Novas da lingua

Rexistros3901 a 3930 de 5145
05/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VII Premio a artigos xornalísticos normalizadores

Marcos Abalde Covelo, autor do artigo Empoderármonos, foi o gañador da sétima edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1000 euros e o artigo gañador será publicado nos medios de comunicación colaboradores.

O xurado outorgou tamén un accésit sen dotación económica ao artigo Gas, autoría de Diego Giráldez.

Se desexa máis información, prema aquí.
02/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

A lingua do cine. A lingua e o cine

O Consello da Cultura Galega organiza o encontro A lingua do cine. A lingua e o cine, no que se reflexionará sobre o uso das linguas no sector audiovisual.

O acto, dirixido especialmente aos profesionais deste sector, terá lugar o 3 de maio na sede do CCG.
Hai 30 prazas dispoñibles para o público xeral. As persoas interesadas deben confirmar a súa asistencia no correo difusion@consellodacultura.org
02/05/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán de lingua e cultura galegas da Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca a quinta edición do curso de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros, que se desenvolverá entre os días 4 e 26 de xullo de 2011.

O curso conta con dous niveis, elemental e intermedio, e as sesións desenvolveranse na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

O prazo de preinscrición remata o 31 de maio.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

02/05/2011. DINAMIZACIóN

Monográfico didáctico sobre Lois Pereiro

A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa un monográfico dedicado á figura e á obra de Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011.

Trátase dunha compilación de recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula. A maiores ofrécese unha fonoteca e unha videoteca con recursos sonoros e audiovisuais sobre este autor.
02/05/2011. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o II Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña fixo pública a resolución do II Premio Rosalía de Castro de Lingua, deseñado para recoñecer a persoas, empresas, asociacións e entidades que, co seu traballo, axudan a impulsar a presenza do idioma galego.

Nesta segunda edición concedéuselle o galardón á Mesa pola Normalización Lingüística, polos seus 25 anos de traxectoria traballando a prol da normalización do uso do galego en todos os ámbitos sociais.

O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro 7 de maio, durante a celebración da IV Festa da Lingua.

Para ampliar esta información, prema aquí.
02/05/2011. OUTRAS

Novo servizo de asesoramento para elaborar presentacións eficientes

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago ofrece un novo servizo de asesoramento e formación en presentacións dixitais dirixido ao profesorado da USC, co ánimo de guiar o proceso de creación de diapositivas correctas tanto desde o punto de vista lingüístico como comunicativo.

Ademais do asesoramento individualizado que recibirá o profesorado que o solicite, o SNL habilitou unha nova sección no seu web onde poden consultarse os principios básicos para a elaboración destes documentos, así como descargar cinco modelos distintos de diapositivas en PowerPoint 2007 e 2010.
02/05/2011. DINAMIZACIóN

IV Festa da Lingua

A Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, organiza a IV Festa da Lingua, que se celebrará o 7 de maio, ás 21:00 h, no Pazo da Cultura de Carballo.

No acto, que será presentado por Yolanda Castaño, actuarán Marful e Berrobambán. A lectura do manifesto correrá a cargo de Xurxo Borrazás.
18/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

A Rede Mercator convida a reflexionar sobre o papel da lexislación na extensión da diversidade lingüística

A Rede Mercator e mais o CIEMEN están a organizar o congreso internacional “O papel da lexislación na extensión da diversidade lingüística: evolución e tendencias recentes”, que terá lugar os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2011 en Barcelona.

Os organizadores convidan a todas as persoas que estean a traballar ou investigar no ámbito da lexislación lingüística a participar neste congreso. A data límite para enviar as propostas de presentacións é o 10 de maio de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
18/04/2011. DINAMIZACIóN

O galego é a chave coa que abrimos o mundo

A plataforma cidadá Queremos Galego organiza o acto lúdico-reivindicativo “O galego é a chave coa que abrimos o mundo”, que terá lugar o vindeiro 30 de abril, ás 19:30 h, na Sala Capitol (Santiago de Compostela).

No evento, que será conducido por Xosé Lois González “O Carrabouxo” , iranse alternando as intervencións de Ernesto Chao, Pilar García Negro, Teresa Moure, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias e Carlos Callón coas actuacións musicais de Ugia Pedreira, Roi Casal, Miro Casabella e Roberto Sobrado.
14/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

XXI Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 29 e 30 de abril de 2011 na Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto ata o 29 de abril.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2011. DINAMIZACIóN

Ciclo de cine en galego no Concello de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un ciclo de cine en galego co ánimo de difundir o patrimonio audiovisual galego entre a cidadanía.

