A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) organiza, no marco da campaña de Nadal 2014, a xincana infantil “Os caza-palabras”, dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 14 anos. Trátase dunha actividade lúdica relacionada coa lingua galega (os participantes terán que “cazar” a palabra escrita correctamente en galego) co obxectivo de que as familias interactúen co tecido empresarial do Morrazo. As probas da xincana realizaranse no interior dos establecementos asociados a FECIMO e os/as gañadores/as recibirán unha tableta (1º premio) ou unha cesta infantil de Nadal (2º premio). Para obter máis información, preme aquí.
10/12/2014. DINAMIZACIóN
05/12/2014. INVESTIGACIóN
O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os datos da Enquisa de condicións de vida das familias do ano 2013, que se centrou, como xa acontecera no 2003 e 2008, na análise do coñecemento e uso do galego. A enquisa ofrece datos detallados (segundo idade e ámbito social) sobre coñecemento e uso do galego, así como sobre a percepción do idioma na sociedade. En termos xerais, no que respecta ao uso, o 31,20% da poboación declara falar sempre en galego, o 20,29% máis galego ca castelán, o 22,26% máis castelán ca galego, e o 26,25% só castelán. Se comparamos estes datos cos achegados pola enquisa de 2008, obsérvase un descenso de bilingües con predominio do galego e un ascenso de monolingües en castelán.
03/12/2014. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela convoca unha nova edición do Concurso de cartas de Nadal, para fomentar a creatividade dos máis pequenos/as, promover o uso do galego nas actividades do lecer e contribuír á transmisión interxeracional do patrimonio cultural. Os/as nenos/as teñen de prazo ata o 18 de decembro de 2014 para entregarlle a súa carta a Xián, o Xestor Interestelar de Agasallos do Nadal. Os/as autores/as das tres cartas gañadoras recibirán un premio de carácter cultural.
03/12/2014. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP do Foxo, a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) e a Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) presentan a segunda edición da campaña de etiquetado “Bicos a moreas”. Trátase dunha colección de etiquetas, deseñada polo alumnado do CEIP do Foxo, con debuxos e mensaxes en lingua galega, que se repartirán entre os comerciantes asociados a ACOE e ACE para que adornen os agasallos da campaña de Nadal. O obxectivo da campaña é fomentar o uso do galego no sector económico, promovendo ao mesmo tempo o comercio local.
02/12/2014. OUTRAS
O vindeiro venres inaugúrase no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición do Culturgal, a feira das industrias culturais galegas. O Culturgal 2014, que se desenvolverá os días 5, 6 e 7 de decembro, conta cun amplo programa de actividades e espazos de exposición nos que estarán representadas entidades dos diferentes ámbitos do sector cultural galego (música, literatura, lingua, creación audiovisual, artes escénicas, deseño, novas tecnoloxías, etc.). Entre as actividades programadas, destacamos a xornada técnica “Novas ideas na escola: das ferramentas TIC e outras tecnoloxías”, dirixida ao profesorado galego.
27/11/2014. DINAMIZACIóN
O Concello de Silleda, a asociación ECOS, o IES Pintor Colmeiro e os centros de ensino do municipio están a colaborar en diferentes iniciativas destinadas a dinamizar o uso do galego no Nadal, principalmente nos ámbitos educativo e socioeconómico. Con este obxectivo organizan o programa Silledagasalla, que inclúe dous concursos escolares que permitirán seleccionar os lemas e debuxos que os comercios empregarán nos carteis e agasallos. Así mesmo, o Concello de Silleda organiza unha nova edición do Concurso de Escaparates “Nadal en Galego”, deseñado para promover o comercio local e fomentar o galego no sector económico. Neste caso, o alumnado do IES Pintor Colmeiro participará formando parte do xurado.
26/11/2014. EMPREGO
O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas, de doce meses de duración, que teñen por obxecto a formación práctica de licenciados/as universitarios/as, desenvolvendo as tarefas que encomende o Servizo de Publicacións desta institución. Poden optar a esta bolsa as persoas que posúan o grao ou licenciatura universitaria en Tradución e Interpretación, na que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega, ou a licenciatura en Filoloxía Galega. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
25/11/2014. DINAMIZACIóN
A Asociación Ponte… nas Ondas! celebra a duodécima edición da Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, un evento dirixido ao público infantil das dúas beiras do Miño co obxectivo de transmitirlle o seu patrimonio lingüístico común (narración oral, cantos, danzas, música, xogos de lingua, etc.). O acto terá lugar hoxe, 25 de novembro de 2014, ás 11:30 h, no Auditorio Afundación en Vigo.
Así mesmo, unha delegación galego-portuguesa da Asociación Ponte… nas Ondas! recollerá tamén hoxe en Barcelona o Premio Ondas 2014 á mellor cobertura informativa, un recoñecemento aos vinte anos do seu proxecto de radio escolar.
Así mesmo, unha delegación galego-portuguesa da Asociación Ponte… nas Ondas! recollerá tamén hoxe en Barcelona o Premio Ondas 2014 á mellor cobertura informativa, un recoñecemento aos vinte anos do seu proxecto de radio escolar.
