Novas da lingua

Rexistros3811 a 3840 de 5145
25/10/2011. DINAMIZACIóN

Constitúese oficialmente a Rede de Dinamización Lingüística

O vindeiro venres, 28 de outubro de 2011, ás 12:00 h, terá lugar en Santiago de Compostela o acto oficial de constitución da Rede de Dinamización Lingüística.

Esta entidade, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, foi creada o pasado 21 de setembro de 2010, en virtude da publicación no DOG da Orde do 14 de setembro pola que se crea a Rede de Dinamización Lingüística, co obxectivo de coordinar e fomentar as iniciativas de dinamización lingüística que se desenvolven no ámbito local.

No web da SXPL pode obter máis información sobre os obxectivos e organización da Rede.
25/10/2011. DINAMIZACIóN

Tres exposicións para achegar a obra de Alfonso D. Rodríguez Castelao, Xosé Neira Vilas e Lois Pereiro ao alumnado galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Xunta de Galicia promoven as tres exposicións sobre Alfonso D. Rodríguez Castelao, Xosé Neira Vilas e Lois Pereiro que percorrerán diferentes centros educativos de Galicia co ánimo de difundir entre o alumnado a vida e obra destes tres autores galegos.

As tres mostras estiveron xa estes últimos meses accesibles para a cidadanía en xeral en todas as bibliotecas nodais de Galicia.

Se desexa máis información sobre o itinerario concreto que percorrerán no ámbito educativo, prema aquí.

25/10/2011. DINAMIZACIóN

Nace a Irmandade da Sanidade de Galicia

O vindeiro 29 de outubro de 2011 terá lugar no Teatro Principal da Estrada o acto de constitución da Irmandade da Sanidade Galega, que estará integrada por persoal da sanidade pública e privada e profesionais da docencia nas ciencias médicas.

A entidade terá como obxectivos o fomento do humanismo e a promoción do idioma galego no ámbito sanitario.

A lección inaugural correrá a cargo de Emilio González, psiquiatra especialista en antropoloxía médica. A seguir, Valentín García fará unha presentación biográfica de Manuel Reimóndez Portela, co ánimo de render unha homenaxe a este médico formado intelectualmente na tradición humanística da Escola Médica Galega.

Se desexa máis información, prema aquí.
21/10/2011. INVESTIGACIóN

O grupo europeo Meta-Net alerta do baixo nivel de desenvolvemento tecnolóxico do galego

Meta-Net, grupo de traballo de excelencia fundado pola Comisión Europea e que estuda o nivel de desenvolvemento tecnolóxico das diferentes linguas de Europa, acaba de presentar o informe O idioma galego na era dixital.

O estudo, que forma parte da serie Meta-Net de libros brancos, salienta o importante papel que os recursos tecnolóxicos teñen no uso social das linguas e alerta sobre o baixo nivel de desenvolvemento das tecnoloxías lingüísticas no que respecta ao galego, en comparación con outras linguas europeas.

Os autores conclúen que, malia que os datos permiten un “optimismo prudente”, cómpre investir máis recursos na creación de recursos tecnolóxicos para o galego e no desenvolvemento de novas infraestruturas de cooperación.

21/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas “Educación e linguas en Galicia”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e mais o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan a terceira edición destas xornadas, que nesta ocasión teñen como eixo temático o imaxinario social sobre o galego e a existencia de prexuízos lingüísticos na sociedade galega e no ámbito do ensino en particular.

As sesións terán lugar os días 25 e 26 de novembro de 2011 no salón de actos da Facultade de CC. da Educación (Campus Sur). O prazo para formalizar a matrícula remata o 20 de novembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
20/10/2011. DINAMIZACIóN

Exposición sobre a historia da lingua galega e dos dereitos lingüísticos

O pasado 14 de outubro tivo lugar na biblioteca pública Antonio Odriozola de Pontevedra a inauguración da exposición “Historia da lingua galega e dos dereitos lingüísticos”, unha mostra gráfica e audiovisual, autoría de Xan Leira, promovida polo SNL do Concello de Pontevedra no marco do programa 2011- Ano Xoán Manuel Pintos.

A exposición estará aberta ao público ata o 15 de novembro de 2011, de luns a venres, en horario de 9:00 h a 21:00 h, e os sábados, de 10:00 h a 14:00 h.
20/10/2011. OUTRAS

A Fundación Galicia Empresa, historia dun compromiso singular

A Fundación Galicia Empresa presenta a obra Historia dun compromiso singular, que recolle os dezaoito anos de actividade desta entidade que ten entre os seus obxectivos fundacionais a normalización do uso do galego no ámbito empresarial.

