Novas da lingua

Rexistros3751 a 3780 de 5145
25/01/2012. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro de equipos e de docentes pola normalización

A Coordinadora Galega de ENDL organiza o II Encontro de equipos e docentes pola normalización, dirixido a coordinadores/as e membros de equipos de dinamización da lingua galega, e demais docentes interesados/as na normalización lingüística.
A xornada terá lugar o 11 de febreiro de 2012 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).

A asistencia é gratuíta, previa inscrición en correo@coordinadoraendl.org.
Os equipos que queira participar na mostra de materiais deben confirmalo antes do 8 de febreiro.
25/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para proxectos de fomento de galego no ensino non universitario

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca dúas liñas de axudas para proxectos de fomento do galego no ámbito educativo durante o curso 2011-2012, unha destinada aos centro de titularidade pública e outra aos de titularidade privada.

Nos dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das convocatorias.
25/02/2012. DINAMIZACIóN

Tándem de conversa para aprender idiomas

A Universidade de Vigo e mais a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela organizan cadanseu programa de aprendizaxe de linguas na modalidade “tándem”.

O Tándem de conversa da Universidade de Vigo está dirixido a persoas voluntarias e alumnado interesado en aprender ou mellorar un idioma a través do intercambio mutuo de coñecementos. Os interesados/as deben remitir a solicitude á Oficina de Relacións Internacionais, que se encargará de poñer en contacto os membros de cada tándem.

Pola súa parte, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da EOI de Santiago organiza o Tándem en galego, un espazo de intercambio entre persoas que queren aprender galego, ou mellorar o seu nivel oral, e voluntarios/as que xa dominan o idioma.

A primeira xuntanza terá lugar o 15 de febreiro de 2012, das 17:00 h ás 19:00 h na EOI de Santiago. Os interesados/as deben remitir a solicitude ao enderezo: enl@eoisantiago.org
25/01/2012. INVESTIGACIóN

Catro estudosos da lingüística galega incorpóranse á RAG como académicos correspondentes

O Plenario da Real Academia Galega aprobou, o pasado 21 de xaneiro, o nomeamento de Ana Isabel Boullón, Xosé Henrique Costas, Gonzalo Navaza e Antón Palacio como académicos correspondentes desta institución.

Trátase de catro recoñecidos investigadores e profesores universitarios do ámbito da lingüística galega, que se incorporan á Sección de Lingua da RAG para colaborar nos diferentes proxectos de gramática, onomástica e sociolingüística que esta institución desenvolve.

Na mesma sesión plenaria foi nomeada académica de honra Giulia Lanciani, profesora da Universidade Roma Tre e destacada estudosa do corpus lírico medieval galego-portugués.
20/01/2012. INVESTIGACIóN

A UDC presenta “Unha outra guía para a intervención lingüística”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña presenta o volume Unha outra guía para a intervención lingüística, que recolle as intervencións do VII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, que tivo lugar entre os días 20-22 de xullo de 2011 en Carballo, así como unha selección dos relatorios presentados nas Xornadas de Formación para as comisións de normalización lingüística da UDC.

No web do SNL da UDC están accesibles, en formato .pdf, tanto este volume como as actas doutras xornadas organizadas por este servizo.
17/01/2012. INVESTIGACIóN

En liña o noso Boletín de Sumarios 2010-2011

Xa pode consultar na nosa páxina web o Boletín de Sumarios 2010-2011, produto documental que inclúe os sumarios de 184 números de publicacións periódicas, correspondentes a 41 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG durante o período 2010-2011.

Se desexa consultar a nosa colección completa de seriadas, prema aquí.
17/01/2011. OUTRAS

Probas para obtención dos certificados de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas para a obtención dos Celga 1, 2, 3 e 4 que se desenvolverán neste ano 2012. Poderán presentarse a estas probas todas as persoas maiores de 16 anos ou que os cumpran antes de finais do ano 2012, nacionais ou estranxeiras.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 3 de abril de 2012.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
17/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios a proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de premios a proxectos de innovación en dinamización lingüística deseñados para desenvolver nos centros de ensino públicos durante o curso 2011-2012.

Os proxectos premiados nesta edición foron os presentados polo CPI Dr. López Suárez do Saviñao e polos IES Félix Muriel de Rianxo, Rodeira de Cangas, Perdouro de Burela e As Bizocas do Grove.

Estas iniciativas, xunto cos materiais didácticos que xere a súa posta en práctica, serán difundidas no web da SXPL.

Se desexa máis información, prema aquí.

13/01/2012. OUTRAS

Valentín García Gómez é o novo secretario xeral de Política Lingüística

O Goberno galego aprobou no Consello do goberno da Xunta de Galicia de onte o decreto polo que se nomea secretario xeral de Política Lingüística a Valentín García Gómez.


