Mallando no Android anuncia no seu blog que a nova versión de Android, Android 5.0 Lollipop, trae de serie a opción do idioma galego. Esta versión xa está dispoñible nos dispositivos móbiles Nexus 6 e Nexus 9, que comercializa Google. Nos vindeiros meses, o resto dos fabricantes irán ofertando tamén a actualización desta versión, polo que teremos a posibilidade de escoller a opción do galego nos diferentes móbiles e tablets con sistema operativo Android. O logro é froito da campaña #AndroidEnGalego, promovida hai un ano por Mallando no Android e apoiada por milleiros de persoas e colectivos.
16/10/2014. OUTRAS
13/10/2014. INVESTIGACIóN
O Instituto Galego de Estatística (IGE) facilita no seu web novos datos sobre coñecemento (entender e falar) e uso do galego, que poden obterse ata o nivel de desagregación municipal. Os datos están extraídos do Censo de Poboación e Vivendas de 2011, elaborado polo Instituto Nacional de Estatística. En termos xerais, declara falar sempre en galego o 43,8% da poboación e falalo ás veces un 45,3%, mentres que o 10,9% afirma non falalo nunca. Con respecto ás competencias, o 98,6% declara entender o galego e o 90,8% afirma saber falalo. Para obter máis información sobre os aspectos metodolóxicos da enquisa, preme aquí.
13/10/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta unha nova edición da campaña Proba en Galego, unha iniciativa deseñada para promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa, como marca de identidade, calidade e proximidade. Aquelas empresas que se adhiran á campaña e cumpran con éxito o decálogo de compromisos recibirán un premio. Podes ampliar esta información no sitio web da iniciativa.
13/10/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza, coa colaboración dos equipos de dinamización lingüística dos IES do municipio, o IV Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!!, co obxectivo de dinamizar o uso oral e escrito do galego entre a mocidade de xeito lúdico e creativo. O certame está dirixido ao alumnado de 2º ciclo da ESO e do Bacharelato. O prazo de inscrición remata o 14 de outubro de 2014. Para consultar as bases completas, preme aquí.
10/10/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a undécima edición destas xornadas, que este ano terán como eixo temático a relación entre lingua e universidade. As xornadas terán lugar os días 26, 27 e 28 de novembro de 2014 na sala do Consello de Goberno (Reitoría, A Maestranza).
A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o 21 de novembro. Para consultar o programa, preme aquí.
A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o 21 de novembro. Para consultar o programa, preme aquí.
07/10/2014. DINAMIZACIóN
A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) convida a comunidade educativa a a festexar o vindeiro 4 de novembro o V Día da Ciencia en Galego, que nesta edición estará dedicado á Física e a reivindicar o dereito a impartir Física en galego. Os científicos homenaxeados este ano son o físico de recoñecemento mundial Isaac Newton e o físico e matemático galego Xosé Rodríguez, que participou na medida das dimensións da Terra. Para ampliar esta información, preme aquí.
07/10/2014. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) convoca unha nova edición do concurso de redacción Falemos da Nosa Historia, dirixido aos escolares da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2014- 2015 cursen estudos de 5º e 6º curso de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO. O obxectivo é reflexionar sobre a nosa historia a partir de ditos, refráns, modismos ou lendas. Nesta edición os participantes deberán descubrir a orixe e a explicación histórica do termo “Cotolai”. O prazo de presentación dos traballos é do 1 ao 28 de febreiro de 2015. Para consultar as bases completas do concurso preme aquí.
02/10/2014. OUTRAS
O Centro Veciñal e Cultural de Valadares e a Asociación ORAL de Galicia organizan o XVII Certame Internacional de Improvisación Oral, que terá lugar o 5 de outubro, a partir das 19:00 h, no CVC de Valadares (Vigo). No encontro participarán glosadores cataláns, bertsolaris vascas, cantores ao desafío portugueses e regueifeiros galegos.
02/10/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Consello da Cultura Galega e a Fundación Galicia Empresa organizan a xornada “A publicidade en galego”, co obxectivo de analizar o estado actual do idioma galego no ámbito da publicidade, tanto desde o punto de vista empresarial como da teoría da comunicación.
A xornada terá lugar o vindeiro 23 de outubro de 2014 na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela). A inscrición é de balde.
A xornada terá lugar o vindeiro 23 de outubro de 2014 na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela). A inscrición é de balde.
