Novas da lingua

Rexistros3601 a 3630 de 5280
23/05/2012. AXUDAS E PREMIOS

Premio Leixaprén 2012 para Imaxín Software

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) fixo público o gañador do Premio Leixaprén, que ten como obxectivo recoñecer o labor de persoas e entidades que traballan a prol do idioma galego.
O Premio Leixaprén 2012, dirixido nesta edición ao ámbito socioeconómico, foille outorgado á empresa Imaxín Software, pola súa “coherencia, calidade, innovación e modernidade”, segundo fontes da propia CGENDL.
O acto de entrega do galardón terá lugar este sábado 26 de maio, no transcurso dun xantar que se celebrará no Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela.
21/05/2012. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oroso

O Concello de Oroso anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello. O proceso de selección consistirá nun concurso de méritos.
O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/05/2012. OUTRAS

Kubus, para falar de fútbol en galego

Preséntase na rede o proxecto Kubus, unha revista sobre o fútbol e a súa historia en lingua galega. Seguindo o exemplo de So Foot en Francia, Un Caño en Arxentina ou 11 Freunde en Alemaña, o obxectivo é levar ao prelo cada mes arredor de cen páxinas con contido futbolístico no noso idioma.
16/05/2012. EMPREGO

Praza de normalizador/a lingüístico/a no Concello da Estrada

O Concello da Estrada anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.
16/05/2012. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XIX Premios de Publicidade en Galego

Os consellos asesores de RTVE en Galicia e da CRTVG entregaron o pasado 14 de maio os XIX Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.
16/05/2012. OUTRAS

Autores e autoras galegas opinan sobre o estado actual do idioma galego

Baixo a dirección de Xosé Bocixa, diferentes persoeiros do ámbito cultural galego reflexionan sobre o estado actual da normalización lingüística e sobre a política lingüística do actual goberno.

O resultado é o vídeo “A lingua galega. Reflexións na etapa “Feijo”, que recolle as opinións de Lois Dieguez, Xurxo Souto, F. Xosé Fernández Naval, Antía Otero, X. R. Freixeiro Mato, Dores Tembrás, Estibaliz Espinosa, Pilar Pallarés ou Ánxeles Penas sobre diferentes aspectos relacionados co estado actual do idioma.
15/05/2012. DINAMIZACIóN

O Consello da Cultura Galega festexa as Letras Galegas

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas o Consello da Cultura Galega presentou o poemario Canto do pobo disperso, transcrición e facsímile dun inédito de Valentín Paz Andrade, escrito en Bogotá (Colombia) en 1955.
Así mesmo, o mércores 16 de maio, ás 21:00 h, terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o II concerto “Día das Letras Galegas”, coa actuación da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave e acompañada pola Sociedade Coral Polifónica e o Coro Académico do Conservatorio Profesional “Manuel Quiroga” de Pontevedra.
A entrada é libre e gratuíta.


15/05/2012. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades españolas e do estranxeiro.
En concreto, ofértanse prazas de lector/a nas universidades do País Vasco, Birmingham, Sorbona-Paris III, Cork, Bahía e no Queen’s College de Oxford.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/05/2012. DINAMIZACIóN

Activades para celebrar as Letras Galegas no Concello da Estrada

O Concello da Estrada, en colaboración con entidades culturais do municipio, está a desenvolver ao longo deste mes de maio diferentes actividades de promoción e divulgación do Día das Letras Galegas.

12/06/2012. EMPREGO

Resólvese a convocatoria de bolsas no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución coa adxudicación das oito bolsas de formación en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se desexa consultar o documento prema aquí.
10/05/2012. DINAMIZACIóN

Guía teórica e metodolóxica para a dinamización lingüística

A CTNL presenta Traballarmos en dinamización lingüística. Unha introdución, segundo volume da colección Documentos CTNL, deseñada co obxectivo de elaborar, compilar e difundir materiais de referencia para o apoio, análise e proposta sobre o traballo en normalización lingüística.
Este segundo documento está elaborado por Isabel Vaquero Quintela, responsable técnica da Área de Dinamización Lingüística do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Para ampliar esta información, prema aquí.
10/05/2012. DINAMIZACIóN

Compostela tamén se une á celebración das Letras Galegas

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o
programa
para festexar o vindeiro Día das Letras Galegas, destinado ao público infantil.
O programa inclúe diferentes actividades lúdicas, como sesións de contacontos participativos, obradoiros de debuxo e de creación literaria, a celebración do xogo colectivo “Atopando Compostela”, Galego de Cine e Títerehop, estas dúas últimas promovidas pola Rede de Dinamización Lingüística.

No web do Departamento de Lingua pode consultar a ficha descritiva de cada actividade.
10/05/2012. DINAMIZACIóN

Redondela homenaxea a Valentín Paz Andrade

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta o programa de divulgación da figura e da obra de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras 2012.
No marco deste programa o xornalista Xan Carballa dará unha conferencia o vindeiro 11 de maio, no Auditorio Xosé Figueroa, sobre a vida e a obra deste autor e o 17 de maio terá lugar o acto institucional de celebración das Letras Galegas nos Xardíns da Alameda.
09/05/2012. DINAMIZACIóN

Vitaminas para o galego en Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza o concerto Vitaminas para o galego, unha iniciativa deseñada para promover o uso do galego nos medios de comunicación que terá lugar o vindeiro 16 de maio, ás 21:00 h, no Pazo da Cultura de Carballo.
A actuación musical correrá a cargo de Sés (María Xosé Silvar e Tito Calviño) e no transcurso do acto, que será presentado por Paula Carballeira, farase entrega do VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo.
A entrada é libre e gratuíta.
12/06/2012. DINAMIZACIóN

Vigo tamén celebra o mes de maio en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo desenvolverá ao longo deste mes de maio “Vigo, en galego”, un programa de dinamización lingüística que inclúe actividades adaptadas ás diferentes tipoloxías de público: infantil e familiar; adulto e asociacións.
O programa, que conta coa colaboración especial de Uxía Blanco e Benigno Campos, inclúe xincanas e ludotecas lingüísticas, proxeccións de cine en galego, charlas sobre toponimia ou cursos de escrita creativa, entre outras actividades.
Se desexa ampliar esta información, prema aquí.

