Novas da lingua

Rexistros3451 a 3480 de 5145
05/04/2013. OUTRAS

Novos avances para o galego no ámbito tecnolóxico

Estes días tivemos coñecemento dalgunhas novidades que demostran que o galego continúa a dar pasos no camiño da súa normalización no ámbito tecnolóxico.
Por unha banda, Tuenti anuncia unha nova aplicación para o Windows Phone que lles permitirá aos usuarios deste sistema operativo acceder desde o seu móbil á rede social Tuenti en galego. Por outro lado, os usuarios do navegador Firefox tamén recibiron boas novas esta semana. O Firefox 20 xa está dispoñible en galego para Windows, Mac e Linux. Así mesmo, grazas ao traballo colaborativo dos propios internautas, neste caso de Antón Méixome, o Buscatermos (base terminolóxica da USC) pode consultarse directamente desde o propio Firefox.
04/04/2013. EMPREGO

Contrato de investigación na Universidade da Coruña

A Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña publica a convocatoria dun contrato de investigación para licenciados/as en Filoloxía Galega ou afíns (Portuguesa, Hispánica ou Románica). O obxecto do contrato é colaborar no proxecto “La producción editorial en Galicia durante la época franquista (1939-1975) ”.

As persoas interesadas deben enviar a documentación requirida (fotocopia do DNI, fotocopia do título académico e currículo) ao enderezo carme@udc.es.
04/04/2013. EMPREGO

Oferta laboral para docentes de galego

O Instituto Tecnolóxico de Formación (INTEC) fai pública unha oferta laboral dirixida a docentes de galego para impartir cursos de lingua galega no ámbito de Galicia. Os/as candidatos/as deberán ter experiencia docente e unha licenciatura que acredite especialización na materia. As persoas interesadas deben enviar os seus currículos ao enderezo rrhh@institutotecnologico.es.

Para obter máis información, preme aquí.
03/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

XV Encontros para a Normalización Lingüística

Xa podes consultar en liña o programa dos XV Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 18 e 19 de abril de 2013 no Consello da Cultura Galega. Nesta edición os Encontros van prestar unha especial atención á análise dos 30 anos da Lei de normalización lingüística e ó traballo colaborativo no eido da normalización lingüística, sen esquecer a liña habitual de seguimento de iniciativas actuais, nomeadamente nos ámbitos do ensino e da Administración local.

A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do CCG. O prazo de inscrición remata o 14 de abril de 2013. O 15 de abril farase pública a listaxe de admitidos/as.
03/04/2013. OUTRAS

O CDSG estrea novo sitio web

O CDSG presenta o seu novo sitio web, cunha imaxe e contidos renovados. Ademais da información sobre o propio centro e dos contidos que xa viñamos ofrecendo, inauguramos dúas novas seccións: o Delicious do CDSG e Lingua en Titulares. No Delicious ofrecemos o noso libro completo de marcadores web para que poidan ser compartidos en rede por toda a comunidade. Lingua en Titulares é un caderno de prensa en liña no que seleccionamos diariamente as novas publicadas sobre lingua en máis de 30 medios dixitais.

Nos vindeiros meses, engadiremos outros produtos documentais nos que estamos a traballar. Convidámoste a que visites o web e nos fagas chegar a túa opinión. Coñecela axudaranos a mellorar o servizo que prestamos.
03/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas en Santiago de Compostela

A Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega (USC) e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan unha nova edición destes cursos estivais, dirixidos a estranxeiros/as e españois de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 4 e 24 de xullo de 2013.
03/04/2013. DINAMIZACIóN

IV Concurso de monólogos en lingua galega “Que me dis!!”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza a cuarta edición deste concurso de monólogos que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito do lecer a través das novas tecnoloxías. As persoas participantes deben gravar o seu monólogo en formato vídeo e envialo como arquivo adxunto a través do formulario accesible no propio web do concello, onde se poderán consultar e apoiar. Outorgaranse tres premios en metálico (de 300, 200 e 100 euros) aos tres mellores monologuistas.