Valentín García Gómez era ata a actualidade o técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Estrada e foi presidente da CTNL, asociación que agrupa aos profesionais deste sector.


Desde 2001 colabora co Consello da Cultura Galega como membro da Comisión Técnica do CDSG, a través da cal participou en varios estudos e proxectos relacionados coa planificación lingüística do galego.
12/01/2012. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de oito bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (2 bolsas), Literatura galega medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Síntese de voz en galego (1 bolsa), Base de datos do ALIR (1 bolsa).



O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
11/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica hoxe as bases reguladoras do programa de cooperación cos concellos da provincia da Coruña para a creación ou mantemento dos seus servizos de normalización lingüística durante o ano 2012.

Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes e máis de 7 000, mancomunidades ou agrupacións de concellos que cumpran cada un deles o requisito do número de habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
09/01/2012. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a adultos e colectivos de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xaneiro de 2012.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
04/01/2012. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse as subvencións a entidades locais para a promoción da lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas a fomentar a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística naqueles concellos que carezan de servizo.
O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
27/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas á tradución

A Consellería de Cultura e Turismo publica, no DOG do 27 de decembro de 2011, a resolución das axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas noutras linguas.

Se desexa consultar o texto da convocatoria, prema aquí.


26/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes remata
o 3 de febreiro de 2012.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

22/12/2011. OUTRAS

Novo recurso audiovisual para difundir a fraseoloxía do galego

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago está a difundir na rede Fraseoloxía visual, un novo recurso audiovisual de carácter didáctico pensado para espallar a fraseoloxía do galego.

O recurso, autoría de Manuel Bermúdez Blanco e Alba Cid Fernández, ofrécese libremente para as persoas e institucións que traballan a prol do multilingüismo e da multiculturalidade.
20/12/2011. OUTRAS

Dispoñible en galego o Firefox 9.0

Hoxe, 20 de decembro de 2011, preséntase publicamente a versión 9.0 do Firefox, o navegador de código aberto que desenvolve a Corporación Mozilla.

O galego é unha das 70 linguas nas que está accesible esta nova versión do navegador, dispoñible para os sistemas operativos Linux, Windows e Mac OS X.

Se desexa máis información, prema aquí.

20/12/2011. DINAMIZACIóN

Propostas para agasallar en galego

Un ano máis por estas datas, diferentes entidades implicadas na normalización do idioma galego achégannos propostas de agasallos (literatura, música, cine, xoguetes…) que nos permitirán cumprir coas tradicións propias do Nadal, ao tempo que apoiamos as empresas comprometidas co uso do galego.

Entre os catálogos accesibles en liña salientamos “Regalemos galego 2011”, elaborado polo CPI Vicente Otero Valcárcel, “Os agasallos de Abertos ao Galego”, elaborado pola Mesa pola Normalización Lingüística, e “Regalemos en galego”, elaborado polo EDLG do IES Elviña.
20/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o concurso de presentacións electrónicas de Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo públicos os/as gañadores/as do Concurso de presentacións electrónicas de Nadal 2011, seleccionados/as entre os máis de 300 traballos que se presentaron.

O xurado acordou outorgar o primeiro premio ao alumnado de sexto curso de infantil do CEIP da Castellana, en Aranga (A Coruña), e á súa profesora, Alba María Fernández Castedo. A gañadora do segundo premio foi Ana Martínez Rey e o terceiro foi outorgado, ex aequo, ao Colexio de Educación Especial A Barcia, representado por Rita Nogueira Cartelle, e ao Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga, representado por Beatriz López Martín.

19/12/2011. DINAMIZACIóN

Vitaminas para o galego

O pasado sábado, 17 de decembro do 2011, presentouse na Feira ecolóxica de Arzúa (Terractiva) a campaña Vitaminas para o galego, deseñada para sensibilizar a cidadanía sobre a importancia de contar con medios de comunicación en lingua galega, dándolle visibilidade aos xa existentes e promovendo o nacemento de novas cabeceiras .

A iniciativa, que se desenvolverá ao longo do primeiro semestre de 2012, está promovida por dez medios en galego: Galicia Confidencial, Novas da Galiza, Praza pública, Radiofusión, Tempos Novos, certo.gl, quepasanacosta, O Sil, valmiñor.info e crónica3.
19/12/2011. INVESTIGACIóN

Dúas novas ferramentas lexicográficas para o galego

O idioma galego rematará este ano 2011 con dúas novas ferramentas lexicográficas, como son o Dicionario moderno inglés-galego, editado por 2.0 Editora, e o Dicionario de química, editado pola Universidade da Coruña.

O Dicionario moderno inglés-galego, coordinado por Xavier Gómez Guinovart, recolle
20 000 entradas con vocabulario de uso frecuente en inglés e 30 000 correspondencias en galego, xunto cos seus contextos de uso, baseadas en traducións reais.

