Novas da lingua

Rexistros3871 a 3900 de 5363
30/09/2011. DINAMIZACIóN

O Concello de Redondela acolle a exposición “Castelao e nós, 125 aniversario”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela promove a exposición itinerante “Castelao e nós, 125 aniversario”, deseñada para difundir a figura e obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 125 aniversario do seu nacemento.

A exposición estará accesible ao público no Centro Cultural Chan das Pipas (Redondela) entre os días 28 de setembro e 23 de outubro de 2011, a partir das 17:00 h en días laborables, e desde as 12:00 h nas fins de semana.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.


26/09/2011. OUTRAS

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Este ano 2011 celébrase o décimo aniversario da instauración do 26 de setembro como Día Europeo das Linguas. O Consello de Europa acordou institucionalizar esta celebración anual co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns.

Co gallo desta conmemoración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística achega no seu web unha selección de materiais deseñados co ánimo de que a cidadanía poida festexar esta data achegándose, desde o galego, á diversidade lingüística europea.
16/11/2005. CURSOS E CONGRESOS

VI Escola Permanente Fermín Penzol

A Universidade de Vigo e mais a Xunta de Galicia organizan a sexta edición da Escola Permanente Fermín Penzol, un encontro arredor da cultura común galega, leonesa e asturiana que nesta edición se converterá nun acto de homenaxe a Antonio Fernández Morales, no sesquicentenario da publicación da súa obra Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861).

As sesións terán lugar os días 7 e 8 de outubro de 2011 en Cacabelos-Ponferrada. A inscrición é gratuíta para universitarios/as de Galicia, León e Asturias e de 10 euros para o público xeral. O prazo para tramitar a matrícula remata o 5 de outubro de 2011, ás 14:00 h.
23/09/2011. DINAMIZACIóN

Palabras contadas: para aprender a falar en público en galego

O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña organiza Palabras contadas, unha actividade dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria matriculado nos CEIP públicos do concello que ten como obxectivo potenciar a comprensión e expresión oral en lingua galega.

As persoas interesadas teñen de prazo para tramitar a solicitude do 26 de setembro ao 11 de outubro de 2011.
15/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, para desenvolver en centros de ensino dependentes desta consellería no curso académico 2011-2012.

De entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que serán premiados con cadansúa axuda de 2500 euros, cunha xornada de formación para o profesorado implicado e mais coa difusión dos materiais no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/09/2011. CURSOS E CONGRESOS

Na Estrada, polo dereito

A Irmandade Xurídica Galega e mais o Concello da Estrada organizan unha xornada sobre a galeguización do Dereito, dirixida especialmente aos operadores xurídicos do partido xudicial da Estrada, que terá lugar o vindeiro 24 de setembro neste concello.

Os obxectivos do evento son promover o uso do galego nos procedementos xudiciais perante todos os órganos xurisdicionais, así como realizar unha solicitude expresa para que estes dicten resolución na nosa lingua.

Pola súa parte, o SNL do Concello da Estrada colaborará ofrecendo un servizo de tradución e corrección dos documentos que se lle soliciten.

Se desexa máis información, prema aquí.





13/09/2011. OUTRAS

O CDSG trasládase á Cidade da Cultura de Galicia

O CDSG acaba de trasladarse para o edificio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura. Por este motivo, vémonos na obriga de interromper temporalmente os servizos de préstamo bibliográfico e consulta en sala de fondos, que reiniciaremos a partir de outubro de 2011.

Consulte os nosos novos datos de contacto.
12/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

Anúlanse as axudas á edición de materiais didácticos e mais á promoción do galego na Administración local

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia, no DOG do 9 de setembro de 2011, a anulación das subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega e mais das axudas á edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fixo públicas dúas notas informativas (nota concellos; nota editoriais) xustificando estas supresións.
12/09/2011. DINAMIZACIóN

Tres historias para ver… e aprender!

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) presenta tres curtas de animación en lingua galega, coas súas respectivas propostas didácticas, para traballar na educación infantil.

Trátase en concreto dos audiovisuais Os sete cabritos, A pota que trota e Fiz, o coleccionista de medos, editados por OQO Editora.

As tres curtas, que foron xa enviadas en formato DVD a todos os centros educativos de Galicia que imparten educación infantil, están tamén accesibles na rede no web da SXPL.
01/09/2011. INVESTIGACIóN

Dicionario de pronuncia da lingua galega

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago presenta esta aplicación en liña baseada no Dicionario de pronuncia da lingua galega, elaborado polo profesor Xosé Luís Regueira e editado pola Real Academia Galega en 2010.

A finalidade do dicionario é ofrecer un modelo de pronuncia da variedade estándar da lingua galega, nun rexistro formal e cun ritmo normal de fala. Ademais da transcrición fonética, a versión en liña do dicionario permite tamén escoitar a gravación das
60 000 formas recollidas.
01/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de monólogos en lingua galega “Que me dis!!”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un concurso de monólogos co ánimo de promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías.