Este ciclo de cine terá lugar os sábados dos meses de abril e maio en diferentes asociación veciñais do municipio. A entrada é de balde.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2011. DINAMIZACIóN

Novas actividades de dinamización lingüística en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as bibliotecas públicas do municipio organizan a
III Semana do libro: a festa das palabras.

Trátase dunha exposición bibliográfica multilingüe que se desenvolverá ao longo deste mes de abril en diferentes espazos públicos do concello.

Así mesmo, os vindeiros días 18, 19 e 20 de abril terán lugar os obradoiros infantís Xogando coa lingua, deseñados polo Concello de Redondela co ánimo de favorecer a conciliación laboral das familias e, ao mesmo tempo, fomentar o uso do galego no tempo de lecer dos máis cativos/as.
07/04/2011. AXUDAS E PREMIOS

III Certame de Cinema OUFF Escola

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF) e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría
Xeral de Política Lingüística, convocan o III Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XVI Festival de Cine Internacional de Ourense.

A iniciativa está destinada ao alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2010-2011, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega, e ten como obxectivo fomentar a creatividade audiovisual en galego.

O prazo para enviar as obras remata o 26 de xuño de 2011.


06/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) destinados ao persoal da Administración local galega.

A matrícula debe tramitarse a través do web da EGAP.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de abril.

Se desexa consultar o texto da convocatoria, prema aquí.
06/04/2011. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de seis bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Dimensións da identidade colectiva de Galicia (1 bolsa), Catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Informes de literatura (1 bolsa), Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos (1 bolsa) e Lírica profaga galego-portuguesa (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

06/04/2011. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para o desenvolvemento de contidos interactivos en galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/04/2011. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de abril

Xa está accesible na rede un novo número do Cartafol Dixital.

Neste número podemos consultar, entre outros contidos, a entrevista a Jaime Gómez Márquez, catedrático en Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC; a nova sobre o uso dos idiomas nas teses e outros traballos de investigación ou a presentación dos recursos terminolóxicos e didácticos xerados no marco da campaña “Témoslle lei”, que se está a desenvolver na Facultade de Dereito da USC.
01/04/2011. DINAMIZACIóN

Por que o preguntas?

A Coordinadora Galega de ENDL presenta a campaña Por que o preguntas?, que ten como principal obxectivo que a comunidade educativa reflexione sobre os prexuízos lingüísticos existentes na sociedade arredor do idioma galego.

A primeira fase da campaña consiste na difusión dun adhesivo do debuxante Fran Bueno sobre esta temática.

A Coordinadora habilitou tamén un espazo web no que se irán compilando materiais didácticos e experiencias que contribúan a mudar as imaxes negativas que existen sobre o galego e o seu proceso de normalización.
01/04/2011. CURSOS E CONGRESOS

Curso de xestión administrativa para SNL de administracións locais

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca a terceira edición do Curso de xestión administrativa para servizos de normalización lingüística (SNL) de administracións públicas locais, no que se ensinará o procedemento administrativo xeral que afecta ao traballo dos SNL.

As sesión terán lugar os días 26 de maio e 2 e 10 de xuño de 2011 na Facultade de Filoloxía da USC (aula 24).

O prazo de inscrición remata o 9 de maio.

31/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a proxectos audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais convoca axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega. Con estas axudas preténdese fomentar unha das fases esenciais da produción audiovisual, como é a da selección da historia e a posta a punto dos aspectos orzamentarios e de guión.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
(corrección de erros).
30/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción de curtametraxes e videoclips en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega ou videoclips, producidos por empresas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. (corrección de erros)
30/03/2011. OUTRAS

Dispoñible en galego o Firefox 4

Xa está accesible para a súa descarga en liña unha nova versión do Firefox, o navegador de código aberto que desenvolve a Corporación Mozilla.

Grazas ao traballo do Grupo de tradución de Mozilla ao galego, da Oficina de Software Libre da USC e mais do Proxecto Trasno, o galego é unha das 80 linguas nas que está accesible o
Firefox 4.

Esta nova versión está dispoñible para os sistemas operativos Linux, Windows e Mac, e proximamente estará tamén para Android e Maemo.

