Novas da lingua

Rexistros3541 a 3570 de 5363
30/01/2013. DINAMIZACIóN

En galego enténdote, non cambies

O Concello de Xove, en colaboración coas entidades deportivas do municipio, está a desenvolver desde o pasado mes de outubro de 2012 a campaña de dinamización lingüística "En galego enténdote, non cambies", deseñada para fomentar o uso do galego no ámbito do deporte e promover o mantemento do idioma entre a poboación galegofalante.

No marco desta iniciativa desenvolvéronse dúas accións: un servizo de asesoramento lingüístico ás entidades deportivas e unha campaña gráfica que consistiu na colocación de cinco carteis publicitarios coa imaxe de deportistas de referencia do municipio e o lema “En galego enténdote, non cambies”.

Para obter máis información, preme aquí.
24/01/2013. OUTRAS

Táboas, para falar de deporte galego en galego

Nace Táboas, un novo medio dixital en lingua galega especializado en deporte galego. O equipo redactor comprométese a ofrecer as principais novidades deportivas tratando con equidade os temas relacionados coas diferentes disciplinas (fútbol, baloncesto, patinaxe, competicións de motor…).

Esta iniciativa, que supón un novo pulo para a introdución do galego no ámbito do deporte, súmase a outras como Zonapress, a primeira publicación sobre baloncesto en galego, que botou a andar o pasado mes de outubro de 2012.
22/01/2013. DINAMIZACIóN

O Entroido sabe mellor en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oroso convoca unha nova edición do concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”. As receitas deben ser típicas do Entroido e estar redactadas en lingua galega.

O prazo de entrega remata o 5 de febreiro de 2013, ás 14:00 h. Con posterioridade, no día sinalado pola organización, os participantes deberán presentar tamén o prato cociñado. A persoa gañadora será premiada cunha cea para dúas persoas nun restaurante do concello e ao/á finalista entregaráselle un libro de cociña.

Para ampliar esta información, preme aquí.
22/01/2013. DINAMIZACIóN

Nova andaina do Correlingua

Bota a andar unha nova edición do Correlingua, iniciativa lúdico-didáctica que este ano 2013 levará por lema “Galego: a chave do mundo”.
O Correlingua comezará o vindeiro 2 de maio en Ourense e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país, ata rematar o 16 de maio na Mariña.

Durante estes meses previos, os centros educativos desenvolverán diferentes actividades lúdico-educativas na aula para introducir a actividade e o alumnado poderá participar en diferentes concursos (vídeo, banda deseñada, elaboración de manifesto e cantalingua).
22/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles os audios das IX Xornadas sobre Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as gravacións dos relatorios das IX Xornadas sobre Lingua e Usos. Lingua e Tradución, que tiveron lugar os pasados días 28, 29 e 30 de novembro de 2012 na Coruña.

Neste mesmo sitio web podes consultar tamén as actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
21/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

A debate a promoción da oralidade no ensino

A Coordinadora Galega de ENDL organiza o III Encontro de equipos e de docentes pola normalización, dirixido a coordinadores/as e membros de equipos de dinamización da lingua galega e demais docentes interesados na normalización lingüística no ensino.

A xornada, que nesta edición estará centrada na promoción da oralidade en galego no ámbito educativo, desenvolverase o 2 de febreiro de 2013 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).


21/01/2013. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos de fomento do galego no ensino público

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para proxectos de fomento do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade pública, para desenvolver no curso 2012-2013.

O prazo de presentación de solicitudes e documentación remata o 14 de febreiro de 2013.
Se desexas consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
21/01/2013. DINAMIZACIóN

XIX Ponte… nas ondas! 2013. Ponte… a brincar!

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! organiza unha nova edición desta experiencia educativa de comunicación interescolar que nesta ocasión, baixo o lema “Ponte… a brincar!”, se centrará na transmisión do patrimonio lúdico galego-portugués.

Os organizadores convidan a comunidade educativa a participar na XIX Xornada Multimedia e mais no VII Certame de Recolla da Tradición Oral Galego-Portuguesa.

Para ampliar esta información, preme aquí.
18/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada

Con motivo da conmemoración do 150 aniversario da publicación de Cantares gallegos, obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas, o Consello da Cultura Galega organiza o congreso Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada, estruturado en cinco xornadas que terán lugar entre os meses de febreiro e xuño de 2013.
17/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

Congreso Internacional sobre Linguas Europeas en Perigo de Extinción

O Centro Interdisciplinar de Documentação Lingüística e Social organiza o Congreso Internacional sobre Linguas Europeas en Perigo de Extinción, que terá lugar os días 17 e 18 de outubro de 2013 en Minde (Portugal), co obxectivo de promover a reflexión sobre a diversidade lingüística en Europa.

