Novas da lingua

Rexistros3211 a 3240 de 5145
10/03/2014. DINAMIZACIóN

Cántamo en galego

Onda Cero estreou o pasado 3 de marzo a sección musical “Cántamo en galego”, un programa que se emite todos os luns da man de Carlos Pereiro. A iniciativa, promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, ten como obxectivo promover e difundir a produción musical en lingua galega. Se queres escoitar o programa da estrea, preme aquí.
07/03/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan axudas para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros educativos públicos. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o 6 de abril de 2014. Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
07/03/2014. EMPREGO

Prazas para colaborar en proxectos de investigación no ILG

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación no Instituto da Lingua Galega. Os tres proxectos para os que se convocan prazas son: Revisión e clasificación de datos para a realización dunha análise dialectométrica da información do Atlas Lingüístico Galego; Mantemento e ampliación do Corpus Oral Informatizado da Lingua Galega; Revisión da base de datos do volume a redactar do Atlas Lingüístico Galego, elaboración, revisión e corrección de mapas, lendas e notas, corrección de probas de imprenta do volume. Os aspirantes deben ser licenciados/as en Filoloxía Galega ou Románica, ou posuír o Grao en Lingua e Literaturas Galegas.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 17 de marzo de 2014.
06/03/2014. INVESTIGACIóN

Convócase unha nova edición do proxecto didáctico Antonio Fraguas

A Fundación Antonio Fraguas convoca a novena edición deste proxecto didáctico, dirixo á comunidade educativa, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa de investigación no ámbito do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno máis próximo dos centros educativos de Galicia. Establécense dúas modalidades, ensino primario e secundario, e outorgaranse dous premios de 7000 euros para cada proxecto gañador. O prazo para enviar as candidaturas remata o 31 de maio de 2014. Os proxectos galardoados deben desenvolverse no curso académico 2014-2015.

04/03/2014. DINAMIZACIóN

Preséntase o documental “Xosé María Díaz Castro. Nimbos de poesía”

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas 2014, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou o documental Xosé María Díaz Castro. Nimbos de Poesía, unha peza audiovisual dirixida por Xulio Xiz en 1987 e que agora se presenta remasterizada como homenaxe ao poeta de Guitiriz. No documental, que fai un percorrido pola vida e obra de Díaz Castro, o propio escritor reflexiona sobre as razóns que o levaron a escoller o galego como lingua de expresión poética.
Para ampliar esta nova, preme aquí.
04/03/2014. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición de cursos en liña preparatorios para a acreditación do Celga 1, dirixidos principalmente a persoas de fóra de Galicia, non galegofalantes ou que carezan de formación en lingua galega. Os cursos desenvolveranse entre o 31 de marzo e o 8 de xuño de 2014 e o prazo de matrícula remata o vindeiro 22 de marzo. Con posterioridade, o 22 de xuño, terán lugar en Santiago de Compostela, Ponferrada, Madrid e Barcelona as probas para obter a acreditación.
28/02/2014. EMPREGO

Bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca catro bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, que participará nas actividades de dinamización, formación e planificación lingüística que se desenvolven na ANL.
Os solicitantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega, Grao en Estudos de Galego e Español (itinerario lingua galega e española/lingua e literatura galega) ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2013/2014 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 13 de marzo de 2014, ás 14:00 h.
27/02/2014. DINAMIZACIóN

Preséntase a terceira edición do programa FalaRedes

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presenta a terceira edición de FalaRedes, un programa de actividades lúdicas que ten como obxectivo ampliar a oferta de lecer en galego nos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. O programa inaugúrase con TOC TOC, un espectáculo musical para nenas e nenos de 3 a 10 anos baseado no libro-disco homónimo de Pablo Díaz. O espectáculo percorrerá 20 concellos galegos adscritos á Rede ao longo dos meses de marzo e abril de 2014. En breve, a SXPL publicitará no seu sitio web as restantes actividades que se desenvolverán no marco do FalaRedes 2014.
26/02/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición do festival CinEOI Coruña Curtas

O Equipo de Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas da Coruña convoca unha nova edición do festival CinEOI Coruña Curtas, que ten como obxectivo promover a creatividade en lingua galega. O certame está dirixido ao alumnado das EOI da Coruña e Santiago, dos conservatorios profesionais de música da Coruña e Ferrol, do IES Manuel Murguía de Arteixo e do IE Vicente Cañada Blanch de Londres. Tamén pode participar o alumnado de 3º ciclo de Primaria, ESO, Bacharelato e FP dos centros públicos e concertados do Concello da Coruña. As curtas, que deben estar en lingua galega e non superar os 10 minutos de duración, poden ser realizadas en calquera medio de gravación (vídeo, cámara dixital, móbil, ipad…). A data límite para enviar os traballos é o 28 de marzo de 2014. O festival terá lugar os días 9 e 10 de abril.
25/02/2014. DINAMIZACIóN

XIV Concurso de relato oral: Tíralle da lingua

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza este concurso, dirixido á comunidade educativa, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia.
O prazo de inscrición remata o vindeiro 5 de abril de 2014. A fase final do concurso celebrarase o 24 de abril en Santiago. Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
25/02/2014. OUTRAS

