Novas da lingua

Rexistros3541 a 3570 de 4427
19/12/2012. OUTRAS

A edición en Galicia no ano 2011

A Asociación Galega de Editores e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentaron publicamente o informe Comercio Interior do Libro en Galicia 2011, que ofrece unha radiografía do sector editorial galego na conxuntura económica actual.

Segundo os datos que achega o estudo, en 2012 editáronse en Galicia 2 156 títulos, dos que 1 587 están en galego, o que supón un 73,6% do total. No que respecta ás vendas, a facturación total do ano ascendeu a 27,16 millóns de euros (21,47 millóns as edicións en galego), da que máis da metade corresponde ao libro de texto non universitario e á literatura infantil e xuvenil.

Para ampliar esta información, preme aquí.
19/12/2012. INVESTIGACIóN

A sociolingüística en letra miúda

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta o primeiro número de A letra miúda, unha publicación dixital de carácter non academicista deseñada para achegarlle ao profesorado formación en aspectos básicos de sociolingüística.

A revista ofrecerá tanto artigos teóricos sobre o ensino de linguas como experiencias educativas prácticas desenvolvidas en contextos de contacto lingüístico. A maiores, no apartado de Recomendacións, incluiranse artigos en liña, recensións de publicacións de referencia e ligazóns de utilidade.
19/12/2012. DINAMIZACIóN

Preséntase en Lugo a colección Xaquelín

A Asociación Xaquedrum presenta a colección Xaquelín, unha serie de cadernos didácticos en lingua galega destinados aos escolares de Lugo que están a aprender este xogo de estratexia a través do programa Xaque nas aulas.

A colección Xaquelín, editada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, divídese en dous niveis, iniciación e perfeccionamento. Os cadernos presentados agora son os que corresponden ao nivel de iniciación: Xaque nas aulas e Viaxe polo mundo do xadrez. A maiores, está xa en preparación o caderno do nivel de perfeccionamento Mate con tomate.

Para ampliar esta información, prema aquí.
19/12/2012. DINAMIZACIóN

A USC proxéctase en galego

Onte, 17 de decembro, tivo lugar a presentación pública de Proxéctate en Galego, espazo web da USC promovido polas comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo.

O obxectivo é crear un espazo para a promoción do galego no que a comunidade universitaria, e a sociedade en xeral, poida acceder a ferramentas TIC de utilidade e coñecer experiencias positivas de persoas que usan o galego como lingua vehicular nos diferentes ámbitos académicos e profesionais.
17/12/2012. DINAMIZACIóN

Os concellos galegos festexan o Nadal en Rede

A Rede de Dinamización Lingüística presenta o programa Nadal en Rede, que inclúe diferentes iniciativas e materiais de apoio para que os concellos adscritos á Rede poidan festexar estas datas en galego.
17/12/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras

O pasado venres, 14 de decembro, a Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixéronlles entrega dos seus respectivos premios aos galardoados da décimo terceira edición do Premio Manuel Beiras.
Os premiados deste ano foron a empresa Galensigna, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, a Autoescola Mata, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego, e a Asociación Hostalería Compostela, que recibiu unha distinción especial pola súa promoción do galego no ámbito hostaleiro en xeral e nas súas propias comunicacións en particular.

Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
14/12/2012. INVESTIGACIóN

Preséntase o Dicionario moderno inglés-galego

Onte, 13 de decembro de 2012, tivo lugar no Edificio da Reitoría da Universidade de Vigo a presentación oficial do Dicionario moderno inglés-galego , froito de dez anos de traballo do Seminario de Lingüística Informática da UVigo.
A obra, publicada por 2.0 Editora, recolle 20 000 entradas con vocabulario de uso frecuente en inglés e 30 000 correspondencias en galego, xunto cos seus contextos de uso, baseadas en traducións reais.

Para ampliar esta información, preme aquí.
13/12/2012. DINAMIZACIóN

Catálogo de Nadal de Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o Catálogo de Nadal Abertos ao Galego, un abano de servizos e produtos en galego producidos polas empresas adscritas ao proxecto Abertos ao Galego, que pode ser de utilidade como proposta para os agasallos típicos destas datas.

Abertos ao Galego é un certificado que se lles concede ás empresas, comercios, asociacións ou entidades de diversa índole que demostran un compromiso coa normalización do idioma galego.
13/12/2012. DINAMIZACIóN

O galego vende en Redondela

No marco da campaña de dinamización lingüística O noso vende, A Asociación de Empresarios e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela convocan o II Concurso de escaparates de Nadal, deseñado para promover o uso do galego na mercadotecnia do comercio redondelán.

Os comercios participantes deben preparar unha decoración especial relacionada coa campaña de Nadal e usar o galego en todas as mensaxes comerciais, sinalizacións e textos informativos. O prazo para formalizar a inscrición remata o 20 de decembro de 2012.

