos a babor e un desexo de paz a estribor). Podes obter máis información no Facebook do EDLG “Inmacugaleguízate”.
22/01/2015. DINAMIZACIóN

Terras de Melide e A Ulloa difunden o seu patrimonio lingüístico

O Servizo de Normalización Lingüística que comparten os concellos de Melide, Toques, Palas de Rei e Santiso, adscrito á Rede de Dinamización Lingüística, presenta a campaña “Terras de Melide e A Ulloa. Antes e agora en galego”, co obxectivo de poñer en valor entre a cidadanía o patrimonio cultural e lingüístico das comarcas da Terra de Melide e A Ulloa. No marco desta iniciativa distribuiranse 500 calendarios con información sobre o patrimonio medieval artístico e lingüístico dos concellos promotores. Para ampliar esta nova, preme aquí.
21/01/2015. DINAMIZACIóN

A Asociación de Escritores en Lingua Galega convida a festexar o Dia de Rosalía 2015

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) convida a centros escolares, institucións, asociacións e á cidadanía en xeral a celebrar o vindeiro 24 de febreiro o Día de Rosalía de Castro. Nesta ocasión a AELG propón conmemorar este día gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”, co ánimo de que a cidadanía afonde na diversidade temática da obra rosaliana e poida identificarse con algunha das sensibilidades da autora. Para ampliar esta nova, preme aquí.
21/01/2015. DINAMIZACIóN

Actividades para dinamizar a lingua entre a poboación infantil de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta a programación de dinamización lingüística dirixida ao alumnado de educación infantil. O programa inclúe tres actividades: “Paseniño coa lingua”, unha xincana na que o alumnado que participa ten que superar unha serie de probas a través da linguaxe corporal e verbal; “Nano e Dara”, un espectáculo que estimula a percepción espacial e psicomotricidade dos bebés; e “SonSan”, unha actividade na que se traballa a alimentación e os hábitos saudables. Podes obter máis información, na páxina de Facebook do SNL do Concello de Vigo.
21/01/2015. INVESTIGACIóN

Presentación da obra “Breve história do reintegracionismo”

Queremos Galego Marín organiza a presentación pública da obra “Breve História do reintegracionismo” (Através editora), autoría de Tiago Peres Gonçalves. A obra presenta a evolución histórica do reintegracionismo, non tanto desde a perspectiva filolóxica senón da historia social da lingua, analizando como unha proposta puramente lingüística foi evolucionando ata converterse tamén en movemento social. O acto, no que intervirá o propio autor, terá lugar o vindeiro 23 de xaneiro de 2015, ás 20:30 h, no salón de actos do Ateneo Santa Cecilia de Marín.
15/01/2015. OUTRAS

Novo manual para mellorar as comunicacións escritas

A Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade de Vigo presenta o manual Na Universidade, en galego sen dúbida, que ofrece recomendacións lingüísticas destinadas a mellorar a calidade das comunicacións escritas na Universidade de Vigo. Esta obra completa a colección de manuais didácticos editados pola ANL, repasando cuestións tipográficas e ortográficas, mais dándolle prioridade nesta ocasión a contidos como o criterio de oficialidade, as referencias bibliográficas e a linguaxe non discriminatoria.
13/01/2015. DINAMIZACIóN

O alumnado galegofalante presume de lingua

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta a campaña Presume de Galego, que ten como obxectivo que os galegofalantes máis novos poñan en valor o uso que fan da lingua. A iniciativa está dirixida ao alumnado de calquera etapa educativa, de calquera centro de Galicia ou de fóra, que teña o galego como primeira lingua. Para participar, o alumnado debe gravar un audio dun tempo máximo de 1 minuto, preferiblemente en mp3, e cargalo na sección “Colaboración” da páxina web da campaña.
13/01/2015. AXUDAS E PREMIOS

Premios aos proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros educativos públicos. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de febreiro de 2015. Para consultar a documentación relacionada con esta convocatoria, preme aquí.
12/01/2015. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2014-2015, proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia, tanto de titularidade pública como privada. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das respectivas convocatorias (centros públicos, centros privados).
31/12/2014. OUTRAS

Suspensión provisional de Lingua en Titulares

Informamos que o servizo "Lingua en Titulares" fica suspendido provisionalmente para estudar como lle afectan os últimos cambios establecidos na Lei de Propiedade Intelectual que se activan a partir de 2015. Desculpen as molestias.
23/12/2014. DINAMIZACIóN

