Novas da lingua

Rexistros3361 a 3390 de 5145
04/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Curso de auga salgada en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e mais a Asociación Veciñal Doutor Fleming organizan o Curso de auga salgada, que ten como obxectivo difundir a lingua e a literatura popular relacionadas co mar (nomes dos oficios, embarcacións tradicionais, lendas…). O curso impartirase os días 9, 11, 16, 18, 23, 25 e 30 de setembro e 2 e 7 de outubro de 2013. A matrícula é de balde e a inscrición pode facerse chamando ao teléfono 986484456.
04/09/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a consecución dos Celga (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.
Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións públicas galegas (excepto o persoal docente e sanitario). Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. Os cursos impartiranse entre setembro de 2013 e febreiro de 2014. Para obter máis información sobre os prazos de inscrición ou os trámites de matrícula, preme aquí (Corrección de erros).
02/08/2013. DINAMIZACIóN

Dinamización e formación lingüística nos concellos da Mariña

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Concellos da Mariña Luguesa organiza diversas actividades de dinamización e formación lingüística co obxectivo de fomentar o uso do galego entre a poboación mariñá. As actividades desenvolveranse durantes os meses de agosto, setembro e outubro en diferentes concellos adscritos á Mancomunidade.
31/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os Premios da Cultura Galega para o ano 2013

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca os Premios da Cultura Galega para o ano 2013. Nesta ocasión, con respecto a convocatorias anteriores, engádese a modalidade de “Lingua”, co obxectivo de incorporar o uso e fomento do galego aos méritos recoñecidos a prol da cultura de Galicia. As candidaturas poden ser presentadas por institucións e entidades culturais ou profesionais, públicas ou privadas, relacionadas co obxecto de cada premio. O prazo de presentación será de dous meses, contados desde o día
seguinte ao da publicación da convocatoria.
31/07/2013. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización Lingüística no Concello da Estrada

O Concello da Estrada publica as bases para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística. A duración do contrato será ata o 30 de setembro de 2013. Os aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en filoloxía galego-portuguesa, filoloxía galega ou filoloxía hispánica (sección galego-portugués), ou outras titulacións superiores pertencentes á área de humanidades ou de ciencias xurídicas sociais, sempre que posúan o Celga 5. O proceso selectivo consistirá en dúas probas, un cuestionario teórico tipo test sobre o temario indicado na convocatoria e un suposto práctico sobre as tarefas a desenvolver.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de agosto de 2013.
30/07/2013. OUTRAS

En galego as novas versións de Apache OpenOffice e LibreOffice

O equipo de tradución ao galego de LibreOffice e OpenOffice anuncia que xa están dispoñibles na nosa lingua as suites ofimáticas Apache OpenOffice 4.0 e LibreOffice 4.1.

Desde o web do Proxecto Trasno, comunidade de voluntarios que se dedican a localizar software libre ao galego, podes acceder a toda a información técnica destas dúas novas versións das suites ofimáticas libres
23/07/2013. DINAMIZACIóN

Cultura e lingua na Semana Cultural de Zas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas está a difundir as actividades de dinamización lingüística que se desenvolverán, en colaboración coa Rede de Dinamización Lingüística, no marco da Semana Cultural do Concello de Zas, que terá lugar entre os días 28 de xullo e 4 de agosto de 2013.
22/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros privados da Coruña e Lugo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros privados que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios nas provincias de da Coruña e Lugo.
Podes consultar aquí as listaxes de centros subvencionados (centros da Coruña, centros de Lugo).
18/07/2013. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornadas de Materiais Didácticos

A Coordinadora Galega de ENDL e mais Nova Escola Galega organizan as VI Xornadas de Materiais Didácticos. Recursos e materiais didácticos para o ensino en galego, que terán lugar os días 29 e 30 de novembro de 2013 na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida, USC). As xornadas están destinadas ao profesorado de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional.

O prazo de inscrición remata o 26 de novembro. Para obter máis información sobre os trámites da matrícula, preme aquí.
17/07/2013. INVESTIGACIóN

Accesibles na rede as actas das IX Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das IX Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Tradución, que tiveron lugar na Coruña en novembro de 2012.
Neste mesmo sitio web pode acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
16/07/2013. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades do estranxeiro. En concreto, ofértanse prazas de lector/a nas universidades de Berlín, Nova de Lisboa, Zádar, Río de Janeiro e São Paulo.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
16/07/2013. CURSOS E CONGRESOS

Curso básico de lingua galega na Mancomunidade de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un curso básico de lingua galega destinado principalmente a persoas de fóra de Galicia residentes nesta comarca que desexen adquirir unhas nocións básicas do noso idioma.
16/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros privados de Ourense e Pontevedra

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros privados que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios nas provincias de Ourense e Pontevedra.