01/10/2014. INVESTIGACIóN
O Instituto da Lingua Galega (ILG) anuncia a conferencia "Actitudes lingüísticas dos estudantes galegos en Ferrol, Lugo e Pontevedra", que impartirá Iva Řihošková, investigadora visitante da Universidade Palacký en Olomouc (República Checa). O acto terá lugar mañá, xoves 2 de outubro, ás 13:00 h, no seminario A do Instituto da Lingua Galega (Santiago de Compostela).
01/10/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Mesa pola Normalización Lingüística convoca a terceira edición do Premio Abertos ao Galego. O obxectivo desta iniciativa é premiar unha empresa que se distinga polo seu uso normalizado do galego, promovendo deste xeito a normalización lingüística no ámbito empresarial. O prazo para a presentación de candidaturas remata o vindeiro 31 de outubro de 2014.
29/09/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o programa de dinamización lingüística Enreda coa lingua, que inclúe tres obradoiros artísticos dirixidos ao público infantil que se desenvolverán entre os días 3 de outubro e 22 de novembro de 2014 no Centro Ágora. Os máis pequenos/as poderán participar en “Chapando a”, obradoiro de fabricación de chapas a partir da lectura de poemas; “Renova a camisola”, obradoiro de reciclaxe de camisetas usando técnicas de escritura creativa; e “Canta música”, obradoiro musical dirixido ás familias. Para obter máis información, preme aquí.
29/09/2014. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade Filoloxía da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organiza o obradoiro Mellora o teu discurso oral, dirixido ao alumnado de calquera titulación de grao ou mestrado con nivel de Celga 4 ou equivalente. O obradoiro, de carácter práctico, está deseñado para que o alumnado poida adquirir habilidades sociais e comunicativas e mellorar a súa competencia oral en galego. As sesións desenvolverase na Facultade de Filoloxía do 13 ao 30 de outubro de 2014. O prazo de inscrición remata o 5 de outubro.
26/09/2014. DINAMIZACIóN
O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, elaborou o Kit para a normalización en rede, un novo produto documental deseñado para ofrecer ferramentas documentais e lingüísticas aos profesionais que están a traballar na administración local.
26/09/2014. OUTRAS
O Consello de Europa instaurou en 2001 o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía. Un ano máis, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
24/09/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.
23/09/2014. DINAMIZACIóN
A Concellería de Cultura do Concello da Coruña organiza o programa Xuntoiro, grupos de conversa en galego deseñados para persoas que están aprendendo esta lingua e queren mellorar a súa competencia oral. As sesións desenvolveranse entre o 21 de outubro de 2014 ata o 18 de decembro de 2014, os martes e xoves, no Fórum Metropolitano e no Centro Ágora. Todas as persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición entre os días 6 e 16 de outubro. Para ampliar esta información, preme aquí.
22/09/2014. CURSOS E CONGRESOS
A Coordinadora Galega de ENDL e mais Nova Escola Galega organizan as VII Xornadas de materiais e recursos educativos, que terán lugar os días 24 e 25 de outubro de 2014 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. As xornadas están destinadas a profesorado de todos os niveis educativos, estudantes e persoas interesadas.
O prazo de matrícula remata o vindeiro 21 de outubro. Para obter máis información, preme aquí.
O prazo de matrícula remata o vindeiro 21 de outubro. Para obter máis información, preme aquí.
19/09/2014. OUTRAS
Cumpridos xa dez anos desde a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística presenta un informe no que se sinala o incumprimento das medidas planificadas no seu día para os diferentes sectores e áreas. No informe, que pode descargarse en formato pdf e mais epub, a Mesa conclúe que é necesario retomar o consenso de 2004 e que o goberno se comprometa co desenvolvemento das medidas recollidas no Plan, derrogando todas as disposicións legais contrarias a este.
19/09/2014. AXUDAS E PREMIOS
O xurado dos Premios da Cultura Galega 2014 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, o premiado desta edición é David Mackenzie, referente na difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas no mundo anglófono.
Nas outras categorías, os galardoados/as son Xosé Neira Vilas (Letras), a Galería Trinta (Artes Plásticas), Cándido Pazó (Artes Escénicas), O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (Música), a AGAPI (Audiovisual), o Grupo Marcelo Macías (Patrimonio Cultural) e o Centro Pen Galicia (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
Nas outras categorías, os galardoados/as son Xosé Neira Vilas (Letras), a Galería Trinta (Artes Plásticas), Cándido Pazó (Artes Escénicas), O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (Música), a AGAPI (Audiovisual), o Grupo Marcelo Macías (Patrimonio Cultural) e o Centro Pen Galicia (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
15/09/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración coa Coordinadora ENDL de Redondela, presentan unha nova edición da Axenda escolar redondelá. Esta edición, deseñada para o curso 2014-2015, inclúe información sobre o patrimonio cultural, lingüístico e arquitectónico redondelán. As axendas serán distribuídas entre os 1900 alumnos e alumnas dos centros de ensino públicos do municipio. Para ampliar esta información, preme aquí.
