Novas da lingua

Rexistros3991 a 4020 de 4427
03/01/2011. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Exposición Letras Galegas 2011”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011, Lois Pereiro.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. A exposición gañadora en cada unha destas categorías será distribuída en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior e os equipos de traballo que elaboren estas exposicións recibirán cadanseu premio en metálico de 4000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de febreiro de 2011.

23/12/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2010

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixéronlles entrega dos seus respectivos premios aos galardoados da décimo primeira edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron o gabinete xurídico Novi Lus Avogados, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e a Casa de Xantar Dezaseis, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego.

Atlántica de Información e Comunicación de Galicia recibiu tamén unha distinción especial pola decidida aposta polo noso idioma en todas as súas publicacións periódicas, como a coñecida revista Tempos Novos.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. CURSOS E CONGRESOS

Congreso “Xoán Manuel Pintos Pintos. Actualidade e compromiso”

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o Congreso “Xoán Manuel Pintos Pintos. Actualidade e compromiso”, co gallo da conmemoración dos 200 anos do seu nacemento en Pontevedra.

As sesións terán lugar entre os días 6 e 9 de abril de 2011 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Ademais dos relatores/as oficiais (ver programa provisional), a organización convida a todas as persoas interesadas a participar con comunicacións propias.
O prazo para presentar os resumos das comunicacións remata o 15 de febreiro de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Nadal ecolóxico e en galego

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago organiza o obradoiro Nadal en galego, que ten como obxectivos incentivar o consumo responsable e ecolóxico, así como fomentar a creatividade e o uso do idioma galego nas actividades propias destas datas.

O obradoiro, dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos, desenvolverase os días 22, 23, 27, 28, 29, 30 de decembro de 2010 e o 3 de xaneiro de 2011 na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3).

O prazo de inscrición remata o 20 de decembro.
16/12/2010. CURSOS E CONGRESOS

VII Xornada científica da REALITER

A Oficina Quebequesa da Lingua Francesa está a organizar a
VII Xornada científica da REALITER (Rede Panlatina de Terminoloxía), que terá lugar no Quebec o 1 de xuño de 2011, baixo o título “Multilingüismo e prácticas terminolóxicas” .

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para enviar as súas propostas de comunicación ata o 1 de febreiro de 2011.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Rois prepárase para recibir as súas maxestades reais

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rois elaborou dous modelos de carta aos Reis Magos (un para o alumnado de infantil e outro para o de primaria) e mais unha unidade didáctica para que os centros de ensino poidan traballar didacticamente a chegada das súas maxestades reais ao municipio.

Entre as actividades que se propoñen está a elaboración dunha panxoliña en galego coa que os nenos/as deben recibir os paxes reais cando estes vaian recoller as súas cartas.

Pola súa parte, os Reis Magos encargaranse de responder persoalmente todas as cartas recibidas.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Xantar Compostela en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostelería Compostela presentaron a nova compaña de dinamización lingüística Xantar Compostela, deseñada para promover a presenza da lingua galega no ámbito da hostalaría compostelá.

A través desta iniciativa distribuiranse entre os establecementos hostaleiros de Santiago catro modelos diferentes de manteis (dous para nenos, un para adultos e outro para estranxeiros) con xogos de palabras para se entreter nos tempos de espera.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. AXUDAS E PREMIOS

IV Concurso de cartas aos Reis Magos en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o IV Concurso de cartas aos Reis Magos.

Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas, escritas en galego, nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello antes do vindeiro 29 de decembro.

Os Reis Magos contestarán, coa axuda do Apalpador, todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Narón felicita o Nadal en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta a campaña Felicita o Nadal en galego, a través da que pon á disposición da cidadanía modelos de postais (en formato papel ou electrónico) e mais textos de felicitación para enviar por sms.

A maiores, o SNL ofrece asesoramento lingüístico a todas as persoas que o precisen para escribir en galego as comunicacións típicas destas datas.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Recursos para a catequese e a liturxia en galego

O coro parroquial de Mondariz presenta o sitio web Xa nos tes aquí, que é o froito de cinco anos de traballo compilando música e recursos en lingua galega de utilidade para as celebracións relixiosas e mais a catequese.

