Novas da lingua

Rexistros3241 a 3270 de 5145
04/02/2014. DINAMIZACIóN

Ben veñas, maio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais os equipos de normalización lingüística dos IES de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, dirixido ao alumnado de ensino medio do concello. A iniciativa, que inclúe diferentes certames (fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, teatro e música), está deseñada para fomentar o uso do galego nas actividades propias da mocidade, así como incentivar a reflexión sobre a situación actual do idioma. O prazo de presentación dos traballos remata o 31 de marzo de 2014.
Para obter máis información, preme aquí.
04/02/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición de Lingua de Namorar

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado organizan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea. O prazo para enviar as mensaxes remata o 23 de febreiro.
04/02/2014. DINAMIZACIóN

Outros 21 días co galego na Pobra do Caramiñal

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais o Departamento de Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal organizan a segunda edición da campaña de dinamización lingüística 21 días co galego, que ten como obxectivos perfeccionar a competencia lingüística do alumnado e promover a reflexión individual sobre os propios usos lingüísticos. No marco desta iniciativa está a desenvolverse un programa de actividades lúdicas e didácticas que inaugurou, como xa fixera na pasada edición, o escritor Agustín Fernández Paz.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

GraffitiRosalía, para levar a poesía rosaliana ás rúas

A Asociación de Escritores en Lingua Galega está a organizar o programa de actos graffitiRosalía co que, en colaboración con diferentes concellos e asociacións culturais, celebrará o Día de Rosalía de Castro o vindeiro 24 de febreiro. Nesta edición o obxectivo é visibilizar os versos da escritora en espazos públicos e comunitarios, polo que convida aos centros educativos de Galicia a que graffiteen versos de Rosalía en muros ou paredes habilitadas para a actividade. Así mesmo, a AELG anima á cidadanía en xeral a festexar este día agasallando un libro en galego e unha flor.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para o Entroido

A Coordinadora Galega de ENDL publica un novo monográfico didáctico sobre o Entroido. O especial inclúe, entre outros recursos, unidades didácticas, vocabulario, xogos, receitas, manualidades ou obras literarias. Trátase dunha compilación de materiais desenvolvidos en diferentes centros de ensino que agora a CGENDL pon ao dispor de toda a comunidade educativa.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

Exposición sobre o 50 aniversario do Día das Letras Galegas

O Parlamento de Galicia, coa colaboración da Real Academia Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a exposición itinerante 51 páxinas das nosas letras, con motivo da conmemoración do 50 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas. As mostra inclúe as 51 medallas conmemorativas dos homenaxeados/as, paneis cos perfís biográficos de cada autor/a e un vídeo divulgativo sobre a historia e o significado desta celebración. A exposición poderá visitarse entre os días 4 e 20 de febreiro de 2014 no Centro Ágora da Coruña. Para ampliar esta información, preme aquí.
03/02/2014. DINAMIZACIóN

II Concurso de cartas de amor en galego

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal convoca o II Concurso de cartas de amor en galego, co obxectivo de fomentar a creatividade e a creación literaria no noso idioma. O certame está dirixido a persoas maiores de 14 anos. O xurado outorgará tres premios e os/as gañadores/as recibirán cadanseu lote de libros. O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de febreiro de 2014.
Para consultar as bases completas do concurso, preme aquí.
03/02/2014. AXUDAS E PREMIOS

Premio Eganet para o Portal das Palabras

Asociación de Empresas Galegas dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) concedeulle o Premio ao Mellor Proxecto Colaborativo Empresarial TIC ao Portal das Palabras, un espazo web deseñado para a difusión do léxico galego que promoven en colaboración a Real Academia Galega e a Fundación Barrié.
Os premios Eganet recoñecen anualmente o labor de profesionais e empresas galegas que traballan no desenvolvemento do sector TIC en Galicia. Para obter máis información, preme aquí.
29/01/2014. DINAMIZACIóN

Monicreques en galego para Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura de Redondela desenvolven durante esta semana encontros didácticos arredor dos monicreques e a actividade teatral en xeral, cos obxectivos de apoiar e motivar o teatro que se fai nos centros escolares.
A fin de semana, a iniciativa será aberta ao público.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Nace Radio Colmeiro, unha nova iniciativa de radio escolar

O IES Pintor Colmeiro de Silleda inaugurou o pasado 18 de decembro de 2013 Radio Colmeiro, unha iniciativa de radio escolar desenvolvida polo seu alumnado e promovida polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro. O ENDL xa está a traballar na elaboración de vindeiros programas. Mentres, podes consultar este vídeo para descubrir como se xestou o proxecto.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Nova ponte virtual entre Pontevedra e Londres