Podes consultar aquí as listaxes de centros subvencionados (centros de Ourense, centros de Pontevedra).
11/07/2013. DINAMIZACIóN

Campo Lameiro fomenta o galego a través do contacto co medio

O Concello de Campo Lameiro inclúe, dentro das actividades programadas para este verán, diferentes iniciativas lúdico-didácticas deseñadas para fomentar o galego no ámbito do lecer. Nos vindeiros tres sábados deste mes de xullo, os/as nenos/as de entre 6 e 12 anos terán oportunidade de participar nun obradoiro de natureza, nun roteiro de botánica e nunha xincana de probas. No mes de setembro, no marco do programa FalaRedes, desenvolverase tamén a iniciativa Augalingua. O obxectivo destas actividades é fomentar o contacto co medio no tempo de lecer, tamén desde a perspectiva lingüística.
10/07/2013. DINAMIZACIóN

Cinema na rúa en Redondela

No marco da programación cultural de verán do Concello de Redondela, o Servizo de Normalización Lingüística municipal organiza, coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), o ciclo Cinema na rúa, no que se proxectarán diferentes filmes en lingua galega. Para o público infantil proxectarase Pinocho 3000 (23 de xullo, ás 21:00 h). O público adulto terá ocasión de ver as curtametraxes Un café de ollos verdes e Memorias dun parado (30 de xullo, ás 22:00 h), a comedia Galatasaray-Dépor (6 de agosto, ás 22:00 h) e o documental histórico Santa liberdade (13 de agosto, ás 22:00 h).

Para consultar a programa cultural completo, preme aquí.
08/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan o IV Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega, dirixido ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2012-2013, así como en xeral aos licenciados/as ou gradudados/as en Dereito en calquera universidade galega. O premio concederase en dúas modalidades, 600 euros na modalidade de estudantes e 900 euros na modalidade de licenciados/as ou graduados/as. O prazo de presentación dos traballos remata o 18 de outubro de 2013.
08/07/2013. DINAMIZACIóN

O Concello de Carballo presenta o seu Verán Cultural

A Concellaría de Educación e Cultura do Concello de Carballo presenta o programa Verán Cultural 2013, que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto. O programa inclúe un amplo abano de propostas (música, maxia, monicreques, danza, cine, teatro, literatura e exposicións) dirixidas a todos os tipos de público.
Entre todas, destacamos o IX Curso de Verán de Dinamización Lingüística, que terá lugar entre os días 17 e 19 de xullo no Forum Carballo e mais a Praza dos libros, unha feira literaria que se desenvolverá do 22 ao 25 de agosto no Xardín Municipal.
04/07/2013. DINAMIZACIóN

Augalingua, para empaparse de palabras este verán

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta Augalingua, unha iniciativa que se desenvolverá ao longo deste mes de xullo no marco do programa FalaRedes, que ten como obxectivo ampliar a oferta de lecer en galego nos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. Augalingua é unha actividade lúdica, dirixida a nenos de entre 6 e 12 anos de 16 concellos galegos, que terán a oportunidade de pasar unha tarde de diversión na piscina ou na praia fluvial gozando de xogos de lingua, de rapidez e de habilidade. Para coñecer o calendario completo da actividade, preme aquí.
03/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

III Premio de Teatro MOME “Varela Buxán”

O Museo do Moble e da Madeira da Estrada (MOME) convoca o III Premio de Teatro MOME “Varela Buxán”. Os obxectivos do certame son poñer en valor o MOME como referente cultural galego, divulgar a vida e obra do dramaturgo estradense Manuel Daniel Varela Buxán, e promover o cultivo do galego no ámbito da nova dramaturxia galega. O gañador/a recibirá un premio de 1000 euros e mais un diploma acreditativo. O prazo para enviar os orixinais remata o 23 de agosto de 2013.

Podes consultar as bases premendo aquí.
02/07/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) na modalidade de teleformación, destinados ao persoal da Administración local galega.

