Novas da lingua

Rexistros3391 a 3420 de 5145
17/06/2013. DINAMIZACIóN

A lingua galega xa ten o seu dominio propio en Internet

A Asociación PuntoGal fixo público que o ICANN, organismo internacional que xestiona Internet, autorizou o dominio .gal, un paso de xigante para a lingua e a cultura galegas, xa que grazas a este dominio propio contarán cunha maior visibilidade no ámbito internacional. Dado que o dominio está pensado para estimular o uso do galego nas novas tecnoloxías, as entidades culturais e aquelas que traballen a prol do idioma terán prioridade á hora de rexistrar os seus nomes. Os beneficios que xere o .gal destinaranse a incrementar a presenza do galego no eido tecnolóxico.
17/06/2013. OUTRAS

Reportaxe da TVG sobre os 30 anos da Lei de normalización lingüística

A Televisión de Galicia emitiu o pasado sábado, 15 de xuño, unha reportaxe (min. 17 en diante) sobre os 30 anos da Lei de normalización lingüística, aprobada polo Parlamento de Galicia o 15 de xuño de 1983. O equipo do programa Reporteiros entrevista ás persoas que tiveron un papel destacado no proceso de aprobación da lei e fai un percorrido por estes últimos 30 anos, poñendo de relevo os principais logros acadados, a través da opinión de persoas que teñen actualmente un papel significado no ámbito da normalización lingüística.
17/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino público

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 17 de xuño de 2013, a resolución pola que se conceden as axudas aos proxectos de fomento do uso do galego dos centros de ensino público non universitario de Galicia.

Para consultar a listaxe de centros que recibiron esta axuda, prema aquí.
13/06/2013. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística nos concellos de Carballedo e Cea

O Concello de Carballedo fai públicas as bases para a contratación laboral temporal, a tempo parcial, dunha praza para desenvolver tarefas de normalización lingüística nos concellos de Carballedo e Cea. A duración do contrato será de tres meses e quince días e o proceso de selección será o concurso-oposición. Os aspirantes deben posuír a licenciatura de Filoloxía Galega ou similar. O prazo de presentación de solicitudes será de cinco días naturais, contados a partir da publicación do anuncio no boletín oficial da provincia.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
13/06/2013. OUTRAS

Novo espazo web para a difusión do léxico galego

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentan o Portal das Palabras, un novo espazo web deseñado para difundir o léxico galego. O web ofrece diferentes recursos lúdicos e didácticos (vídeos, xogos, actividades educativas...) relacionados co ámbito da lexicografía galega. Así mesmo, incorpora unha versión actualizada do Dicionario da RAG, que agora inclúe un buscador de sinónimos con exemplos de uso, unha listaxe de termos relacionados coa palabra buscada, e a posibilidade de facer procuras avanzadas por lema e contido. Este novo Dicionario conta tamén con versión para móbiles que empreguen os sistemas “IOS” e “Android”.
13/06/2013. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades españolas e do estranxeiro. En concreto, ofértanse prazas de lector/a nas seguintes universidades: Autónoma de Barcelona, Estremadura, Salamanca, Cristiana Albertina de Kiel, Heidelberg, Leipzig, Gales e Varsovia.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
12/06/2013. DINAMIZACIóN

Nove propostas para promover o galego de xeito colaborativo

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua difunde as fichas descritivas das nove propostas presentadas na xuntanza do “Viveiro de propostas normalizadoras 2013”. As persoas interesadas en participar no desenvolvemento dalgún destes proxectos poden enviar un correo cos seus datos básicos de contacto (nome e apelidos, enderezo electrónico e teléfono) a viveiro@ctnl.org até o vindeiro 14 de xuño.
10/06/2013. DINAMIZACIóN

Peter Punk achégase á mocidade este verán

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o espectáculo “Peter Punk”, unha nova iniciativa de promoción do idioma galego que se desenvolverá no marco da Rede de Dinamización Lingüística. Trátase dun espectáculo circense, dirixido á mocidade, no que se tratan con humor temas relacionados coa realidade sociolingüística galega. “Peter Punk” percorrerá 36 concellos adscritos á Rede nos meses de xuño a setembro.
Para ampliar esta información, preme aquí.
07/06/2013. DINAMIZACIóN

Catrocentos nenos e nenas cantan a Rosalía

No marco dos actos de conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia organizaron a xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía”. Trátase dun recital no que catrocentos nenos e nenas de 8 a 12 anos de diferentes centros de ensino musical cantarán os poemas “Maio longo”, “Rosa de abril”, “En Cornes” e “Negra sombra”. Estarán acompañados polo grupo de metais “Hércules Brass” e dirixidos por Maximino Zumalave.

