Novas da lingua

Rexistros3871 a 3900 de 5145
07/06/2011. DINAMIZACIóN

Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 4 de xuño de 2011, dedicar o Día das Letras Galegas 2012 a Valentín Paz Andrade.

Valentín Paz Andrade foi un polifacético autor, cuxa obra abrangue os eidos literario, xornalístico, histórico e económico; ademais dun recoñecido activista do movemento galeguista. Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 e membro activo do Partido Galeguista.

Foi director do xornal Galicia e colaborou habitualmente nos xornais El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Noche.
Foi ademais un prolífico ensaísta e poeta, con títulos como, por exemplo, Galicia como tarea (1959) ou Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1985).

Se desexa máis información, prema aquí.
07/06/2011. CURSOS E CONGRESOS

Seminarios de formación para os técnicos/as da Rede de Dinamización Lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza dous seminarios formativos dirixidos aos técnicos/as que representan as entidades adheridas á Rede de Dinamización Lingüística.

O vindeiro 10 de xuño terá lugar o Seminario de Iniciación á Dinamización da Lingua Galega desde as Entidades Locais, dirixido aos técnicos que se están a iniciar no labor normalizador.

Posteriormente, os días 30 de xuño e 1 de xullo desenvolverase o I Seminario de Formación Permanente da Rede de Dinamización Lingüística, dirixido ao conxunto da representación técnica da Rede.

Se desexa máis información, prema aquí.

30/05/2011. INVESTIGACIóN

O ILG presenta a versión en liña do seu Arquivo de Galego Oral

O Instituto da Lingua Galega (ILG) pon ao dispor da cidadanía o seu Arquivo de Galego Oral (AGO), un banco de textos orais, froito de varias décadas de traballo, co que se quere configurar o atlas da oralidade do idioma galego.

O AGO contén arredor de 2000 horas de gravacións, con voces duns 7000 informantes representativos da totalidade do territorio de fala galega, tanto no que respecta á Galicia administrativa como do que se coñece como “galego exterior”.

Actualmente están accesibles en liña 43 etnotextos agrupados tematicamente, selección que se irá completando progresivamente.

30/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual de contido artístico e cultural

A Axencia Galega das Industrias Culturais publica a convocatoria de subvencións para a produción audiovisual en lingua galega con contido artístico e cultural.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.



27/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán “Témoslle lei: o galego no Dereito”

No marco da campaña Témoslle lei, a Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela organiza o curso de verán “Témoslle lei: o galego no Dereito”, que se desenvolverá os días 12, 13 e 14 de setembro de 2011 na sede desta facultade.

O curso está especialmente dirixido aos estudantes de Dereito e de Ciencias Políticas e da Administración; así como aos profesionais e estudosos do ámbito da política lingüística.

O prazo de matrícula remata o 2 de setembro.
27/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Lois Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo deu a coñecer os gañadores da XVII edición dos Premios Lois Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.

Os galardoados/as desta edición foron Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da USC; Xosé Rodríguez Cruz, funcionario do Corpo Nacional de Policía na comisaría provincial de Ourense e mais o Concello de Ames.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
25/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.

En concreto, ofértanse prazas de lectorados nas universidades de Madrid, Barcelona, Granada, Deusto, Heildelberg, Padua, Roma La Sapienza, Algarve e Miño.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

20/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

II Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan o II Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega.

O premio está destinado ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2010-2011 así como en xeral aos licenciados/as en Dereito.

O premio concederase en dúas modalidades, 600 euros na modalidade de estudantes e 900 euros na modalidade de licenciados/as. Os traballos premiados publicaranse no Anuario da Facultade de Dereito.

O prazo de presentación dos traballos remata o 30 de setembro de 2011.
20/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

O filólogo Ramón Lorenzo, Premio Trasalba 2011

A Fundación Otero Pedrayo decidiu por unanimidade conceder o Premio Trasalba 2011 ao catedrático de Lingua e Literatura Galega da USC e especialista en lingua medieval, Ramón Lorenzo Vázquez.

Ramón Lorenzo foi cofundador do Instituto da Lingua Galega en 1971, membro do histórico grupo “Brais Pinto”, fundador e director da revista Dorna, editor de obras de referencia da Idade Media como a “Crónica Troyana” e membro na actualidade da Real Academia Galega.

O acto de entrega do galardón terá lugar no transcurso da Festa Literaria que a Fundación Otero Pedrayo celebrará na Casa Grande de Cimadevila (Amoeiro) o derradeiro domingo de xuño.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/05/2011. DINAMIZACIóN

Actividades para festexar as Letras Galegas no Verbum

O museo Verbum-Casa das Palabras presenta a súa programación de actividades para os días 17 e 18 de maio de 2011, nos que se conmemora respectivamente o Día das Letras Galegas e o Día Internacional dos Museos.

