Novas da lingua

Rexistros3421 a 3450 de 5145
07/05/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O sotaque de Aurelia, autoría da escritora e profesora Mariña Pérez Rei, foi o artigo gañador da novena edición do Premio a artigos xornalísticos normalizadores que convoca anualmente o Concello de Carballo. A autora recibirá un premio en metálico de 1.000 euros e, ademais, o artigo será publicado nos doce medios de comunicación colaboradores. Nos medios diarios, o artigo gañador publicarase o vindeiro 19 de maio de 2013. No caso dos medios non diarios, publicarase no número inmediatamente posterior a esa data.
Para ampliar esta información, preme aquí.
02/05/2013. INVESTIGACIóN

O Consello da Cultura Galega súmase á celebración das Letras Galegas 2013

Tal e como acostuma nos últimos anos, o Consello da Cultura Galega súmase á celebración das Letras Galegas presentando unha edición facsímile dunha obra do autor homenaxeado. Nesta ocasión, o CCG pon ao dispor do público o libro-homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, que contén o facsímile da peza teatral infantil “Ruada das papas e o unto” e os estudos introdutorios de Ramón Villares, Camilo Franco e Inmaculada López Silva.
02/05/2013. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre as industrias da lingua do País Vasco

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e mais a empresa imaxin/software organizan unha xornada aberta sobre a experiencia de Langune, a asociación de industrias da lingua no País Vasco. A sesión terá lugar mañá, 3 de maio de 2013, ás 12:00 h, no edificio CESGA. O relatorio correrá a cargo de Iñaki Alegria Loinaz, profesor e investigador nas tecnoloxías da lingua do grupo IXA Taldea da UPV. Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
02/05/2013. INVESTIGACIóN

Aparecen novos testemuños da poesía galega postrobadoresca

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia presentou onte, 1 de maio de 2013, o cancioneiro de Afonso Paez "En cadea sen prijon", unha compilación de vinte e tres textos inéditos da poesía galega postrobadoresca datados entre os anos 1380 e 1430. Os textos, localizados polos técnicos Gabriel Quiroga e Dolores Pereira nun arquivo familiar en Lugo, preséntanse nunha edición semidiplomática e crítica realizada polo profesor Henrique Monteagudo.
30/04/2013. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos sobre as Letras Galegas 2013

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición de toda a comunidade educativa unha nova compilación de recursos didácticos para traballar nas aulas o Día das Letras Galegas 2013, dedicado a Roberto Vidal Bolaño. O monográfico inclúe información sobre a vida e obra deste autor, exposicións, xogos, experiencias educativas, arquivos audiovisuais e recursos didácticos en diferentes soportes.

A páxina está en continua actualización, polo que as persoas que o desexen poden enviar os seus propios materiais a correo@coordinadoraendl.org.
30/04/2013. DINAMIZACIóN

A CTNL fomenta o traballo colaborativo na normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca unha nova edición do seu viveiro de propostas normalizadoras, un espazo de traballo e intercambio de coñecementos que ten como obxectivo estimular o nacemento de novos proxectos de normalización lingüística. Se tes unha idea pero precisas da colaboración doutras persoas para desenvolvela, podes enviar a ficha descritiva da iniciativa ao enderezo viveiro@ctnl.org ata o 25 de maio. O 29 de maio terá lugar a xuntanza de presentación pública das propostas, que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela (aula 9) a partir das 17:30 h.

Para ampliar esta información, preme aquí.
30/04/2013. DINAMIZACIóN

Actividades literarias e musicais en Burela no mes das Letras Galegas

No marco do Modelo Burela, os centros de ensino secundario desta localidade presentan un programa de actividades literarias e musicais, que se desenvolverá ao longo da primeira semana do mes de maio. As actividades comezarán o vindeiro 2 de maio coa visita do escritor madrileño Matías Escalera, que participará en diferentes actos de animación á lectura e encontros con alumnado de bacharelato. O programa complétase co concerto musical “No camiño da lingua”, interpretado polo grupo vocal Son de Nós, que terá lugar ás 21:00 h na Igrexa da Vila do Medio de Burela.

