Novas da lingua

Rexistros3781 a 3810 de 5145
13/12/2011. EMPREGO

Bolsa de formación na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica, no BOP de Lugo do 3 de decembro de 2011, unha bolsa de formación en materia de xestión cultural, normalización lingüística e comunicación audiovisual. As tarefas do/a bolseiro/a consistirán en prestar apoio ao deseño e xestión do Programa Cultural da Área de Cultura, Turismo, Ensino, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico para o período 2011–2012.

A duración da bolsa será de doce meses. O prazo para presentar as solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das bases.
12/12/2011. DINAMIZACIóN

Concursos de escaparates en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Asociación de Empresarios de Redondela convocan dous concursos de escaparates, un dirixido á hostalaría e outro aos comercios redondeláns, co ánimo de fomentar o uso do galego nas actividades típicas que este tipo de establecementos organizan no Nadal.

Os participantes deberán preparar unha decoración especial nos seus escaparates que sirva de promoción de produtos típicos galegos, onde se recoñeza e identifique a lingua e cultura galegas.

En ambas as dúas modalidades, o prazo de inscrición remata o 16 de decembro de 2011 e o período no que a decoración debe estar instalada é do 19 de decembro de 2011 ao 5 de xaneiro de 2012.

Se desexa máis información, prema aquí.

09/12/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Alberto Castro Ponte, profesor na Escola Politécnica Superior de Lugo no grao de Enxeñaría Civil; a presentación do concurso “Explícoche Matemáticas 2.0” ou a crónica das III Xornadas "Educación e linguas en Galicia”, que tiveron lugar os pasados días 25 e 26 de novembro en Compostela.
05/12/2011. EMPREGO

Bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca tres bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística.

Os solicitantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2011/2012 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 14 de decembro de 2011, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
05/12/2011. CURSOS E CONGRESOS

I Seminario de Formación Permanente da Rede de Dinamización Lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), organiza o I Seminario de Formación Permanente dirixido aos representantes técnicos das entidades adheridas á Rede.

O obxectivo do seminario é reflexionar sobre os conceptos, as ferramentas e as estratexias necesarias para a dinamización lingüística no ámbito local.

As sesións terán lugar o vindeiro 16 de decembro de 2011, de 9:30 h a 14:30 h, na Escola Galega de Administración Pública.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/12/2011. DINAMIZACIóN

XVIII Ponte… nas ondas! 2012 – Ponte… a contar!

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! organiza unha nova edición desta experiencia educativa de comunicación interescolar que nesta ocasión, baixo o lema “Ponte… a contar!”, se centrará na transmisión dos contos populares ás novas xeracións.

Os organizadores convidan a comunidade educativa a participar na XVIII Xornada multimedia e mais no VI Certame de recollida do patrimonio oral galego-portugués.

O prazo para inscribirse en calquera das dúas convocatorias remata o 15 de decembro de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.

01/12/2011. DINAMIZACIóN

En galego, de película

O Departamento de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra presentan o ciclo de cine “En galego, de película 2011”, destinado ao alumnado dos centros de ensino non universitario.

As películas que se proxectarán son “A tropa de trapo” (recomendada para educación infantil e 1º e 2º ciclo de educación primaria); “Pradolongo” (ESO) e “Crebinsky” (4ª da ESO, bacharelato e ciclos formativos).

As proxeccións terán lugar no Cine Duplex os días, 15, 16, 19 e 20 de decembro de 2011. O prazo de inscrición remata este venres, 2 de decembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
01/12/2011. DINAMIZACIóN

Razóns para que as nenas e os nenos aprendan o galego


O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra está a difundir o tríptico “Por que é bo que os nenos e as nenas aprendan ben o galego?”, onde se enumeran diferentes razóns de carácter pedagóxico, sociolingüístico e cultural sobre a conveniencia de que os nenos e as nenas aprendan ben a lingua propia de Galicia.

O folleto está accesible na rede a través das plataformas Scribd e Slideshare.
30/11/2011. DINAMIZACIóN

III Club de Debate do Concello de Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración cos EDL dos centros de ensino secundario do concello, o III Club de Debate, actividade dirixida ao alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato que ten como obxectivo promover o uso oral do galego entre a mocidade traballando a oratoria e a fluidez comunicativa.

