Novas da lingua

Rexistros3991 a 4020 de 5280
21/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións ao audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais publica a resolución de diferentes liñas de subvención para fomentar o audiovisual en lingua galega.

As axudas concedidas destinaranse aos seguintes conceptos: para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego, para a produción de contidos interactivos en lingua galega, para a promoción do talento audiovisual galego ou para as producións ou coproducións audiovisuais en galego con decidido contido artístico e cultural.
16/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Deputación da Coruña e mais a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presentan a cuarta edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 2O de outubro de 2010 no Pazo da Cultura de Carballo.

As persoas interesadas teñen de prazo para confirmar a súa asistencia ata o 13 de outubro.
15/09/2010. DINAMIZACIóN

24 horas galego fullscreen

O colectivo GalegoLab presenta as bases do concurso
“24 horas galego fullscreen”, iniciativa que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito da creación artística.

O concurso consiste en elaborar un vídeo, de 5 min. como máximo de duración, no que se resuman as 24 horas de conduta lingüística dun falante de Galicia.

O prazo para enviar os filmes remata o 31 de outubro.
Se desexa máis información, prema aquí.
16/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de técnicas de expresión oral en lingua galega

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón convoca un curso de técnicas de expresión oral co ánimo de dotar a cidadanía dos recursos e técnicas lingüísticas necesarias para poder desenvolverse en galego en diferentes ámbitos de uso, como a atención ao público, a busca de emprego ou a presentación pública dunha conferencia.

O curso, de 20 horas de duración, comezará o vindeiro 27 de setembro e rematará o 15 de outubro.

Se desexa máis información sobre o temario ou os trámites de inscrición, prema aquí.

07/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Que me dis!!, concurso de monólogos en lingua galega

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un concurso de monólogos co ánimo de promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías.

Os monólogos deben gravarse en vídeo ou audio e enviarse como arquivo adxunto ao formulario accesible no propio web do concello, onde se poderán visitar e apoiar.

O prazo para enviar as gravacións remata o 6 de outubro (ás 14:30 h).

Os tres monólogos gañadores serán galardoados cun ordenador portátil (1º premio), cunha cámara fotográfica dixital (2º premio) e cun MP4 (3º premio).

07/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades locais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.

En total, beneficiaranse destas axudas un total de 106 concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, acolléronse a algunha das modalidades que recolle a convocatoria (creación de SNL; mantemento ou reforzamento de SNL; e desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística).
02/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística nos centros educativos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia durante o curso escolar 2010-2011.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro
1 de outubro de 2010. Se desexa máis información, prema aquí.
02/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de lingua e cultura galegas para inmigrantes e emigrantes retornados/as

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza un obradoiro que ten como obxectivo facilitarlles a integración no contexto sociolingüístico galego aos colectivos de inmigrantes e emigrantes retornados/as.

O curso comezará o 2 de outubro e desenvolverase todos os sábados, de 12:00 h a 14:00 h, no Centro Social Sagrada Familia.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 24 de setembro.

Se desexa máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
26/08/2010. DINAMIZACIóN

Falando en verde

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza unha nova edición do obradoiro ambiental Falando en verde, destinado a nenos/as de 6 a 12 anos, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego a través da descuberta do seu contorno natural.

O obradoiro impartirase os días 1, 2, 3, 6, 7, 8 e 9 de setembro de 2010, de 9:00 a 13:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Conxo).

O prazo de inscrición remata o 31 de agosto. Se desexa máis información, prema aquí.
26/08/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 23 de agosto de 2010, o plan de formación para o segundo semestre de 2010, que inclúe cursos de linguaxe administrativa galega (niveis básico, medio e superior) e mais un curso sobre a normativa ortográfica vixente na actualidade.

Os cursos están destinados ao persoal da Deputación Provincial, dos organismos autónomos e mais dos concellos adheridos ao Plan Agrupado de Formación do ano 2010.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 3 de setembro.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

30/07/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica galega

A Dirección Xeral de Xustiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe xurídica galega, dos niveis medio e superior, destinados ao persoal ao servizo da Administración de xustiza e mais aos colectivos relacionados co ámbito xurídico que presten servizos en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de setembro de 2010.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí. [corrección de erros]
26/07/2010. INVESTIGACIóN

En liña o segundo volume de Estudos de Lingüística Galega

O Instituto da Lingua Galega presenta o segundo volume de Estudos de Lingüística Galega, revista de periodicidade anual que quere constituírse como un espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego.