O prazo para enviar as gravacións remata o 10 de maio de 2013 (ás 14:30 h).
02/04/2013. OUTRAS

Colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación en materia de normalización lingüística

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez, e o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, asinaron onte, 1 de abril de 2013, un protocolo de colaboración en materia de normalización lingüística que inclúe un programa de actividades para desenvolver ao longo de 2013, ano no que se cumpren 30 anos da aprobación da Lei de Normalización Lingüística de Galicia (1983).
01/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán de toponimia

O Instituto da Lingua Galega organiza o Curso de toponimia: interpretación e actuación, que se desenvolverá entre os días 16 e 19 de xullo de 2013 na Universidade de Santiago de Compostela. O obxectivo do curso é ofrecer formación, desde unha perspectiva multidisciplinaria, nos ámbitos da pescuda etimolóxica, a didáctica da toponimia, a acción normalizadora e o traballo de campo.
01/04/2013. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de notas de prensa para a difusión de accións de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un obradoiro de notas de prensa destinado aos traballadores/as de normalización lingüística, co obxectivo de ofrecerlles os coñecementos prácticos necesarios para elaborar notas de prensa que comuniquen de xeito eficiente as mensaxes que precisan transmitir no marco do seu traballo.
01/04/2013. OUTRAS

Amplíase o prazo de inscrición para as probas do CELGA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia que se amplía o prazo de presentación de solicitudes previsto na Resolución do 28 de decembro de 2012 pola que se convocan as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2013. Este novo prazo remata o vindeiro 8 de abril (inclusive).
21/03/2013. DINAMIZACIóN

Santiago convida a mocidade a vivir a Paixón en galego

A Confraría de Estantes, o Concello de Santiago de Compostela e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan a campaña Vive a Paixón, unha iniciativa dirixida á poboación máis nova co obxectivo de que participen en galego nos ritos propios da Semana Santa e compartan as súas experiencias nas redes sociais.
20/03/2013. AXUDAS E PREMIOS

X Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a décima edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega. O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas establécense tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en galego. O prazo de presentación de orixinais remata o 20 de abril de 2013.

Para ampliar esta información, preme aquí.
19/03/2013. AXUDAS E PREMIOS

Premios á edición en lingua galega 2012

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados/as da oitava edición destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.
15/03/2013. DINAMIZACIóN

A publicidade comercial en galego ten premio

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o I Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, co obxectivo de fomentar o uso do galego na comunicación publicitaria.
15/03/2013. OUTRAS

O Apalabrados xa ten versión en galego

A empresa Etermax, responsable do coñecido xogo para móbiles Apalabrados anunciou que os/as usuarios/as terán en breve dispoñible a versión en galego. Esta versión foi desenvolvida por Cilenis, que empregou como base o Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa).
O Apalabrados consiste en formar palabras sobre un taboleiro a partir dun serie de letras. O usuario/a pode xogar contra unha única persoa (coñecida ou elixida ao chou) ou optar pola modalidade multixogador en liña.
15/03/2013. INVESTIGACIóN

Glosario trilingüe sobre arquitectura de computadores

O Servizo de Normalización Lingüística da USC e mais a Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) da USC presentan a obra Termos esenciais da arquitectura de computadores galego-español-inglés.
Con esta publicación, os seus promotores queren colaborar na difusión da terminoloxía técnica en galego e ofrecer ferramentas de utilidade á comunidade educativa da ETSE para o ensino/aprendizaxe na nosa lingua.
13/03/2013. DINAMIZACIóN

Maratón de actividades en Vigo para alumear a nosa lingua

O Concello de Vigo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza o programa de dinamización lingüística Alumea a túa lingua!, un maratón de actividades que comezou o pasado 22 de febreiro e rematará o vindeiro 17 de maio, día no que se cumpren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, nunha imprenta da rúa Real (Vigo).
13/03/2013. DINAMIZACIóN

Falamos?, iniciativa para a aprendizaxe lingüística en tándem

A Asociación Trabalingua, coa colaboración da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, organiza unha nova edición do programa Falamos?, unha iniciativa de aprendizaxe lingüística baseada en tándems ou grupos de conversa entre alumnado galego e estranxeiro. O programa está especialmente deseñado para estudantes de intercambio e galegofalantes interesados en aprender outro idioma. Os/as interesados/as deben enviar un correo a tandemtrabalingua@gmail.com sinalando o seu perfil lingüístico, o idioma que desexan aprender e a modalidade de aprendizaxe (tándem ou conversa múltiple).
12/03/2013. DINAMIZACIóN

Café de idiomas en Porto do Son

A Concellaría de Servizos Sociais de Porto do Son presenta a iniciativa Café de idiomas, un programa de aprendizaxe de linguas baseado na conversa en contextos informais. Os idiomas que se propoñen son inglés, francés, castelán e galego para estranxeiros. Os participantes poderán propoñer outros idiomas sempre e cando haxa un mínimo de dúas persoas interesadas.
O prazo de inscrición remata o vindeiro 27 de marzo de 2013.
11/03/2013. DINAMIZACIóN

Para enredar no ensino

A Coordinadora Galega de ENDL está a difundir o proxecto Enredamos, un blog que compila información (fichas descritivas, vídeos…) sobre xogos populares e o seu aproveitamento didáctico nos diferentes niveis educativos.