O Dicionario de química, autoría de Ramón Vilalta, Juan José Guillín e Antonio Varela, contén máis de 7 000 termos con cadansúa definición, ademais de apéndices con información complementaria de interese (táboa periódica, glosario plurilingüe galego-castelán-inglés-portugués, escolma gráfica de material de laboratorio, etc.).
19/12/2011. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para o tempo de Nadal

A Coordinadora Galega de ENDL presenta a actualización da súa sección web “Recursos para o Nadal”, con materiais didácticos de utilidade para a comunidade educativa.

A compilación deste ano 2011 inclúe diferentes recursos elaborados pola comunidade educativa, así como contos, refráns, cancións, modelos de cartas para os Reis e o Apalpador, información sobre concursos e propostas de agasallos.
16/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2011

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixéronlles entrega dos seus respectivos premios aos galardoados da décimo segunda edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron a tenda O Gato Cósmico, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e clínica dermatolóxica Dermalar, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego, e a xuíza Ana López-Suevos, que recibiu unha distinción especial pola decidida aposta polo idioma galego en todas as súas intervencións públicas.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2011. LEXISLACIóN

Información sobre dereitos laborais para técnicos/as de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza un encontro informativo sobre dereitos laborais, dirixido aos técnicos/as de normalización lingüística das administracións públicas asociados á CTNL.

No encontro participará Héctor López de Castro, avogado do gabinete xurídico da CIG, que asesorará e resolverá as dúbidas dos asistentes.

A sesión terá lugar o vindeiro 22 de decembro, ás 18:00 h, na sede da CIG (rúa de Manuel Ferro Caaveiro, 10. San Lázaro. Santiago de Compostela).

19/04/2010. DINAMIZACIóN

Os servizos de normalización lingüística colaboran cos Reis Magos no reparto de cartas

Os Reis Magos de Oriente contarán un ano máis coa colaboración dos servizos de normalización lingüística de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, que se encargarán de repartir uns 3000 modelos de cartas entre os centros educativos dos devantidos concellos.

O modelo inclúe tamén un recadro explicativo sobre o Apalpador, personaxe tradicional do Nadal galego.
15/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Exposición Letras Galegas 2012”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012, Valentín Paz Andrade.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. A exposición gañadora en cada unha destas categorías será distribuída en máis de 1600 puntos de Galicia e do exterior e os equipos de traballo que elaboren estas exposicións recibirán cadanseu premio en metálico de 3000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o 16 de febreiro de 2011.

14/12/2011. DINAMIZACIóN

Vinte anos de dinamización lingüística no ensino a través das revistas escolares

A Secretaría Xeral de Política Lingüística quere conmemorar o 20º aniversario da creación dos actuais equipos de dinamización da lingua galega, existentes en todos centros educativos de primaria e secundaria, cunha exposición de revistas escolares que permita coñecer a traxectoria do traballo desenvolvido polos equipos desde 1991 ata a actualidade.

O acto de inauguración da exposición terá lugar o xoves 15 de decembro de 2011, ás 12:00 h, no Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro, 107. Santiago de Compostela).
14/12/2011. DINAMIZACIóN

O Concello de Narón convida a felicitar o Nadal en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta unha nova edición da campaña “Felicita o Nadal en galego!”, a través da que pon á disposición da cidadanía diferentes modelos de postais (modelo papel 1, modelo papel 2, formato electrónico) e mais textos de felicitación para enviar por sms.

A maiores, o SNL ofrece asesoramento lingüístico a todas as persoas que o precisen para escribir en galego as comunicacións típicas destas datas.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/12/2011. INVESTIGACIóN

Preséntase o Dicionario Xurídico Galego

Onte, 12 de decembro de 2011, tivo lugar en Santiago de Compostela a presentación pública do Dicionario Xurídico Galego, unha obra lexicográfica promovida pola Revista Xurídica Galega e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e coeditada pola Xunta de Galicia e Xerais.

Trátase dunha obra colectiva, coordinada por Luciano Varela e Xosé Xoán Barreiro, que compila arredor de 2 000 entradas nas que se presentan en galego conceptos esenciais do Dereito; termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia e información crítica sobre a lexislación vixente en España.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/12/2011. AXUDAS E PREMIOS

A Gentalha do Pichel premia o uso do galego no comercio compostelán

A Gentalha do Pichel presenta o “Projeto Pontos: pontos em galego, o galego em pontos", que ten como obxectivo publicitar e darlles visibilidade a aqueles establecementos comerciais composteláns que empregan o galego na súa actividade económica.

Cada negocio recibirá unha cantidade determinada de puntos dependendo do seu grao de compromiso coa normalización do galego e todos eles serán publicitados na páxina de Facebook “Projeto Pontos”.