O acto terá lugar hoxe, 7 de xuño de 2013, ás 17:30 h, na Igrexa San Domingos de Bonaval (Santiago de Compostela).
07/06/2013. DINAMIZACIóN

Os técnicos/as de normalización lingüística únense para botar a lingua de fóra

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha xornada de convivencia dirixida a traballadores/as de normalización lingüística, co ánimo de fortalecer os vínculos persoais e fomentar as estratexias de traballo en equipo. A iniciativa, que se desenvolverá o vindeiro sábado 22 de xuño, consistirá en subir xuntos ao Monte Pindo.
O prazo de inscrición para participar remata o 18 de xuño. Se desexas máis información, preme aquí.
07/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 6 de xuño de 2013, a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
06/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premios á promoción do idioma

Nesta última semana resolvéronse diferentes premios deseñados para recoñecer publicamente o compromiso de persoas e entidades coa promoción do idioma. A Coordinadora Galega de ENDL fixo público o gañador do Premio Leixaprén 2013, que nesta ocasión recaeu en Javier Gómez Noya. Así mesmo, unha campaña para o establecemento Faino Ti gañou o I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego, que convoca o Concello de Santiago. Pola súa parte, o SNL da Terra de Melide entregaralle, mañá venres 6 de xuño, ao Museo da Terra de Melide o Premio Terra de Melide á defensa da lingua.
06/06/2013. INVESTIGACIóN

En liña a análise da política lingüística na Administración local

Xa está accesible na rede o informe “Análise da acción en política lingüística no ámbito municipal nos últimos anos”, elaborado pola Comisión Técnica do CDSG e publicado polo Consello da Cultura Galega en 2012. O traballo ofrece unha análise detallada do proceso de normalización lingüística na Administración local galega e achega algunhas propostas de futuro dirixidas ás autoridades con competencia na política lingüística municipal.
03/06/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XIX Premios Lois Peña Novo


A Fundación Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da XIX edición dos Premios Lois Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.
Os galardoados/as desta edición son o Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, polo seu compromiso co galego no ámbito xurídico; o Concello de Valga, pola promoción do galego nos usos propios da Administración local; e Clodio González Pérez, pola súa traxectoria profesional no eido da historia e a etnografía galega.
24/05/2013. OUTRAS

Bababum, proposta lúdico-educativa para o verán

Carlos Pereiro (integrante do grupo musical Novedades Carminha) e as ilustradoras Cinta Arribas e María Ramos presentan o caderno de actividades “Bababum vacacións”, un proxecto músical, lúdico e educativo deseñado para estimular as aptitudes creativas de nenos/as de entre 3 a 10 anos no período das vacacións estivais.
O proxecto inclúe un caderno trilingüe de actividades (en galego, castelán e inglés) e mais un disco con oito cancións relacionadas coa temática do verán, que abranguen as principais tendencias musicais da actualidade (o pop, o rock, o punk, a música electrónica ou o folk).
22/05/2013. CURSOS E CONGRESOS

IX Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a CTNL e a SXPL, organiza o IX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta edición xirará arredor do papel central da participación, a implicación e o traballo colaborativo nos procesos de cambio social e lingüístico.

As sesións desenvolveranse os días 17, 18 e 19 de xullo de 2013 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o vindeiro 11 de xullo.
21/05/2013. OUTRAS

Debate na praza sobre lingua e soberanía

O diario dixital Praza Pública organiza o debate “Lingua e soberanía. Ideas para o galego nun país con decisión”, que terá lugar hoxe, 21 de maio, ás 20:30 h, no espazo cultural A Nave de Vidan.
No acto intervirán Carme Hermida, profesora da USC e concelleira de Anova en Teo; Eduardo Maragoto, profesor de portugués na EOI de Santiago e membro do Consello da AGAL; Goretti Sanmartín, profesora da UdC e membro da Executiva Nacional do BNG; e Henrique Monteagudo, profesor da USC e membro da Executiva Nacional de CxG.
20/05/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica na modalidade de teleformación

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe xurídica (niveis medio e superior) para o persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados con este ámbito que presten servizos na Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos impartiranse na modalidade de teleformación. O prazo para presentar as solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
16/05/2013. INVESTIGACIóN

As razóns da crise dos medios en galego

Coincidindo coa semana das Letras Galegas, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presenta o informe A crise dos medios en galego, no que se reflexiona sobre as eivas e fortalezas dos distintos proxectos comunicativos en galego. Nunha primeira parte, o estudo avalía as causas da crise dos medios en galego, a partir dunha análise do contexto social, político e xornalístico. A segunda parte, de carácter máis técnico, achega unha análise económico-financeira das distintas empresas editoras. Entre as conclusións, a reducida dimensión das diferentes empresas xornalísticas, a diversidade de estratexias empresarias e súa incapacidade para xerar beneficios económicos, malia que, segundo o estudo económico, existe un considerable mercado para os medios en galego.
16/05/2013. LEXISLACIóN

