Novas da lingua

Rexistros3481 a 3510 de 5145
04/03/2013. AXUDAS E PREMIOS

Agasallo de luz a Roberto Vidal Bolaño

Con motivo da conmemoración do vindeiro Día das Letras Galegas, a Fundación Barrié, a través da súa canle educativa educaBarrié, convoca o concurso Agasallo de luz, un proxecto educativo deseñado para render homenaxe á obra de Roberto Vidal Bolaño e conmemorar o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos.
28/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura 2013

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial da Coruña convoca o IV Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer a aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do idioma galego.

O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril de 2013.
26/02/2013. EMPREGO

Bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca catro bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, que participará nas actividades de dinamización lingüística e formación que se desenvolven na ANL.
26/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Imaxina Cantares!

Co gallo da conmemoración do Día de Rosalía e da celebración do 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan o certame Imaxina Cantares!, dirixido aos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos de titularidade pública.
25/02/2013. CURSOS E CONGRESOS

V Xeiras sobre a Lingua Galega na Universidade de Vigo

Os Comités da Universidade de Vigo organizan as V Xeiras sobre a Lingua Galega, co obxectivo de reflexionar sobre a situación social do noso idioma e promover o seu uso nos diferentes ámbitos sociais.

As sesións desenvolveranse entre os días 5 e 8 de marzo de 2013 en Vigo.
A matrícula é gratuíta e todas as persoas interesadas poden inscribirse a través do formulario web habilitado para a ocasión.
25/02/2013. INVESTIGACIóN

Dicionario xurídico en liña para o persoal da Administración pública

Edicións Xerais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a Consellería de Cultura e Educación presentan a versión en liña do Dicionario xurídico galego, unha obra que xa foi editada en papel a finais de 2011 e que compila arredor de 2 000 entradas nas que se presentan en galego conceptos esenciais do Dereito; termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia e información crítica sobre a lexislación vixente en España. Esta versión en liña, de acceso restrinxido para o público xeral, está accesible para todos os empregados públicos da Administración xeral, de Xustiza, do Servizo Galego de Saúde e dos concellos galegos.

Se desexas máis información, preme aquí.
22/02/2013. INVESTIGACIóN

Consulta o facsímile da primeira edición de “Cantares Gallegos”

Neste ano 2013 no que se conmemora o 150 aniversario da publicación de Cantares Gallegos, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta o facsímile da primeira edición desta obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas. O propio CCG acaba de inaugurar un novo espazo web no que se irán compilando diferentes documentos dixitais relacionados coa vida e obra da autora.
21/02/2013. OUTRAS

Twitter xa está en galego

A rede social Twitter anuncia que xa se pode navegar en galego en twitter.com, plataforma que agora está accesible en máis de 35 linguas.

A incorporación do galego a esta rede social foi posible grazas a unha intensa campaña reivindicativa e á comunidade de usuarios/as que colaborou na tradución da interface. Para ampliar esta información preme aquí.
21/02/2013. OUTRAS

21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna

En novembro de 1999 a UNESCO declarou o 21 de febreiro Día Internacional da Lingua Materna. Dende entón, cada ano conmemórase neste día a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar esta diversidade e a promover o plurilingüismo.

Como é costume, a directora xeral da UNESCO, Irina Bokova, fixo pública a mensaxe institucional de 2013 con motivo desta celebración.

No ámbito de Galicia, a Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia tamén difundiu unha declaración pública para conmemorar esta data.
19/02/2013. DINAMIZACIóN

24 de febreiro, Día de Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) anima a toda a cidadanía a festexar o vindeiro 24 de febreiro o Día de Rosalía, escritora determinante na historia do noso idioma que restaurou, coa súa obra Cantares Gallegos (1863), o uso escrito do galego despois de séculos de ocultación.

Ao abeiro desta iniciativa, diferentes institucións, concellos e centros de ensino están a organizar actividades para homenaxear a escritora cando se cumpren 150 anos da publicación de Cantares Gallegos. No web da AELG pode consultar as actividades e actos programados.
19/02/2013. DINAMIZACIóN

21 días co galego na Pobra do Caramiñal

O IES da Pobra do Caramiñal organiza a campaña de dinamización lingüística 21 días co galego, que ten como obxectivos perfeccionar a competencia lingüística do alumnado e promover a reflexión individual sobre os propios usos lingüísticos.

