Novas da lingua

Rexistros4051 a 4080 de 5153
06/10/2010. OUTRAS

O galego estará no Liet International da man de Mafia Galega

O vindeiro 27 de novembro de 2010 terá lugar en Lorient unha nova edición do Liet International, un festival creado en 2002 co ánimo de promover os grupos e artistas que cantan en linguas minoritarias.

Nesta ocasión o galego estará representado polo grupo de
hip hop Mafia Galega, que interpretará o tema Billarda sempre.

En edicións anteriores a nosa representación correo a cargo de artistas como
Uxía (2004), Narf (2006) ou Boy Elliott & The Plastic Bags (2008).

06/10/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 6 de outubro de 2010, a resolución das axudas para a edición en galego de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.



06/10/2010. DINAMIZACIóN

Detrás da canción

No marco do programa de dinamización lingüística Bocaberta,
a Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza a actividade “Detrás da canción”, na que os integrantes dos grupos galegos Projecto Mourente e The Homens ensinarán a mozos e mozas maiores de 12 anos en qué consiste o proceso creativo de creación e gravación dunha canción.

A actividade inclúe un curso de música caseira, a cargo de Carlos Valcárcel (Projecto Mourente) e mais un concerto acústico de banda The Homens, cuxo repertorio está composto integramente por temas en galego.

A inscrición pode facerse a través do propio web da iniciativa.
06/10/2010. DINAMIZACIóN

Certame de carteis para ilustrar a dinamización lingüística no deporte redondelán

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza un certame de carteis que ten como obxectivo seleccionar a imaxe que servirá de soporte publicitario a unha campaña de dinamización lingüística no ámbito do deporte redondelán, que se presentará o vindeiro mes de novembro baixo o lema “Xoga e fálao, da mañá á noite”.

O prazo para entregar os traballos remata o 15 de outubro, ás 12:00 horas, e o/a gañador/a recibirá un premio de 300 euros.

Se desexa máis información, prema aquí.
04/10/2010. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de vídeo para festexar o Samaín

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas e mais os equipos de dinamización lingüística do IES Maximino Romero Lema e do CPI de Zas organizan un concurso de vídeo co ánimo de festexar o Samaín e promover a creatividade en galego entre o alumnado de secundaria e bacharelato dos centros participantes.

Os vídeos deberán tratar sobre o fomento da lingua galega na festividade do Samaín, estar en formato AVI e ter unha duración de 3 minutos.

O prazo para entregar os traballos remata o vindeiro 18 de novembro.

04/10/2010. DINAMIZACIóN

O Circo da Lingua en Soutomaior

A plataforma Queremos Galego organiza o Circo da Lingua, unha actividade lúdica que terá lugar o vindeiro sábado 16 de outubro en Soutomaior.

O programa da xornada inclúe, entre outras actividades, un roteiro musical, mostras de xogos tradicionais, espectáculos de rúa e mais concertos. A maiores, terá lugar tamén unha mesa redonda onde se debaterá sobre o futuro do galego e os retos pendentes para acadar a súa plena normalización.

Se desexa máis información, prema aquí.


01/10/2010. DINAMIZACIóN

Camiño de Santiago pola lingua

A Asociación Xuvenil Amencer, a plataforma Queremos Galego e mais o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense organizan unha peregrinaxe a Compostela para reivindicar a plena normalización do galego en todos os ámbitos sociais.

Baixo o lema “Eu camiño pola lingua. E ti?”, os/as participantes camiñaran pola Vía da Prata durante catro xornadas (10, 17, 24 e 31 de outubro), plantarán unha árbore ao remate de cada etapa e leran un manifesto en catro partes.

As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse en cada etapa ate a mañá do venres anterior a cada unha.

Se desexa máis información, prema aquí.
30/09/2010. EMPREGO

Bolsas da ANL da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca tres bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística.
Os solicitantes deben cumprir como requisito ser estudantes de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2010/2011 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de outubro de 2010, ás 14:00 h.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
28/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

A debate o prestixio social do galego

A Fundación Carlos Casares vén de crear o Foro Mugardos Lingua e Sociedade, que nesta primeira edición analizará como se constrúe o prestixio das linguas socialmente minoritarias e cales son as variables que condicionan este prestixio.

As sesións terán lugar os vindeiros 8 e 9 de outubro de 2010 no Pazo de Rilo, en Mugardos, e contarán coa participación de especialistas como Glyn Williams, Gabriel Rei-Doval, Xosé Luís Barreiro, Valentín García Gómez, Joan Argenter ou Fernando Ramallo.

A inscrición é de balde.

27/09/2010. INVESTIGACIóN

O Consello da Cultura Galega presenta un avance de resultados sobre as actitudes lingüísticas en Galicia

O Consello da Cultura Galega, a través do Observatorio da Lingua Galega, presentou, con motivo da celebración dos XII Encontros para a Normalización Lingüística, un avance dos resultados do estudo que está a desenvolver esta institución sobre as actitudes lingüísticas en Galicia.

No mesmo marco dos XII Encontros presentáronse tamén os datos básicos sobre a evolución do galego nas últimas décadas, estudo comparativo desenvolvido polo Observatorio da Lingua Galega a partir dos datos do Mapa Sociolingüístico de Galicia de 1992 (RAG) e mais das enquisas de condicións de vida das familias de 2003 e 2008 (IGE).
27/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de presentacións eficientes para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca dúas edicións do Curso de presentacións eficientes para a normalización lingüística, no que se ensinará a empregar as presentacións con modelos adecuados, modernos e eficientes para transmitir mellor as mensaxes destinadas á promoción do uso do idioma.

A primeira edición do curso terá lugar os días 5, 8, 9 e 15 de outubro e o prazo de solicitude para participar nela remata o vindeiro 29 de setembro.

