Novas da lingua

Rexistros3601 a 3630 de 5145
20/09/2012. INVESTIGACIóN

En liña o cuarto volume de Estudos de Lingüística Galega

O Instituto da Lingua Galega presenta o cuarto volume de Estudos de Lingüística Galega, revista de periodicidade anual que quere ser un espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego.

A publicación inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analizan directa ou indirectamente o noso idioma.
20/09/2012. OUTRAS

A USC presenta novos recursos terminolóxicos e didácticos

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC presentan cinco novas unidades didácticas en galego, que completan a colección que edita periodicamente esta universidade froito do traballo do seu Obradoiro de elaboración de unidades didácticas.

No seo desta mesma CNL elaborouse a obra Termos esenciais de dereito internacional, que se suma tamén a outros títulos do repertorio terminográfico da USC como, por exemplo, o Vocabulario forestal (galego-español-inglés), presentado polo SNL a pasada semana.
19/09/2012. DINAMIZACIóN

O alumnado rianxeiro convídate a refrescar a palabra

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Félix Muriel e mais o Concello de Rianxo presentan a campaña de dinamización lingüística Refresca a palabra, que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito da hostalaría.

A través desta iniciativa, distribuiranse entre os establecementos hostaleiros do concello pousavos (cara a, cara b) co lema da campaña deseñados polo alumnado do IES Felix Muriel.
19/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

Coloquio sobre as políticas lingüísticas en democracias multilingües

A Universidad Pablo de Olavide (Sevilla) está a organizar o coloquio Políticas lingüísticas en democracias multilingües: ¿es evitable el conflicto?, que terá lugar nesta universidade os días 12 e 13 de decembro do vindeiro ano 2013.
O obxectivo do coloquio será analizar como os diferentes territorios que compoñen o Estado xestionan a súa autonomía política en materia lingüística, así como os posibles conflitos derivados deste proceso.

O comité organizador convida especialistas e estudosos/as do tema a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 15 de xaneiro de 2013.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
18/09/2012. DINAMIZACIóN

Rianxo móllase polo galego

O Concello de Rianxo e a plataforma Vitaminas para o galego están a desenvolver a campaña Móllate polo galego, co ánimo de sensibilizar a mocidade co uso do idioma propio de Galicia.
O acto principal da campaña desenvolverase o vindeiro 22 de setembro de 2012 na praia de Tanxil (Rianxo), onde se celebrarán diferentes actividades lúdicas e se repartirán camisolas co lema “Móllate polo galego”.
18/09/2012. DINAMIZACIóN

ProLingua renova a súa cerna e o seu sitio web

O colectivo ProLingua aprobou na asemblea do pasado sábado, 15 de setembro de 2012, a listaxe de persoas que conformarán a Cerna de ProLingua, así como o programa de actividades para o período 2013-2015.

Coincidindo co proceso de conformación da cerna, o colectivo aproveitou para presentar tamén o seu renovado sitio web, a través do que se dará información tanto das accións que desenvolva o colectivo como doutras novas de actualidade relacionadas coa normalización do idioma galego.
13/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

Témoslle lei: dereitos lingüísticos en Galicia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan o ciclo de conferencias Dereitos lingüísticos en Galicia. O ciclo está destinado en xeral a todas as persoas interesadas no tema da protección e defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía, e nomeadamente ao estudantado de Dereito, de Ciencias Políticas e da Administración, de Relacións Laborais e de Filoloxía Galega.

As sesións terán lugar na Facultade de Dereito da USC, os días 28 de setembro; 5, 19 e 26 de outubro; e 9 e 16 de novembro de 2012. A matrícula é de balde e o prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de setembro.


13/09/2012. DINAMIZACIóN

Organiza o novo curso en galego

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística pon ao dispor da comunidade educativa o Calendario Escolar 2012-2013 para primaria e secundaria en diferentes formatos: anual, mensual e de aula.

Pola súa parte, o Servizo de Normalización Lingüística e mais a Concellería de Ensino do Concello de Redondela presentan a Axenda Escolar Redondelá 2012/2013, unha ferramenta de traballo destinada ao alumnado de 2º e 3º ciclo de primaria e de 1º e 2º da ESO, que inclúe tamén información sobre o patrimonio lingüístico e cultural do concello.
11/09/2012. OUTRAS

Preséntase o imaxin Galgo 2.0

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o imaxin Galgo 2.0, unha versión actualizada do coñecido corrector Galgo (cuxa primeira versión foi presentada en 1999), elaborado pola empresa compostelá imaxin/software.
10/09/2012. DINAMIZACIóN

Festival de monólogos en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para promover o uso oral do galego.
O festival, que terá lugar os sábados 1, 8, 15 e 29 de setembro , e o 6 de outubro de 2012, inclúe as actuacións de Avelino González, Isabel Risco, Rober Bodegas e Carlos Blanco (para o público adulto), e Carmen Conde Gaute, coa compañía Os Tres Contantes e Sonantes (para o público infantil).
Para ampliar a información, prema aquí.