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o proxecto Ponte a Londres, que está a desenvolver en colaboración con varios centros de ensino pontevedreses (CEIP San Benito Lérez, CEIP Santo André de Xeve e CEIP de Parada-Campañó) e o Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres. Trátase dun proxecto de normalización lingüística e intercambio cultural no que o alumnado pontevedrés e londinense poderá intercambiar, a través da rede, as súas experiencias persoais arredor da lingua galega.
24/01/2014. DINAMIZACIóN

Campaña para galeguizar a hostalaría na comarca de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes presenta a campaña de dinamización lingüística “En galego, o mellor sabor”, que desenvolverá en colaboración cos concellos de Ordes, Frades, Oroso, Cerceda, Tordoia e Trazo. O obxectivo é promover o sector da hostalaría nesta comarca e fomentar o uso do galego neste ámbito. A principal acción consistirá na corrección ou tradución ao galego das cartas ou menús, un servizo que lles ofrecerá o SNL da Mancomunidade a todos os establecementos que se adhiran á iniciativa.
17/01/2014. INVESTIGACIóN

Preséntanse novos textos poéticos manuscritos de Rosalía de Castro

Onte, 17 de xaneiro de 2014, tivo lugar na sede da Real Academia Galega a presentación pública de varios textos manuscritos, ata o de agora inéditos, de Rosalía de Castro. A publicación destes manuscritos, a cargo dos profesores Henrique Monteagudo e María Xesús Lama, inclúe un poema en lingua galega, que se inscribiría nos inicios da súa carreira poética en galego, e varias pezas en castelán dos seus últimos anos. Para ampliar esta nova, preme aquí.
17/01/2014. DINAMIZACIóN

Bota a andar a terceira edición do Club de Debate

Os representantes dos concellos de Ames, Carballo, O Carballiño, Ferrol, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo asinaron publicamente a addenda ao protocolo de colaboración para a organización da terceira edición do Club de Debate. O proxecto, organizado polos seus respectivos servizos de normalización lingüística, ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Podes manterte ao día do desenvolvemento desta iniciativa, a través da súa páxina de Facebook.
15/01/2014. CURSOS E CONGRESOS

Traballando a prol da integración lingüística en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza unha nova edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural, destinado ás persoas nacidas fóra de Galicia. No obradoiro desenvolveranse diferentes actividades para que estas persoas poidan integrarse doadamente no contexto lingüístico e cultural galego, ao tempo que se lles facilitará información de utilidade para acceder ao mundo laboral. As sesións terán lugar entre o 11 de febreiro e o 3 de abril de 2014 (martes e xoves). O prazo de inscrición remata o 4 de febreiro. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/01/2014. INVESTIGACIóN

Novo estudo sobre o contacto de linguas

O Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega presentan o volume
Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias, no que se estuda o contacto lingüístico e os fenómenos a el asociados (interinfluencias, hibridación, multilingüismo individual e social), nomeadamente no que se refire á historia e situación lingüística actual de Galicia. Esta obra recolle as contribucións presentadas no Simposio ILG 2010 e únese á serie de volumes que o CCG e o ILG veñen coeditando desde o ano 2002.
14/01/2014. DINAMIZACIóN

Nova edición de Lareta, o festival de monólogos de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza a terceira edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival terá lugar os sábados 18 e 25 de xaneiro e 1 e 8 de febreiro de 2014 no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela). O programa inclúe as actuacións de Víctor Fábregas, Celso Sanmartín, Quico Cadaval e Patricia Vázquez.
14/01/2014. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para o fomento do galego nos centros privados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2013-2014, proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de ensino non universitario de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir da publicación da convocatoria.
13/01/2014. EMPREGO

Convocatoria para a contratación de persoal investigador

O Instituto da Lingua Galega anuncia a convocatoria pública para a contratación, a tempo parcial, dun investigador/a, que estará adscrito ao proxecto “Edición e elaboración dos materiais galegos do ALPI”. A duración do contrato é de 10 meses. Os candidatos/as deben posuír o título da Licenciatura en Filoloxía Galega ou do Grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo para a presentación de solicitudes é de 10 días, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Para obter máis información, preme aquí.
13/01/2014. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do uso do galego nos centros públicos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2013-2014, proxectos de fomento do uso do galego nos centros públicos de ensino non universitario de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir da publicación da convocatoria.
13/01/2014. DINAMIZACIóN

I Concurso escolar de blogs de aula en galego

O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña organiza o I Concurso escolar de blogs de aula en galego, destinado ao alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e en centros de educación especial da Coruña. Os traballos, de temática libre, poden presentarse ata o 17 de abril de 2014. O prazo de inscrición para os centros remata o 31 de xaneiro. O grupo gañador recibirá tres tabletas e un trofeo conmemorativo. O 2º e 3º clasificado recibirá tres libros electrónicos e trofeos conmemorativos. Para ampliar esta información, preme aquí.
10/01/2014. DINAMIZACIóN

