Novas da lingua

Rexistros3781 a 3810 de 5280
11/10/2011. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca catro bolsas de colaboración para cooperar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade.

Trátase en concreto dos proxectos “Atlas Lingüístico Galego”, “Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega”, “Tesouro Informatizado da Lingua Galega” e “Edición e elaboración do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI-Galicia)”.

O prazo de presentación das solicitudes é de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da exposición pública das convocatorias (7 de outubro de 2011).

Se desexa máis información, prema aquí.

11/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XVIII Premios de publicidade en galego

O Consello Asesor da RTVE-G e da CRTVG entregaron o pasado 7 de outubro os XVIII Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na categoría de radio, o anuncio gañador foi “ Galicia, gárdasme o segredo?”, elaborado pola axencia Idea Creatividad y Comunicación para Turgalicia. No ámbito da televisión, o galardón recibiuno a campaña para Caixa Galicia “Toda Galicia quere seguir crecendo”, da axencia BAP&CONDE. Nesta edición a modalidade de internet quedou deserta, por decisión do xurado.
19/04/2010. DINAMIZACIóN

II Día da Ciencia en Galego

A comunidade educativa galega celebrará o vindeiro 4 de novembro o II Día da Ciencia en Galego, que nesta segunda edición se vai dedicar á Química, xa que este ano 2011 foi declarado pola Unesco “Ano Internacional da Química”. Así mesmo, aproveitarase para homenaxear as figuras das científicas Marie Curie (Premio Nobel de Física e de Química) e Mª Wonenburger (matemática galega e investigadora en Canadá e Estados Unidos).

Como xa se fixo na pasada edición, os centros educativos deseñarán diferentes actividades de divulgación co obxectivo de transmitirlle á sociedade que todas as linguas son válidas para a expresión científica e para o ensino da ciencia.

Pode consultar na rede diferentes propostas de actividades para celebrar esta xornada.
06/10/2011. DINAMIZACIóN

O IES Perdouro presenta os novos froitos do Modelo Burela de Planificación Lingüística

No marco do programa Modelo Burela de Planificación Lingüística, iniciado en 2008, a comunidade educativa do IES Perdouro continúa a presentar os froitos do seu programa de dinamización lingüística da sociedade burelá.

Dous exemplos desta actividade son os documentais “Saúde e sensibilidade”, presentado no remate do pasado curso 2010-2011 e centrado na importancia do respecto pola diversidade lingüística na atención sanitaria, ou “A viaxe de Hércules”, presentado no comezo deste novo curso e centrado na experiencia de achegamento á lingua galega do profesor de química andaluz Domingo Ruiz Pineda.

Na páxina de Facebook do Modelo Burela pode atopar máis información sobre as diferentes actividades que se están desenvolver ao abeiro deste programa.
05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

VIII Xornadas sobre lingua e usos: lingua e ecoloxía

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a oitava edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán arredor da relación entre o activismo lingüístico e o activismo ecolóxico.

As xornadas terán lugar os días 30 de novembro e 1 de decembro de 2011 no Paraninfo da Universidade da Coruña.

O prazo de inscrición remata o 25 de novembro, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da matrícula, prema aquí.
05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

As linguas e culturas no Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro

Os vindeiros días 21 e 22 de outubro de 2011 terá lugar en Santiago de Compostela, na sede do Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro, 107), o congreso ”As linguas e culturas no Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro.”

As persoas interesadas en asistir deben cubrir o formulario de inscrición habilitado no sitio web do congreso.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade lingüística e cultural no Camiño de Santiago de Compostela, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia xunto con outras institucións de España e Europa.

05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornadas sobre a normalización da lingua e a cultura no ámbito da educación

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da UDC e mais a Rede Internacional de Universidades Lectoras organizan a cuarta edición destas xornadas, nas que se reflexionará sobre a presenza do galego en diferentes ámbitos sociais e se presentarán experiencias e propostas para a súa promoción.

As sesións terán lugar os días 7, 8, 14 e 15 de novembro de 2011 no salón de graos da Facultade de CC. da Educación.

A matrícula é de balde e as prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición.
05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción de documentos administrativos

A Deputación Provincial de Lugo convoca, dentro do seu plan de formación continua, un curso de redacción de documentos administrativos destinado a empregados públicos locais da provincia de Lugo pertencentes ós grupos C1 e C2.

As sesións desenvolveranse entre os días 14 e 18 de novembro de 2011. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 17 de outubro ás 13:00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
04/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

Somos a curta! Certame de curtas de comedia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca o I Premio de curtas de comedia "Somos a curta!", que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual galego.

O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia.

As persoas interesadas deben presentar, antes do 25 de novembro de 2011, unha peza audiovisual cunha comedia en galego que non supere os 10 minutos, créditos incluídos.

O/a gañador/a recibirá un premio de 600 euros e diploma honorífico.