10/09/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos de preparación dos CELGA (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.
10/09/2012. INVESTIGACIóN

Pontevedra recupera os seus topónimos

O Servizo de Normalización Lingüística de Pontevedra presenta Chamámonos así, un proxecto que ten como finalidade manter, recoller e difundir a toponimia de oito parroquias pontevedresas.

Para dar conta da evolución do proxecto, o Concello de Pontevedra creou un blog onde a cidadanía pode consultar os artigos que elaboran diariamente os técnicos/as de campo e colaborar, a través dun formulario, achegando a toponimia que coñeza.
10/09/2012. DINAMIZACIóN

Monólogos de serán

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa Monólogos de serán, que se desenvolverá no marco da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) e que ten como obxectivo promover o galego no ámbito das actividades culturais e de lecer.
A través deste programa, nove localidades adscritas á RDL contarán coa actuación do actor Carlos Meixide. Os monólogos terán lugar durante os seráns das fins de semana.


10/09/2012. DINAMIZACIóN

Navega en galego

Xorde na rede a iniciativa Navega en galego, deseñada para promover a elección do galego como lingua favorita nos navegadores web.
No blog da iniciativa expóñense as razóns polas que é importante configurar o galego como lingua preferida nos navegadores, así como as indicacións necesarias para facelo.
Este proxecto súmase a outros anteriores como “Navega en galego” e “Eu navego en galego” (do SNL do Concello de Cerceda), ou “Como navegar en galego” (Galipedia).
02/08/2012. DINAMIZACIóN

Redecinema, nova iniciativa de dinamización lingüística para o verán

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Deputación de Ourense presentaron o programa Redecinema, destinado a promover o audiovisual en lingua galega no marco da Rede de Dinamización Lingüística.
A primeira iniciativa do programa consistirá na proxección do filme Vilamor nos concellos da provincia de Ourense que forman parte da Rede. As proxeccións, destinadas a todos os públicos, serán de balde e terán lugar ao aire libre durante os seráns do verán.
Se desexa máis información, prema aquí.
02/08/2012. DINAMIZACIóN

O pequeno comercio pontevedrés comprométese co galego

Un grupo de vinte e unha pequenas empresas do Concello de Pontevedra asinaron publicamente onte, 1 de agosto de 2012, un decálogo de compromisos para usar o galego nas súas relacións comerciais, tanto coa cidadanía como coas administracións ou empresas provedoras e auxiliares coas que traballan.
A iniciativa enmárcase na campaña Proba en galego, que está a desenvolver o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra co ánimo de dinamizar o uso do galego na pequena empresa e no comercio locais.
26/07/2012. DINAMIZACIóN

Compostela volve xantar en galego

Bota a andar a terceira edición da campaña "Xantar Compostela", unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostelería Compostela co obxectivo de promover a presenza da lingua galega no ámbito da hostalaría compostelá.
24/07/2012. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia presenta a campaña “Redes sociais en galego”

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentaron onte publicamente a campaña “Redes sociais en galego”, coa que queren facer explícito o seu apoio ás diferentes iniciativas de galeguización das redes sociais que están a promover os internautas.
18/07/2012. OUTRAS

Manual de estilo para as publicacións institucionais da Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia presenta o Manual de estilo para o Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, co obxectivo de unificar formas lingüísticas, aspectos formais de edición e criterios de redacción, contribuíndo así a facer das publicacións institucionais un produto de calidade.