As linguas na docencia da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta os datos sobre usos lingüísticos na docencia na USC neste curso 2013-2014. En termos xerais, impártense en castelán o 73,94% das horas docentes, en galego o 22,98% e en inglés o 1,59%. O restante 1,12% do horario impártese en francés, portugués, italiano ou alemán.
Segundo o tipo de titulación, nos mestrados é onde máis uso se fai do galego (31,09%). En castelán impártese o 66,40% e en inglés o 1,79% das horas. Nos graos, o uso do castelán é o 74,61%; o do galego, o 21,90% e o do inglés, o 1,69%. Podes ampliar esta información no Cartafol Dixital, publicación de normalización lingüística da USC.
25/02/2014. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos preparatorios para a consecución dos Celga (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia entre marzo e maio de 2014. Poderán participar nestes cursos todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os cumpran neste ano, que o desexen. O prazo para a presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
24/02/2014. DINAMIZACIóN

O tecido cultural galego festexa o Día de Rosalía

O ámbito cultural galego súmase á proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega de festexar o 24 de febreiro como Día de Rosalía. O acto central da homenaxe tivo lugar onte, 23 de febreiro, no Panteón dos Galegos Ilustres, da man das asociacións O Galo, Solfa e a propia AELG. Hoxe, 24 de febreiro, terá lugar unha ofrenda floral na Alameda de Santiago, organizada pola Fundación Rosalía de Castro e o Concello de Santiago. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega conmemorará esta data coa edición dixital dun epistolario de Rosalía constituído por 16 cartas escritas pola autora.
A cidadanía no seu conxunto está tamén convocada a festexar esta data participando nos diferentes actos que se desenvolverán ao longo do país.
21/02/2014. OUTRAS

21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna

En novembro de 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna. Dende entón, cada ano conmemórase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar esta diversidade e a promover o plurilingüismo. Como é costume, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, fixo pública a mensaxe institucional de 2014 con motivo desta celebración.
No ámbito de Galicia, a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia únese a esta celebración programando en Ourense dous pases do espectáculo infantil “Ñam”, da compañía Caramuxo Teatro.
21/02/2014. INVESTIGACIóN

Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués

O Instituto da Lingua Galega (ILG) presenta o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, unha base de datos léxica que achega información contida en traballos de léxico dialectal de galego, portugués de Portugal e portugués do Brasil. Este proxecto foi promovido en 2009 polo ILG e na actualidade colaboran nel 20 universidades de Galicia, Brasil e Portugal. As buscas poden realizarse a partir das formas léxicas (variantes ou lemas), da localización (Galicia, Portugal e Brasil) ou do campo semántico co que se asocian.
20/02/2014. DINAMIZACIóN

Redondela promove a actividade comercial en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta a campaña Publicidade redondelá, que ten como obxectivo fomentar o uso do idioma galego na actividade comercial e promover os establecementos que usan o galego como lingua habitual. Unha das principais accións é a difusión en Internet de vídeos publicitarios nos que os propios comerciantes presentan a súa actividade, dan argumentos para traballar en galego e animan a outras empresas para que se sumen a esta iniciativa. O primeiro vídeo co que se inaugura a campaña é Nós ofrecemos. Tamén se aproveitarán as redes sociais como plataforma de difusión dos diferentes establecementos.
19/02/2014. LEXISLACIóN

Regúlase a exención da materia de lingua galega no ensino non universitario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se desenvolve o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, con relación á exención da materia de lingua galega. O obxecto desta orde é definir os distintos supostos excepcionais e taxados en que o alumnado pode solicitar a exención da materia de lingua galega nos diferentes niveis e etapas do ensino non universitario e regular o procedemento e os prazos para a solicitude da exención.
19/02/2014. LEXISLACIóN

Modifícase a orde que regula os Celga para adaptar as validacións

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 19 de febreiro de 2014, unha nova orde pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga). O obxectivo desta modificación é adaptar as validacións aos novos currículos e titulacións, así como recoñecer os estudos de lingua galega realizados en centros de ensino no exterior (Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres e o Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires), recoñecer as certificacións oficiais que expiden as escolas oficiais de idiomas e establecer exencións dalgunhas probas a persoas cunha determinada porcentaxe na súa discapacidade física ou psíquica.