No marco desta iniciativa está a desenvolverse un programa de actividades lúdicas e didácticas que inaugurou o escritor Agustín Fernández Paz cun vídeo de saúdo.
18/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos de fomento do galego no ensino privado

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para proxectos de fomento do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade privada, para desenvolver no curso 2012-2013.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
14/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións ás producións audiovisuais

A Axencia Galega das Industrias Culturais publica a resolución das axudas concedidas ao abeiro da convocatoria de subvencións para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, co ánimo de contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais galegas.
12/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a novena edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 11 de abril de 2013. Se desexa consultar as bases, prema aquí.
08/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística en municipios que carezan de servizo. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
(corrección de erros)
07/02/2013. DINAMIZACIóN

Recursos para traballar o Entroido nas aulas

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición de toda a comunidade educativa unha nova compilación de recursos didácticos deseñados para traballar o Entroido nas aulas.

Neste monográfico poderá atopar, entre outros recursos, unidades didácticas, xogos, manualidades, información bibliográfica, literatura ou audiovisual relacionado con esta celebración tradicional.
06/02/2013. INVESTIGACIóN

Preséntase un dicionario trilingüe de alimentación e restauración

Onte, 5 de febreiro de 2013, tivo lugar na sede da asociación Hostelería Compostela a presentación pública do Dicionario de alimentación e restauración galego-castelán-inglés, elaborado polo Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica Galega (TERMIGAL).

A obra, deseñada para contribuír á normalización da terminoloxía gastronómica e promover o uso do galego entre os profesionais do sector, recolle arredor de 3000 conceptos, con 3600 denominacións en galego, 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos.

Para ampliar esta información, preme aquí.
05/02/2013. DINAMIZACIóN

Redondela aposta polo cinema en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza Versión Orixinal, un ciclo de cinema que ten como finalidade difundir obras audiovisuais en galego e promover o uso do noso idioma no ámbito do lecer.

O ciclo desenvolverase entre os días 17 de febreiro e 9 de marzo de 2013. Nesta edición exhibiranse as obras Vilamor, dirixida por Ignacio Vilar; Engurras, dirixida por Ignacio Ferreras; e O Apóstolo, dirixida por Fernando Cortizo. Para obter máis información, preme aquí.
05/02/2013. DINAMIZACIóN

Nós tamén creamos!

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca a segunda edición do programa Nós tamén creamos!, dirixido a centros públicos de educación infantil e primaria co ánimo de estimular o uso da lingua e a creatividade dos máis pequenos/as.
05/02/2013. DINAMIZACIóN

Nace a Asociación de Medios en Galego

Dez cabeceiras galegas (Tempos Novos, Novas da Galiza, Galicia Confidencial, Que Pasa na Costa, Xornal Certo, Radiofusión, de Luns a Venres, Praza Pública, O Compás e Valminor.info) acaban de constituír a Asociación de Medios en Galego, co obxectivo de promover os medios de comunicación en galego, contribuír á profesionalización do sector e, en xeral, atender á defensa dos intereses dos asociados.
A iniciativa está a aberta a todos os medios editados en galego que desexen formar parte. A solicitude pode facerse enviando un correo electrónico a contacto@mediosengalego.org.

Para ampliar esta información, preme aquí.

05/02/2013. DINAMIZACIóN

Doces sobremesas de Entroido en Betanzos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza o concurso Doces sobremesas de Entroido. Todas as persoas que desexen participar no certame poden enviar as súas receitas, que deben ser típicas destas datas de Entroido, escritas en lingua galega.