Tanto o sitio web, coma o blog co mesmo nome, están especialmente dirixidos aos coros, parroquias, colexios e colectivos relixiosos que desexen desenvolver a súa actividade en galego.
10/12/2010. INVESTIGACIóN

Nova edición do Atlas UNESCO das linguas do mundo en perigo

A UNESCO acaba de presentar unha nova edición do Atlas UNESCO das linguas do mundo en perigo, onde se clasifican segundo cinco graos diferentes de vitalidade (vulnerable; en perigo; seriamente en perigo; en situación crítica; extinta) un total de 2 500 idiomas.

No caso do Estado español, o Atlas recolle unicamente catro linguas: aragonés, astur-leonés e aranés (en perigo) e éuscaro (vulnerable).

Ademais da edición impresa, o Atlas conta cunha edición interactiva que contén información adicional sobre número de falantes, datos xeográficos, fontes bibliográficas, etc.
10/12/2010. OUTRAS

Pero... Que raios é iso dos neofalantes?

O Colectivo Cultural A Nave das Ideas organiza unha charla coloquio titulada “Pero... Que raios é iso dos neofalantes?”, na que Belén Regueira, Sechu Sende e Daria Shornikova reflexionarán sobre a súa experiencia como neofalantes.

O acto, aberto ao público, terá lugar o 10 de decembro,
ás 19:00 h, na Casa Galega da Cultura (Vigo).
10/12/2010. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para o tempo de Nadal

A Coordinadora Galega de ENDL presenta unha páxina web con materiais e recursos didácticos relacionados co Nadal de utilidade para a comunidade educativa.

O especial contén un espazo con postais elaboradas polo alumnado e modelos de cartas para enviar aos Reis Magos e ao Apalpador; e unha sección con recursos didácticos elaborados por docentes, institucións e asociacións.
10/12/2010. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas de toponimia: Como se chama ese lugar?

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organizan as I Xornadas de toponimia: Como se chama ese lugar?.

As sesións terán lugar os vindeiros días 14 e 15 de decembro na Casa Galega da Cultura (Vigo).

Se desexa máis información, prema aquí.

10/12/2010. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de presentacións de Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza un concurso de presentacións de Nadal en formato dixital, co ánimo de fomentar o uso da lingua galega nas comunicacións propias destas festas.

As presentacións (formato .ppt, .pptx ou .odp) deben ter unha extensión máxima de 10 diapositivas, incorporar texto en galego e estar tematicamente relacionadas coas felicitacións propias do Nadal.

Os autores/as das tres presentacións gañadoras recibirán un lote de produtos de lecer.

O prazo para enviar as propostas remata o 20 de decembro de 2010.
10/12/2010. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de decembro

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a tres alumnos da Facultade de Dereito; a nova sobre o primeiro
e-book nativo da USC, Educación e linguas en Galicia; e a presentación das iniciativas gañadoras do VII Premio “Luísa Villalta”.

01/12/2010. DINAMIZACIóN

Xoga e fálao, da mañá á noite

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta a campaña Xoga e fálao, da mañá á noite, coa que se pretende obter o compromiso das entidades deportivas redondelás para que realicen as súas comunicacións orais e escritas no noso idioma.

A campaña, que terá continuidade ao longo do ano 2011, divulgarase a través de diferentes soportes (carteis, trípticos co léxico dos deportes, camisolas...).

O Servizo de Normalización Lingüística municipal ofrecerá asesoramento lingüístico a todas as entidades que se adhiran á iniciativa.

Se desexa máis información, prema aquí.
30/11/2010. DINAMIZACIóN

Nova canle de televisión en rede para a promoción do idioma

Xa está accesible en liña Linguagalega.tv, un novo espazo creado pola empresa Acuarela Comunicación para promover e divulgar o idioma galego.

A canle botou a andar con catro programas: Lingua, cámara e acción e A lingua galega na sociedade (ambos os dous financiados pola SXPL da Xunta de Galicia); Lembranzas e reflexións e Falemos de cine.

O proxecto conta coa colaboración da SXPL, da ANL da Universidade de Vigo e da Deputación da Coruña.
26/11/2010. INVESTIGACIóN

Informe do IGEA sobre o futuro do idioma galego

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) presenta o informe “Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica", elaborado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa.

O informe reflexiona sobre a situación actual do idioma galego e sobre os retos futuros que o galeguismo debe afrontar en materia de política lingüística, e propón introducir no discurso de promoción do galego o obxectivo do bilingüismo restitutivo ou de recuperación.
24/11/2010. EMPREGO

Contratación temporal dun/ha técnico/a na UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da UDC anuncia a contratación temporal dun/ha técnico/a para desenvolver tarefas de dinamización lingüística nos campus da UDC.