Podes ampliar esta información no web do IES Perdouro.
29/04/2013. DINAMIZACIóN

Compostela celebra o 17 de maio en galego e con todas as letras

As concellarías de Normalización Lingüística e de Educación do Concello de Santiago presentan o programa En galego, con todas as letras, que se desenvolverá o vindeiro 17 de maio na Praza do Toural con motivo da festividade das Letras Galegas 2013. No transcurso da xornada terá lugar o obradoiro creativo “Renova a camisola con Vidal Bolaño” (destinado ao público infantil), o concerto Tic-Tac de Pablo Díaz e a súa banda (destinado a público familiar) e o fotocol Gústame o Galego (dirixido a toda a cidadanía).
29/04/2013. AXUDAS E PREMIOS

X Premio Luisa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a décima edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario. O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”.

O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 8 de novembro de 2013.
26/04/2013. INVESTIGACIóN

Debate multidisciplinar sobre linguas, sociedade e política

Xa podes descargar en formato PDF o volume Linguas, sociedade e política. Un debate multidisciplinar, que recolle os relatorios presentados no “Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia”, organizado polo Consello da Cultura Galega entre decembro de 2009 e xuño de 2010.

O volume compila diferentes análises e reflexións sobre a situación sociolingüística galega elaboradas por estudosos de diversas disciplinas (politoloxía, dereito, economía, comunicación, pedagoxía…), tendo en conta tanto a perspectiva europea coma os ámbitos estatal español e luso-brasileiro, cos que mantemos unha estreita relación.
24/04/2013. INVESTIGACIóN

A USC presenta un glosario de dereito civil

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC presentan o vocabulario Termos esenciais de dereito civil, no que se compilan 1270 termos en galego, xunto coas súas correspondencias en castelán. A obra súmase á serie de glosarios sobre o vacabulario básico do dereito elaborados ata o momento no seo desta Comisión (dereito constitucional, penal e internacional). No futuro, teñen previsto traballar nos glosarios de dereito administrativo, fiscal, mercantil e laboral.

Para ampliar esta información, preme aquí.
23/04/2013. OUTRAS

O papel das linguas no debate soberanista

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, en colaboración coa Vicerreitoría de Extensión Universitaria e da Área de Normalización Lingüística, organiza a mesa redonda "As linguas no debate soberanista: galego e catalán, linguas con/sen estado". No acto, que terá lugar o 24 de abril de 2013 ás 12:00 h, participarán Josep Bargalló, ex Conseller en Cap da Generalitat de Catalunya e ex-director do Institut Ramon Llull, e Nel Vidal, técnico de normalización lingüística e presidente da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL).
22/04/2013. OUTRAS

Xesús Alonso Montero, novo presidente da Real Academia Galega

O Plenario da Real Academia Galega elixiu o pasado sábado, 20 de abril de 2013, co voto maioritario dos seus membros, a Xesús Alonso Montero como novo presidente da institución.

Da Executiva tamén formarán parte os académicos Henrique Monteagudo Romero (secretario), Andrés Torres Queiruga (vicesecretario), Rosario Álvarez Blanco (tesoureira) e Margarita Ledo Andión (arquiveira-bibliotecaria).
22/04/2013. INVESTIGACIóN

Novidade editorial para a reflexión lingüística

A editorial Xerais acaba de sacar do prelo Do estigma á estima. Propostas para un novo discurso lingüístico, autoría de Valentina Formoso Gosende, docente e voceira da Coordinadra Galega de ENDL. Baseándose nun estudo cualitativo sobre o discurso arredor da lingua galega do alumnado de Educación Secundaria, a autora presenta as súas reflexións sobre a materia e propón novas alternativas discursivas para frear os estigmas e representacións negativas que frean a normalización do galego.
22/04/2013. OUTRAS