Para o 17 de maio está programada unha gravación de textos de Lois Pereiro (das 10:00 h ás 19:00 h) e un espectáculo teatral de obxectos con música en directo baseado en textos do poeta homenaxeado (ás 19:00 h).

O 18 de maio, ás 19:00 h, terá lugar a actividade teatral Museos e Memoria. Verbum Fahrenheit, unha peza que fala da relación entre a oralidade e a escrita, e da importancia de ambas para a supervivencia dun idioma.

13/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

IV Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o IV Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse entre os días 4 e 29 de xullo de 2011 na Facultade de Filoloxía da UDC.

O prazo de inscrición remata o 30 de maio de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/05/2011. DINAMIZACIóN

Letras Galegas en Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago presenta o programa para festexar o vindeiro Día das Letras Galegas.

As actividades desenvolveranse os días 16, 17 e 18 de maio e a programación inclúe, entre outros actos, representación teatrais, actuacións musicais, solta de libros (book croosing) e a posta en marcha do xogo colectivo “Atopando Compostela”.

Se desexa máis información, prema aquí.
12/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de traballo sobre Letras Galegas e Internet

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas o vindeiro 17 de maio, a Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza a xornada Letras Galegas e Internet, que ten como obxectivo principal difundir os novos recursos lingüísticos que actualmente están dispoñibles en Internet.

A xornada desenvolverase o vindeiro 19 de maio de 2011, de 10:30 h a 13:30 h, no Centro Multimedia de Galicia (Rúa do Hórreo, 61. Santiago de Compostela).

Para ampliar a información, prema aquí.


11/05/2011. DINAMIZACIóN

Os meus favoritos, guía de sitios web en galego

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas presentan a guía Os meus favoritos, que compila 200 enderezos de sitios web en galego sobre diferentes temáticas (deporte, audiovisual, cultura, mocidade…).

O obxectivo desta iniciativa é celebrar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día de Internet, e ao mesmo tempo, fomentar o uso do galego no ámbito da tecnoloxía.
11/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

VII Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Concello de Carballo e mais a CTNL organizan a sétima edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", no que se reflexionará sobre a incidencia dos discursos lingüísticos na situación actual do galego.

As sesións desenvolveranse os días 20, 21 e 22 de xullo de 2011 no Pazo da Cultura de Carballo.

A matrícula abrirase a partir do 1 de xuño.

11/05/2011. DINAMIZACIóN

A EGAP súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas

A Escola Galega de Administración Pública presenta o seu programa de actividades para homenaxear a Lois Pereiro, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

O programa inclúe un acto literario, que terá lugar o 12 de maio, ás 19:00 h, na sede da EGAP e mais unha viaxe cultural polos escenarios nos que desenvolveu a súa vida Lois Pereiro, que se realizará o 17 de maio.

Se desexa máis información, prema aquí.
11/05/2011. DINAMIZACIóN

O galego medra contigo na cidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña está a desenvolver unha nova edición da campaña “O galego medra contigo!”, dirixida este ano a nenos/as de entre 5 e 10 anos e mais ás súas familias.

Nesta edición o fío condutor das actividades é o mariñeiro Ith, nome que fai referencia ao fillo de Breogán, personaxe lendario relacionado coa fundación da cidade da Coruña.

A programación inclúe concertos musicais infantís, obradoiros lúdico-musicais e mais o Concerto das Letras.

Para ampliar a información, prema aquí.

11/05/2011. DINAMIZACIóN

Xeiras da Lingua en Redondela

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Redondela súmase á celebración das Letras Galegas, ao igual que outros moitos concellos do país, coa programación Xeiras da Lingua, que se está a desenvolver ao longo dos meses de abril e maio de 2011.

Nos vindeiros días terán lugar, entre outras actividades, dúas representacións teatrais, un concerto de Manu Clavijo e mais un relatorio de Marcos Calveiro sobre o poeta Lois Pereiro.
10/05/2011. INVESTIGACIóN

O Instituto da Lingua Galega celebra o seu 40 aniversario

O 14 de maio de 1971 nacía o Instituto da Lingua Galega no seo da Universidade de Santiago de Compostela. Co gallo do seu 40 aniversario, o ILG convida a todas as persoas interesadas e nomeadamente, aos axentes sociais que traballan a prol da normalización do galego, a participar no acto de celebración que terá lugar o vindeiro 20 de maio de 2011.

Ás 18.30 h o Reitor da USC descubrirá unha placa na fachada da sede do ILG dando conta de que no segundo andar da casa viviron Rosalía e Murguía nos anos 1863-1865. Posteriormente, ás 19:00 h, terá lugar no paraninfo da USC un acto académico, tamén presidido polo Reitor.

O ILG continuará a conmemorar esta efeméride ao longo do ano 2011 coa presentación de proxectos e estudos que se están a desenvolver nesta institución.
09/05/2011. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega convoca 6 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Área de Publicacións (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas), Área Técnica (2 bolsas).