O proxecto está impulsado e coordinado por Nito Ferrer e mais os membros da Coordinadora de ENDL de Pontevedra.
11/03/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para persoal da Administración autonómica

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) para o persoal da Administración autonómica de Galicia, tanto na modalidade presencial como de teleformación. A matrícula debe tramitarse a través do formulario de matrícula telemática accesible na páxina web da EGAP. O prazo de presentación de solicitudes remata o 22 de marzo de 2013, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o texto íntegro da convocatoria, preme aquí.
08/03/2013. DINAMIZACIóN

Volve o rock en galego a Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración coa sala Karma, unha nova edición do programa de dinamización lingüística Galegote Rock, deseñado para introducir a lingua galega nas actividades de lecer da xuventude.

Galegote Rock é un programa de concertos que se celebrará ao longo do vindeiro mes de abril na sala Karma (Pontevedra) e que inclúe as actuacións de diferentes bandas galegas, como Terbutalina, Martelo ou Ataque Escampe. Para ampliar esta información, preme aquí.
07/03/2013. DINAMIZACIóN

Ben veñas, maio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos IES de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, dirixido ao alumnado de ensino medio do concello.
07/03/2013. DINAMIZACIóN

As institucións galegas conmemoran o 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos

A Consellería de Cultura e Educación, a Secretaría Xeral de Medios, a Fundación Rosalía de Castro, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Compañía da Radiotelevisión de Galicia presentaron de xeito conxunto o programa de actividades que se van desenvolver neste ano 2013 para conmemorar o 150 aniversario da edición de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

O programa inclúe, entre outras actividades, exposicións, espectáculos escénicos, producións audiovisuais, concertos musicais e edicións conmemorativas. Se desexa máis información, prema aquí.
06/03/2013. OUTRAS

En liña o noso Boletín de Sumarios 2012

Xa pode consultar o noso Boletín de Sumarios 2012, produto documental que inclúe os sumarios de 693 números de publicacións periódicas, correspondentes a 116 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o ano 2012.

Se desexa consultar a nosa colección completa de seriadas, prema aquí.
06/03/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición de cursos en liña preparatorios para a acreditación do nivel
Celga 1, dirixidos principalmente a persoas estranxeiras, non galegofalantes ou que carezan de formación en lingua galega. Os cursos desenvolveranse entre o 1 de abril e o 7 de xuño de 2013 e o prazo de matrícula remata o vindeiro 14 de marzo.

Con posterioridade, o 9 de xuño, terán lugar en Santiago de Compostela, Ponferrada, Madrid e Barcelona as probas para obter a acreditación do Celga 1.
05/03/2013. CURSOS E CONGRESOS

VI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Persoas Estranxeiras na UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o VI Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse entre os días 1 e 24 de xullo de 2013 na Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 3 de maio de 2013.
05/03/2013. INVESTIGACIóN

Novos datos sobre usos lingüísticos na docencia da USC

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta os datos sobre usos lingüísticos na docencia na USC neste curso 2012-2013. En termos xerais, impártense en castelán o 73,74% das horas docentes, en galego o 23,34% e en inglés o 1,72%. O restante 1,2% do horario impártese en francés, portugués, italiano ou alemán.
05/03/2013. EMPREGO

Bolsa de formación en xestión cultural, normalización lingüística e comunicación audiovisual

A Deputación de Lugo convoca unha bolsa de formación en xestión cultural, normalización lingüística e comunicación audiovisual dirixida a licendiados/as en Filoloxía Galega (ou Grao en Filoloxía Galega) con estudos en Comunicación Audiovisual.

A duración da bolsa é de 12 meses e a persoa beneficiaria desenvolverá a súa actividade na Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de marzo de 2013.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.