Novas da lingua

Rexistros3091 a 3120 de 5145
22/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

VII Xornadas de materiais e recursos educativos

A Coordinadora Galega de ENDL e mais Nova Escola Galega organizan as VII Xornadas de materiais e recursos educativos, que terán lugar os días 24 e 25 de outubro de 2014 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. As xornadas están destinadas a profesorado de todos os niveis educativos, estudantes e persoas interesadas.
O prazo de matrícula remata o vindeiro 21 de outubro. Para obter máis información, preme aquí.

19/09/2014. OUTRAS

A Mesa avalía o cumprimento do Plan Xeral de Normalización

Cumpridos xa dez anos desde a aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística presenta un informe no que se sinala o incumprimento das medidas planificadas no seu día para os diferentes sectores e áreas. No informe, que pode descargarse en formato pdf e mais epub, a Mesa conclúe que é necesario retomar o consenso de 2004 e que o goberno se comprometa co desenvolvemento das medidas recollidas no Plan, derrogando todas as disposicións legais contrarias a este.
19/09/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega 2014 para David Mackenzie

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2014 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, o premiado desta edición é David Mackenzie, referente na difusión da lingua, a literatura e a cultura galegas no mundo anglófono.
Nas outras categorías, os galardoados/as son Xosé Neira Vilas (Letras), a Galería Trinta (Artes Plásticas), Cándido Pazó (Artes Escénicas), O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira (Música), a AGAPI (Audiovisual), o Grupo Marcelo Macías (Patrimonio Cultural) e o Centro Pen Galicia (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
15/09/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición da axenda escolar redondelá

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Ensino do Concello de Redondela, en colaboración coa Coordinadora ENDL de Redondela, presentan unha nova edición da Axenda escolar redondelá. Esta edición, deseñada para o curso 2014-2015, inclúe información sobre o patrimonio cultural, lingüístico e arquitectónico redondelán. As axendas serán distribuídas entre os 1900 alumnos e alumnas dos centros de ensino públicos do municipio. Para ampliar esta información, preme aquí.
11/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o Curso de deseño e implementación de plans e accións de dinamización lingüística, co obxectivo de afondar na filosofía da dinamización lingüística e adquirir metodoloxías de traballo útiles para deseñar e implementar accións normalizadoras. As sesións terán lugar os días 3, 10, 17, 25 e 31 de outubro de 2014 na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o vindeiro 22 de setembro.
11/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

Curso para familiarizarse coas ferramentas web en galego

Os departamentos de Normalización Lingüística e Cultura do Concello de Carral organizan o curso “Novas ferramentas web e informáticas en galego”, que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de setembro de 2014, no horario de 10:30 a 13:00, na Casa da Cultura. A matrícula é gratuíta e poden participar todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en ampliar os seus coñecementos informáticos e coñecer ferramentas de utilidade en galego.
10/09/2014. EMPREGO

Contrato para colaborar nun proxecto de investigación sobre o cambio lingüístico

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública dun contrato a tempo parcial para colaborar no proxecto de investigación “Cambio lingüístico no galego actual”, que está a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega. Os/as candidatos/as deben posuír a Licenciatura ou o Grao en Filoloxía Galega ou Lingua e Literaturas Galegas e, a maiores, estar matriculados/as nun Programa de Doutoramento na USC. O prazo para presentar as solicitudes remata o 19 de setembro de 2014. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.

05/09/2014. DINAMIZACIóN

A Mancomunidade de Ordes anima aos clubs a xogar a prol do idioma

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes promove a campaña de dinamización lingüística “E ti, a que xogas?”, que ten como obxectivo fomentar os usos e as actitudes favorables cara ao galego no ámbito do deporte, especialmente influente para a mocidade. A responsable do SNL porase en breve en contacto cos diferentes clubs deportivos dos concellos pertencentes á mancomunidade para animalos a que exerzan de axentes normalizadores, ofrecéndolles apoio e asesoramento lingüístico nas tarefas de tradución e corrección de documentación.
01/09/2014. CURSOS E CONGRESOS

Convócanse cursos de lingua galega e de linguaxe administrativa

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e cursos preparatorios para a obtención dos Celga, para o curso 2014/2015, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia. Os prazos de solicitude son do 28 de agosto ao 12 de setembro de 2014 para os cursos do primeiro cuadrimestre, e do 15 de decembro de 2014 ao 16 de xaneiro de 2015 para os cursos do segundo cuadrimestre.
Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí (corrección de erros).
31/07/2014. DINAMIZACIóN

Este verán o camiño faise en galego, con X de Muxía

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Muxía presenta o programa de dinamización lingüística “Con X de Muxía”, que inclúe diferentes accións destinadas a promover o uso do galego entre a cidadanía. A primeira das iniciativas que se desenvolverán é “O camiño en galego II”, que consiste na edición e distribución entre os establecementos de hostalaría de manteis individuais con información turística, así como toponimia do concello e léxico relacionado co ámbito da restauración. O programa completarase nos vindeiros meses con outras iniciativas de iniciación á lectura en galego.
29/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais publica, no DOG do 29 de xullo de 2014, as bases para a concesión de axudas destinadas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