O comité organizador convida a especialistas e estudosos/as dos ámbitos da documentación lingüística, a tecnoloxía lingüística e a diversidade lingüística a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 31 de maio de 2013.

Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
16/01/2013. OUTRAS

Probas para a obtención dos certificados de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas para a obtención dos Celga 1, 2, 3 e 4 que se desenvolverán neste ano 2013. Poderán presentarse a estas probas todas as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do ano 2013.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 3 de abril de 2013.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. (corrección de erros)
15/01/2013. DINAMIZACIóN

Calendario Roberto Vidal Bolaño, un home do aquí

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística está a difundir no seu web o Calendario Roberto Vidal Bolaño 2013, editado polo EDLG do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia.

Con esta iniciativa quérese render homenaxe á figura do dramaturgo, actor, guionista e director Roberto Vidal Bolaño, a quen a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.
15/01/2013. DINAMIZACIóN

As razóns dos novos/as galegos/as para aprender galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo presenta o vídeo Nov@s galeg@s que queren falar galego, realizado no marco do Obradoiro de integración lingüística e cultural que organizou este SNL en 2012.

O vídeo recolle as razóns e as motivacións que os participantes neste obradoiro teñen para aprender galego, o que o converte nun documento interesante para achegarse ás actitudes lingüísticas do colectivo de inmigrantes e emigrantes retornados residentes en Galicia.
11/01/2013. LEXISLACIóN

Edítase a primeira versión en galego da Constitución de 1812

Co gallo do centenario da súa promulgación, O Consello da Cultura Galega presenta a primeira edición en lingua galega da Constitución Política da Monarquía Española promulgada en Cádiz o 19 de marzo de 1812 e do Discurso preliminar lido nas Cortes ao presentar a Comisión de Constitución o seu proxecto.
09/01/2013. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística no ámbito educativo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, para desenvolver en centros de ensino dependentes desta consellería no curso académico 2012-2013.

De entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que serán premiados con cadansúa axuda de 2000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
09/01/2013. EMPREGO

Bolsas de prácticas laborais para titulados/as en Filoloxía Galega

A Deputación de Pontevedra convoca bolsas de prácticas laborais para titulados/as universitarios/as, menores de 31 anos e sen experiencia laboral previa, que desenvolverán as tarefas tanto nos servizos e centros dependentes da Deputación, como en diferentes concellos da provincia.
07/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a adultos e colectivos de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 25 de xaneiro de 2013. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
04/01/2013. CURSOS E CONGRESOS

Simposio sobre Dialectoloxía Perceptiva

A rede de investigación Tecnoloxías e Análise dos Datos Lingüísticos organiza o simposio Metodoloxía para o estudo perceptivo da variación prosódica dialectal, que se desenvolverá durante os días 17 e 18 de xaneiro de 2013 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. As conferencias e seminarios tamén se poden seguir en liña a través de Adobe - Connect.

A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o vindeiro 15 de xaneiro. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.

20/12/2012. DINAMIZACIóN

Gústanos o galego!

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta o vídeo Gústame… o galego!, xerado a partir da campaña que, co mesmo nome, se desenvolveu no marco do Culturgal 2012.
20/12/2012. INVESTIGACIóN

Nova Escola Galega opina sobre a lingua no ensino

Ante o debate social xerado polos últimos acontecementos no ámbito educativo, Nova Escola Galega presenta un novo número da súa publicación periódica NEG Opina, co ánimo de contribuír á reflexión sobre o papel que debe ocupar o galego no sector do ensino.

Neste novo número, que leva por título Lingua e ensino: regreso ao pasado?, reflexiónase sobre o papel das linguas previsto no anteproxecto da LOMCE, analízanse as últimas sentenzas do TSXG en relación ao Decreto do Plurilingüismo e valóranse os datos da aplicación deste Decreto nas aulas e mais o informe emitido polo Consello de Europa sobre a aplicación en Galicia da Carta europea das linguas minoritarias e rexionais.
19/12/2012. OUTRAS

A edición en Galicia no ano 2011

A Asociación Galega de Editores e mais a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentaron publicamente o informe Comercio Interior do Libro en Galicia 2011, que ofrece unha radiografía do sector editorial galego na conxuntura económica actual.

Segundo os datos que achega o estudo, en 2012 editáronse en Galicia 2 156 títulos, dos que 1 587 están en galego, o que supón un 73,6% do total. No que respecta ás vendas, a facturación total do ano ascendeu a 27,16 millóns de euros (21,47 millóns as edicións en galego), da que máis da metade corresponde ao libro de texto non universitario e á literatura infantil e xuvenil.