11/09/2014. CURSOS E CONGRESOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística, co obxectivo de afondar na filosofía da dinamización lingüística e adquirir metodoloxías de traballo útiles para deseñar e implementar accións normalizadoras. As sesións terán lugar os días 3, 10, 17, 25 e 31 de outubro de 2014 na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de setembro.
11/09/2014. CURSOS E CONGRESOS
Os departamentos de Normalización Lingüística e Cultura do Concello de Carral organizan o curso “Novas ferramentas web e informáticas en galego”, que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de setembro de 2014, no horario de 10:30 a 13:00, na Casa da Cultura. A matrícula é gratuíta e poden participar todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en ampliar os seus coñecementos informáticos e coñecer ferramentas de utilidade en galego.
10/09/2014. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública dun contrato a tempo parcial para colaborar no proxecto de investigación “Cambio lingüístico no galego actual”, que está a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega. Os/as candidatos/as deben posuír a Licenciatura ou o Grao en Filoloxía Galega ou Lingua e Literaturas Galegas e, a maiores, estar matriculados/as nun Programa de Doutoramento na USC. O prazo para presentar as solicitudes remata o 19 de setembro de 2014. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
05/09/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes promove a campaña de dinamización lingüística “E ti, a que xogas?”, que ten como obxectivo fomentar os usos e as actitudes favorables cara ao galego no ámbito do deporte, especialmente influente para a mocidade. A responsable do SNL porase en breve en contacto cos diferentes clubs deportivos dos concellos pertencentes á mancomunidade para animalos a que exerzan de axentes normalizadores, ofrecéndolles apoio e asesoramento lingüístico nas tarefas de tradución e corrección de documentación.
01/09/2014. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e cursos preparatorios para a obtención dos Celga, para o curso 2014/2015, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia. Os prazos de solicitude son do 28 de agosto ao 12 de setembro de 2014 para os cursos do primeiro cuadrimestre, e do 15 de decembro de 2014 ao 16 de xaneiro de 2015 para os cursos do segundo cuadrimestre.
Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí (corrección de erros).
Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí (corrección de erros).
31/07/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Muxía presenta o programa de dinamización lingüística “Con X de Muxía”, que inclúe diferentes accións destinadas a promover o uso do galego entre a cidadanía. A primeira das iniciativas que se desenvolverán é “O camiño en galego II”, que consiste na edición e distribución entre os establecementos de hostalaría de manteis individuais con información turística, así como toponimia do concello e léxico relacionado co ámbito da restauración. O programa completarase nos vindeiros meses con outras iniciativas de iniciación á lectura en galego.
29/07/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Axencia Galega das Industrias Culturais publica, no DOG do 29 de xullo de 2014, as bases para a concesión de axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
22/07/2014. OUTRAS
A Asociación puntoGAL presentou hoxe, 22 de xullo de 2014, nun acto que tivo lugar no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) a listaxe dos 93 enderezos seleccionados no Programa Pioneiros. As empresas, administracións, fundacións e asociacións seleccionadas terán activo o seu enderezo co dominio .gal a partir do vindeiro 25 de xullo. Entre os meses de setembro e novembro poderán solicitar este dominio aquelas entidades de especial interese que non foron seleccionadas no Programa Pioneiros. A comezos de decembro abrirase o rexistro libre de dominios por parte do público xeral. Para ampliar esta nova, preme aquí.
22/07/2014. OUTRAS
Cilenis e a empresa de consultoría Faz Cultura presentan o Teclado Galego Android, unha aplicación lingüística gratuíta para dispositivos Android deseñada para facilitar a corrección da lingua galega escrita. A aplicación contén unha listaxe de erros comúns e un dicionario de 500.000 entradas (lemas e formas flexionadas) xeradas a partir do dicionario de Avalingua e do CilenisConxugador. A maiores, engadíronse os topónimos, nomes de persoa e outros nomes propios extraídos da Galipedia. Conta tamén con escritura xestual, predición intuitiva e un soporte lingüístico que permitirá unha continua mellora.