04/05/2012. DINAMIZACIóN

Redondela festexa o Día da Nai na “lingua nai”

A Asociación de Empresarios de Redondela, o Servizo de Normalización
Lingüística municipal e Radio Redondela promoven unha campaña de uso do galego no comercio redondelán con motivo da celebración do Día da Nai.
No marco desta iniciativa, incluída no programa de dinamización lingüística do comercio local “O noso vende”, desenvolveranse diferentes accións, como a emisión de cuñas publicitarias de carácter divulgativo en Radio Redondela ou a difusión de tarxetas e adhesivos de agasallo co lema “Con todo o meu agarimo”.
03/05/2012. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución ao galego de obras publicadas noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


03/05/2012. INVESTIGACIóN

Xosé Luís Regueira incorpórase á RAG reflexionando sobre a lingua oral

O vindeiro 2 de xuño de 2012, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria pública con motivo da recepción como académico de número de Xosé Luís Regueira.
Xosé Luís Regueira, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, lerá o discurso “Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI”, ao que responderá o tamén académico Manuel González.
O acto terá lugar na sede da RAG (rúa Tabernas, 11. A Coruña).
02/05/2012. DINAMIZACIóN

Monográfico didáctico sobre Valentín Paz Andrade

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa un monográfico sobre Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. O monográfico compila recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula.
02/05/2012. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) presentan a oitava edición do seu programa de actividades Maio, Mes da Lingua 2012, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.

O programa inclúe, entre outras actividades, exposicións didácticas, conferencias, concertos musicais, programas de radio, xincanas lingüísticas, unha festa da lingua e proxeccións de cine en galego.
30/04/2012. DINAMIZACIóN

Preséntase a programación conmemorativa do 50 aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta o programa de actividades que desenvolverá este ano 2012, xunto con outras institucións e entidades colaboradoras, para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas.

30/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Carlos Callón, autor do artigo “Fai teu o galego”, foi o gañador da oitava edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1 000 euros e o artigo gañador será publicado nos once medios de comunicación colaboradores.

30/04/2012. DINAMIZACIóN

Webquest sobre Valentín Paz Andrade e o Xornal Galicia

A Fundación Barrié pon ao dispor da comunidade educativa a webquest “Medrando co xornal Galicia e Valentín Paz Andrade”, unha unidade didáctica multimedia coa que se quere conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas e render homenaxe a Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado este ano.

A webquest, deseñada para o alumnado de 3º e 4º da ESO da materia de Lingua e Literatura Galegas, ten como obxectivos principais familiarizar o estudantado co funcionamento dun medio de comunicación como é un xornal, así como achegalo, a través da praxe comunicativa, á figura de Valentín Paz Andrade.
27/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

IV Certame de Cinema OUFF Escola

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o IV Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XVII Festival de Cine Internacional de Ourense.

27/04/2012. DINAMIZACIóN

Ponteceso conmemora o XXX aniversario das Festiletras cun amplo programa cultural

A Fundación Eduardo Pondal, o Colectivo Con V de Valarés e as asociacións culturais Monte Branco, Inllar e a A Oliveira de Monte Branco presentan a trixésima edición de Festiletras, un amplo programa de actividades que se desenvolverá en Ponteceso entre os días 16 e 20 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas 2012, dedicado a Valentín Paz Andrade.

26/04/2012. OUTRAS

Nace Sermos Galiza, novo xornal en galego

Hoxe, 26 de abril de 2012, bota a andar en internet Sermos Galiza, un novo proxecto xornalístico en lingua galega que, segundo informan os seus promotores, ten a “vocación de se transformar en referente informativo dos intereses da nación galega”.

Ademais do xornal dixital, o proxecto inclúe un semanario en papel, cuxo primeiro número sairá á rúa o vindeiro 17 de maio. Este grupo de comunicación está impulsado pola iniciativa social Sermos Galiza.
25/04/2012. DINAMIZACIóN

Conflitos de amor e idioma en Amores Prohibidos 2.0

O grupo de teatro Chévere presenta Amores Prohibidos 2.0, un proxecto teatral interactivo e participativo que versiona a historia de Romeo e Xulieta, agora Romero e Xiana, co conflito lingüístico como marco.

23/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia convida a festexar as Letras Galegas coa lingua de namorar

Con motivo da celebración o vindeiro día 17 de maio do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convocan Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor.

23/04/2012. DINAMIZACIóN

Novo proxecto para a introdución do galego no audiovisual internacional

Miguel Ángel Lago e Pablo Salgado, estudantes do 1º curso do Grao de Enxeñaría Informática da USC, presentan o seu web Subtítulosengalego.com, un proxecto que ten como principal obxectivo introducir o idioma galego no ámbito do audiovisual internacional.

23/04/2012. EMPREGO

Bolsas para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia

A Universidade de Vigo, en colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística, convoca 7 bolsas de formación para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia.

A actividade dos/as bolseiros/as consistirá en recoller a microtoponimia das parroquias dos concellos de Allariz, Castrelo de Miño, A Bola, Poio, Redondela, Salceda e Tomiño.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 4 de maio de 2012. Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.