A duración do contrato será de 8 meses e 17 días.

O proceso de selección será o de concurso de méritos. O
prazo para presentar a documentación remata o vindeiro 30 de novembro, ás 14:00 h.

Se desexa máis información, prema aquí.


22/11/2010. DINAMIZACIóN

Na USC téñenlle lei ao galego

A Facultade de Dereito da USC presenta a campaña Témoslle lei, coa que se quere fomentar o uso do galego nesta facultade.

Con esta finalidade deseñaron un plan de actuacións que contén 42 medias dirixidas a catro ámbitos (institucional, PDI, alumnado e proxección exterior).

No web da campaña poderá ampliar información sobre este plan, escoitar a opinión de diferentes profesionais do ámbito xurídico e consultar unha listaxe de lexislación básica en lingua galega.


18/11/2010. EMPREGO

Bolsa de colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC

A Universidade de Santiago de Compostela convoca unha bolsa para colaborar co seu Servizo de Normalización Lingüística.

Os/as aspirantes deben ser estudades da USC, do segundo ciclo de Filoloxía Galega.

A duración inicial da bolsa é dun ano, con posibilidade de prórrogas anuais se o beneficiario/a continúa a cumprir os requisitos da convocatoria.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 19 de novembro de 2010.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
18/11/2010. DINAMIZACIóN

Redondela presenta a lingua máis saborosa

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e mais a Asociación de Empresarios de Redondela presentaron a campaña “A lingua máis saborosa”, deseñada para promover o uso do galego no ámbito da hostalaría.

A campaña difundirase a través de diferentes soportes (menús do día, cartas, panos de mesa, carteis e dípticos). Coa súa adhesión á iniciativa os locais comprométense a promover a progresiva galeguización dos seus establecementos. Neste proceso contarán co asesoramento do SNL municipal.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de tradución ao galego de aplicacións informáticas libres

O Proxecto Trasno organiza un curso gratuíto de tradución ao galego de aplicacións informáticas libres.

O curso, de 33 horas de duración, desenvolverase entre os días 16 e 25 de novembro de 2010 no Edificio de Servizos Centrais da Universidade da Coruña.

A matrícula é de balde e as persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 15 de novembro (incluído).

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
12/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

XI Premio Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a undécima edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo e compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizado un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego.

As empresas interesadas teñen de prazo para presentar as súas candidaturas ata o 30 de novembro de 2010.
Se desexa consultar as bases completas da convocatoria, prema aquí.
12/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premio Altofalante para a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural Altofalante, de Ribeira, acordou concederlle o Premio Altofalante 2010 á Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística (CGENDL), co ánimo de recoñecer publicamente o seu labor de promoción do idioma galego no ámbito educativo.

Así mesmo, por acordo da súa Asemblea Xeral, a CGENDL foi nomeada “socia de honra” da A. C. Altofalante.

O premio entregarase o vindeiro 20 de novembro, ás 20:00 h, no Conservatorio Municipal de Ribeira.

Para obter máis información, prema aquí.
12/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

XX Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado entregou onte, 11 de novembro de 2010, os Premios San Martiño de Normalización Lingüística.
Os galardoados desta edición foron a cooperativa Monte Cabalar SCG, na modalidade de “Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”, a empresa R, na modalidade “Galicia enteira”, e o historiador estradense Olimpio Arca Caldas, na modalidade “Toda unha vida”.

Se desexa mais información, prema aquí.

09/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación

A Área de Filoloxías Galega e Portuguesa da UDC, a AS-PG e mais o Concello da Coruña organizan as Xornadas Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación, que terán lugar entre os días 24 e 27 de novembro na Sala de Xuntas da Reitoría (Maestranza. UDC).

As persoas interesadas deben formalizar a súa matrícula a través do formulario accesible no web da AS-PG.
O prazo de inscrición remata o 21 de novembro de 2010.
08/11/2010. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornadas “Xustiza e lingua, reflexións para a normalización”

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a cuarta edición da xornada Xustiza e lingua, reflexións para a normalización, que nesta ocasión xirará arredor das claves e os desafíos para a posta en valor do galego na xustiza.

A xornada terá lugar o vindeiro 24 de novembro, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán.

08/11/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de dinamización lingüística dos centros públicos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica as resolucións provisionais das axudas para proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos.

Os centros interesados teñen de prazo ata o vindeiro 13 de novembro para presentar as alegacións que consideren oportunas.

Se desexa consultar as listaxes, prema aquí.