O bUSCatermos, agora tamén no teu móbil

O Servizo de Normalización Lingüística da USC puxo ao dispor de toda a cidadanía, o pasado mes de outubro de 2012, o bUSCatermos, unha base terminolóxica multilingüe de máis de 150.000 rexistros. Grazas á vontade de reutilización dos contidos con que foi deseñada esta ferramenta, poucos meses despois contamos xa con dúas aplicacións derivadas dela. A primeira (da que demos conta hai uns días) é o buscador para Firefox elaborado por Antón Méixome. A segunda, presentada no marco dos XV Encontros, é a aplicación móbil para IOS elaborada por Taptil. Esta aplicación, compatible co iPhone e iPad, podes descargala de balde na App Store.
17/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de toponimia en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza unha Xornada de Toponimia o sábado 27 de abril de 2013, de 10:00 h a 19:00 h, na casa da cultura de Lusquiños – Tomeza. Os obxectivos son dar a coñecer a experiencia de recollida de toponimia realizado no concello e achegarse á metodoloxía e ás ferramentas básicas para o traballo de campo. A xornada está dirixida a asociacións de veciños, culturais, profesorado e persoas interesadas en xeral. O prazo de inscrición remata o vindeiro 23 de abril.
16/04/2013. DINAMIZACIóN

Redondela celebra un ano máis o libro e as palabras

Co gallo da conmemoración do Día do Libro (23 de abril), O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as bibliotecas públicas do municipio organizan a V Semana do libro: a festa das palabras. Trátase dunha campaña de animación á lectura que se desenvolverá entre os días 15 de abril e 10 de maio de 2013 en diferentes espazos públicos do concello. O programa inclúe unha exposición multilingüe, dúas presentacións de libros, unha proxección audiovisual e un recital poético-musical.
15/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

Listaxe de persoas admitidas nos XV Encontros

O comité organizador dos XV Encontros para a Normalización Lingüística acaba de facer pública a listaxe de persoas admitidas para asistir a esta xornada. Todas as persoas que figuren na listaxe deben enviar un correo a cdsg@consellodacultura.org para confirmar a súa asistencia.
15/04/2013. DINAMIZACIóN

Vantaxes de exportar en galego na lusofonía

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE) están a desenvolver unha nova edición da campaña que iniciaron en 2012 para animar o empresariado do país a que explote as potencialidades do galego como lingua de comunicación no ámbito cultural e empresarial da Lusofonía. Co lema “Exportar en galego”, as dúas entidades promotoras da campaña, presentan agora unha guía con datos de utilidade (demográficos, socioeconómicos e políticos) para todas aquelas empresas interesadas en comercializar os seus produtos en países de fala portuguesa.
10/04/2013. INVESTIGACIóN

As actitudes dos galegos/as cara ao seu idioma propio

O Consello da Cultura Galega presenta a segunda edición, revisada e ampliada, do estudo A(s) lingua(s) a debate. Inquérito sobre opinións, actitudes e expectativas da sociedade galega, agora tamén accesible en rede. O informe, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega do CCG, presenta os datos sobre as actitudes que os galegos/as mostran cara á lingua galega e o seu uso nos diferentes ámbitos sociais, obtidos a partir dunha enquisa dirixida á poboación adulta.

Con este estudo o CCG quere contribuír ao proceso de normalización do galego, achegando ferramentas de utilidade para futuros proxectos de planificación lingüística.
10/04/2013. DINAMIZACIóN

Música en galego para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño

O vindeiro 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, terá lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela o festival O Bule-Bule. Son dos chífanos, ideado para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño, autor elixido pola RAG para conmemorar en 2013 as Letras Galegas.
10/04/2013. DINAMIZACIóN

Concursos para promover o galego na UDC

As comisións de normalización lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co seu Servizo de Normalización Lingüística, organizan periodicamente diferentes actividades (certames, xornadas, campañas) para promover o uso do galego entre a comunicade universitaria.

O SNL da UDC está a publicitar actualmente dous novos certames. Trátase do II Concurso de Relatos Curtos: Lingua e Empresa, organizado en colaboración da CNL da Facultade de Economía e Empresa, e o III Concurso de Traballos Académicos Redactados en Lingua Galega, organizado en colaboración coas CNL da Escola Politécnica Superior e da Escola Universitaria Politécnica.