Se desexas máis información, preme aquí.
12/12/2012. DINAMIZACIóN

Os Reis Magos convidan os nenos de Ames e Santiago a escribirlles en galego

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames e Santiago organizan cadanseu concurso de cartas aos Reis Magos, para fomentar a creatividade dos máis pequenos/as da casa e promover o uso do galego nas actividades do lecer.
11/12/2012. DINAMIZACIóN

Consumo en galego, consumo responsable e solidario

Coincidindo coas festas do Nadal, o Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Adegueiros presentan a campaña Consumogustos, que quere poñer en valor o compromiso de moitas empresas co uso do galego na etiquetaxe dos seus produtos, conscientes do poder da lingua galega como elemento diferenciador e como marca de calidade.

A iniciativa inclúe tamén unha “Carta de consumo responsable e solidario” dirixida aos consumidores/as, para animalos/as a que apoien estas empresas que apostan polo uso do galego e contribúen ao mantemento dos nosos valores identitarios.
11/12/2012. OUTRAS

Traballo colaborativo para corrixir a toponimia en Google Maps

No marco do proxecto Ground Truth, iniciado en 2008, Google convida os/as usuarios/as da ferramenta Google Maps a participar na actualización e mellora da información xeográfica, incluída a toponimia, dos mapas de Andorra, Bulgaria, Estonia, Hungria, Letonia, Lituania, Eslovaquia, Eslovenia e España.

Os/as usuarios/as que detecten algún erro na toponimia ou microtoponimia galega só teñen que premer na esquina inferior dereita do mapa (“informar dun problema”) e comunicalo. O equipo de Google comprométese a cotexar a información e corrixila en poucas horas.

Para ampliar esta información, prema aquí.
10/12/2012. OUTRAS

Galileo Nenos, a primeira empresa de xoguetes educativos en galego

Conscientes da importancia do xogo no desenvolvemento psicopedagóxico dos/as nenos/as, nace en Lugo a empresa Galileo Nenos, a primeira dedicada á creación de xoguetes educativos en lingua galega.

O primeiro xogo que sacan ao mercado é A Cidade de Cenorio, destinado a nenos/as de entre 3 e 6 anos e deseñado para aprender de xeito lúdico, en galego e inglés, os números ata o cinco e os nomes de animais e obxectos, así como o alfabeto galego.
10/12/2012. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro para o empresariado galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un obradoiro, destinado ao empresariado carballés e bergantiñán, sobre a vantaxe lingüística do empresariado galego para a internacionalización no mercado brasileiro e lusófono.

A charla terá lugar o vindeiro mércores, 12 de decembro de 2012, ás 20:30 h, no Edificio Forum (Carballo) e será impartida por José Ramom Pichel, empresario de Imaxin Software, e Valentim R. Fagim, profesor da Escola Oficial de Idiomas de Santiago.
10/12/2012. DINAMIZACIóN

Redondela súmase á homenaxe a Celso Emilio Ferreiro

O Servizo de Normalización Lingüística e a Radio Municipal de Redondela súmanse á homenaxe colectiva RecitandoCelsoEmilio, promovida pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.

Todos os/as redondeláns/ás que desexen participar na homenaxe poderán achegarse a Radio Redondela os días 10 e 11 de decembro de 2012, entre as 13:00 h e as 14:00 h, para gravar textos do escritor de Celanova.

Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
05/12/2012. DINAMIZACIóN

Para felicitar o Nadal en galego

Un ano máis, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta a campaña Felicita o Nadal en galego!, a través da que pon á disposición da cidadanía diferentes modelos de postais e mais textos de felicitación para enviar por sms.

A maiores, o SNL ofrece asesoramento lingüístico a todas as persoas que o precisen para escribir en galego as comunicacións típicas destas datas.

04/12/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica na modalidade de teleformación

A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de linguaxe xurídica (niveis medio e superior) para o persoal ao servizo da Administración de Xustiza que estea a prestar os seus servizos fóra de Galicia.
Os cursos impartiranse na modalidade de teleformación no primeiro trimestre do ano 2013. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro 17 de decembro de 2012.

Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
03/12/2012. DINAMIZACIóN

Recursos para traballar na aula no Nadal

A Coordinadora Galega de ENDL presenta o Especial Nadal 2012, unha nova compilación de recursos didácticos en liña para traballar na aula nestas datas de Nadal.
O Especial deste ano 2012 inclúe diferentes recursos elaborados pola comunidade educativa, así como contos, refráns, cancións, modelos de cartas para os Reis e o Apalpador, información sobre concursos e propostas de agasallos.
03/12/2012. INVESTIGACIóN

Consellos para falar e escribir en galego con fluidez

A editorial Xerais acaba de tirar do prelo a obra Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, autoría de Carlos Callón.
Trátase dun manual no que o autor ofrece recomendacións para mellorar a calidade lingüística en galego, tanto oral como escrita, partindo da base de que a maior parte dos problemas que atopamos son prexuízos de tipo social e non problemas de orixe gramatical.
30/11/2012. AXUDAS E PREMIOS

O premio Abertos ao Galego é para Tuenti

O xurado do premio Abertos ao Galego, galardón que convoca a Mesa pola Normalización Lingüística, decidiu concederlle o premio nesta primeira edición á rede social Tuenti, polo seu uso do galego nun ámbito onde conflúen mocidade e novas tecnoloxías.