17/02/2014. DINAMIZACIóN

Programa de actividades para festexar as Letras Galegas 2014

A Consellería de Educación e Cultura presentou o pasado venres, 14 de febreiro de 2014, o programa oficial de actividades deseñado para difundir a obra poética de Xosé María Díaz Castro, autor ao que a Real Academia Galega acordou dedicar este ano o Día das Letras Galegas. O programa, que se inaugurará o vindeiro 19 de febreiro, coincidindo co centenario do nacemento do autor, inclúe un amplo abano de actividades, como exposicións, edicións conmemorativas, roteiros, documentais, actos conmemorativos nos concellos, actividades escolares ou iniciativas de difusión exterior.
Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística pon ao dispor da comunidade educativa unha selección de recursos educativos de utilidade para difundir a obra de Díaz Castro no ámbito escolar.
17/02/2014. OUTRAS

Eurocatering, proxecto de aprendizaxe do léxico da cociña, a hostalaría e a recepción

O IES As Fontiñas (Santiago de Compostela) está a desenvolver, en colaboración con outros centros educativos e organismos europeos, o proxecto Eurocatering, un sitio web de aprendizaxe de idiomas dirixido ao estudantado e aos profesionais do ámbito da cociña, a hostalaría e a recepción. O proxecto inclúe léxico profesional e actividades didácticas en alemán, esloveno, español, finés, francés, galego, holandés, inglés, irlandés, italiano, noruegués e polaco, así como información sociocultural de utilidade para traballar nos diferentes países de Europa.
Para ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
14/02/2014. DINAMIZACIóN

Dinamizando o galego a través do xadrez

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración coa Escola de Xadrez de Pontevedra e a Asociación de Veciños Ponte Muíños, organiza un curso de iniciación ao xadrez, no marco do programa de actividades de dinamización lingüística no ámbito do lecer.
O curso está dirixido a persoas de todas as idades e desenvolverase todos os venres, do 21 de febreiro ao 30 de maio de 2014, no local social de Ponte Muíños. O prazo de inscrición remata o 19 de febreiro.
13/02/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/02/2014. DINAMIZACIóN

Explícoche matemáticas 2.0

A Facultade de Matemáticas da USC e a súa Comisión de Normalización Lingüística organizan o concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático. O certame está dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. Cada participante (ou grupo) debe presentar unha curtametraxe de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. O premio para os/as gañadores/as será unha tableta bq Edison 2. O prazo para enviar os proxectos remata o 31 de marzo de 2014. Para consultar as bases completas, preme aquí.
11/02/2014. AXUDAS E PREMIOS

En Entroido, o galego sabe mellor

O Concello de Oroso convoca unha nova edición do concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”. As receitas deben ser típicas do Entroido e estar redactadas en lingua galega. O prazo de entrega remata o 24 de febreiro de 2014. Ao día seguinte, o 25 de febreiro, os participantes deberán presentar tamén o prato cociñado.
Os premios consistirán nunha cea para dúas persoas (para o/a gañador/a) e un libro de cociña (para o/a finalista).
11/02/2014. DINAMIZACIóN

X Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a décima edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 11 de abril de 2014. Se desexa consultar as bases, prema aquí.
11/02/2014. CURSOS E CONGRESOS

Anuncio para as entidades locais da próxima convocatoria de cursos de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística diríxese ás entidades locais (deputacións, concellos, mancomunidades, consorcios e agrupamentos de concellos) para anunciarlles a próxima realización de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. As entidades locais que teñan un mínimo de 20 persoas preinscritas teñen de prazo para comunicarllo ao Gabinete de Normalización Lingüística da súa provincia ata o 24 de febreiro de 2014. Posteriorme, a SXPL plafinicará a programación dos cursos, que publicará na súa páxina web.
Para ampliar esta información, preme aquí.
06/02/2014. OUTRAS

En liña o novo Boletín de Sumarios do CDSG

Xa podes consultar o noso Boletín de Sumarios 2013, produto documental que inclúe os sumarios de 216 números de publicacións periódicas, correspondentes a 27 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o ano 2013.
Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
06/02/2014. DINAMIZACIóN

Coa lingua na camiseta, para fomentar a creatividade en galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CPI de Mondariz organiza o concurso “Co galego na túa camiseta”, que ten como obxectivo premiar o/a autor/a da camiseta co lema máis creativo, de entre todas as elaboradas no obradoiro de camisetas con lemas ou ditos en galego que se desenvolveu o pasado mes de xaneiro neste centro educativo. No blog do EDL atoparás máis información sobre a iniciativa, así como as indicacións que precisas para participar no concurso.
05/02/2014. CURSOS E CONGRESOS

Repensando o currículo educativo en Lingua e Literatura Galegas

O Instituto da Lingua Galega, o Departamento de Filoloxía Galega e o Departamento de Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais da Universidade de Santiago organizan as xornadas Repensando o currículo educativo en Lingua e Literatura Galegas nun contexto social en mudanza. As sesións terán lugar os días 21 e 22 de febreiro de 2014 na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de matrícula remata o 18 de febreiro. Para ampliar esta información, preme aquí.
05/02/2014. DINAMIZACIóN

Versión Orixinal, ciclo de cinema en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza a segunda edición do ciclo de cinema en galego “Versión Orixinal”. As proxeccións realizaranse entre o 7 de febreiro e o 4 de abril de 2014, en venres alternos, no Auditorio da Xunqueira. Os filmes que se proxectarán nesta edición son Doentes, dirixido por Gustavo Balza; 18 comidas, dirixido por Jorge Coira; Arraianos, dirixido por Eloy Enciso; Costa da Morte, dirixido por Lois Patiño; e Tralas Luces, dirixido por Sandra Sánchez.