Os monólogos deben gravarse en vídeo ou audio e enviarse como arquivo adxunto ao formulario accesible no propio web do concello, onde se poderán visitar e apoiar.

O prazo para enviar as gravacións remata o 23 de setembro de 2011 (ás 14:30 h).

Os tres monólogos gañadores serán galardoados cunha cámara fotográfica (1º premio), cun marco de fotografías dixital (2º premio) e cun MP4 (3º premio).

01/09/2011. INVESTIGACIóN

Novos datos sobre o uso do galego na xuventude

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e mais a Universidade de Santiago de Compostela presentan os resultados do informe Xuventude Galega 2010, onde se achegan, entre outros, datos sobre o uso da lingua dos mozos/as galegos/as que teñen entre 15 e 29 anos.

Segundo os datos achegados, o 38, 6% da mocidade galega afirma empregar o galego, mentres que o uso do castelán nesta franxa de idade sitúase no 59,9%. O uso do galego é menor ao do castelán en todos os ámbitos de uso, obtendo os mellores resultados no ámbito familiar (44,8%).

Con todo,o informe sinala tamén que o uso do galego entre a mocidade creceu case 6 puntos de media con respecto aos datos obtidos no anterior Informe sobre a xuventude galega 2007.
01/09/2011. INVESTIGACIóN

En liña o terceiro volume de Estudos de Lingüística Galega

O Instituto da Lingua Galega presenta o terceiro volume de Estudos de Lingüística Galega, revista de periodicidade anual que quere ser un espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego.

A publicación inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analizan directa ou indirectamente o noso idioma.
01/09/2011. INVESTIGACIóN

Accesibles na rede as actas das VII Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as actas das VII Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Sanidade, que tiveron lugar na Coruña en decembro de 2010.

Neste mesmo sitio web pode acceder tamén aos audios e actas das edicións anteriores destas xornadas, que o SNL da UDC organiza anualmente para reflexionar sobre a situación do idioma galego nos diferentes ámbitos sociais.
01/09/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos grandes proxectos editoriais

A Consellería de Cultura e Turismo fai pública a resolución coa concesión das axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, no que se refire á materialización dos grandes proxectos editoriais.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
01/09/2011. DINAMIZACIóN

Vencello, un novo espazo web para a lingua galega

Vencello é a primeira rede de blogs temáticos escritos en lingua galega, que nace co obxectivo de promover o uso do galego nos futuros blogs de temática especializada que se creen e, ao mesmo tempo, agrupar os xa existentes.

Trátase dun proxecto aberto ao que poden adscribirse todos os blogs que cumpran os principios de autorregulación estipulados.

Na actualidade forman xa parte de Vencello, entre outros, blogs como Memoria Pixelada (sobre videoxogos), Galiloxía (sobre tecnoloxía) ou O Esparavel de Mallando (sobre construción).

01/09/2011. EMPREGO

A Secretaría Xeral de Política Lingüística resolve a convocatoria de lectorados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a listaxe coa adxudicación das prazas de lectores de lingua, literatura e cultura galegas, con destino en universidades españolas e estranxeiras.

Para consultar o texto da resolución, prema aquí.

15/07/2011. AXUDAS E PREMIOS

Medalla de Ouro Galicia para o Instituto da Lingua Galega

A Xunta de Galicia publica, no DOG do 15 de xullo de 2011, o decreto polo que se lle outorga ao Instituto da Lingua Galega a Medalla de Ouro de Galicia, a máis alta distinción que concede o Goberno galego.

O ILG, creado en 1971 no seo da Universidade de Santiago de Compostela como centro de investigación dedicado ao estudo e promoción da lingua galega, celebrou o pasado mes de maio de 2011 os actos de conmemoración do seu 40 aniversario.

13/07/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

No caso dos cursos de nivel Celga 1, a convocatoria recolle a posibilidade de cursalos en liña.

O prazo de presentación de solicitudes para as modalidades de cursos presenciais estará aberto ata o 31 de marzo de 2012. Os prazos para inscribirse nos cursos en liña sinalaranse nas convocatorias específicas de cada curso.

Se desexa consultar a convocatoria completa, prema aquí.
04/07/2011. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de xuño

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Este número inclúe, entre outros contidos, a entrevista a Francisco Díaz-Fierros, catedrático en Edafoloxía e Química Agrícola da USC e coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG; a nova sobre o 15 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos e a presentación dos dous cursos de verán con contidos lingüísticos que está a organizar a USC.

04/07/2011. AXUDAS E PREMIOS

VIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a oitava edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario.

O premio está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “campaña normalizadora”.