O acto de entrega do galardón terá lugar o vindeiro 19 de decembro de 2012 no Pazo da Pedreira de Pontevedra.
Para ampliar esta información, prema aquí.
29/11/2012. DINAMIZACIóN

A tres universidades galegas reeditan a súa aposta pola ciencia en galego

Ante o éxito da primeira edición, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, integrada polas tres universidades galegas, presenta a segunda edición da campaña En galego tamén se fai ciencia. O obxectivo da iniciativa consiste en recoller nunha páxina web o testemuño de profesionais de diferentes ámbitos científicos que empregan o galego nas súas tarefas cotiás.
Se desexas máis información, preme aquí.
29/11/2012. DINAMIZACIóN

Comeza o Cultural 2012

O vindeiro venres, 30 de novembro, inaugúrase no Pazo da Cultura de Pontevedra a quinta edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia. O Culturgal 2012 conta cun amplo programa de actividades e espazos de exposición nos que estarán representadas entidades dos diferentes ámbitos do sector cultural galego (música, literatura, lingua, creación audiovisual, artes escénicas, deseño, novas tecnoloxías, etc.).

No caso das entidades lingüísticas, participarán, entre outras, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
27/11/2012. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012”

O Instituto da Lingua Galega (USC) e mais o Consello da Cultura Galega organizan o simposio “Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012”, onde se fará balance destes trinta anos transcorridos desde a aprobación en 1982 das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, a primeira proposta científica de codificación ortográfica e morfolóxica do galego común.

As sesións terán lugar na Facultade de Filoloxía da USC os días 11, 13, 18, 19 e 20 de decembro de 2012. Se desexas máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
27/11/2012. DINAMIZACIóN

Concurso de postais de Nadal no Concello de Oroso

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oroso convoca o Concurso de postais de Nadal con mensaxe, dirixido a toda a cidadanía.
Todas as postais deben incluír unha mensaxe de felicitación en lingua galega. No certame establecéronse catro categorías segundo a idade dos participantes e o/a gañador/a de cada categoría recibirá como premio un lote de libros. O prazo para entregar os traballos remata o 14 de decembro de 2012.
Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
27/11/2012. CURSOS E CONGRESOS

Curso práctico de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense convoca, no marco do Programa provincial de formación continua para 2012, o Curso práctico de escritura eficaz na Administración pública: manual de estilo de documentos administrativos.

O curso está destinado ao persoal da Administración local de Ourense que realice tarefas de xestión administrativa e desenvolverase entre os días 3 e 20 de decembro de 2012.
Se desexa máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
23/11/2012. LEXISLACIóN

Anulados xudicialmente os artigos 5.2 e 12.3 do Decreto para o plurilingüismo no ensino

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo públicas tres sentenzas nas que se estiman parcialmente os recursos presentados pola Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG e a plataforma Queremos Galego contra o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. En concreto, o TSXG anula os artigos 5.2 e 12.3 do citado Decreto.
22/11/2012. INVESTIGACIóN

Monografía en homenaxe a Manuel García Blanco

Hoxe, 22 de novembro de 2012, terá lugar na Coruña o acto de presentación da monografía Consideracións sobre a decadencia e a rehabilitación da lingua galega. Homenaxe a Manuel García Blanco, unha publicación coa que se quere difundir a figura e a obra do intelectual galego Manuel García Blanco (1882-1974), con motivo do centenario da publicación do seu texto Consideraciones sobre la decadencia y la rehabilitación de la lengua gallega (1912).
No acto de presentación, que terá lugar no salón de actos da Asociación Cultura Alexandre Bóveda ás 20:00 h, intervirán Goretti Sanmartín (editora da obra), Pilar García Negro e Xosé Manuel Sánchez Rei.
20/11/2012. INVESTIGACIóN

A toponimia de Vigo en liña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta o blog Toponimia de Vigo, elaborado para recoller e poñer en valor a riqueza toponímica do concello.

A iniciativa enmárcase no programa MEU, coñecéndonos, descubríndonos, que o SNL desenvolve desde 2010 co ánimo de divulgar a historia e o patrimonio de Vigo. Os promotores do proxecto fan un chamamento á cidadanía para que colaboren como informantes no traballo de campo de recuperación de topónimos.
20/11/2012. OUTRAS

Materiais formativos en galego sobre prevención de riscos laborais

O Servizo de Normalización Lingüística da Confederación de Empresarios de Galicia pon ao dispor do empresariado galego diferentes materiais formativos sobre prevención de riscos laborais.

Os recursos, editados en lingua galega, están deseñados para capacitar o persoal técnico para avaliar e detectar situacións de risco laboral no ámbito empresarial, así como para implantar medidas que permitan afrontar esas situacións.
19/11/2012. DINAMIZACIóN

Bota a andar a segunda edición do Club de Debate

Os representantes dos concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo asinaron, o pasado 16 de novembro de 2012, unha addenda ao protocolo de colaboración para a organización do Club de Debate, a través da que se comprometen a desenvolver conxuntamente unha segunda edición desta iniciativa.