Na Fundación Galicia Empresa están representadas 55 empresas de diferentes sectores do tecido industrial galego (telecomunicacións, industria naval, construción…) que traballan desde 1993 para promover a investigación das características peculiares da empresa galega e mais o uso do idioma galego como marca de compromiso e símbolo de identidade.

20/10/2011. DINAMIZACIóN

Galegas e galegos de por vida

Nestas datas próximas ao Día de Defuntos, o Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL), coa colaboración do colectivo “Galegos de por vida”, convida a cidadanía a participar nun acto de sinatura pública de derradeiras vontades que terá lugar no Pazo da Pedreira (Pontevedra), o vindeiro venres 28 de outubro.

As persoas participantes asinarán ante notario un texto no que manifestan o seu compromiso en vida co idioma galego e a súa vontade de que, chegada a hora do seu pasamento, todo o relativo ao funeral e enterro sexa realizado exclusivamente en lingua galega.

O prazo de inscrición para participar no acto remata o 24 de outubro de 2011.

Pode ampliar esta información no web do ENDL do CEIP Campolongo.

19/10/2011. INVESTIGACIóN

Preséntase a obra “Lingua galega e variación dialectal”

O vindeiro venres, 21 de outubro, a editorial Laiovento presentará na Coruña a obra Lingua galega e variación dialectal, autoría de Xosé Manuel Sánchez Rei.

O acto terá lugar ás 20:00 h no salón de actos da Asociación Alexandre Bóveda e nel intervirán, ademais do propio autor, Francisco Pillado (director de Edicións Laiovento) e Xosé Ramón Freixeiro (catedrático de Filoloxía Galega na UDC).

O evento pecharase cunha actuación de Anxo Pintos (zanfona).
19/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso de Banda Deseñada Fiz


O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o I Concurso de Banda Deseñada Fiz, co ánimo de achegar a xente nova á banda deseñada e ás súas posibilidades narrativas, fomentando o uso do galego durante este proceso creativo.

O certame está destinado ao alumnado dos centros educativos do Concello de Pontevedra que estean a cursar algún dos niveis comprendidos entre 3º curso de educación primaria e 2º curso de ensino secundario obrigatorio.

O tema dos traballos presentados será unha aventura de Fiz, o personaxe creado polo debuxante Kiko da Silva.

O prazo para enviar os orixinais remata o 20 de decembro de 2011.
19/10/2011. INVESTIGACIóN

A USC aposta pola linguaxe non sexista

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Oficina de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela presentan a guía Criterios de linguaxe non sexista.

O manual, autoría de Manuel Bermúdez e Alba Cid, ten como obxectivo resolver problemas de ambigüidade na comunicación e fomentar a creación de textos comprometidos co non sexismo e asentados na cultura da igualdade.


18/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Textos, palabras e voces: corpora e ferramentas para a investigación lingüística”

O Instituto da Lingua Galega (USC) e mais o Consello da Cultura Galega organizan o simposio “Textos, palabras e voces: corpora e ferramentas para a investigación lingüística”, centrado nesta ocasión nas innovacións tecnolóxicas en materia de investigación lingüística.

As sesións terán lugar na Facultade de Filoloxía da USC os días 26 e 27 de outubro, e 3, 4, 10 e 11 de novembro de 2011.

Se desexa coñecer o programa completo ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.

18/10/2011. DINAMIZACIóN

Linguazas, compilación de recursos para a dinamización lingüística municipal


O SNL do Concello de Zas presenta o web Linguazas, unha compilación de recursos lingüísticos en liña para a promoción do galego no ámbito municipal.

O proxecto, que naceu como unha ferramenta interna para o cadro de persoal do Concello de Zas, está agora dispoñible (agás dúas seccións) para o público xeral.

Nas seccións abertas pódense atopar novas de actualidade sobre o concello, unha selección de dicionarios e vocabularios en liña, materiais con nocións básicas de gramática e ortografía, ferramentas lingüísticas en internet e ligazóns a outros sitios web de interese.

A maiores, o web conta con outras dúas seccións de uso restrinxido con materiais específicos para o persoal do concello e mais o tecido asociativo municipal.
11/10/2011. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca catro bolsas de colaboración para cooperar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade.

Trátase en concreto dos proxectos “Atlas Lingüístico Galego”, “Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega”, “Tesouro Informatizado da Lingua Galega” e “Edición e elaboración do Atlas Lingüístico de la Península Ibérica (ALPI-Galicia)”.

