Novas da lingua

Rexistros3541 a 3570 de 5145
03/12/2012. DINAMIZACIóN

Recursos para traballar na aula no Nadal

A Coordinadora Galega de ENDL presenta o Especial Nadal 2012, unha nova compilación de recursos didácticos en liña para traballar na aula nestas datas de Nadal.
O Especial deste ano 2012 inclúe diferentes recursos elaborados pola comunidade educativa, así como contos, refráns, cancións, modelos de cartas para os Reis e o Apalpador, información sobre concursos e propostas de agasallos.
03/12/2012. INVESTIGACIóN

Consellos para falar e escribir en galego con fluidez

A editorial Xerais acaba de tirar do prelo a obra Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, autoría de Carlos Callón.
Trátase dun manual no que o autor ofrece recomendacións para mellorar a calidade lingüística en galego, tanto oral como escrita, partindo da base de que a maior parte dos problemas que atopamos son prexuízos de tipo social e non problemas de orixe gramatical.
30/11/2012. AXUDAS E PREMIOS

O premio Abertos ao Galego é para Tuenti

O xurado do premio Abertos ao Galego, galardón que convoca a Mesa pola Normalización Lingüística, decidiu concederlle o premio nesta primeira edición á rede social Tuenti, polo seu uso do galego nun ámbito onde conflúen mocidade e novas tecnoloxías.

O acto de entrega do galardón terá lugar o vindeiro 19 de decembro de 2012 no Pazo da Pedreira de Pontevedra.
Para ampliar esta información, prema aquí.
29/11/2012. DINAMIZACIóN

A tres universidades galegas reeditan a súa aposta pola ciencia en galego

Ante o éxito da primeira edición, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, integrada polas tres universidades galegas, presenta a segunda edición da campaña En galego tamén se fai ciencia. O obxectivo da iniciativa consiste en recoller nunha páxina web o testemuño de profesionais de diferentes ámbitos científicos que empregan o galego nas súas tarefas cotiás.
Se desexas máis información, preme aquí.
29/11/2012. DINAMIZACIóN

Comeza o Cultural 2012

O vindeiro venres, 30 de novembro, inaugúrase no Pazo da Cultura de Pontevedra a quinta edición do Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia. O Culturgal 2012 conta cun amplo programa de actividades e espazos de exposición nos que estarán representadas entidades dos diferentes ámbitos do sector cultural galego (música, literatura, lingua, creación audiovisual, artes escénicas, deseño, novas tecnoloxías, etc.).

No caso das entidades lingüísticas, participarán, entre outras, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
27/11/2012. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012”

O Instituto da Lingua Galega (USC) e mais o Consello da Cultura Galega organizan o simposio “Un galego común, fiel a si mesmo. Trinta anos de estandarización: 1982-2012”, onde se fará balance destes trinta anos transcorridos desde a aprobación en 1982 das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, a primeira proposta científica de codificación ortográfica e morfolóxica do galego común.

As sesións terán lugar na Facultade de Filoloxía da USC os días 11, 13, 18, 19 e 20 de decembro de 2012. Se desexas máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
27/11/2012. DINAMIZACIóN

Concurso de postais de Nadal no Concello de Oroso

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oroso convoca o Concurso de postais de Nadal con mensaxe, dirixido a toda a cidadanía.
Todas as postais deben incluír unha mensaxe de felicitación en lingua galega. No certame establecéronse catro categorías segundo a idade dos participantes e o/a gañador/a de cada categoría recibirá como premio un lote de libros. O prazo para entregar os traballos remata o 14 de decembro de 2012.
Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
27/11/2012. CURSOS E CONGRESOS

Curso práctico de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense convoca, no marco do Programa provincial de formación continua para 2012, o Curso práctico de escritura eficaz na Administración pública: manual de estilo de documentos administrativos.

O curso está destinado ao persoal da Administración local de Ourense que realice tarefas de xestión administrativa e desenvolverase entre os días 3 e 20 de decembro de 2012.
Se desexa máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
23/11/2012. LEXISLACIóN

Anulados xudicialmente os artigos 5.2 e 12.3 do Decreto para o plurilingüismo no ensino

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fixo públicas tres sentenzas nas que se estiman parcialmente os recursos presentados pola Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG e a plataforma Queremos Galego contra o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. En concreto, o TSXG anula os artigos 5.2 e 12.3 do citado Decreto.
22/11/2012. INVESTIGACIóN