Logo da sesión formativa que tivo lugar o pasado 26 de novembro, o alumnado participante terá ocasión de demostrar a súa competencia comunicativa en galego nos debates que terán lugar no Café Moderno o 28 de xaneiro de 2012 (fase eliminatoria) e o 4 de febreiro (fase final).

Se desexa máis información, prema aquí.
30/11/2011. INVESTIGACIóN

Coloquio en Vigo sobre a toponimia de Lavadores

No marco do programa “Meu! Coñecéndonos. Descubríndonos”, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza, coa colaboración da Biblioteca Xosé Neira Vilas e a Asociación Veciñal de Lavadores, unha charla coloquio sobre a toponimia de Lavadores.

A sesión terá lugar o vindeiro venres, 2 de decembro, ás
19:30 h, na Biblioteca Xosé Neira Vilas (Emilio Martínez Garrido, 21) e nela participará Iván Sestai, autor do libro Toponimia do Val do Fragoso, volume II. Lavadores.

28/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ao audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica, no DOG do 28 de novembro de 2011, as resolucións das convocatorias de subvencións para a produción de curtametraxes e videoclips; para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais, para a produción de contidos interactivos e para as producións e coproducións audiovisuais en lingua galega.
24/11/2011. OUTRAS

Nace AnfiteatroGZradio

AnfiteatroGZradio é un proxecto de radio en liña que ten como obxectivo ofrecer 24 horas de radio cunha programación variada en idioma galego.

A programación da emisora incluirá contidos relacionados co ámbito cultural (musicais, literarios, etc.), tratando sempre de promover os/as autores/as e creadores/as galegos/as.

Os promotores do proxecto piden a colaboración dos/as oíntes nesta primeira fase para poder acadar unha media diaria de 130 horas de audiencia (entre todos/as os/as oíntes), que é o mínimo esixido para poder manter o dominio.
24/11/2011. DINAMIZACIóN

Nova edición da campaña Xantar Compostela

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostalería Compostela decidiron darlle continuidade á campaña Xantar Compostela, unha iniciativa que se puxo en marcha en decembro de 2010 para promover a presenza da lingua galega no ámbito da hostalaría compostelá.

Nesta segunda edición distribuiranse entre os establecementos hostaleiros de Santiago
150 000 novos exemplares de manteis, en catro modelos diferentes (dous para nenos, un para adultos e outro para estranxeiros), con xogos de palabras para se entreter nos tempos de espera.

Se desexa máis información, prema aquí.



17/11/2011. CURSOS E CONGRESOS

V Xornadas “Xustiza e lingua, reflexións para a normalización”

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Xunta de Galicia, a quinta edición da xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza.

A xornada terá lugar o vindeiro 28 de novembro de 2011, ás 18:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán.

17/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de presentacións electrónicas de Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza un
concurso de presentacións de Nadal en formato dixital, co ánimo de fomentar o uso da lingua galega nas comunicacións propias destas festas.

As presentacións (formato .odp, .ppt ou .pptx) deben ter unha extensión máxima de 10 diapositivas, incorporar texto en galego e estar tematicamente relacionadas coas felicitacións propias do Nadal.

Os autores/as das tres presentacións gañadoras recibirán un lote de produtos de lecer en galego.

O prazo para enviar as propostas remata o 9 de decembro de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
24/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

O xurado do VIII Premio Luísa Villalta fixo pública a resolución na que se recollen os traballos premiados na oitava edición deste certame.

O traballo premiado na modalidade de “Deseño dunha campaña de promoción da lingua galega” foi “O galego constrúe. Constrúe o galego”, autoría de Luís Suárez López, alumno de Enxeñaría Naval e Oceánica na Escola Politécnica Superior de Ferrol. Na modalidade “Premio a unha idea para a promoción do galego” resultaron gañadores ex aequo os traballos “O poder das palabras” e “Proxéctate en galego”, autoría, respectivamente, de Alejandro Gradaílle Montero, estudante de Comunicación Audiovisual no campus da Coruña, e María Marta López Alonso, que presentou o traballo en nome das comisións de normalización lingüística dos centros universitarios do campus de Lugo.