03/10/2011. INVESTIGACIóN

O alumnado do Grove presenta o dicionario dos alcumes mecos

Os equipos de dinamización lingüística dos IES grovenses “As Bizocas” e “Monte da Vila”, coa colaboración do SNL do Concello do Grove, presentaron o pasado 29 de setembro o Dicionario dos alcumes do Grove. As nosas chatas.

O volume compila máis de 1000 alcumes mecos, xunto coa súa correspondente explicación, naqueles casos nos que foi posible documentala. Da redacción da obra ocupáronse Arximiro Fernández, Rosabel Magdalena, Patricia Arias e Antón Mascato, que contaron coa colaboración do alumnado dos dous centros nas tarefas de recollida e documentación.

Este novo traballo de recuperación do patrimonio cultural e lingüístico únese a outros desenvolvidos en cursos pasados polo EDL do IES As Bizocas como Mecos, a memoria dos homes e Mecas, a memoria das mulleres.
30/09/2011. DINAMIZACIóN

O Concello de Redondela acolle a exposición “Castelao e nós, 125 aniversario”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela promove a exposición itinerante “Castelao e nós, 125 aniversario”, deseñada para difundir a figura e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 125 aniversario do seu nacemento.

A exposición estará accesible ao público no Centro Cultural Chan das Pipas (Redondela) entre os días 28 de setembro e 23 de outubro de 2011, a partir das 17:00 h en días laborables, e desde as 12:00 h nas fins de semana.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.


26/09/2011. OUTRAS

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Este ano 2011 celébrase o décimo aniversario da instauración do 26 de setembro como Día Europeo das Linguas. O Consello de Europa acordou institucionalizar esta celebración anual co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns.

Co gallo desta conmemoración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega no seu web unha selección de materiais deseñados co ánimo de que a cidadanía poida festexar esta data achegándose, desde o galego, á diversidade lingüística europea.
16/11/2005. CURSOS E CONGRESOS

VI Escola Permanente Fermín Penzol

A Universidade de Vigo e mais a Xunta de Galicia organizan a sexta edición da Escola Permanente Fermín Penzol, un encontro arredor da cultura común galega, leonesa e asturiana que nesta edición se converterá nun acto de homenaxe a Antonio Fernández Morales, no sesquicentenario da publicación da súa obra Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861).

As sesións terán lugar os días 7 e 8 de outubro de 2011 en Cacabelos-Ponferrada. A inscrición é gratuíta para universitarios/as de Galicia, León e Asturias e de 10 euros para o público xeral. O prazo para tramitar a matrícula remata o 5 de outubro de 2011, ás 14:00 h.
23/09/2011. DINAMIZACIóN

Palabras contadas: para aprender a falar en público en galego

O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña organiza Palabras contadas, unha actividade dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria matriculado nos CEIP públicos do concello que ten como obxectivo potenciar a comprensión e expresión oral en lingua galega.

As persoas interesadas teñen de prazo para tramitar a solicitude do 26 de setembro ao 11 de outubro de 2011.
15/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, para desenvolver en centros de ensino dependentes desta consellería no curso académico 2011-2012.

De entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que serán premiados con cadansúa axuda de 2500 euros, cunha xornada de formación para o profesorado implicado e mais coa difusión dos materiais no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/09/2011. CURSOS E CONGRESOS

Na Estrada, polo dereito

A Irmandade Xurídica Galega e mais o Concello da Estrada organizan unha xornada sobre a galeguización do Dereito, dirixida especialmente aos operadores xurídicos do partido xudicial da Estrada, que terá lugar o vindeiro 24 de setembro neste concello.

Os obxectivos do evento son promover o uso do galego nos procedementos xudiciais perante todos os órganos xurisdicionais, así como realizar unha solicitude expresa para que estes dicten resolución na nosa lingua.

Pola súa parte, o SNL do Concello da Estrada colaborará ofrecendo un servizo de tradución e corrección dos documentos que se lle soliciten.

Se desexa máis información, prema aquí.





13/09/2011. OUTRAS

O CDSG trasládase á Cidade da Cultura de Galicia

O CDSG acaba de trasladarse para o edificio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Por este motivo, vémonos na obriga de interromper temporalmente os servizos de préstamo bibliográfico e consulta en sala de fondos, que reiniciaremos a partir de outubro de 2011.

Consulte os nosos novos datos de contacto.
12/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

Anúlanse as axudas á edición de materiais didácticos e mais á promoción do galego na Administración local

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia, no DOG do 9 de setembro de 2011, a anulación das subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e mais das axudas á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo públicas dúas notas informativas (nota concellos; nota editoriais) xustificando estas supresións.
12/09/2011. DINAMIZACIóN

Tres historias para ver… e aprender!

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presenta tres curtas de animación en lingua galega, coas súas respectivas propostas didácticas, para traballar na educación infantil.

Trátase en concreto dos audiovisuais Os sete cabritos, A pota que trota e Fiz, o coleccionista de medos, editados por OQO Editora.