O Parlamento Galego explora as potencialidades da lusofonía

O Parlamento Galego aprobou por unanimidade tomar en consideración a Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade. No texto da ILP proponse que o Goberno Galego incorpore progresivamente, no prazo de catro anos, a aprendizaxe do portugués en todos os niveis do ensino regrado, que o dominio do portugués teña un especial recoñecemento no acceso á función pública e que a relación cos países de lingua oficial portuguesa sexa un obxectivo estratéxico para o Goberno Galego.
16/05/2013. AXUDAS E PREMIOS

III Premio de curtas de comedia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca o III Premio de curtas de comedia "Somos a curta!", que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual galego. O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia. O xurado outorgará dous premios, de 400 e 200 euros, respectivamente, e diploma honorífico. Haberá tamén un premio do público, dotado dun diploma honorífico.
O prazo para presentar as curtas remata o 15 de outubro de 2013.
15/05/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a publicidade en galego

Os consellos asesores de RTVE en Galicia e da CRTVG entregaron os XX Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.
Nesta edición os traballos premiados foron “Ti fas cambre” (desenvolvido por Reclam para o Concello de Cambre), na modalidade de internet; “Sairemos como galegos” (desenvolvido por Bap&Conde para Gadis), na modalidade de radio; e As cousas boas” (desenvolvido por Bap&Conde para Larsa), na modalidade de televisión.
13/05/2013. DINAMIZACIóN

Doces Cantares en homenaxe a Rosalía de Castro e a Vidal Bolaño

O Consello da Cultura Galega presenta unha nova edición do Concerto “Día das Letras Galegas”, que terá lugar o vindeiro xoves 16 de maio, ás 20 horas, na igrexa de san Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Con este recital que leva por título “Aqueles doces cantares”, o CCG quere homenaxear este ano as figuras da poeta Rosalía de Castro e o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, interpretando musicalmente 36 cantares que serán ao tempo dramatizados. Para a organización do recital, o CCG contou coa colaboración da Asociación Galega de Compositores, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia e a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A entrada ao concerto será libre ata completar aforo.
10/05/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades locais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.
No texto da resolución pode consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación dun SNL, para o seu mantemento ou para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.
10/05/2013. DINAMIZACIóN

Materiais divulgativos para difundir a figura de Roberto Vidal Bolaño nos centros de ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia estrea unha nova sección web onde poden descargarse os materiais divulgativos creados para difundir a figura e o legado de Roberto Vidal Bolaño entre a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario.
10/05/2013. DINAMIZACIóN

Música moderna en galego para festexar as Letras Galegas en Carballo

As concellarías de Normalización Lingüística, Cultura e Xuventude do Concello de Carballo, en colaboración coa Sala A Reserva organizan o programa de concertos enCántame! en galego, deseñado co obxectivo de promover a música feita na nosa lingua propia e vincular a celebración das Letras Galegas con actividades creativas que transcendan o ámbito estritamente literario.
Neste primeiro ciclo, que nace coa vocación de continuidade, actuarán Ulträqäns (punk folk progresivo), Balankandra (folk fusión) e Ataque Escampe (pop-roch de serie B). Os concertos terán lugar os días 16, 17 e 18 de maio de 2013 na sala A Reserva.
10/05/2013. OUTRAS

O Cancioneiro Popular Galego, agora accesible en internet

A Fundación Barrié acaba de publicar en internet o Cancioneiro Popular Galego, obra de referencia da música popular galega compilada e ordenada por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
Os sete volumes da obra, publicados por primeira vez en papel en 1978, poden consultarse agora na rede baixo os seguintes títulos: "Oficios e labores"; "Festas anuais"; "Romances tradicionais"; "Romances novos, cantos narrativos, sucesos, coplas locais"; "Cantos dialogados"; "Coplas diversas, cantos enumerativos e estróficos"; e "Táboas sinópticas, índices".
Se desexas máis información, no portal culturagalega.org podes consultar unha reportaxe sobre este tema.
07/05/2013. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta unha nova edición do seu programa de actividades Maio, Mes da Lingua, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.
O programa desenvolverase entre os días 1 de maio e 14 de xuño de 2013 e inclúe, entre outras actividades, exposicións didácticas, conferencias, concertos musicais, programas de radio, unha festa da lingua, proxeccións de cine en galego e intercambios lingüísticos entre centros de ensino.
07/05/2013. DINAMIZACIóN

A EGAP súmase á homenaxe a Roberto Vidal Bolaño

A Escola Galega de Administración Pública anuncia o seu programa de actividades para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O programa inclúe unha conferencia sobre o autor, que terá lugar o 15 de maio ás 18:30 h, e a proxección do filme Doentes, o 17 de maio ás 10:00 h. Ao remate da proxección realizarase un paseo guiado por Compostela, seguindo o percorrido que fan os personaxes principais da obra.

Para obter máis información, preme aquí.