Se desexa máis información, prema aquí.
25/03/2011. INVESTIGACIóN

Créase o Centro de Estudos da Lingua Galega na Liturxia Padre Isorna

O Concello de Valga inaugurou a comezos deste mes de marzo o Centro de Estudos da Lingua Galega na Liturxia Padre Isorna, composto por un fondo de máis de 15 000 exemplares legados polo propio padre Isorna, que se completará con material audiovisual das misas en galego emitidas na TVG e outros títulos que doará a Xunta de Galicia.

O centro, que está especialmente dirixido a lingüistas e a estudosos de teoloxía, ten a súa sede no auditorio de Cordeiro (Valga) e está aberto ao público de luns a venres no seguinte horario: de 9:00 h a 13:00 h e de 16:00 h a 20:00 h.
25/03/2011. DINAMIZACIóN

O Achegarte 2011 tamén se achega á lingua

A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña organiza unha nova edición da feira cultural Achegarte, que terá lugar os vindeiros días 2 e 3 de abril de 2011 no Palexco da Coruña.

O comité organizador do evento convida a cidadanía a participar no espazo web habilitado para reflexionar tanto sobre estado actual do idioma como sobre as posibles vías de acción. Estas reflexións servirán de base para unha mesa de traballo que se desenvolverá durante a feira.

Proximamente anunciarase a convocatoria para participar nas diferentes mesas de traballo do Achegarte.

25/03/2011. DINAMIZACIóN

Novos materiais para fomentar a transmisión familiar

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o cartafol “Xeración dos Axóuxeres”, unha iniciativa que dá continuidade á campaña “Xeración E Logo!”, desenvolvida en anos anteriores co ánimo de fomentar a transmisión da lingua galega no ámbito da familia.

O cartafol contén diferentes materiais divulgativos e recursos prácticos (disco de cancións infantís, repertorio de xogos de iniciación, escolma de nomes galegos…), que se distribuirán nos centros de saúde a todas as embarazadas que se atopen no terceiro trimestre de xestación.

Estes materiais están tamén accesibles en liña no propio web da SXPL.
25/03/2011. AXUDAS E PREMIOS

Novo Son, certame de músicas emerxentes

A Radio Galega convoca o I Certame de Músicas Emerxentes “Novo Son”, dirixido a grupos e solistas maiores de 16 anos con repertorio propio (en directo) dun mínimo de 30 minutos.

Os grupos e intérpretes que desexen participar deberán enviar unha canción orixinal, de creación propia, que teña a letra en galego e nunca antes fose difundida a través doutro concurso nin editada comercialmente.

O prazo para enviar as cancións remata o 31 de marzo de 2011.

Para consultar as bases completas, prema aquí.

24/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Falemos dos medios de comunicación: hai alguén aí?

Tras o peche de diferentes medios de comunicación en lingua galega, o Colectivo Cultural A Nave das Ideas convoca a cidadanía para reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación galegos na sociedade actual.

O acto terá lugar mañá, 25 de marzo, ás 20:00 h na Casa Galega da Cultura (Praza da princesa, Vigo) e nel intervirán Marcos P. Pena, Comba Campoy e Carlos Barros.

Para ampliar esta información, prema aquí.

21/03/2011. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de toponimia en Ourense

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense organiza, coa colaboración da Universidade de Vigo e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, unhas xornadas de toponimia que terán lugar os vindeiros días 7, 8 e 9 de abril de 2011 no salón de graos do Edificio de Facultades da UVigo (campus de Ourense).

A matrícula é de balde e debe tramitarse a través do
web da AS-PG. O prazo de inscrición remata o vindeiro 5 de abril de 2011.

21/03/2011. EMPREGO

Bolsas para colaborar coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas para colaborar coa Unidade de Igualdade desta universidade, baixo a supervisión da Área de Normalización Lingüística.

Poderá optar a estas bolsas o estudantado da UVigo matriculado no curso 2010-2011 que estea en posesión do certificado CELGA 4.

Os/as bolseiros/as seleccionados colaborarán na harmonización e revisión dos documentos emitidos pola UVigo, erradicando o uso dunha linguaxe discriminatoria e sexista.

Se desexa máis información, prema aquí.
21/03/2011. EMPREGO

Oferta de traballo para docentes de galego

A empresa GES Consultores fai pública unha oferta laboral dirixida a licenciados/as en Filoloxía Galega, Tradución e Interpretación ou similar, para impartir cursos de galego nunha das súa empresas cliente, con sede en Santiago de Compostela.

Os/as aspirantes deberán acreditar unha experiencia mínima de tres anos como docentes de galego.

Se desexa máis información, prema aquí.