Novas da lingua

Rexistros3991 a 4020 de 5153
03/02/2011. DINAMIZACIóN

En galego sabe mellor

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oroso convoca o concurso de receitas de Entroido “En galego sabe mellor”.
As receitas deben ser típicas do Entroido e estar redactadas en lingua galega.
O prazo de entrega remata o 11 de marzo de 2011. Con posterioridade, no día sinalado pola organización, os participantes deberán presentar tamén o prato cociñado.

Os premios consistirán nunha cea para dúas persoas (para o/a gañador/a) e un libro de cociña (para o/a finalista).
28/01/2011. INVESTIGACIóN

Preséntase un estudo sobre a situación do galego na última etapa do Franquismo

A Deputación Provincial de Pontevedra presenta a obra de
Mª Dolores Villanueva “A lingua galega entre 1963 e 1975. Situación social e discursos dende o galeguismo”, premiada por esta institución en 2008 na categoría de “Novos investigadores”.

O acto de presentación terá lugar hoxe, 28 de xaneiro de 2011, ás 20:00 h, no Arquivo da Deputación de Pontevedra.
28/01/2011. DINAMIZACIóN

Bota a andar o Correlingua 2011

Xa se poden consultar na rede todas as novidades que incorpora o Correlingua 2011, iniciativa lúdico-didáctica que este ano levará por lema “Somos galego”.

O Correlingua comezará o vindeiro 2 de maio en Santiago de Compostela e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país, ata rematar en Ourense o día 13.

Mentres tanto, os centros educativos poderán participar en diferentes concursos (de vídeo, de música, de banda deseñada e de elaboración do manifesto).
28/01/2011. INVESTIGACIóN

O galego contará cun dicionario de apelidos e cunha gramática académica

A Real Academia Galega (RAG) e mais a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinaron o pasado 24 de xaneiro dous convenios de colaboración a través dos cales a USC, a través do seu Instituto da Lingua Galega, elaborará un dicionario dos apelidos galegos e mais unha gramática académica que contribúa a definir e difundir o estándar.

O proxecto de elaboración do dicionario estará coordinado pola investigadora do ILG Ana Isabel Boullón, mentres que a elaboración da gramática estará dirixida por Rosario Álvarez, académica da RAG e directora do ILG.

19/01/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a adultos e colectivos de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 28 de febreiro de 2011.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
18/01/2011. DINAMIZACIóN

Viaxe virtual en galego ás Covas do Folón

As concellarías de Xuventude e Normalización Lingüística do Concello de Vigo están a desenvolver o videoxogo Viaxe ás Covas do Folón, unha aventura virtual en galego a través da historia de Vigo e o seu patrimonio cultural e lingüístico.

Co ánimo de involucrar aos máis novos neste proceso de creación, o concello convida ao estudantado de 2º e 3º ciclo de primaria dos centros de ensino municipais a participar no concurso de debuxo dos protagonistas do videoxogo.

O prazo para entregar as láminas remata o 20 de febreiro de 2011.
18/01/2011. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega nas escolas oficiais de idiomas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos de preparación dos CELGA (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán ao longo do 2011 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia.

Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal que realiza funcións administrativas nas diferentes administracións públicas de Galicia. Aos cursos preparatorios dos CELGA poderán asistir todas as persoas maiores de 16 anos interesadas en certificar os seus coñecementos lingüísticos.

Os prazos de presentación de solicitudes varían segundo a quenda elixida.

Se desexa máis información, prema aquí.
18/01/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a presentación de proxectos fomento do galego nos centros privados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para desenvolver, durante o curso escolar 2010-2011, proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de ensino non universitario de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir da publicación da convocatoria.
04/01/2011. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á promoción, produción e edición do libro galego

A Consellería de Cultura e Turismo publica as axudas para a promoción, produción e edición do libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para galego de obras publicadas noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


03/01/2011. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Exposición Letras Galegas 2011”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un concurso destinado aos centros de ensino non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011, Lois Pereiro.

O concurso contempla dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. A exposición gañadora en cada unha destas categorías será distribuída en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior e os equipos de traballo que elaboren estas exposicións recibirán cadanseu premio en metálico de 4000 euros.

O prazo de presentación dos traballos remata o 14 de febreiro de 2011.

23/12/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2010

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixéronlles entrega dos seus respectivos premios aos galardoados da décimo primeira edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron o gabinete xurídico Novi Lus Avogados, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e a Casa de Xantar Dezaseis, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego.

