En 1995, o Consello da Cultura Galega publicaba o volume Publicidade e lingua galega, de Fernando Ramallo e Gabriel Rei, que abordaba por primeira vez un estudo estatístico da actitude dos consumidores perante o uso do galego na publicidade, rigoroso e pretendidamente obxectivo, aínda que sobrenadaba a finalidade animadora.
Daquela xa existía a Fundación Galicia Empresa. Nacera en 1993 e entre as súas preocupacións atopábase normalizar a presenza do galego na publicidade de produtos comerciais e na presenza corporativa das empresas. O contacto con empresarios puña de manifesto que a resistencia estaba non tanto na cúspide das empresas, senón nos postos de responsabilidade intermedia e, sobre todo, nas empresas de publicidade, que en xeral desanimaban calquera intención de opción en galego invocando diversos razoamentos. Para darlles voz aos verdadeiros responsables das empresas e armar argumentos obxectivos a través dunha mostraxe de actitudes científica, naceu o libro Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua galega, editado no ano 1997 polo Consello da Cultura Galega. De novo, Fernando Ramallo e Gabriel Rei trataron a cuestión do galego na publicidade nun traballo que inclúe, ademais da parte estatística, unha transcrición de 27 entrevistas a empresarios ou directivos de empresas representativas, entre elas todas as que daquela formaban parte da Fundación Galicia Empresa.
Dezasete anos despois daquel proxecto, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Galicia Empresa consideran oportuno examinar o estado actual da publicidade en galego. No decurso desta encontro, cómpre fixar a atención nas debilidades, pero tamén se poderá comprobar que aqueles esforzos anteriores propiciaron ou axudaron a situacións mellores.
O seminario pretende revisar un aspecto da comunicación fundamental para a normalización da nosa lingua, atendendo o aspecto diacrónico e de evolución, e fotografando o estado actual, desde os puntos de vista das empresas, da teoría da comunicación, da publicidade e da lingua.