Novas da lingua

Rexistros3661 a 3690 de 5145
03/05/2012. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución a outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución ao galego de obras publicadas noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


03/05/2012. INVESTIGACIóN

Xosé Luís Regueira incorpórase á RAG reflexionando sobre a lingua oral

O vindeiro 2 de xuño de 2012, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria pública con motivo da recepción como académico de número de Xosé Luís Regueira.
Xosé Luís Regueira, catedrático de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela, lerá o discurso “Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI”, ao que responderá o tamén académico Manuel González.
O acto terá lugar na sede da RAG (rúa Tabernas, 11. A Coruña).
02/05/2012. DINAMIZACIóN

Monográfico didáctico sobre Valentín Paz Andrade

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa un monográfico sobre Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. O monográfico compila recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula.
02/05/2012. DINAMIZACIóN

Maio, mes da lingua en Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) presentan a oitava edición do seu programa de actividades Maio, Mes da Lingua 2012, sumándose así aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que ao longo deste mes terán lugar por todo o país.

O programa inclúe, entre outras actividades, exposicións didácticas, conferencias, concertos musicais, programas de radio, xincanas lingüísticas, unha festa da lingua e proxeccións de cine en galego.
30/04/2012. DINAMIZACIóN

Preséntase a programación conmemorativa do 50 aniversario do Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega presenta o programa de actividades que desenvolverá este ano 2012, xunto con outras institucións e entidades colaboradoras, para conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas.

30/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Carlos Callón, autor do artigo “Fai teu o galego”, foi o gañador da oitava edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1 000 euros e o artigo gañador será publicado nos once medios de comunicación colaboradores.

30/04/2012. DINAMIZACIóN

Webquest sobre Valentín Paz Andrade e o Xornal Galicia

A Fundación Barrié pon ao dispor da comunidade educativa a webquest “Medrando co xornal Galicia e Valentín Paz Andrade”, unha unidade didáctica multimedia coa que se quere conmemorar o 50 aniversario do Día das Letras Galegas e render homenaxe a Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado este ano.

A webquest, deseñada para o alumnado de 3º e 4º da ESO da materia de Lingua e Literatura Galegas, ten como obxectivos principais familiarizar o estudantado co funcionamento dun medio de comunicación como é un xornal, así como achegalo, a través da praxe comunicativa, á figura de Valentín Paz Andrade.
27/06/2012. AXUDAS E PREMIOS

IV Certame de Cinema OUFF Escola

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o IV Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XVII Festival de Cine Internacional de Ourense.

27/04/2012. DINAMIZACIóN

Ponteceso conmemora o XXX aniversario das Festiletras cun amplo programa cultural

A Fundación Eduardo Pondal, o Colectivo Con V de Valarés e as asociacións culturais Monte Branco, Inllar e a A Oliveira de Monte Branco presentan a trixésima edición de Festiletras, un amplo programa de actividades que se desenvolverá en Ponteceso entre os días 16 e 20 de maio para conmemorar o Día das Letras Galegas 2012, dedicado a Valentín Paz Andrade.

26/04/2012. OUTRAS

Nace Sermos Galiza, novo xornal en galego

Hoxe, 26 de abril de 2012, bota a andar en internet Sermos Galiza, un novo proxecto xornalístico en lingua galega que, segundo informan os seus promotores, ten a “vocación de se transformar en referente informativo dos intereses da nación galega”.

Ademais do xornal dixital, o proxecto inclúe un semanario en papel, cuxo primeiro número sairá á rúa o vindeiro 17 de maio. Este grupo de comunicación está impulsado pola iniciativa social Sermos Galiza.
25/04/2012. DINAMIZACIóN

Conflitos de amor e idioma en Amores Prohibidos 2.0

O grupo de teatro Chévere presenta Amores Prohibidos 2.0, un proxecto teatral interactivo e participativo que versiona a historia de Romeo e Xulieta, agora Romero e Xiana, co conflito lingüístico como marco.

23/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

A Xunta de Galicia convida a festexar as Letras Galegas coa lingua de namorar

Con motivo da celebración o vindeiro día 17 de maio do Día das Letras Galegas e o Día de Internet, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado convocan Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor.

23/04/2012. DINAMIZACIóN

Novo proxecto para a introdución do galego no audiovisual internacional

Miguel Ángel Lago e Pablo Salgado, estudantes do 1º curso do Grao de Enxeñaría Informática da USC, presentan o seu web Subtítulosengalego.com, un proxecto que ten como principal obxectivo introducir o idioma galego no ámbito do audiovisual internacional.

23/04/2012. EMPREGO

Bolsas para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia

A Universidade de Vigo, en colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística, convoca 7 bolsas de formación para o alumnado do Curso de formación de especialistas en toponimia.

A actividade dos/as bolseiros/as consistirá en recoller a microtoponimia das parroquias dos concellos de Allariz, Castrelo de Miño, A Bola, Poio, Redondela, Salceda e Tomiño.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 4 de maio de 2012. Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
20/04/2012. DINAMIZACIóN

Música e poesía para darlle vitaminas ao galego

A plataforma Vitaminas para o galego organiza un festival destinado a recadar fondos para os medios de comunicación en galego que conforman a plataforma. O festival terá lugar o vindeiro 27 de abril, ás 22:00 h, na Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela) .
20/04/2012. DINAMIZACIóN

Segunda edición do agasallo sincronizado para o mundo

O colectivo GalegoLab promove a segunda edición do proxecto Agasallo sincronizado para o mundo, que ten como obxectivo conseguir que o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o galego se escoite de xeito sincronizado nos cinco continentes.