Atlántica de Información e Comunicación de Galicia recibiu tamén unha distinción especial pola decidida aposta polo noso idioma en todas as súas publicacións periódicas, como a coñecida revista Tempos Novos.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. CURSOS E CONGRESOS

Congreso “Xoán Manuel Pintos Pintos. Actualidade e compromiso”

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o Congreso “Xoán Manuel Pintos Pintos. Actualidade e compromiso”, co gallo da conmemoración dos 200 anos do seu nacemento en Pontevedra.

As sesións terán lugar entre os días 6 e 9 de abril de 2011 no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Ademais dos relatores/as oficiais (ver programa provisional), a organización convida a todas as persoas interesadas a participar con comunicacións propias.
O prazo para presentar os resumos das comunicacións remata o 15 de febreiro de 2011.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Nadal ecolóxico e en galego

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago organiza o obradoiro Nadal en galego, que ten como obxectivos incentivar o consumo responsable e ecolóxico, así como fomentar a creatividade e o uso do idioma galego nas actividades propias destas datas.

O obradoiro, dirixido a rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos, desenvolverase os días 22, 23, 27, 28, 29, 30 de decembro de 2010 e o 3 de xaneiro de 2011 na Casa das Asociacións de Cornes (rúa Manuel Beiras, 3).

O prazo de inscrición remata o 20 de decembro.
16/12/2010. CURSOS E CONGRESOS

VII Xornada científica da REALITER

A Oficina Quebequesa da Lingua Francesa está a organizar a
VII Xornada científica da REALITER (Rede Panlatina de Terminoloxía), que terá lugar no Quebec o 1 de xuño de 2011, baixo o título “Multilingüismo e prácticas terminolóxicas” .

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para enviar as súas propostas de comunicación ata o 1 de febreiro de 2011.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Rois prepárase para recibir as súas maxestades reais

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rois elaborou dous modelos de carta aos Reis Magos (un para o alumnado de infantil e outro para o de primaria) e mais unha unidade didáctica para que os centros de ensino poidan traballar didacticamente a chegada das súas maxestades reais ao municipio.

Entre as actividades que se propoñen está a elaboración dunha panxoliña en galego coa que os nenos/as deben recibir os paxes reais cando estes vaian recoller as súas cartas.

Pola súa parte, os Reis Magos encargaranse de responder persoalmente todas as cartas recibidas.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Xantar Compostela en galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Asociación Hostelería Compostela presentaron a nova compaña de dinamización lingüística Xantar Compostela, deseñada para promover a presenza da lingua galega no ámbito da hostalaría compostelá.

A través desta iniciativa distribuiranse entre os establecementos hostaleiros de Santiago catro modelos diferentes de manteis (dous para nenos, un para adultos e outro para estranxeiros) con xogos de palabras para se entreter nos tempos de espera.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. AXUDAS E PREMIOS

IV Concurso de cartas aos Reis Magos en Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o IV Concurso de cartas aos Reis Magos.

Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas, escritas en galego, nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello antes do vindeiro 29 de decembro.

Os Reis Magos contestarán, coa axuda do Apalpador, todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Narón felicita o Nadal en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta a campaña Felicita o Nadal en galego, a través da que pon á disposición da cidadanía modelos de postais (en formato papel ou electrónico) e mais textos de felicitación para enviar por sms.

A maiores, o SNL ofrece asesoramento lingüístico a todas as persoas que o precisen para escribir en galego as comunicacións típicas destas datas.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/12/2010. DINAMIZACIóN

Recursos para a catequese e a liturxia en galego

O coro parroquial de Mondariz presenta o sitio web Xa nos tes aquí, que é o froito de cinco anos de traballo compilando música e recursos en lingua galega de utilidade para as celebracións relixiosas e mais a catequese.

Tanto o sitio web, coma o blog co mesmo nome, están especialmente dirixidos aos coros, parroquias, colexios e colectivos relixiosos que desexen desenvolver a súa actividade en galego.
10/12/2010. INVESTIGACIóN

Nova edición do Atlas UNESCO das linguas do mundo en perigo

A UNESCO acaba de presentar unha nova edición do Atlas UNESCO das linguas do mundo en perigo, onde se clasifican segundo cinco graos diferentes de vitalidade (vulnerable; en perigo; seriamente en perigo; en situación crítica; extinta) un total de 2 500 idiomas.

No caso do Estado español, o Atlas recolle unicamente catro linguas: aragonés, astur-leonés e aranés (en perigo) e éuscaro (vulnerable).

Ademais da edición impresa, o Atlas conta cunha edición interactiva que contén información adicional sobre número de falantes, datos xeográficos, fontes bibliográficas, etc.
10/12/2010. OUTRAS

Pero... Que raios é iso dos neofalantes?