A publicación inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analizan directa ou indirectamente o noso idioma.

Ademais da versión en papel, a revista conta cunha edición electrónica que permite o acceso íntegro a todo o seu contido.
21/07/2010. LEXISLACIóN

O Senado reforma o seu regulamento para ampliar o uso das linguas cooficiais


O Pleno do Senado aprobou hoxe definitivamente o seu regulamento para ampliar o uso das diferentes linguas cooficiais do Estado no seu seo a partir do vindeiro ano.

Ata o de agora as linguas cooficiais podían empregarse unicamente na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas mais a partir desta nova reforma do regulamento, o galego, catalán, valenciano e éuscaro poderán usarse tamén nos plenos, aínda que só no debate das mocións. Os parlamentarios terán tamén a posibilidade de usar todas estas linguas por escrito nos textos que dirixan ao Senado.
20/07/2010. INVESTIGACIóN

Estudos xurídicos sobre o Decreto para o Plurilingüismo

O vindeiro sábado, 24 de xullo, ás 22:00 h, terá lugar no Festigal (Santiago de Compostela) a presentación da obra Estudos xurídicos sobre o Decreto para o Plurilingüismo, coordinada por Luís Villares Naveira e editada por Laiovento.

Ademais do propio coordinador, na presentación participarán tamén Alba Nogueira, Carlos Amoedo, Dalila Dopazo e Francisco Pillado.

20/07/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premio Via Galego 2010

A Fundación Via Galego convoca a primeira edición do Premio Via Galego, galardón co que quere recoñecerse o labor daquelas persoas ou entidades que traballan para mellorar as relacións de Galicia cos outros territorios do sistema lingüístico galego-portugués.

O prazo para presentar as candidaturas remata o 1 de setembro de 2010 e o galardón, que carece de dotación económica, darase a coñecer o 18 de outubro.

Se desexa máis información, prema aquí.
19/07/2010. AXUDAS E PREMIOS

VII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a sétima edición do Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas no ámbito universitario.

O premio está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega e conta con dúas modalidades: “idea para a promoción do galego” e “campaña normalizadora”.

O prazo de presentación de proxectos e/ou ideas remata o 15 de novembro de 2010.
19/07/2010. OUTRAS

Microsoft presenta a interface en galego do Windows 7

O paquete de idioma de interface de Windows 7 fornece unha versión parcialmente traducida que permite ao usuario/a navegar en galego polas áreas máis utilizadas do Windows.

Na páxina do Centro de descarga de Microsoft atopará toda a información e mais os ficheiros necesarios para a instalación.

14/07/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en lingua galega

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia anuncia, no DOG do 13 de xullo de 2010, a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. [modificación da convocatoria]
08/07/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do galego no Concello de Vigo

O Concello de Vigo convoca subvencións para asociacións e organizacións sen ánimo de lucro que teñen por obxecto fomentar a realización de actividades de dinamización e promoción do uso do galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

06/07/2010. CURSOS E CONGRESOS

Simposio lingüístico: a morte das linguas, linguas ameazadas, documentación e revitalización

A Universidade de Wisconsin-Milwaukee presenta a vixésimo sexta edición do seu Simposio lingüístico, un evento internacional sobre as linguas ameazadas e os procesos de revitalización lingüística.

As sesións terán lugar os días 20, 21 e 22 de outubro de 2011 e a organización convida a todas as persoas interesadas a participar presentando relatorios que analicen a situación das linguas ameazadas, ben desde unha perspectiva académica (Lingüística, Socioloxía, Psicoloxía, Antropoloxía, Educación ou ámbitos relacionados), ou ben desde a perspectiva dos propios activistas sociais involucrados na súa recuperación.

Se desexa máis información, prema aquí.

06/07/2010. DINAMIZACIóN

Un verán de lecer no Concello de Zas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta a guía Un verán de lecer, compilación de produtos culturais en lingua galega elaborada en colaboración cos ENDL dos centros de ensino do concello.