A matrícula debe tramitarse a través do web da EGAP.
O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/07/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a escrita e produción de proxectos audiovisuais

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca subvencións para a escrita e produción de proxectos audiovisuais en versión orixinal galega (entendendo como tal a rodaxe/gravación en lingua galega), co obxectivo de estimular a creatividade dos novos profesionais e fomentar a normalización lingüística no sector audiovisual.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
25/06/2013. OUTRAS

Xosé María Díaz Castro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2014

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 22 de xuño de 2013, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2014 a Xosé María Díaz Castro (1914-1990), autor do célebre poemario Nimbos, publicado en 1961 pola editorial Galaxia.

No ámbito cultural, destaca o seu labor como docente, tradutor, crítico literario e poeta. Como creador literario, inscríbese na Xeración de 1936, xunto a poetas coma Carvalho Calero, Celso Emilio Ferreiro e Aquilino Iglesias Alvariño.
20/06/2013. INVESTIGACIóN

A mocidade de Silleda avalía a súa paisaxe lingüística

O Equipo de Normalización Lingüística do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, presenta os resultados do seu estudo "A paisaxe lingüística de Silleda. Bases para a normalización do entorno". O traballo, elaborado por alumnado de cuarto curso da ESO e coordinado polo profesor Cibrán Arxibai, analiza a lingua dos sinais e carteis que poden verse nos espazos públicos do municipio, clasificándoos en tres grupos: os que son responsabilidade das administracións; os pertencentes a comercios e particulares; e as pintadas e graffitis. Á vista dos resultados que ofrece a súa paisaxe lingüística, os autores do traballo conclúen que o estado social do galego non é bo no Concello de Silleda.
Para ampliar esta información, preme aquí.
20/06/2013. OUTRAS

O bUSCatermos, agora tamén para Android

Xa está accesible a aplicación móbil do bUSCatermos para Android, elaborada pola empresa Taptil.
O bUSCatermos é unha base terminolóxica multilingüe con máis de 150.000 rexistros que o SNL da USC puxo ao dispor de toda a cidadanía en outubro de 2012. A ferramenta, que agora pode consultarse tamén nos móbiles con sistema operativo Android, estaba xa dispoñible para iPhone e iPad desde o pasado mes de abril.
20/06/2013. EMPREGO

Praza de tradutor/a no Concello de Lugo

O Concello de Lugo publica as bases específicas para a convocatoria pública dunha praza de tradutor/a (grupo A, subgrupo A2). Os participantes deberán estar en posesión do título de grao en estudos de galego e español ou do grao en tradución e interpretación, ou ter superados tres anos das licenciaturas de tradución e interpretación ou de filoloxía galega. O proceso selectivo será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOE.
20/06/2013. OUTRAS

Google Drive incorpora o galego como lingua de traballo

Google anuncia que xa se poden empregar 18 novos idiomas, entre eles o galego, no Google Drive, o seu servizo de edición e almacenamento de documentos. Así pois, a partir de agora non só poderás navegar en galego polo sistema de menús, senón que tamén poderás empregar o corrector ortográfico e mais o tradutor de Google cando edites documentos no seu sistema ofimático web.
Para ampliar esta información, preme aquí.
20/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a edición de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución da convocatoria de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. Para consultar a listaxe de proxectos subvencionados, preme aquí.
19/06/2013. OUTRAS

O Parlamento Europeo pide un maior compromiso coas linguas minorizadas

A Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo aprobou onte, 18 de xuño de 2013, por unanimidade o Informe sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea. Trátase dunha proposta de resolución, que será votada polo Pleno do Parlamento o vindeiro mes de setembro, na que se insta a todos os gobernos membros da UE a que implementen políticas de preservación da diversidade lingüística da Unión e de revitalización dos idiomas ameazados en todos os ámbitos sociais (nomeadamente nos medios de comunicación, a cultura e o ensino). Así mesmo, ínstase tamén á Comisión Europea e ao Consello a aprobar programas de apoio financeiro para proxectos de promoción das linguas minorizadas.
18/06/2013. DINAMIZACIóN

No verán... un conto!

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta o programa de dinamización do uso do galego “No verán… un conto!”, deseñado co obxectivo de difundir o patrimonio oral da comunidade a través de actividades lúdicas.

O programa, que se desenvolverá entre os meses de xuño e xullo, inclúe actividades destinadas aos diferentes tipos de público (infantil, xuvenil ou adulto).
18/06/2013. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de nove bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.