24/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas (CELGA) da Universidade Federal da Bahia organiza o I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos, que terá lugar entre o 13 e o 15 de abril de 2015. O obxectivo do encontro é fomentar o diálogo intelectual entre investigadores de diferentes universidades que se dedican aos estudos galegos. A comisión organizadora convida a profesionais, estudantes e interesados/as na lingüística, literatura e cultura galegas a participaren, ben na modalidade de comunicación individual, ben na de presentación de póster. O prazo para enviar os resumos remata o 15 de xaneiro de 2015.
21/11/2014. OUTRAS
O Proxecto Trasno organiza a Trasnada 14, un encontro que terá lugar mañá, 22 de novembro, a partir das 10:30 h, no Centro Social do Gorgullón, en Pontevedra . Trátase dunha xuntanza de debate terminolóxico, na que tamén se ensinará a configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre. As sesións serán públicas, polo que ademais dos membros do Proxecto Trasno, tamén poden asistir todas aquelas persoas que queiran iniciarse no traballo de tradución do software libre ao galego.
21/11/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Medios fai pública, no DOG do 21 de novembro de 2014, a resolución da convocatoria de axudas ás empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego. Para consultar a listaxe de publicacións subvencionadas, preme aquí.
18/11/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración cos equipos de dinamización lingüística de varios centros de ensino do municipio, organiza diferentes actividades de dinamización lingüística dirixidas ao alumnado de primaria. Ao longo desta segunda quincena de novembro, máis de 1000 estudantes de primaria participarán no obradoiro Lingua Forza 3, unha xincana con probas e xogos populares en versión lingüística. Así mesmo, catro centros escolares do norte da cidade asistirán ás xornadas micolóxicas que terán lugar os días 18 e 19 de novembro, co obxectivo de vincular dinamización lingüística e coñecemento do propio contorno.
18/11/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Teo organiza unha nova edición do Concurso de postais de Nadal, co obxectivo de promover a creatividade e o uso do galego entre a poboación máis nova do concello. O concurso, organizado en colaboración cos centros educativos, establece diferentes categorías segundo a idade dos participantes. As postais poden ter unha dimensión máxima de 21x15 centímetros e deben incluír un debuxo relacionado co Nadal e un desexo en lingua galega. O prazo para presentar os traballos remata o 3 de decembro de 2014.
18/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a oitava edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza. A xornada terá lugar o vindeiro 25 de novembro de 2014, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán. A matrícula é de balde. Para acceder á ficha de inscrición, preme aquí.
18/11/2014. DINAMIZACIóN
A Coordinadora Galega de ENDL presenta, un ano máis, un espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos para traballar nas aulas os contidos relacionados co Nadal. Entre outros materiais, facilítanse modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades, recursos didácticos e novas de interese relacionadas con estas datas festivas.
18/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Institut Ramon Llul e a Università Ca’ Foscari Venezia organizan a xornada “Linguas comparadas: a didáctica das linguas afíns (catalan-galego-italiano-espanol)”, que terá lugar en Venecia o vindeiro 28 de novembro de 2014. O relatorio sobre a lingua galega correrá a cargo de María Pardo, lectora no Centro de Estudos Galegos da Università degli Studi di Padova.
17/11/2014. INVESTIGACIóN
A Modern Language Association, asociación norteamericana de referencia para investigadores de lingua e literatura, comunicou oficialmente que acaba de aprobar a creación do “Galician Language, Literature and Culture Forum”, unha sección permanente e un grupo de debate sobre lingua, literatura e cultura galegas. Os promotores da iniciativa consideran que a introdución dos estudos galegos no seo desta prestixiosa asociación americana, con arredor de 28 000 membros en máis de 100 países, suporá un importante pulo na proxección internacional do noso idioma.
17/11/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha nova edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival terá lugar os sábados 15 e 29 de novembro e 6, 13 e 20 de decembro de 2014 no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela). O programa inclúe as actuacións de Carlos Meixide, Avelino González, Soledad Felloza, Marián Bañobre e Celso Sanmartín.
14/11/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Mesa pola Normalización Lingüística acordou entregarlle o III Premio Abertos ao Galego á cooperativa Erica Mel, de Arzúa, pioneira no seu sector na etiquetaxe en lingua galega. Así mesmo, o xurado recoñece cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que cumpre 30 anos. A entrega dos premios será o 19 de decembro, ás 19:00 h, no Museo Provincial de Lugo. O acto será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Caxade. Para ampliar esta información, preme aquí.
14/11/2014. DINAMIZACIóN
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza a exposición “Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!”, co obxectivo de conmemorar os 20 anos do nacemento do bravú, un movemento musical que naceu en Galicia cun claro compromiso co galego en clave de creatividade. A exposición estará aberta desde o 18 de novembro ata o 7 de decembro de 2014 no Pazo da Cultura. No acto de inauguración, que terá lugar o vindeiro luns 17 de novembro, ás 20:00 h, participarán Xurxo Souto e Pinto de Herbón.
A cidade da Coruña tamén celebrará os 20 anos do bravú cun amplo programa de actividades que se desenvolverán na semana do 17 ao 20 de novembro.