A publicación recolle recomendacións literarias, musicais e audiovisuais en lingua galega clasificadas por idades, co obxectivo de difundir a oferta de produtos culturais en galego entre os potenciais consumidores.

06/07/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de formación para profesorado colaborador dos cursos de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca cursos de formación para o profesorado colaborador dos cursos de lingua galega que organiza esta secretaría. As sesións desenvolveranse entre o 26 de xullo e o 4 de agosto de 2010 en Santiago de Compostela e o prazo de inscrición remata o vindeiro 16 de xullo.

Do 5 ao 6 de agosto de 2010 terán lugar tamén unhas xornadas de formación para os avaliadores dos Celga. O prazo de inscrición é do 13 ao 23 de xullo.

O profesorado colaborador asignado á quenda de Linguaxe Administrativa Superior de setembro poderá participar nun curso de actualización que se desenvolverá o 17 de xullo.

Para obter máis información, prema aquí.
05/07/2010. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 25 de xuño de 2010, a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
05/07/2010. DINAMIZACIóN

AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a terceira edición da granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 12 anos.

O campamento desenvolverase entre o 16 e o 28 de agosto no Centro de Desenvolvemento Rural "O Viso", en Sarreaus (Ourense).
O prazo de inscrición remata o 16 de xullo.

Para obter máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
05/07/2010. DINAMIZACIóN

Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado 26 de xuño de 2010, dedicar o Día das Letras Galegas 2011 ao poeta monfortino Lois Pereiro.

Lois Pereiro foi cofundador, xunto con Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro e Manuel Rivas, da revista Loia, na que publicou algúns dos seus poemas, recollidos posteriormente na obra póstuma Poemas para unha loia (1996). Participou nas antoloxías colectivas De amor e desamor (1984) e De amor e desamor II (1985) e publicou en vida dous poemarios individuais: Poemas 1981/199 e Poesía última de amor e enfermidade.

Se desexa máis información, prema aquí.

24/06/2010. DINAMIZACIóN

Abertos ao galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o certificado Abertos ao galego, que se concederá, en diferentes niveis, ás empresas e entidades de calquera índole que amosen o seu compromiso coa normalización do idioma galego.

As entidades que conten con este distintivo figurarán nun catálogo web, poderán participar en actos anuais de promoción e accederán a descontos publicitarios nos medios de comunicación que colaboren co proxecto.


24/06/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios Lingua de Amor 2010

O Servizo de Normalización Lingüística do Consello da Xuventude de Galicia fixo públicas as creacións gañadoras en cada unha das modalidades (“declaracións de amor en galego a través da rede” e “cancións de amor en lingua galega”) do concurso Lingua de Amor 2010.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado, 26 de xuño, ás 12:00 horas, na Biblioteca Pública Ánxel Casal (Santiago de Compostela).

Se desexa máis información, prema aquí.
24/06/2010. OUTRAS

Conversa sobre os últimos vinte anos de normalización lingüística

Baixo o lema “A batalha da língua: tantos anos!”, a Gentalha do Pichel organiza unha conversa sobre os últimos vinte anos do proceso de normalización lingüística.

O acto, no que participarán diferentes profesionais implicados no proceso, terá lugar mañá, 25 de xuño, ás 20:30 horas, no Centro Social A Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela).


18/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

A debate no CCG os modelos de convivencia lingüística para o futuro

O vindeiro 29 de xuño de 2010 terá lugar a cuarta sesión do
Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, na que se proporán modelos de convivencia para o futuro e se presentarán as conclusións do seminario.

Se desexa asistir a esta sesión, envíenos os seus datos a través do seguinte formulario.
Atenderemos todas as solicitudes ata completar a capacidade do salón. A súa praza só está garantida se recibe un correo de confirmación.
18/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

XII Encontros para a Normalización Lingüística

Xa pode consultar en liña o programa provisional dos
XII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 23 e 24 de setembro de 2010.

Nesta edición os Encontros van focar a atención nas accións de reivindicación lingüística promovidas pola propia cidadanía, sen esquecer a liña habitual de seguimento de iniciativas e propostas e de revisión de accións xa realizadas.

A inscrición realizarase exclusivamente a través dun formulario habilitado no web do CCG. O prazo de matrícula remata o vindeiro 15 de setembro.