Os Reis Magos tamén teñen correo electrónico

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Grove presenta a campaña de dinamización lingüística Aos Reis Magos, en galego!, co ánimo de animar ás rapazas e rapaces mecos/as a que escriban a carta aos Reis Magos en galego. Os cativos/as que prefiran empregar as novas tecnoloxías poden anticiparse dirixindo as súas peticións en galego ao enderezo: reismagos@concellodogrove.com. Os que opten por métodos máis tradicionais teñen ao seu dispor un modelo de carta para entregarlle ao Carteiro Real.
19/12/2014. INVESTIGACIóN

Os 10 nomes máis comúns dos nados en Galicia na última década

O Instituto da Lingua Galega publica no se web un gráfico interactivo que permite coñecer a evolución dos 10 nomes máis comúns utilizados para os nados en Galicia entre 2000 e 2013. Ademais da clasificación dos dez nomes máis comúns (de home e de muller) e da evolución da súa frecuencia, tamén se ofrece información sobre a súa orixe etimolóxica e significado. Os datos están tirados do Instituto Nacional de Estadística, que tamén ofrece no seu web información sobre os nomes dos nados, desagregables por ano de nacemento, nacionalidade e provincia de nacemento ou residencia.
18/12/2014. DINAMIZACIóN

Musicando no Nadal coruñés

A Concellería de Cultura do Concello da Coruña, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza Musicando no Nadal, un programa de concertos en galego para público familiar con nenas e nenos a partir de 4 anos. O programa, que se desenvolverá os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 2015 no Forum Metropolitano, contará coas actuacións de Mamá Cabra, Pablo Díaz e Olga Kirk, e Lydia Botana. As persoas interesadas poden recoller as entradas de balde a partir do 22 de decembro no Forum Metropolitano e no Centro Ágora.
16/12/2014. DINAMIZACIóN

En galego, de película

O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización de Ferrolterra están a desenvolver unha nova edición do ciclo de cine “En galego, de película”, dirixido ao alumnado dos centros de ensino non universitario. A edición deste ano 2014 inaugurouse onte, 15 de decembro, coa proxección do filme “A casa da luz” e continuará hoxe e maña (16 e 17 de decembro) coas proxeccións de “Os mortos van á présa” e “A tropa de trapo na selva do arco da vella”. O obxectivo da iniciativa é familiarizar o alumnado, desde unha perspectiva didáctica, co audiovisual en lingua galega.
16/12/2014. DINAMIZACIóN

Ames convoca o VIII Concurso de cartas de Nadal

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o VIII Concurso de cartas de Nadal. Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas, escritas en galego, nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello antes do 18 de decembro. Os Reis Magos contestarán todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios. Para ampliar esta información, preme aquí.
16/12/2014. DINAMIZACIóN

Abertos ao Galego presenta o catálogo de Nadal 2014

A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde a cuarta edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
15/12/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición do Nadal en Rede

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a terceira edición do programa “Nadal en Rede”, que percorrerá máis de 60 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística co obxectivo de fomentar a galeguización das festas típicas do Nadal. O programa inclúe diferentes actividades lúdicas para os/as máis pequenos/as (música, teatro, visita dos Reis Magos a varios centros escolares…). Así mesmo, a cidadanía ten ao seu dispor na rede unha selección de recursos dixitais, como postais, modelos de carta aos Reis Magos ou unha guía de agasallos en galego. Para obter máis información, preme aquí.
11/12/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago anuncian os galardoados da décimo quinta edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron Conxelados José Bermúdez, na categoría de uso continuado do idioma galego; Promove Consultoría e Formación, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; e a Asociación Puntogal, que recibirá unha distinción especial por ser a promotora da candidatura para a consecución deste dominio en Internet para os contidos galegos e en galego. Para ampliar esta información, preme aquí.
10/12/2014. CURSOS E CONGRESOS

Estudos Galegos / Estudos Ibéricos Alén das Fronteiras

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o seminario “Estudos Galegos / Estudos Ibéricos Alén das Fronteiras”, que terá lugar os días 17, 18 e 19 de decembro de 2014 na sede do CCG, en Santiago de Compostela. O obxectivo do seminario é reflexionar sobre as modalidades de promoción, difusión e articulación dos Estudos Galegos/Estudos Ibéricos nos ámbitos académicos internacionais. O número de prazas está limitado a 30 persoas. Terán preferencia aquelas persoas relacionadas coa proxección internacional da lingua e cultura galegas.