19/04/2012. DINAMIZACIóN

A CTNL promove un viveiro de propostas normalizadoras

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presenta o seu viveiro de propostas normalizadoras, un espazo de traballo e intercambio de coñecementos que ten como obxectivo estimular o nacemento de novos proxectos de normalización lingüística.

Para botar a andar a iniciativa, a CTNL convoca unha xuntanza inicial que terá lugar o vindeiro 30 de maio de 2012, ás 17:30 h, na Facultade de Filoloxía da USC (Aula 12).
19/04/2012. EMPREGO

Bolsas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de 5 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Área de Publicacións (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas) e Área Técnica (1 bolsa).

A duración das bolsas será de 7 será ata o 31 de decembro de 2012. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

19/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a producións e coproducións audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais convoca axudas para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural, co ánimo de contribuír ao desenvolvemento da cultura e facilitar o acceso á diversidade cultural das producións audiovisuais galegas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/04/2012. DINAMIZACIóN

Redondela festexa o Día do Libro cunha semana cultural

Co gallo da conmemoración do Día do Libro o vindeiro 23 de abril, A Axencia de Lectura de Chapela e mais a Biblioteca de Redondela, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan a IV Semana do libro. A festa das palabras, que terá lugar entre os días 17 e 29 de abril de 2012.

17/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 17 de abril de 2012, a resolución das axudas para a edición en galego de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.


13/04/2012. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade Paul-Valéry convida a reflexionar sobre a xestión das minorías lingüísticas en Europa

O Laboratorio DIPRALANG, proxecto adscrito á Université Paul-Valéry (Montpellier III), está a organizar o congreso internacional “Xestión das minorías lingüísticas na Europa do século XXI”, que terá lugar os días 10 e 11 de xaneiro do vindeiro ano 2013.

Os principais obxectivos do congreso son reflexionar sobre a relación entre linguas, identidades, estados, e nacións no marco da actual Europa; analizar o lugar que as minorías lingüísticas deben ocupar na construción europea e valorar a eficacia dos actuais instrumentos legais para a súa protección.

O comité organizador convida a especialistas e estudosos/as do tema a participar presentando comunicacións. O prazo para enviar as propostas remata o 15 de agosto de 2012.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
13/04/2012. OUTRAS

Xa se pode integrar o dicionario da RAG no navegador Firefox

O Proxecto Trasno presenta un novo complemento que permite integrar o dicionario da Real Academia Galega na listaxe de buscadores do navegador Firefox.

Despois dun sinxelo proceso de instalación, os/as usuarios/as de firefox poderán facer calquera busca no dicionario da RAG directamente desde a caixa superior dereita do navegador, onde se atopa a listaxe de buscadores.

Para obter máis información, prema aquí.

11/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

IX Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a novena edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario.

O premio está dirixido a toda a comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “deseño dunha campaña normalizadora”.

O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 9 de novembro de 2012.
04/04/2012. INVESTIGACIóN

Alba Nogueira e Francisco Cerviño, novos académicos correspondentes da RAG

A Real Academia Galega aprobou a incorporación de Alba Nogueira e Francisco Cerviño como académicos correspondentes, que colaborarán a partir de agora nas tarefas científicas que desenvolva esta institución.

Francisco Cerviño, médico de profesión, é na actualidade deputado e portavoz de Lingua do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia.

Alba Nogueira é profesora de Dereito Administrativo na USC e especialista en dereitos lingüísticos. Tamén forma parte da Sección de Lingua, Cultura e Comunicación do Consello da Cultura Galega, institución coa colabora no desenvolvemento de congresos e relatorios relacionados coa lexislación lingüística.
04/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades locais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.

No texto da resolución pode consultar a listaxe de entidades locais que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación dun SNL, para o seu mantemento ou para o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística.

03/04/2012. CURSOS E CONGRESOS

XXII Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino.

As sesións terán lugar os vindeiros días 20 e 21 de abril de 2012 na Facultade de Ciencias da Educación (Avda. Xoán XXIII, s/n), en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 18 de abril.


03/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

Premio Pedrón de Ouro 2012 para Nova Escola Galega

O padroado da Fundación Pedrón de Ouro acordou conceder os premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra 2012 ao colectivo pedagóxico Nova Escola Galega e ao artista Henrique Ortiz, respectivamente.

Co galardón “Pedrón de Ouro 2012” recoñéceselle a Nova Escola Galega o seu labor desde hai máis de tres décadas a prol dunha educación democrática, inclusiva, laica e en lingua galega.

Os premios entregaranse o vindeiro 20 de maio de 2012 nun acto literario na Casa Museo de Rosalía (Padrón). A mantedora do acto será a escritora Fina Casalderrey.

03/04/2012. AXUDAS E PREMIOS

XII Concurso de relato oral “Tíralle da lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza este concurso, dirixido ao alumnado e ao profesorado, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias.

Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 17 de abril de 2012. A fase final do concurso celebrarase o 26 de abril en Santiago, no IES Rosalía de Castro.

Se desexa consultar as bases completas do certame, prema aquí.
30/03/2012. INVESTIGACIóN

Accesible na rede o novo dicionario da Real Academia Galega

A Real Academia Galega presenta a nova edición en liña do Dicionario da Real Academia Galega, que establece a norma do galego no referente ao léxico.

Esta nova versión actualizada está adaptada aos cambios da normativa aprobados en 2003 e incrementa de xeito considerable o seu número de entradas, chegando agora aos cincuenta mil artigos lexicográficos. Na maioría das entradas, ofrécese tamén a posibilidade de escoitar a pronunciación das palabras.

Coincidindo coa nova edición do seu dicionario, a RAG presenta tamén a versión actualizada do seu sitio web.