O Colectivo Cultural A Nave das Ideas organiza unha charla coloquio titulada “Pero... Que raios é iso dos neofalantes?”, na que Belén Regueira, Sechu Sende e Daria Shornikova reflexionarán sobre a súa experiencia como neofalantes.

O acto, aberto ao público, terá lugar o 10 de decembro,
ás 19:00 h, na Casa Galega da Cultura (Vigo).
10/12/2010. DINAMIZACIóN

Recursos didácticos para o tempo de Nadal

A Coordinadora Galega de ENDL presenta unha páxina web con materiais e recursos didácticos relacionados co Nadal de utilidade para a comunidade educativa.

O especial contén un espazo con postais elaboradas polo alumnado e modelos de cartas para enviar aos Reis Magos e ao Apalpador; e unha sección con recursos didácticos elaborados por docentes, institucións e asociacións.
10/12/2010. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas de toponimia: Como se chama ese lugar?

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organizan as I Xornadas de toponimia: Como se chama ese lugar?.

As sesións terán lugar os vindeiros días 14 e 15 de decembro na Casa Galega da Cultura (Vigo).

Se desexa máis información, prema aquí.

10/12/2010. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de presentacións de Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza un concurso de presentacións de Nadal en formato dixital, co ánimo de fomentar o uso da lingua galega nas comunicacións propias destas festas.

As presentacións (formato .ppt, .pptx ou .odp) deben ter unha extensión máxima de 10 diapositivas, incorporar texto en galego e estar tematicamente relacionadas coas felicitacións propias do Nadal.

Os autores/as das tres presentacións gañadoras recibirán un lote de produtos de lecer.

O prazo para enviar as propostas remata o 20 de decembro de 2010.
10/12/2010. DINAMIZACIóN

En liña o Cartafol Dixital de decembro

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a tres alumnos da Facultade de Dereito; a nova sobre o primeiro
e-book nativo da USC, Educación e linguas en Galicia; e a presentación das iniciativas gañadoras do VII Premio “Luísa Villalta”.

01/12/2010. DINAMIZACIóN

Xoga e fálao, da mañá á noite

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presenta a campaña Xoga e fálao, da mañá á noite, coa que se pretende obter o compromiso das entidades deportivas redondelás para que realicen as súas comunicacións orais e escritas no noso idioma.

A campaña, que terá continuidade ao longo do ano 2011, divulgarase a través de diferentes soportes (carteis, trípticos co léxico dos deportes, camisolas...).

O Servizo de Normalización Lingüística municipal ofrecerá asesoramento lingüístico a todas as entidades que se adhiran á iniciativa.

Se desexa máis información, prema aquí.
30/11/2010. DINAMIZACIóN

Nova canle de televisión en rede para a promoción do idioma

Xa está accesible en liña Linguagalega.tv, un novo espazo creado pola empresa Acuarela Comunicación para promover e divulgar o idioma galego.

A canle botou a andar con catro programas: Lingua, cámara e acción e A lingua galega na sociedade (ambos os dous financiados pola SXPL da Xunta de Galicia); Lembranzas e reflexións e Falemos de cine.

O proxecto conta coa colaboración da SXPL, da ANL da Universidade de Vigo e da Deputación da Coruña.
26/11/2010. INVESTIGACIóN

Informe do IGEA sobre o futuro do idioma galego

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) presenta o informe “Por un proxecto de futuro para o idioma galego. Unha reflexión estratéxica", elaborado por Henrique Monteagudo coa colaboración de Antón Reixa.

O informe reflexiona sobre a situación actual do idioma galego e sobre os retos futuros que o galeguismo debe afrontar en materia de política lingüística, e propón introducir no discurso de promoción do galego o obxectivo do bilingüismo restitutivo ou de recuperación.
24/11/2010. EMPREGO

Contratación temporal dun/ha técnico/a na UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da UDC anuncia a contratación temporal dun/ha técnico/a para desenvolver tarefas de dinamización lingüística nos campus da UDC.

A duración do contrato será de 8 meses e 17 días.

O proceso de selección será o de concurso de méritos. O
prazo para presentar a documentación remata o vindeiro 30 de novembro, ás 14:00 h.

Se desexa máis información, prema aquí.


22/11/2010. DINAMIZACIóN

Na USC téñenlle lei ao galego

A Facultade de Dereito da USC presenta a campaña Témoslle lei, coa que se quere fomentar o uso do galego nesta facultade.

Con esta finalidade deseñaron un plan de actuacións que contén 42 medias dirixidas a catro ámbitos (institucional, PDI, alumnado e proxección exterior).

No web da campaña poderá ampliar información sobre este plan, escoitar a opinión de diferentes profesionais do ámbito xurídico e consultar unha listaxe de lexislación básica en lingua galega.