A duración das bolsas será ata o 31 de decembro de 2011. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
09/05/2011. DINAMIZACIóN

Agasallo sincronizado para o mundo

O colectivo GalegoLab promove o proxecto Agasallo sincronizado para o mundo, que ten como obxectivo conseguir que o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, o galego se escoite de xeito sincronizado nos cinco continentes.

Trátase de que a partir dunha mesma partitura, todos/as os/as artistas que o desexen fagan a súa propia versión e a poñan á disposición do público en YouTube. Deste xeito, o vindeiro 17 de maio todos poderemos compartir cos nosos coñecidos a versión que máis nos guste, provocando unha distribución en rede que permita que o galego se escoite ese día nos cinco continentes.
09/05/2011. DINAMIZACIóN

A Coordinadora Galega de ENDL conmemora os 20 anos de traxectoria dos equipos

A Coordinadora Galega de ENDL está a organizar o acto "1991-2011: vinte anos dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística", co ánimo de recoñecer publicamente o traballo desenvolvido polos ENDL ao longo destes vinte anos. No transcurso do acto renderáselle tamén unha homenaxe a Agustín Fernández Paz, polo seu intenso labor a prol da normalización lingüística no ensino.

O evento terá lugar o vindeiro 4 de xuño, ás 11:30 h, no Museo do Pobo Galego.
09/05/2011. DINAMIZACIóN

Para gozar do Mes das Letras en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta o seu programa de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se desenvolverán entre os días 10 e 28 de maio.

A programación inclúe contacontos, cinema, regueifa, concertos musicais e a presentación do libro Toponimia do Val do Fragoso. Lavadores, segundo volume da colección sobre toponimia das parroquias de Vigo.
06/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Escribir de ciencia en galego

O Consello da Cultura Galega, a través da súa Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, organiza a xornada Escribir de ciencia en galego, na que se reflexionará sobre as posibilidades e capacidades do galego como idioma de comunicación científica.

A sesión terá lugar o vindeiro 20 de maio na sede do CCG (Santiago de Compostela). A inscrición é gratuíta e o número de prazas está limitado a 100 persoas.

Para obter máis información, prema aquí.

05/05/2011. INVESTIGACIóN

Presentación no CCG da edición facsímile da revista Loia

Co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas o Consello da Cultura Galega elaborou a edición facsimilar dos catro números da revista Loia, editada en Madrid entre 1975 e 1978, e na que Lois Pereiro, autor homenaxeado este ano, publicou as súas primeiras composicións poéticas.

O acto de presentación terá lugar mañá, 6 de maio, ás 12:00 h, na sede do CCG, e nel intervirán Ramón Villares, presidente da institución, e Xosé Manuel Pereiro, coordinador da edición.

05/05/2011. DINAMIZACIóN

O Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas

O vindeiro 17 de maio, ás 20:00 h, terá lugar na igrexa de San Domingos de Bonaval o Concerto das Letras Galegas.

No acto, organizado polo Consello da Cultura Galega, actuarán a Real Filharmonía de Galicia, acompañada pola soprano Carmen Durán e o coro “Collegium Compostellanum”, que interpretarán obras de Pascual Veiga, Antón García Abril, Antonio Iglesias, José Castro “Chané” e Rogelio Groba. As partituras están compostas sobre textos de Rosalía de Castro, Álvaro de las Casas, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enríquez e Xosé Filgueira Valverde.
05/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego no Concello de Vigo

O Concello de Vigo convoca subvencións para asociacións e organizacións sen ánimo de lucro que teñen por obxecto fomentar a realización de actividades de dinamización e promoción do uso do galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/05/2011. DINAMIZACIóN

Pontevedra festexa o mes da lingua

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades Maio, mes da lingua 2011, co que se une aos actos conmemorativos do Día das Letras Galegas que terán lugar ao longo deste mes en todo o país.

O programa inclúe, entre outras actividades, obradoiros, música, teatro, cinema, conferencias e roteiros.
05/05/2011. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Este número inclúe, entre outros contidos, a entrevista a María Crespo, estudante na Escola de Formación de Profesorado de Lugo e gañadora dos premios ás Calidade e á Excelencia Lingüística; a nova sobre o Videomatón pola lingua na USC e a presentación do servizo de asesoramento de presentacións dixitais.

05/05/2011. DINAMIZACIóN

Rois volve andar o camiño das Letras Galegas

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Rois organizan o programa de actividades Rois no Camiño das Letras Galegas 2011, destinado a festexar as Letras Galegas e a homenaxear a figura de Lois Pereiro.

Ao longo do vindeiro mes de maio desenvolveranse, entre outras actividades, conferencias, exposicións, representacións teatrais, espectáculos musicais, un certame artístico-literario e un serán da lingua.