As tres curtas, que foron xa enviadas en formato DVD a todos os centros educativos de Galicia que imparten educación infantil, están tamén accesibles na rede no web da SXPL.
01/09/2011. INVESTIGACIóN

Dicionario de pronuncia da lingua galega

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago presenta esta aplicación en liña baseada no Dicionario de pronuncia da lingua galega, elaborado polo profesor Xosé Luís Regueira e editado pola Real Academia Galega en 2010.

A finalidade do dicionario é ofrecer un modelo de pronuncia da variedade estándar da lingua galega, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. Ademais da transcrición fonética, a versión en liña do dicionario permite tamén escoitar a gravación das
60 000 formas recollidas.
01/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de monólogos en lingua galega “Que me dis!!”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un concurso de monólogos co ánimo de promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías.

Os monólogos deben gravarse en vídeo ou audio e enviarse como arquivo adxunto ao formulario accesible no propio web do concello, onde se poderán visitar e apoiar.

O prazo para enviar as gravacións remata o 23 de setembro de 2011 (ás 14:30 h).

Os tres monólogos gañadores serán galardoados cunha cámara fotográfica (1º premio), cun marco de fotografías dixital (2º premio) e cun MP4 (3º premio).

01/09/2011. INVESTIGACIóN

Novos datos sobre o uso do galego na xuventude

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e mais a Universidade de Santiago de Compostela presentan os resultados do informe Xuventude Galega 2010, onde se achegan, entre outros, datos sobre o uso da lingua dos mozos/as galegos/as que teñen entre 15 e 29 anos.

Segundo os datos achegados, o 38, 6% da mocidade galega afirma empregar o galego, mentres que o uso do castelán nesta franxa de idade sitúase no 59,9%. O uso do galego é menor ao do castelán en todos os ámbitos de uso, obtendo os mellores resultados no ámbito familiar (44,8%).

Con todo,o informe sinala tamén que o uso do galego entre a mocidade creceu case 6 puntos de media con respecto aos datos obtidos no anterior Informe sobre a xuventude galega 2007.
01/09/2011. INVESTIGACIóN

En liña o terceiro volume de Estudos de Lingüística Galega

O Instituto da Lingua Galega presenta o terceiro volume de Estudos de Lingüística Galega, revista de periodicidade anual que quere ser un espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego.

A publicación inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analizan directa ou indirectamente o noso idioma.
01/09/2011. INVESTIGACIóN

Accesibles na rede as actas das VII Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das VII Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Sanidade, que tiveron lugar na Coruña en decembro de 2010.

Neste mesmo sitio web pode acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
01/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos grandes proxectos editoriais

A Consellería de Cultura e Turismo fai pública a resolución coa concesión das axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á materialización dos grandes proxectos editoriais.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
01/09/2011. DINAMIZACIóN

Vencello, un novo espazo web para a lingua galega

Vencello é a primeira rede de blogs temáticos escritos en lingua galega, que nace co obxectivo de promover o uso do galego nos futuros blogs de temática especializada que se creen e, ao mesmo tempo, agrupar os xa existentes.

Trátase dun proxecto aberto ao que poden adscribirse todos os blogs que cumpran os principios de autorregulación estipulados.

Na actualidade forman xa parte de Vencello, entre outros, blogs como Memoria Pixelada (sobre videoxogos), Galiloxía (sobre tecnoloxía) ou O Esparavel de Mallando (sobre construción).

01/09/2011. EMPREGO

A Secretaría Xeral de Política Lingüística resolve a convocatoria de lectorados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a listaxe coa adxudicación das prazas de lectores de lingua, literatura e cultura galegas, con destino en universidades españolas e estranxeiras.

Para consultar o texto da resolución, prema aquí.

15/07/2011. AXUDAS E PREMIOS

Medalla de Ouro Galicia para o Instituto da Lingua Galega

A Xunta de Galicia publica, no DOG do 15 de xullo de 2011, o decreto polo que se lle outorga ao Instituto da Lingua Galega a Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta distinción que concede o Goberno galego.

O ILG, creado en 1971 no seo da Universidade de Santiago de Compostela como centro de investigación dedicado ao estudo e promoción da lingua galega, celebrou o pasado mes de maio de 2011 os actos de conmemoración do seu 40 aniversario.

13/07/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

No caso dos cursos de nivel Celga 1, a convocatoria recolle a posibilidade de cursalos en liña.

O prazo de presentación de solicitudes para as modalidades de cursos presenciais estará aberto ata o 31 de marzo de 2012. Os prazos para inscribirse nos cursos en liña sinalaranse nas convocatorias específicas de cada curso.

Se desexa consultar a convocatoria completa, prema aquí.
04/07/2011. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de xuño

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Este número inclúe, entre outros contidos, a entrevista a Francisco Díaz-Fierros, catedrático en Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG; a nova sobre o 15 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e a presentación dos dous cursos de verán con contidos lingüísticos que está a organizar a USC.