Monografía en homenaxe a Manuel García Blanco

Hoxe, 22 de novembro de 2012, terá lugar na Coruña o acto de presentación da monografía Consideracións sobre a decadencia e a rehabilitación da lingua galega. Homenaxe a Manuel García Blanco, unha publicación coa que se quere difundir a figura e a obra do intelectual galego Manuel García Blanco (1882-1974), con motivo do centenario da publicación do seu texto Consideraciones sobre la decadencia y la rehabilitación de la lengua gallega (1912).
No acto de presentación, que terá lugar no salón de actos da Asociación Cultura Alexandre Bóveda ás 20:00 h, intervirán Goretti Sanmartín (editora da obra), Pilar García Negro e Xosé Manuel Sánchez Rei.
20/11/2012. INVESTIGACIóN

A toponimia de Vigo en liña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta o blog Toponimia de Vigo, elaborado para recoller e poñer en valor a riqueza toponímica do concello.

A iniciativa enmárcase no programa MEU, coñecéndonos, descubríndonos, que o SNL desenvolve desde 2010 co ánimo de divulgar a historia e o patrimonio de Vigo. Os promotores do proxecto fan un chamamento á cidadanía para que colaboren como informantes no traballo de campo de recuperación de topónimos.
20/11/2012. OUTRAS

Materiais formativos en galego sobre prevención de riscos laborais

O Servizo de Normalización Lingüística da Confederación de Empresarios de Galicia pon ao dispor do empresariado galego diferentes materiais formativos sobre prevención de riscos laborais.

Os recursos, editados en lingua galega, están deseñados para capacitar o persoal técnico para avaliar e detectar situacións de risco laboral no ámbito empresarial, así como para implantar medidas que permitan afrontar esas situacións.
19/11/2012. DINAMIZACIóN

Bota a andar a segunda edición do Club de Debate

Os representantes dos concellos de Ames, Carballo, Cee, Ferrol, Pontevedra, Ourense, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vigo asinaron, o pasado 16 de novembro de 2012, unha addenda ao protocolo de colaboración para a organización do Club de Debate, a través da que se comprometen a desenvolver conxuntamente unha segunda edición desta iniciativa.
16/11/2012. DINAMIZACIóN

Homenaxe colectiva da comunidade educativa a Celso Emilio Ferreiro

Co gallo da conmemoración do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) convida a todos os centros educativos de Galicia a participar na homenaxe colectiva RecitandoCelsoemiliO.

A iniciativa inclúe dúas accións, un acto colectivo de recitado público do poema Deitado fronte ao mar e o envío masivo a través das redes sociais do lema “recitandocelsoemilio”, acompañado do texto deste mesmo poema.

Estas accións celebraranse simultaneamente, e de xeito colectivo en toda en Galicia, o vindeiro 12 de decembro de 2012, ás 12:00 horas.
16/11/2012. INVESTIGACIóN

Dispoñible na rede o segundo volume da publicación Papés d´emprenta condenada

O Consello da Cultura Galega e mais o Instituto da Lingua Galega presentan Papés d’emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea. A obra recolle diferentes análises (desenvolvidas desde a perspectiva da historia, as ciencias da comunicación e a filoloxía) sobre a produción escrita en lingua galega durante as primeiras décadas do século XIX, textos que xa se reproduciron con anterioridade nun primeiro volume desta serie.
15/11/2012. CURSOS E CONGRESOS

VI Xornada Xustiza e Lingua

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, a sexta edición da xornada Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza.
A xornada terá lugar o vindeiro 27 de novembro de 2012, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán.
A matrícula é de balde. Se desexas máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
15/11/2012. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo promove o uso dunha linguaxe non sexista

A Universidade de Vigo presenta o Manual de linguaxe inclusiva no ámbito universitario, unha iniciativa promovida pola súa Área de Igualdade e dirixida a toda a comunidade universitaria. A guía ofrece pautas e recomendacións para o emprego dunha linguaxe non sexista nas comunicacións académicas, tanto orais como escritas.

Se desexas máis información, preme aquí.
07/11/2012. DINAMIZACIóN

XIII Premio Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a décimo terceira edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.
05/11/2012. DINAMIZACIóN

Obradoiro de nanas no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza a segunda edición deste Obradoiro de nanas, que ten como obxectivo principal fomentar a transmisión interxeracional en lingua galega.