A partir de agora, estas serán as normas de referencia para as publicacións institucionais en formato papel ou electrónico, os contidos das páxinas web dos distintos departamentos da Xunta de Galicia, os gabinetes de comunicación do goberno galego e os manuais formativos.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
18/07/2012. OUTRAS

A CTNL presenta unha proposta para a mellora do sistema Celga

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) acaba de facer público o documento “Proposta para a mellora da planificación e xestión dos Celga”, onde se recollen diferentes reflexións sobre o actual sistema de certificación da lingua galega e se achegan propostas para a súa mellora.
09/07/2012. DINAMIZACIóN

Constitúese a Irmandade Galega de Adegueiros

O pasado sábado, 7 de xullo de 2012, tivo lugar en Ribadavia a presentación pública da Irmandade Galega de Adegueiros, entidade que ten como obxectivo fomentar a etiquetaxe en galego dos produtos agroalimentarios.
A Irmandade, promovida polo Foro Enrique Peinador, está integrada por 34 adegas e 8 empresas de distribución.
09/07/2012. AXUDAS E PREMIOS

VI Certame de Investigación Condado de Pallares

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación, a Deputación de Lugo, a Obra Social de Novacaixagalicia e os concellos de Guntín e Taboada, presenta a sexta edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o ámbito rural.
05/07/2012. CURSOS E CONGRESOS

X Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos está a organizar a décima edición do seu congreso internacional, que nesta ocasión leva por título “Galiza alén do Arco Atlántico: unha visión multidisciplinar dos estudos galegos". As sesións terán lugar entre os días 12 e 14 de setembro de 2012 na Universidade de Cardiff/Caerdydd (Gales).
Ao longo destes días, xuntaranse máis de cen relatores para reflexionar sobre Galicia desde diferentes perspectivas (lingüística, cultural, histórica, social…).
No sitio web do congreso atopará máis información sobre o programa e os trámites de inscrición.
05/07/2012. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital do mes de xuño

Xa podes consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
Entre os contidos deste número salientamos a nova sobre os cursos de iniciación á lingua que organiza a USC para os estudantes Erasmus que chegan a Galicia, a presentación dos datos de uso do éuscaro e o valenciano no sistema universitario do País Vasco e Valencia ou a información sobre a incorporación do galego na base de datos do Grand dictionnaire terminologique (GDT).
29/06/2012. OUTRAS

ProLingua rende homenaxe a Agustín Fernández Paz


Mañá, 30 de xuño, ás 12.30 h, terá lugar no Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia de Vigo a “Homenaxe Nacional a Agustín Fernández Paz, un acto que promove a plataforma cidadá ProLingua e que será conducido pola escritora Rosa Aneiros.
Con este acto, os promotores da iniciativa queren facer un recoñecemento público tanto á traxectoria profesional deste pedagogo e prolífico escritor, como á súa traxectoria vital, símbolo de compromiso co idioma galego.
29/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

III Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan o III Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega, destinado ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2011-2012 así como en xeral aos licenciados/as en Dereito. O premio concederase en dúas modalidades, 600 euros na modalidade de estudantes e 900 euros na modalidade de licenciados/as. O prazo de presentación dos traballos remata o 19 de outubro de 2012.
28/06/2012. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de escrita creativa “Express-Até”

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza un obradoiro de creación de guións e escrita creativa que ten como obxectivos achegarse á escrita dun xeito alternativo, mellorar as habilidades comunicativas e fomentar a creación de espazos de uso para a lingua galega.
O obradoiro, destinado a mozas e mozos de entre 12 e 18 anos, desenvolverase durante o mes de xullo no Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado). O prazo de inscrición remata o 30 de xuño.
Se desexa máis información, prema aquí.
27/06/2012. DINAMIZACIóN

Chapela falará galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Chapela presenta o Lipdub “Eu falarei”, un traballo colectivo desenvolvido entre a comunidade educativa e a veciñanza de Chapela no que participaron máis de 400 persoas.
Coa letra do propio EDLG de Chapela e a música do "I will survive" de Gloria Gaynor, “Eu Falarei” transmite unha mensaxe esperanzada sobre o futuro da lingua galega e o compromiso da mocidade redondelá de promovela e usala para que non esmoreza.
26/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de dinamización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica as resolucións das axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados de Galicia.
Os/as interesados/as teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño para presentar nos gabinetes provinciais de normalización lingüística as correspondentes xustificación de gastos.
Se desexa consultar as resolucións, prema aquí.
25/06/2012. DINAMIZACIóN

Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2013

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 22 de xuño de 2012, dedicarlle o Día das Letras Galegas 2013 a Roberto Vidal Bolaño. Vidal Bolaño é, como autor teatral, unha peza clave e referente imprescindible do noso sistema literario, converténdose coa súa ampla obra en principal dinamizador e transformador do Teatro Galego. Tamén é salientable o seu labor como actor, director e guionista audiovisual. Na súa obra destacan, entre outros, títulos como Laudamuco, Señor de Ningures (1976), Saxo tenor (1993) ou Rastros (1998).