O prazo de entrega remata o 8 de febreiro de 2013. Ese mesmo día (ás 20:00 h, no Salón Azul do edificio Liceo) terá lugar a degustación dos pratos por parte do xurado. O gañador/a recibirá como premio unha cea para dúas persoas nun restaurante de Betanzos. Ao finalista entregaráselle un libro de cociña.
01/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.
As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
01/02/2013. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de cartas de amor en Radio Fene

Co gallo da conmemoración do 2 de febreiro (Día da Candeloria no que casan os paxariños) e mais do 14 de febreiro (Día dos Namorados), a emisora municipal Radio Fene convoca unha nova edición do Certame de Cartas de Amor, que organiza desde hai quince anos.

As cartas, en prosa ou en verso, deben estar redactadas en lingua galega e non superar a extensión dun folio, ou 1650 caracteres. O premio consiste nunha cea e unha noite romántica no Hotel Hesperia Ferrol.

O prazo para participar remata o 12 de febreiro de 2013.
30/01/2013. DINAMIZACIóN

En galego enténdote, non cambies

O Concello de Xove, en colaboración coas entidades deportivas do municipio, está a desenvolver desde o pasado mes de outubro de 2012 a campaña de dinamización lingüística "En galego enténdote, non cambies", deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito do deporte e promover o mantemento do idioma entre a poboación galegofalante.

No marco desta iniciativa desenvolvéronse dúas accións: un servizo de asesoramento lingüístico ás entidades deportivas e unha campaña gráfica que consistiu na colocación de cinco carteis publicitarios coa imaxe de deportistas de referencia do municipio e o lema “En galego enténdote, non cambies”.

Para obter máis información, preme aquí.
24/01/2013. OUTRAS

Táboas, para falar de deporte galego en galego

Nace Táboas, un novo medio dixital en lingua galega especializado en deporte galego. O equipo redactor comprométese a ofrecer as principais novidades deportivas tratando con equidade os temas relacionados coas diferentes disciplinas (fútbol, baloncesto, patinaxe, competicións de motor…).

Esta iniciativa, que supón un novo pulo para a introdución do galego no ámbito do deporte, súmase a outras como Zonapress, a primeira publicación sobre baloncesto en galego, que botou a andar o pasado mes de outubro de 2012.
22/01/2013. DINAMIZACIóN

O Entroido sabe mellor en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oroso convoca unha nova edición do concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”. As receitas deben ser típicas do Entroido e estar redactadas en lingua galega.

O prazo de entrega remata o 5 de febreiro de 2013, ás 14:00 h. Con posterioridade, no día sinalado pola organización, os participantes deberán presentar tamén o prato cociñado. A persoa gañadora será premiada cunha cea para dúas persoas nun restaurante do concello e ao/á finalista entregaráselle un libro de cociña.

Para ampliar esta información, preme aquí.
22/01/2013. DINAMIZACIóN

Nova andaina do Correlingua

Bota a andar unha nova edición do Correlingua, iniciativa lúdico-didáctica que este ano 2013 levará por lema “Galego: a chave do mundo”.
O Correlingua comezará o vindeiro 2 de maio en Ourense e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país, ata rematar o 16 de maio na Mariña.

Durante estes meses previos, os centros educativos desenvolverán diferentes actividades lúdico-educativas na aula para introducir a actividade e o alumnado poderá participar en diferentes concursos (vídeo, banda deseñada, elaboración de manifesto e cantalingua).
22/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles os audios das IX Xornadas sobre Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as gravacións dos relatorios das IX Xornadas sobre Lingua e Usos. Lingua e Tradución, que tiveron lugar os pasados días 28, 29 e 30 de novembro de 2012 na Coruña.

Neste mesmo sitio web podes consultar tamén as actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
21/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

A debate a promoción da oralidade no ensino

A Coordinadora Galega de ENDL organiza o III Encontro de equipos e de docentes pola normalización, dirixido a coordinadores/as e membros de equipos de dinamización da lingua galega e demais docentes interesados na normalización lingüística no ensino.

A xornada, que nesta edición estará centrada na promoción da oralidade en galego no ámbito educativo, desenvolverase o 2 de febreiro de 2013 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).


21/01/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos de fomento do galego no ensino público

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para proxectos de fomento do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade pública, para desenvolver no curso 2012-2013.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 14 de febreiro de 2013.
Se desexas consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.