No web do SNL da UDC pode obter toda a información sobre a actividade desenvolvida polas comisións de normalización lingüística desta universidade.
09/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

XXXIII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galega no ensino. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 27 de abril de 2013 no IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto desde o 10 ata o 25 de abril.
09/04/2013. INVESTIGACIóN

Consulta en liña unha panorámica sociolingüística do período 1992-2008

Xa podes consultar en liña O idioma galego na sociedade. A evolución sociolingüística 1992-2008, editado polo Consello da Cultura Galega e elaborado polo seu Observatorio da Cultura Galega. O estudo presenta os datos sobre lingua inicial, lingua habitual e competencia lingüística no período 1992-2008, obtidos a través da comparación de resultados dos principais estudos sociolingüísticos realizados en Galicia neste período.
09/04/2013. AXUDAS E PREMIOS

A Academia Galega do Audiovisual premia o Xabarín Club

O espazo infantil e xuvenil da Televisión de Galicia “Xabarín Club” recibiu o Premio de Honra Fernando Rey, que lle outorgou a Academia Galega do Audiovisual no marco dos Premios Mestre Mateo 2013. Entre os méritos que valorou o xurado destaca o seu importante papel na normalización do uso do galego entre o público infantil e xuvenil. A gala de entrega dos Premios Mestre Mateo tivo lugar o pasado 6 de abril no Pazo da Ópera da Coruña.
Para ampliar a información, preme aquí.
09/04/2013. DINAMIZACIóN

Os colexios católicos de Galicia festexan a lingua en Ourense

Mañá mércores, 10 de abril de 2013, terá lugar en Ourense a IX Festa da Lingua, iniciativa lúdico- didáctica que organiza anualmente Escolas Católicas Galicia. O programa inclúe obradoiros de ilustración, escritura, música, maxia e animación, que se desenvolverán no Auditorio Municipal de Ourense entre as 10:00 h e as 13:15 h. Así mesmo, no transcurso deste acto festivo entregarase o Premio Literario Frei Marín Sarmiento, organizado tamén por Escolas Católicas Galicia.

Para obter máis información, preme aquí.
08/04/2013. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de lemas da Escola Politécnica Superior da USC

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior (USC) convoca un concurso de lemas en lingua galega para a promoción do centro, co obxectivo de fomentar o uso do galego nas ensinanzas técnicas. O certame está dirixido a todas as persoas maiores de 16 anos residentes en Galicia. O gañador/a recibirá unha tablet valorada en máis de 200 euros. O prazo de presentación de propostas remata o 30 de abril de 2013.
08/04/2013. DINAMIZACIóN

Tres deportistas de elite serán “espello deportivo” no uso do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coas deputacións da Coruña e de Ourense, desenvolverá no marco da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) a campaña Espello deportivo, que ten como obxectivo promover o uso e o prestixio do galego no ámbito deportivo. Nos vindeiros dous meses, a regatista Sofía Toro, o nadador Chano Rodríguez e o tirador Juan Antonio Saavedra visitarán as escolas deportivas de diferentes concellos adscritos á RDL para compartir co alumnado as súas experiencias deportivas e promover o uso do galego como un valor colectivo que conforma a nosa identidade.

Para ampliar esta información, preme aquí.
08/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

V Fiadeiro de localización de software libre

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría e mais o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan unha nova edición do Fiadeiro de localización de software libre, que ten como obxectivos fornecer formación técnica para a tradución ao galego de aplicacións de software libre e promover o seu uso entre a comunidade universitaria. As sesións desenvolveranse os días 25 e 27 de abril de 2013.
O prazo de inscrición remata o 22 de abril.
05/04/2013. DINAMIZACIóN

Comeza a segunda edición do programa FalaRedes

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presenta a segunda edición de FalaRedes, un programa de cinco actividades lúdicas que ten como obxectivo ampliar a oferta de lecer en galego nos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. O programa inaugúrase este mes de abril cos espectáculos infantís “A nena e o grilo nun barquiño” e “As pombas de Carboeiro”, que combinan música, poesía, teatro e baile en directo para os máis pequenos/as.
Podes ampliar esta información e consultar o calendario das actuacións no propio web da SXPL.