O prazo de presentación das solicitudes é de 10 días naturais contados a partir do día seguinte ao da exposición pública das convocatorias (7 de outubro de 2011).

Se desexa máis información, prema aquí.

11/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XVIII Premios de publicidade en galego

O Consello Asesor da RTVE-G e da CRTVG entregaron o pasado 7 de outubro os XVIII Premios de Publicidade en Galego, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na categoría de radio, o anuncio gañador foi “ Galicia, gárdasme o segredo?”, elaborado pola axencia Idea Creatividad y Comunicación para Turgalicia. No ámbito da televisión, o galardón recibiuno a campaña para Caixa Galicia “Toda Galicia quere seguir crecendo”, da axencia BAP&CONDE. Nesta edición a modalidade de internet quedou deserta, por decisión do xurado.
19/04/2010. DINAMIZACIóN

II Día da Ciencia en Galego

A comunidade educativa galega celebrará o vindeiro 4 de novembro o II Día da Ciencia en Galego, que nesta segunda edición se vai dedicar á Química, xa que este ano 2011 foi declarado pola Unesco “Ano Internacional da Química”. Así mesmo, aproveitarase para homenaxear as figuras das científicas Marie Curie (Premio Nobel de Física e de Química) e Mª Wonenburger (matemática galega e investigadora en Canadá e Estados Unidos).

Como xa se fixo na pasada edición, os centros educativos deseñarán diferentes actividades de divulgación co obxectivo de transmitirlle á sociedade que todas as linguas son válidas para a expresión científica e para o ensino da ciencia.

Pode consultar na rede diferentes propostas de actividades para celebrar esta xornada.
06/10/2011. DINAMIZACIóN

O IES Perdouro presenta os novos froitos do Modelo Burela de Planificación Lingüística

No marco do programa Modelo Burela de Planificación Lingüística, iniciado en 2008, a comunidade educativa do IES Perdouro continúa a presentar os froitos do seu programa de dinamización lingüística da sociedade burelá.

Dous exemplos desta actividade son os documentais “Saúde e sensibilidade”, presentado no remate do pasado curso 2010-2011 e centrado na importancia do respecto pola diversidade lingüística na atención sanitaria, ou “A viaxe de Hércules”, presentado no comezo deste novo curso e centrado na experiencia de achegamento á lingua galega do profesor de química andaluz Domingo Ruiz Pineda.

Na páxina de Facebook do Modelo Burela pode atopar máis información sobre as diferentes actividades que se están desenvolver ao abeiro deste programa.
05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

VIII Xornadas sobre lingua e usos: lingua e ecoloxía

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a oitava edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán arredor da relación entre o activismo lingüístico e o activismo ecolóxico.

As xornadas terán lugar os días 30 de novembro e 1 de decembro de 2011 no Paraninfo da Universidade da Coruña.

O prazo de inscrición remata o 25 de novembro, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da matrícula, prema aquí.
05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

As linguas e culturas no Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro

Os vindeiros días 21 e 22 de outubro de 2011 terá lugar en Santiago de Compostela, na sede do Museo Pedagóxico de Galicia (San Lázaro, 107), o congreso ”As linguas e culturas no Camiño de Santiago de Compostela: presente e futuro.”

As persoas interesadas en asistir deben cubrir o formulario de inscrición habilitado no sitio web do congreso.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade lingüística e cultural no Camiño de Santiago de Compostela, que está a desenvolver a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia xunto con outras institucións de España e Europa.

05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornadas sobre a normalización da lingua e a cultura no ámbito da educación

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da UDC e mais a Rede Internacional de Universidades Lectoras organizan a cuarta edición destas xornadas, nas que se reflexionará sobre a presenza do galego en diferentes ámbitos sociais e se presentarán experiencias e propostas para a súa promoción.

As sesións terán lugar os días 7, 8, 14 e 15 de novembro de 2011 no salón de graos da Facultade de CC. da Educación.

A matrícula é de balde e as prazas outorgaranse por rigorosa orde de inscrición.
05/10/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción de documentos administrativos

A Deputación Provincial de Lugo convoca, dentro do seu plan de formación continua, un curso de redacción de documentos administrativos destinado a empregados públicos locais da provincia de Lugo pertencentes ós grupos C1 e C2.

As sesións desenvolveranse entre os días 14 e 18 de novembro de 2011. O prazo de presentación das solicitudes rematará o 17 de outubro ás 13:00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
04/10/2011. AXUDAS E PREMIOS

Somos a curta! Certame de curtas de comedia

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca o I Premio de curtas de comedia "Somos a curta!", que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual galego.

O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia.