22/07/2014. OUTRAS

Faise pública a listaxe dos 93 pioneiros que estrearán o .gal

A Asociación puntoGAL presentou hoxe, 22 de xullo de 2014, nun acto que tivo lugar no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) a listaxe dos 93 enderezos seleccionados no Programa Pioneiros. As empresas, administracións, fundacións e asociacións seleccionadas terán activo o seu enderezo co dominio .gal a partir do vindeiro 25 de xullo. Entre os meses de setembro e novembro poderán solicitar este dominio aquelas entidades de especial interese que non foron seleccionadas no Programa Pioneiros. A comezos de decembro abrirase o rexistro libre de dominios por parte do público xeral. Para ampliar esta nova, preme aquí.
22/07/2014. OUTRAS

Xa podes descargar o teclado galego para o teu android

Cilenis e a empresa de consultoría Faz Cultura presentan o Teclado Galego Android, unha aplicación lingüística gratuíta para dispositivos Android deseñada para facilitar a corrección da lingua galega escrita. A aplicación contén unha listaxe de erros comúns e un dicionario de 500.000 entradas (lemas e formas flexionadas) xeradas a partir do dicionario de Avalingua e do CilenisConxugador. A maiores, engadíronse os topónimos, nomes de persoa e outros nomes propios extraídos da Galipedia. Conta tamén con escritura xestual, predición intuitiva e un soporte lingüístico que permitirá unha continua mellora.

18/07/2014. OUTRAS

Sempre en Galiza dispoñible para móbiles

O Consello da Cultura Galega e a Editorial Galaxia, coa colaboración do Parlamento de Galicia e a Universidade de Santiago, presentan a edición dixital do Sempre en Galiza. Trátase dunha aplicación, de descarga gratuíta para tablets e móbiles Apple e Google Android, que permite a consulta da obra nunha edición aumentada, con fotogalerías, vídeos e artigos sobre o autor, a súa época e a súa obra. Con esta iniciativa as entidades promotoras queren conmemorar o 70 aniversario da edición de Sempre en Galiza, obra cimeira do pensamento político de Daniel A. Rodríguez Castelao.
17/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

VIII Certame de Investigación Condado de Pallares

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza a oitava edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares (concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo). Os traballos debe ser orixinais e inéditos, estar redactados en galego e ter unha extensión mínima de 100 folios. A temática debe cinguirse aos ámbitos lingüístico, histórico, artístico, arqueolóxico, antropolóxico, etnográfico e folclórico. O gañador/a recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo de presentación remata o 1 de novembro de 2014. Para consultar as bases preme aquí.
16/07/2014. EMPREGO

Contrato para colaborar nun proxecto de investigación sobre o cambio lingüístico

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública dun contrato a tempo parcial para colaborar no proxecto de investigación “Cambio lingüístico no galego actual”, que está a desenvolverse no Instituto da Lingua Galega. Os/as candidatos/as deben posuír a Licenciatura ou o Grao en Filoloxía Galega ou Lingua e Literaturas Galegas e, a maiores, estar matriculados/as nun Programa de Doutoramento na USC. O prazo para presentar as solicitudes remata o 22 de xullo de 2014. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
16/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premios á calidade lingüística na USC

A Universidade de Santiago de Compostela, a partir dunha iniciativa das comisións de normalización lingüística dos centros, convoca anualmente os Premios á calidade lingüística, co obxectivo de vincular calidade e uso do galego no ámbito académico. A USC premia os mellores traballos académicos de curso, traballos de fin de grao, proxectos de fin de carreira e traballos de fin de mestrado escritos en galego. Para consultar as diferentes bases deste concurso no curso 2013-2014, preme aquí.

16/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega. No texto da resolución pode consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación dun servizo de normalización lingüística, para o seu mantemento ou para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.
15/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, convoca o VI Premio de Tradución ao Galego de Textos Científico-Técnicos co obxectivo de contribuír á dinamización, difusión e uso da lingua galega no ámbito científico. O certame está dirixido a todo o estudantado da UDC e conta con diferentes modalidades segundo a combinación da tradución (tradución directa do francés/inglés ao galego ou tradución inversa do galego ao francés/inglés). O prazo para entregar os traballos remata o 30 de setembro de 2014.