O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 10 de novembro de 2011.
04/07/2011. DINAMIZACIóN

A AGAL festexa o seu 30 aniversario

Co gallo da conmemoración do seu 30 aniversario, a Associaçom Galega da Língua (Agal) organiza o festival éMundial, que se celebrará en Santiago de Compostela do 4 ao 9 de xullo e co que a AGAL quere festexar, xunto cos seus 30 anos de actividade, que o galego é unha lingua mundial.

O programa inclúe, entre outros actos, exposicións de fotografía, presentacións de libros, mesas redondas e concertos musicais.

Se desexa máis información, prema aquí.

29/06/2011. DINAMIZACIóN

O galego campa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado presentan o programa de dinamización lingüística “O galego campa!”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego nos campamentos de verán da Xunta de Galicia e ofrecerlles recursos aos monitores/as para desenvolver a súas actividades.

No sitio web da campaña os monitores/as poden descargar unha selección de cancións, fichas de actividades e outros recursos de utilidade para a preparación dos campamentos.

28/06/2011. OUTRAS

Pecha o diario en lingua galega Galicia Hoxe

O 28 de xuño de 2011, aniversario da aprobación en referendo do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, foi a data elixida polo Grupo Correo Gallego para sacar á rúa o derradeiro número do diario
Galicia Hoxe
.

A cabeceira Galicia Hoxe naceu o 17 de maio de 2003, substituíndo o xornal O Correo Galego, primeiro diario en lingua galega da historia fundado en 1994 tamén polo Grupo Correo Gallego.

Despois de 2943 números, pecha o único diario no noso idioma, segundo os seus responsables, debido á crise económica e ao recorte de axudas institucionais.
24/06/2011. OUTRAS

Manual de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua edita baixo licenza Creative Commons o manual do “Curso de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística (SNL) de administracións públicas locais”, do que a CTNL organizou tres edicións nos anos 2010 e 2011.

O manual, accesible en formato .pdf no web da CTNL, foi elaborado por Alicia Paula Otero González, técnica de administración xeral do Concello de Pontevedra.
24/06/2011. LEXISLACIóN

Regulación dos cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 24 de xuño de 2011, a orde que regula os cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e os cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior).

A orde establece os destinatarios, as equivalencias, as validacións, o programa e mais os criterios de avaliación e certificación dos cursos.
24/06/2011. DINAMIZACIóN

Exposición itinerante sobre a vida e obra de Castelao

Co gallo do 125 aniversario do nacemento de Castelao, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos organizan unha exposición itinerante sobre a vida e obra dunha das figuras máis sobranceiras da historia da lingua e cultura galegas.

A mostra inaugurouse o pasado 22 de xuño na Biblioteca Nodal de Pontevedra e nos vindeiros meses percorrerá diferentes bibliotecas nodais galegas e centros escolares.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/06/2011. CURSOS E CONGRESOS

Primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, as direccións xerais de Administración Pública e de Xustiza, e a EGAP presentan os primeiros cursos en liña de linguaxe administrativa e xurídica galegas destinados ao persoal das administracións públicas galegas.

A docencia impartirase a través da Aula de Teleformación da EGAP, na que o alumnado terá á súa disposición todos os recursos lingüísticos e didácticos necesarios.

O comezo desta liña de teleformación terá lugar o vindeiro mes de setembro de 2011 e cada curso, de 75 horas de duración, prolongarase un total de oito semanas.

Se desexa máis información, prema aquí.
24/06/2011. DINAMIZACIóN

Os 20 anos dos ENDL en imaxes

A Coordinadora Galega de ENDL difunde no seu web os vídeos que se presentaron no transcurso do acto conmemorativo do XX aniversario dos equipos de normalización e dinamización lingüística (ENDL), que tivo lugar o pasado 4 de xuño no Auditorio do Museo do Pobo Galego.

Trátase de cinco presentacións nas que se fai un percorrido histórico polos principais fitos e actividades desenvolvidas polos ENDL nestes últimos vinte anos. Na mesma sección web pódese acceder ás intervencións de diferentes representantes do colectivo educativo que interviñeron neste acto, no que os ENDL renderon tamén un recoñecemento público ao labor normalizador de Agustín Fernández Paz.
22/06/2011. DINAMIZACIóN

O alumnado do IES A Paralaia implícase na galeguización da hostalaría moañesa

No marco da campaña “Galiméntate”, o Equipo de Dinamización Lingüística do IES A Paralaia e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Moaña presentan a iniciativa Receitas para a lingua, que consiste na tradución ao galego de 32 receitas de 13 establecementos hostaleiros do municipio.

A primeira fase da campaña desenvolveuse durante o curso 2007-2008 e consistiu na tradución das cartas de diferentes bares e restaurantes do concello. Esta segunda fase tamén inclúe a distribución de mandís e bolsas de tela co logo da campaña entre os establecementos colaboradores.