A cidade da Coruña tamén celebrará os 20 anos do bravú cun amplo programa de actividades que se desenvolverán na semana do 17 ao 20 de novembro.
12/11/2014. DINAMIZACIóN
O Departamento de Galego e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela organiza a mesa redonda “Os medios, enteiros en galego”, co obxectivo de reflexionar sobre a situación actual dos medios de comunicación galegos e os usos lingüísticos neste sector. Na mesa participarán Olalla Rodil (Sermos Galiza), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na Costa), Raul Rios (Novas da Galiza) e Aurélio Lopes (moderador, Irmandade TV). O acto terá lugar o xoves 13 de novembro de 2014, ás 18:30 h, no salón de actos da EOI de Santiago. Para obter máis información, preme aquí.
11/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XV Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse ao longo do vindeiro día 22 de novembro de 2014 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula (que debe realizarse a través do web da AS-PG) remata o vindeiro 20 de novembro.
Ademais destas xornadas, dirixidas ao profesorado, o proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebra no mes de maio en Santiago de Compostela.
Ademais destas xornadas, dirixidas ao profesorado, o proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebra no mes de maio en Santiago de Compostela.
11/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o Curso de oratoria: habilidades comunicativas en lingua galega. A actividade, dirixida aos profesionais da avogacía, ten como obxectivo adquirir as competencias básicas para desenvolver con éxito os actos comunicativos do ámbito profesional. As sesións terán lugar entre os días 17 e 21 de novembro de 2014 no salón de actos do ICA de Santiago. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
11/11/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica a convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación ou mantemento de seus servizos de normalización lingüística durante o ano 2015. Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes. Os concellos con menos de 7 000 habitantes só poderán participar en mancomunidades ou agrupacións de concellos. Aqueles cunha poboación de entre 7 000 e 50 000 poden presentarse individualmente ou agrupados. O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 h do 5 de decembro de 2014.
07/11/2014. DINAMIZACIóN
Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo promoven a cuarta edición do Club de Debate, unha iniciativa deseñada para fomentar entre o alumnado a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Ademais das entidades promotoras, a iniciativa está aberta a calquera outro concello que desexe sumarse. O alumnado interesado en participar pode obter máis información no seu centro educativo ou SNL municipal. O prazo de inscrición remata o 28 de novembro de 2014. Podes manterte ao día do desenvolvemento do proxecto, a través da súa páxina de Facebook.
07/11/2014. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política lingüística pon ao dispor da cidadanía, a través da súa páxina web, a colección de manuais de linguaxe administrativa e xurídica que serven de apoio ao alumnado dos cursos de linguaxe de especialidade. A colección, que tamén pode resultar de utilidade para a autoaprendizaxe, componse de dous manuais de linguaxe administrativa (nivel medio e nivel superior), dous manuais de linguaxe xurídica (nivel medio e nivel superior) e un manual práctico de documentos administrativos e xurídicos. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/11/2014. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago presenta o glosario Termos esenciais de administración electrónica, autoría de Xusto Rodríguez. A obra, a primeira en galego sobre esta temática, recolle 164 conceptos en galego xunto coas súas correspondencias en español, inglés, francés e catalán.
Se o desexas, tamén podes consultar a listaxe completa de traballos terminográficos elaborados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Se o desexas, tamén podes consultar a listaxe completa de traballos terminográficos elaborados polo Servizo de Normalización Lingüística da USC.
05/11/2014. OUTRAS
A Oficina de Software Libre do consorcio interuniversitario CIXUG informa que xa está ao dispor dos/as usuarios/as a versión 14.10 da distribución GNU/Linux Ubuntu, dispoñible na súa totalidade en galego. O feito de estar esta versión traducida na súa totalidade ao galego, sitúa o noso idioma no grupo dos dez únicos idiomas do mundo que acadan o 100% de localización, un logro que lle debemos ao equipo de tradución ao galego de Ubuntu. Para descargar esta nova versión, distribuída baixo o nome “Utopic Unicorn”, preme aquí.
03/11/2014. OUTRAS
A empresa Cilenis Language Technology presenta o seu novo portal LinguaKit, onde teñen intención de poñer á disposición do público diferentes ferramentas lingüísticas froito da investigación que Cilenis desenvolve desde hai anos no campo do Procesamento da Linguaxe Natural. Actualmente está xa á disposición dos/as usuarios/as un paquete de ferramentas para catro idiomas (galego, castelán, portugués e inglés), no que se inclúe un resumidor, un corrector, un tradutor, un conxugador verbal e unha ferramenta de análise completa.
03/11/2014. AXUDAS E PREMIOS
A plataforma Galeguizar Galicia anuncia a resolución dos X Premios Bacelos de Prata, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo das adegas que etiquetan os seus viños en galego como marca de calidade. As galardoadas desta edición foron a Adega Arco da Vella (Beade), da denominación de orixe Ribeiro, e a Adega Terra de Asorei (Cambados), da denominación de orixe Rías Baixas. O acto público de entrega dos galardóns terá lugar o 15 de novembro, ás 12:00 h, no Pazo dos Ulloa (Esposende - Ribadavia).