As persoas interesadas deben presentar, antes do 25 de novembro de 2011, unha peza audiovisual cunha comedia en galego que non supere os 10 minutos, créditos incluídos.

O/a gañador/a recibirá un premio de 600 euros e diploma honorífico.



03/10/2011. INVESTIGACIóN

O alumnado do Grove presenta o dicionario dos alcumes mecos

Os equipos de dinamización lingüística dos IES grovenses “As Bizocas” e “Monte da Vila”, coa colaboración do SNL do Concello do Grove, presentaron o pasado 29 de setembro o Dicionario dos alcumes do Grove. As nosas chatas.

O volume compila máis de 1000 alcumes mecos, xunto coa súa correspondente explicación, naqueles casos nos que foi posible documentala. Da redacción da obra ocupáronse Arximiro Fernández, Rosabel Magdalena, Patricia Arias e Antón Mascato, que contaron coa colaboración do alumnado dos dous centros nas tarefas de recollida e documentación.

Este novo traballo de recuperación do patrimonio cultural e lingüístico únese a outros desenvolvidos en cursos pasados polo EDL do IES As Bizocas como Mecos, a memoria dos homes e Mecas, a memoria das mulleres.
30/09/2011. DINAMIZACIóN

O Concello de Redondela acolle a exposición “Castelao e nós, 125 aniversario”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela promove a exposición itinerante “Castelao e nós, 125 aniversario”, deseñada para difundir a figura e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 125 aniversario do seu nacemento.

A exposición estará accesible ao público no Centro Cultural Chan das Pipas (Redondela) entre os días 28 de setembro e 23 de outubro de 2011, a partir das 17:00 h en días laborables, e desde as 12:00 h nas fins de semana.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.


26/09/2011. OUTRAS

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Este ano 2011 celébrase o décimo aniversario da instauración do 26 de setembro como Día Europeo das Linguas. O Consello de Europa acordou institucionalizar esta celebración anual co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns.

Co gallo desta conmemoración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega no seu web unha selección de materiais deseñados co ánimo de que a cidadanía poida festexar esta data achegándose, desde o galego, á diversidade lingüística europea.
16/11/2005. CURSOS E CONGRESOS

VI Escola Permanente Fermín Penzol

A Universidade de Vigo e mais a Xunta de Galicia organizan a sexta edición da Escola Permanente Fermín Penzol, un encontro arredor da cultura común galega, leonesa e asturiana que nesta edición se converterá nun acto de homenaxe a Antonio Fernández Morales, no sesquicentenario da publicación da súa obra Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861).

As sesións terán lugar os días 7 e 8 de outubro de 2011 en Cacabelos-Ponferrada. A inscrición é gratuíta para universitarios/as de Galicia, León e Asturias e de 10 euros para o público xeral. O prazo para tramitar a matrícula remata o 5 de outubro de 2011, ás 14:00 h.
23/09/2011. DINAMIZACIóN

Palabras contadas: para aprender a falar en público en galego

O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña organiza Palabras contadas, unha actividade dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria matriculado nos CEIP públicos do concello que ten como obxectivo potenciar a comprensión e expresión oral en lingua galega.

As persoas interesadas teñen de prazo para tramitar a solicitude do 26 de setembro ao 11 de outubro de 2011.
15/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, para desenvolver en centros de ensino dependentes desta consellería no curso académico 2011-2012.

De entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que serán premiados con cadansúa axuda de 2500 euros, cunha xornada de formación para o profesorado implicado e mais coa difusión dos materiais no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/09/2011. CURSOS E CONGRESOS

Na Estrada, polo dereito

A Irmandade Xurídica Galega e mais o Concello da Estrada organizan unha xornada sobre a galeguización do Dereito, dirixida especialmente aos operadores xurídicos do partido xudicial da Estrada, que terá lugar o vindeiro 24 de setembro neste concello.

Os obxectivos do evento son promover o uso do galego nos procedementos xudiciais perante todos os órganos xurisdicionais, así como realizar unha solicitude expresa para que estes dicten resolución na nosa lingua.

Pola súa parte, o SNL do Concello da Estrada colaborará ofrecendo un servizo de tradución e corrección dos documentos que se lle soliciten.

Se desexa máis información, prema aquí.





13/09/2011. OUTRAS

O CDSG trasládase á Cidade da Cultura de Galicia

O CDSG acaba de trasladarse para o edificio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Por este motivo, vémonos na obriga de interromper temporalmente os servizos de préstamo bibliográfico e consulta en sala de fondos, que reiniciaremos a partir de outubro de 2011.

Consulte os nosos novos datos de contacto.