09/07/2014. DINAMIZACIóN

I Día das Galegas nas Letras

A plataforma de crítica literaria A Sega convoca o I Día das Galegas nas Letras, que se celebrará o 15 de agosto de 2014 co obxectivo de homenaxear a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura galega en particular. Nesta primeira edición a muller homenaxeada será Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego, obra de referencia da lírica popular galega que se publicou por primeira vez en papel en 1978 e desde 2013 tamén está accesible en internet.
09/07/2014. CURSOS E CONGRESOS

Foro sobre a tradución de software libre a linguas minorizadas

O Proxecto Trasno está a organizar o Encontro ibérico de tradutores de software libre a linguas minorizadas, que terá lugar os vindeiros días 4 e 5 de outubro de 2014 na sede do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (Santiago de Compostela). O obxectivo do encontro é reflexionar sobre a problemática específica dos grupos de tradución do software libre a linguas minorizadas, así como fomentar o traballo colaborativo neste ámbito. Todas as persoas interesadas teñen de prazo ata o 7 de setembro para enviar as súas propostas de participación nas diferentes mesas ou grupos de traballo. A asistencia ás xornadas é libre e de balde.
08/07/2014. OUTRAS

Dispoñible en galego o xestor de correo Gmail

O equipo de Mallando no android anuncia que xa está dispoñible en galego a interface do xestor de correo electrónico Gmail, creado por Google. Para configurar esta opción, só é preciso acceder a “Configuración” e elixir o galego entre os 71 idiomas nos que pode empregarse este xestor de correo. Este novo logro para o noso idioma é froito da campaña #AndroidEnGalego, promovida polo equipo de Mallando no android, a partir da cal Google se comprometeu a aumentar o número de servizos que oferta en galego.
07/07/2014. DINAMIZACIóN

Xosé Filgueira Valverde, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 5 de xullo de 2014, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2015 ao historiador e escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). No que respecta á súa obra, salientan as súas achegas á nosa historia e etnografía, así como ao estudo da literatura galega medieval. No ámbito cultural, a RAG destaca o seu papel como membro fundador do Seminario de Estudos Galegos, director do Museo de Pontevedra e conselleiro de Cultura. Para ampliar esta nova, preme aquí.
03/07/2014. DINAMIZACIóN

Trinta empresas agroalimentarias comprométense co galego

O vindeiro 12 de xullo terá lugar na antiga reitoral de Santo André (Ribadavia) o encontro da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), un acto no que se formalizará o ingreso dunha nova trintena de empresas do sector agroalimentario comprometidas co uso do galego na etiquetaxe das súas marcas. A IRGADE, entidade promovida polo Foro Enrique Peinador, creouse en xullo de 2012 co obxectivo de fomentar a etiquetaxe en galego e o consumo responsable por parte dos consumidores. Entre as actividades desenvolvidas estes anos destaca a campaña ConsumoGustos, no marco da cal se elaborou a “Carta de consumo responsable e solidario”.
03/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

O I Premio á Normalización Lingüística xa ten gañador en Silleda

O Concello de Silleda, o IES Pintor Colmeiro e a Secretaría Xeral de Política Lingüística celebraron onte o acto público de entrega do
I Premio Concello de Silleda á normalización lingüística nas empresas e comercios. A empresa gañadora desta primeira edición foi Emse Deseño Gráfico. Así mesmo, os restaurantes Carballeira do Chousiño e Restaurante González recibiron as dúas primeiras cartas de menús en tres idiomas (galego, castelán e inglés). Para ampliar esta nova, preme aquí.
03/07/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros privados

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios. Podes consultar aquí as listaxes de centros subvencionados (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).
25/06/2014. CURSOS E CONGRESOS

XVI Encontros para a Normalización Lingüística

Xa podes consultar en liña o programa dos XVI Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 24 e 25 de setembro de 2014 no Consello da Cultura Galega. Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención á reflexión sobre a (non?) política lingüística do Estado español e de Europa e á análise contrastada das evolucións sociolingüísticas das tres linguas cooficiais das respectivas nacionalidades (catalán, vasco e galego) e do asturiano, lingua sen recoñecemento oficial. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto. O prazo de inscrición remata o 14 de setembro de 2014. O 15 de setembro farase pública a listaxe de admitidos/as.
25/06/2014. INVESTIGACIóN

Preséntase o Vocabulario panlantino das redes sociais

O Termcat presenta o Vocabulario panlatino das redes sociais, unha obra que compila 114 termos relacionados coas diferentes redes sociais, especialmente Facebook e Twitter, en diferentes linguas (catalán, castelán -variantes de Europa e de México-, francés, galego, italiano e portugués -variantes de Europa e do Brasil). A obra, coordinada polo Termcat, elaborouse no marco da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter), que ten como obxectivo favorecer o desenvolvemento léxico das linguas románicas.

25/06/2014. AXUDAS E PREMIOS

XI Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a undécima edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”. O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 7 de novembro de 2014.
25/06/2014. DINAMIZACIóN

O Trivial da Terra busca colaboradores

O coordinador do proxecto Trivial da Terra, Xesús Freire, presentou publicamente o sitio web da iniciativa, deseñado para difundir o proxecto e promover a colaboración de particulares e colectivos que queiran participar na elaboración do seu contido (o conxunto de preguntas e respostas). O Trivial da Terra é unha aplicación para teléfonos móbiles e tabletas co sistema operativo Android baseado no Trivial Pursuit e adaptado á realidade das diferentes comarcas galegas, co obxectivo de fomentar o uso do galego no eido da tecnoloxía. Para visualizar a súa potencialidade didáctica, unha vez finalizada a aplicación, organizarase un campionato de Trivial entre o alumnado de primaria e secundaria das comarcas galegas. Para obter máis información, preme aquí.