O obradoiro, impartido nesta ocasión polos músicos Xabier Díaz e Guillerme Fernández, está destinado principalmente a nais e pais, mais tamén a familiares e formadores que desexen descubrir os beneficios emocionais que ofrece a transmisión dos cantos de berce. A actividade desenvolverase os mércores 21 e 28 de novembro, de 17:00 a 19:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo.
Para obter máis información, preme aquí.
05/11/2012. EMPREGO

Contrato de investigación na Universidade da Coruña

A Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña fai pública a convocatoria dun contrato de investigación para licenciados/as en Filoloxía Galega ou afíns. O obxecto do contrato é colaborar no proxecto “Produción e mercado editorial en Galiza durante a etapa franquista: a súa incidencia na industria editorial actual”.

As persoas interesadas deben enviar a documentación requirida (fotocopia do DNI, fotocopia do título académico e currículo) ao enderezo carme@udc.es antes do vindeiro 8 de novembro, ás 14:00 h.
05/11/2012. OUTRAS

O buscador de Google para IOS recoñece o galego falado

Google acaba de actualizar a súa aplicación de busca por voz para IOS, que agora recoñece tamén o galego falado. Esta ferramenta, deseñada para o iPhone, o iPod Touch e o iPad, permite facer as buscas en Google a través da voz e os/as usuarios/as poderán a partir de agora empregar tamén o galego, algo que xa acontecía coa aplicación de busca para Android.

Se desexas máis información, preme aquí.
05/11/2012. DINAMIZACIóN

A Secretaría Xeral de Política Lingüística súmase á celebración do Día da Ciencia en Galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) únese á conmemoración do Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, que desde hai tres anos se celebra no mes de novembro e que nesta edición xira arredor das figuras de Leonardo da Vinci e mais do inventor galego Ramón Verea.

Con este motivo, a SXPL presenta a sección web Outono de ciencia, na que recompila recursos de utilidade para traballar contidos científicos na aula. Así mesmo, o vindeiro mércores, 7 de novembro, ás 12.45 h, terá lugar no IES Xelmírez I de Santiago de Compostela unha conferencia sobre a figura de Ramón Verea, impartida polo seu biógrafo Olimpio Arca Caldas.
31/10/2012. DINAMIZACIóN

En galego, agora e sempre

Co gallo da vindeira celebración do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística está a promover a iniciativa En galego, agora e sempre, para promover o uso do galego no ámbito das funerarias e das derradeiras vontades.
31/10/2012. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Exposición Letras Galegas 2013”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso Exposición Letras Galegas, destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2013, Roberto Vidal Bolaño.
25/10/2012. LEXISLACIóN

O Consello de Europa valora o cumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no Estado español

O Comité de Ministros do Consello de Europa, en virtude do artigo 16 da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, recoméndalle ao Estado español ter en conta as valoracións e aplicar as recomendacións expostas no terceiro informe sobre o grao de cumprimento da Carta en España, elaborado polo Comité de Expertos do Consello de Europa.
30/10/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XXII Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXII Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego, tanto no ámbito autonómico como no da comarca Tabeirós-Terra de Montes.
29/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Acollendo en galego nos centros educativos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza as xornadas Acollendo en GALego. Integración lingüística e cultural do alumnado de procedencia estranxeira, destinadas principalmente aos coordinadores/as e membros dos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino, e en xeral a todos os docentes interesados.

O programa inclúe relatorios, presentación de recursos e exposición de boas prácticas que poidan resultar de utilidade para xestionar a diversidade lingüística nas aulas e para facilitar a integración escolar do alumnado estranxeiro.

O seminario terá lugar os días 16 e 17 de novembro de 2012 no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela.

29/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de integración lingüística e cultural no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza un obradoiro de integración lingüística e cultural destinado ás persoas nacidas fóra de Galicia. No obradoiro desenvolveranse diferentes actividades para que estas persoas poidan integrarse doadamente no contexto lingüístico e cultural galego, ao tempo que se lles facilitará información de utilidade para acceder ao mundo laboral.

As sesións desenvolveranse entre o 15 de novembro e o 20 de decembro de 2012. O prazo de inscrición remata o 12 de novembro.

Se desexa máis información prema aquí.


24/10/2012. CURSOS E CONGRESOS

IX Xornadas sobre lingua e usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a novena edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán arredor do tema Lingua e tradución. As xornadas terán lugar os días 28, 29 e 30 de novembro de 2012 no Salón de graos da Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 21 de novembro.

Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da matrícula, prema aquí.
23/10/2012. OUTRAS

Parellaes, programa de intercambio lingüístico galego-catalán

O Departamento de Filoloxía Galega e mais a Área de Catalán da Universidade de Santiago de Compostela organizan Parellaes, un programa académico de intercambio lingüístico galego-catalán/catalán-galego.