Se desexa máis información, prema aquí.
17/11/2011. CURSOS E CONGRESOS

XIII Congreso Internacional sobre Lingua e Psicoloxía Social

A Rede Mercator e mais a Asociación Internacional de Lingua e Psicoloxía Social organizan o XIII Congreso Internacional sobre Lingua e Psicoloxía Social, que terá lugar entre os días 20 e 23 de xuño de 2012 na cidade de Ljouwert/Leeuwarden (Frisia, Países Baixos).

Os organizadores convidan a todas as persoas que estean a investigar en temas relacionados cos usos sociais das linguas a participar enviando as súas propostas de comunicación antes do 14 de febreiro de 2012.


09/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Entrega dos XXI Premios San Martiño de Normalización Lingüística

Mañá, xoves 10 de novembro, ás 20:00 h, terá lugar no Teatro Principal da Estrada o acto de entrega dos XXI Premios San Martiño de Normalización Lingüística, que concede a Asociación Cultural O Brado.

Os galardoados desta edición son a asociación Fillos e Amigos da Estrada, na modalidade de “A Estrada e Comarca de Terra de Montes”, o colectivo Cantigas e Agarimos, na modalidade “Galicia enteira”, e o profesor de filosofía Carlos Amable Baliñas na modalidade “Toda unha vida”.

Se desexa mais información, prema aquí.
09/11/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Neste número inclúense, entre outros contidos, a presentación de dúas publicacións recentes da USC, como son o traballo lexicográfico Termos esenciais de dereito penal e mais a guía Criterios de linguaxe non sexista, ou o anuncio de vindeiras xornadas de formación, como a terceira edición de “Educación e linguas en Galicia”,

09/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o XII Premio Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a décimo segunda edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo e compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizado un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego.

As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 30 de novembro de 2011.
Se desexa máis información sobre as bases desta convocatoria, prema aquí.
03/11/2011. DINAMIZACIóN

A USC súmase á celebración do Día da Ciencia en Galego

A Universidade de Santiago de Compostela sumarase mañá,
4 de novembro de 2011, á celebración do Día da Ciencia en Galego, como tamén farán por segundo ano consecutivo os centros de primaria e secundaria.

Os actos terán lugar nas facultades de Bioloxía, ETSE, Física e Matemáticas (Campus de Santiago) e na Biblioteca Intercentros e facultades de Ciencias, EPS e Veterinaria (Campus de Lugo).

Se desexa consultar o programa completo de actividades, prema aquí.

03/11/2011. AXUDAS E PREMIOS

III edición do Concurso Ângelo Casal

Galicola, proxecto comercial destinado a acadar recursos económicos para a normalización da lingua galega, convoca a terceira edición do Concurso Ângelo Casal, deseñado para premiar aqueles proxectos normalizadores que resulten máis votados polos consumidores de Galicola.

As candidaturas deben enviarse a info@galicola.org antes do 31 de decembro de 2011. O 31 de xaneiro de 2012 farase pública a listaxe dos proxectos seleccionados e os consumidores de Galicola terán de prazo ata o 1 de maio para enviar as etiquetas do refresco cos seus votos. O proxecto gañador darase a coñecer o 17 de maio, Día das Letras Galegas.
Pode consultar as bases do concurso no propio web da Galicola.
28/10/2011. INVESTIGACIóN

Portal de ditados tópicos galegos

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago presenta o Portal de ditados tópicos galegos, un proxecto elaborado en colaboración coa Fundación Camilo José Cela que reproduce as 1212 fichas de ditados tópicos (xentilicios, alcumes, refráns e cantigas referidas a algunha localidade ou aos seus poboadores/as) recollidas en Galicia para a redacción do Diccionario geográfico popular de España de Camilo José Cela.

O web incorpora un formulario de busca que permite recuperar a información polo lugar de recollida, polo lugar ao que fai referencia o ditado ou a través dun campo de texto libre que busca na totalidade da ficha.

O proxecto ten vocación de continuidade, polo que en futuras versións ofreceranse outras formas recollidas de diversas fontes.

28/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o premio Xoán Manuel Pintos 2011

O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) anunciaron a resolución do Premio Xoán Manuel Pintos 2011, outorgado nesta edición á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e mais á Aula Castelao de Filosofía. O xurado acordou tamén facer unha mención especial ás e aos profesionais que estiveron a traballar en todos os medios de comunicación en galego que pecharon no último ano.