Fototrabadas para denunciar o mal uso do galego

A Asociación Trabalingua organiza un concurso fotográfico que ten como obxectivo denunciar a ausencia do galego, ou o mal uso deste idioma, nas administracións públicas galegas. Os participantes deben fotografar os erros lingüísticos que detecten e compartilos no Facebook (Asociación Trabalingua), no Instagram (Trabalingua) ou no Twitter (@Trabalingua) coa etiqueta #fototrabada. A foto do álbum “FotoTrabadas” que consiga máis "gústame" ata o 31 de xaneiro de 2014 será a gañadora. O/a autor/a recibirá un marco de fotos electrónico e mais un lote de libros. Para ampliar esta información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

Nova edición do Cantalingua

As entidades organizadoras do Correlingua (a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega-Ensino, a Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense) organizan unha nova edición do concurso musical Cantalingua, co obxectivo de seleccionar os grupos que actuarán nas festas do Correlingua. Os temas, de temática libre, deberán ser orixinais e estar compostos en galego. Os tres primeiros grupos ou solistas clasificados no concurso participarán nos dez concertos que se organizarán durante o Correlingua 2014. O prazo para enviar as composicións remata o 1 de abril de 2014.
27/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) publica no seu sitio web as resolucións das dúas liñas de axudas dirixidas ao sector do audiovisual en lingua galega, unha delas destinada a apoiar as producións ou coproducións audiovisuais no noso idioma e outra dirixida ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

I Certame de Canción de Autor en Galego

O Concello de Teo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e Gadis convocan, coa colaboración de Músicos ao Vivo, o I Certame de Canción de Autor en Galego, que se celebrará no Concello de Teo. Poderán participar todos/as os/as cantautores/as que non posúan ningún disco editado en solitario. As composicións, de calquera estilo musical, deberán ser orixinais e de creación propia, e as letras terán que estar escritas en galego. O prazo de inscrición remata o 10 de marzo de 2014. Para obter máis información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

En Santiago, ti tamén es Ser Libris

As concellerías de Normalización Lingüística e de Mobilidade do Concello de Santiago, en colaboración coa Asociación Galega de Editores (AGE), están a desenvolver a campaña Ser Libris, co obxectivo de promover o libro galego e a lectura entre os usuarios do transporte urbano. Durante os vindeiros dous meses, os/as viaxeiros/as terán ao seu dispor nos autobuses urbanos diferentes vinilos con textos literarios ou divulgativos publicados por autores/as da AGE. Para ampliar esta información, preme aquí.
27/12/2013. DINAMIZACIóN

Ciclo de cinema infantil no Concello de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, coincidindo con estas datas festivas do Nadal, organiza un ciclo de cinema infantil deseñado para difundir a creatividade audiovisual en lingua galega e fomentar o uso do noso idioma no tempo de lecer. Os filmes que se proxectarán son “O bosque animado” e “O soño dunha noite de San Xoán”. As proxeccións terán lugar no Multiusos do Piñeiral do Crego (Chapela) e no Multiusos da Xunqueira (Redondela). A entrada é de balde. Para obter máis información sobre as datas e horarios, preme aquí.
20/12/2013. DINAMIZACIóN

No comercio grovense, o galego vende

A Concellería de Comercio do Concello do Grove, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística municipal, adscrito á Concellería de Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Documentación, presenta a campaña de dinamización lingüística “No comercio local, o galego vende”, deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito das relacións comerciais. Ademais do cartel co lema da campaña, o concello distribuíu entre os comercios da localidade etiquetas para decorar os paquetes cos lemas “parabéns” ou “con todo o meu cariño”, e globos para agasallar os máis pequenos/as.
20/12/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a convocatoria de axudas para publicacións periódicas

A Vicepresidencia e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia publican, no DOG do 20 de decembro de 2013, a resolución da convocatoria de axudas concedidas ás empresas que editan publicacións periódicas escritas integramente en galego.
Se desexas consultar esta resolución, preme aquí.
19/12/2013. DINAMIZACIóN

Xove promove o comercio local en lingua galega

O Concello de Xove está a desenvolver unha campaña de dinamización lingüística no ámbito do comercio local que ten como obxectivo reforzar o uso do galego nas comunicacións comerciais e, ao tempo, promover o pequeno comercio de ámbito local. No marco desta iniciativa deseñáronse dúas accións: un curso de paquetería para os traballadores/as do sector comercial e un servizo de asesoramento ás empresas para galeguizar a súa documentación. O resultado é que todos os comercios do municipio están a empregar nos paquetes da campaña de Nadal un único papel de embalaxe, fornecido polo Concello, con mensaxes como “Xove”, “comercio local”, “agasallos” e “en galego enténdote”.
Para ampliar esta nova, preme aquí.