Para ampliar esta información, preme aquí.
19/12/2012. INVESTIGACIóN

A sociolingüística en letra miúda

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística presenta o primeiro número de A letra miúda, unha publicación dixital de carácter non academicista deseñada para achegarlle ao profesorado formación en aspectos básicos de sociolingüística.

A revista ofrecerá tanto artigos teóricos sobre o ensino de linguas como experiencias educativas prácticas desenvolvidas en contextos de contacto lingüístico. A maiores, no apartado de Recomendacións, incluiranse artigos en liña, recensións de publicacións de referencia e ligazóns de utilidade.
19/12/2012. DINAMIZACIóN

Preséntase en Lugo a colección Xaquelín

A Asociación Xaquedrum presenta a colección Xaquelín, unha serie de cadernos didácticos en lingua galega destinados aos escolares de Lugo que están a aprender este xogo de estratexia a través do programa Xaque nas aulas.

A colección Xaquelín, editada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, divídese en dous niveis, iniciación e perfeccionamento. Os cadernos presentados agora son os que corresponden ao nivel de iniciación: Xaque nas aulas e Viaxe polo mundo do xadrez. A maiores, está xa en preparación o caderno do nivel de perfeccionamento Mate con tomate.

Para ampliar esta información, prema aquí.
19/12/2012. DINAMIZACIóN

A USC proxéctase en galego

Onte, 17 de decembro, tivo lugar a presentación pública de Proxéctate en Galego, espazo web da USC promovido polas comisións de normalización lingüística do Campus de Lugo.

O obxectivo é crear un espazo para a promoción do galego no que a comunidade universitaria, e a sociedade en xeral, poida acceder a ferramentas TIC de utilidade e coñecer experiencias positivas de persoas que usan o galego como lingua vehicular nos diferentes ámbitos académicos e profesionais.
17/12/2012. DINAMIZACIóN

Os concellos galegos festexan o Nadal en Rede

A Rede de Dinamización Lingüística presenta o programa Nadal en Rede, que inclúe diferentes iniciativas e materiais de apoio para que os concellos adscritos á Rede poidan festexar estas datas en galego.
17/12/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras

O pasado venres, 14 de decembro, a Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixéronlles entrega dos seus respectivos premios aos galardoados da décimo terceira edición do Premio Manuel Beiras.
Os premiados deste ano foron a empresa Galensigna, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, a Autoescola Mata, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego, e a Asociación Hostalería Compostela, que recibiu unha distinción especial pola súa promoción do galego no ámbito hostaleiro en xeral e nas súas propias comunicacións en particular.

Se desexas ampliar esta información, preme aquí.
14/12/2012. INVESTIGACIóN

Preséntase o Dicionario moderno inglés-galego

Onte, 13 de decembro de 2012, tivo lugar no Edificio da Reitoría da Universidade de Vigo a presentación oficial do Dicionario moderno inglés-galego , froito de dez anos de traballo do Seminario de Lingüística Informática da UVigo.
A obra, publicada por 2.0 Editora, recolle 20 000 entradas con vocabulario de uso frecuente en inglés e 30 000 correspondencias en galego, xunto cos seus contextos de uso, baseadas en traducións reais.

Para ampliar esta información, preme aquí.
13/12/2012. DINAMIZACIóN

Catálogo de Nadal de Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o Catálogo de Nadal Abertos ao Galego, un abano de servizos e produtos en galego producidos polas empresas adscritas ao proxecto Abertos ao Galego, que pode ser de utilidade como proposta para os agasallos típicos destas datas.

Abertos ao Galego é un certificado que se lles concede ás empresas, comercios, asociacións ou entidades de diversa índole que demostran un compromiso coa normalización do idioma galego.
13/12/2012. DINAMIZACIóN

O galego vende en Redondela

No marco da campaña de dinamización lingüística O noso vende, A Asociación de Empresarios e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela convocan o II Concurso de escaparates de Nadal, deseñado para promover o uso do galego na mercadotecnia do comercio redondelán.

Os comercios participantes deben preparar unha decoración especial relacionada coa campaña de Nadal e usar o galego en todas as mensaxes comerciais, sinalizacións e textos informativos. O prazo para formalizar a inscrición remata o 20 de decembro de 2012.

Se desexas máis información, preme aquí.
12/12/2012. DINAMIZACIóN

Os Reis Magos convidan os nenos de Ames e Santiago a escribirlles en galego

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames e Santiago organizan cadanseu concurso de cartas aos Reis Magos, para fomentar a creatividade dos máis pequenos/as da casa e promover o uso do galego nas actividades do lecer.