O obxectivo deste premio é recoñecer o labor daquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua na sociedade e ao mesmo tempo manter viva a figura do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos.

A entrega dos galardóns terá lugar o 24 de
novembro
, ás
21:00 h, no Pazo da praza da Pedreira (Pontevedra).
28/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de monólogos no Concello da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza un concurso de monólogos dirixido ao alumnado dos IES e dos CIFP públicos, así como dos centros concertados e privados do concello .

A iniciativa ten como obxectivos potenciar a creatividade e a expresión oral en lingua galega.

O prazo de inscrición remata o 18 de novembro de 2011.

O acto de presentación dos monólogos terá lugar o 21 de decembro, ás 18:00 h, no Teatro Rosalía de Castro e será presentado polo actor Carlos Blanco.

28/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os Premios da Crítica Galicia 2011

A Fundación Premios da Crítica Galicia entregou o pasado 22 de outubro os premios anuais que levan o seu mesmo nome e que se veñen outorgando desde 1978 ás mellores producións culturais galegas do ano.

Nesta edición o xurado acordou premiar na modalidade de produción literaria, o poemario Estremas (Galaxia, 2010) de Ana Romaní; na modalidade de investigación, o traballo A importancia da similitude interlingüística e o bilingüismo equilibrado cando dúas linguas compiten, de Jorge Mira, Luís Seoane e Juan Nieto; na modalidade de artes escénicas, o espectáculo Citizen, de Chévere; na modalidade de música, a orquestra folk Son de Seu e como iniciativa cultural, o Proxecto Terra, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.
27/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

Os medios en galego, importan?

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela organiza as xornadas "Os medios en galego, importan?", nas que investigadores/as, profesionais e representantes dos medios de comunicación reflexionarán sobre a viabilidade dos medios en galego.

As sesións terán lugar os días 9, 10 e 11 de novembro de 2011 na sede da Facultade de CC. da Comunicación da USC.

O prazo de matrícula remata o 3 de novembro.

Se desexa consultar o programa concreto ou obter máis información sobre os trámites de matrícula, prema aquí.
27/10/2011. DINAMIZACIóN

Homenaxe na Estrada aos irmáns Marcial e Avelina Valladares

No marco da campaña “En galego, agora e sempre”, promovida pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL), o Concello da Estrada organiza un acto de homenaxe ao polifacético escritor estradense Marcial Valladares e á súa irmá Avelina Valladares, cantora do Ulla.

No transcurso do acto colocaranse dúas placas en galego no cemiterio de Berres indicando onde repousan os restos mortais dos homenaxeados. Intervirán Xosé Luna, biógrafo dos autores; Xosé Martínez, representante da AFNL; José López, alcalde da Estrada e familiares dos irmáns Valladares.

A homenaxe terá lugar na igrexa e cemiterio de Berres - A Estrada, o vindeiro 30 de outubro de 2011, ás 12:00 h.

26/10/2011. DINAMIZACIóN

Presentación pública do Certificado Abertos ao Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) presenta hoxe, 26 de outubro, ás 20:30 h, no restaurante O Dezaseis (rúa de San Pedro, 16. Santiago de Compostela) o seu proxecto Certificado Abertos ao Galego.

Este certificado concederáselles, en diferentes niveis, ás empresas e entidades de calquera índole que amosen o seu compromiso coa normalización do idioma galego. As entidades que conten con este distintivo figurarán nun catálogo web, poderán participar en actos anuais de promoción e accederán a descontos publicitarios nos medios de comunicación que colaboren co proxecto.

No acto de presentación intervirán Carlos Callón, presidente da MNL; Iria Taibo, coordinadora do proxecto; Xulio Peinó, de 1D2 Arquitectos; Laura Insausti, da tenda de roupa Ela Diz e Carlos Cota, da Libraría Aira das Letras.
25/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

Seminario de introdución á xestión da calidade nos servizos de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza esta actividade formativa que lle permitirá ao público asistente achegarse aos principios básicos da xestión da calidade, coñecer as ferramentas básicas para avaliar o traballo dos SNL e aprender a desenvolver plans de mellora e cartas de servizos nos SNL.

As sesións terán lugar os días 9 e 11 de novembro de 2011 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición estará aberto do 26 de outubro ao 2 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.