Os días 2, 5, 6 e 12 de novembro desenvolverase unha segunda edición. Neste caso, o prazo de inscrición será do 11 ao 15 de outubro.


27/09/2010. DINAMIZACIóN

Do berce á rúa, medra coa lingua!

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta a campaña "Do berce á rúa, medra coa lingua!", que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na transmisión familiar.

A iniciativa conta cun sitio web na rede onde os futuros pais e nais teñen ao seu dispor un pequeno léxico trilingüe, cantigas e xogos para fomentar a aprendizaxe en galego e mais unha selección de recursos en liña de carácter lúdico-educativo.

22/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias”


O Instituto da Lingua Galega (USC), o Departamento de Ciencias da Comunicación (USC) e mais o Consello da Cultura Galega organizan o simposio “Contacto de linguas, hibrididade, cambio: contextos, procesos e consecuencias”, no que se reflexionará sobre a relevancia do contacto interlingüístico na configuración e evolución das linguas.

As sesións terán lugar os días 2, 3, 4, 8 e 9 de novembro de 2010 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de inscrición remata o 23 de outubro.

21/09/2010. DINAMIZACIóN

A Secretaría Xeral de Política Lingüística crea a Rede de Dinamización Lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa que pretende fomentar a coordinación en materia de dinamización lingüística entre a Administración autonómica e as entidades locais.

Segundo se recolle na súa orde de creación, publicada no DOG do 21 de setembro de 2010, trátase dunha asociación voluntaria que pretende congregar as actuacións dinamizadoras das institucións con competencia na promoción do uso do galego no ámbito local, favorecendo a creación dun marco de intercambio de criterios e recursos de utilidade no ámbito da planificación lingüística.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
21/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa para o persoal de protección civil e emerxencias

A Academia Galega de Seguridade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, dos niveis medio e superior, destinados ao persoal dos servizos do sistema integrado de protección civil e emerxencias.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

21/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións ao audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais publica a resolución de diferentes liñas de subvención para fomentar o audiovisual en lingua galega.

As axudas concedidas destinaranse aos seguintes conceptos: para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego, para a produción de contidos interactivos en lingua galega, para a promoción do talento audiovisual galego ou para as producións ou coproducións audiovisuais en galego con decidido contido artístico e cultural.
16/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

IV Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Deputación da Coruña e mais a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presentan a cuarta edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 2O de outubro de 2010 no Pazo da Cultura de Carballo.

As persoas interesadas teñen de prazo para confirmar a súa asistencia ata o 13 de outubro.
15/09/2010. DINAMIZACIóN

24 horas galego fullscreen

O colectivo GalegoLab presenta as bases do concurso
“24 horas galego fullscreen”, iniciativa que ten como obxectivo promover o uso do galego no ámbito da creación artística.

O concurso consiste en elaborar un vídeo, de 5 min. como máximo de duración, no que se resuman as 24 horas de conduta lingüística dun falante de Galicia.

O prazo para enviar os filmes remata o 31 de outubro.
Se desexa máis información, prema aquí.
16/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de técnicas de expresión oral en lingua galega

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón convoca un curso de técnicas de expresión oral co ánimo de dotar a cidadanía dos recursos e técnicas lingüísticas necesarias para poder desenvolverse en galego en diferentes ámbitos de uso, como a atención ao público, a busca de emprego ou a presentación pública dunha conferencia.

O curso, de 20 horas de duración, comezará o vindeiro 27 de setembro e rematará o 15 de outubro.

Se desexa máis información sobre o temario ou os trámites de inscrición, prema aquí.

07/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Que me dis!!, concurso de monólogos en lingua galega

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón organiza un concurso de monólogos co ánimo de promover o uso do galego no ámbito das novas tecnoloxías.

Os monólogos deben gravarse en vídeo ou audio e enviarse como arquivo adxunto ao formulario accesible no propio web do concello, onde se poderán visitar e apoiar.

O prazo para enviar as gravacións remata o 6 de outubro (ás 14:30 h).

Os tres monólogos gañadores serán galardoados cun ordenador portátil (1º premio), cunha cámara fotográfica dixital (2º premio) e cun MP4 (3º premio).

07/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades locais

A Secretaría Xeral de Política Lingüística fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega.

En total, beneficiaranse destas axudas un total de 106 concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, acolléronse a algunha das modalidades que recolle a convocatoria (creación de SNL; mantemento ou reforzamento de SNL; e desenvolvemento de actividades de dinamización lingüística).
02/09/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística nos centros educativos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia durante o curso escolar 2010-2011.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro
1 de outubro de 2010. Se desexa máis información, prema aquí.
02/09/2010. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de lingua e cultura galegas para inmigrantes e emigrantes retornados/as

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza un obradoiro que ten como obxectivo facilitarlles a integración no contexto sociolingüístico galego aos colectivos de inmigrantes e emigrantes retornados/as.

O curso comezará o 2 de outubro e desenvolverase todos os sábados, de 12:00 h a 14:00 h, no Centro Social Sagrada Familia.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 24 de setembro.

Se desexa máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
26/08/2010. DINAMIZACIóN

Falando en verde

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza unha nova edición do obradoiro ambiental Falando en verde, destinado a nenos/as de 6 a 12 anos, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego a través da descuberta do seu contorno natural.

O obradoiro impartirase os días 1, 2, 3, 6, 7, 8 e 9 de setembro de 2010, de 9:00 a 13:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Conxo).

O prazo de inscrición remata o 31 de agosto. Se desexa máis información, prema aquí.
26/08/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 23 de agosto de 2010, o plan de formación para o segundo semestre de 2010, que inclúe cursos de linguaxe administrativa galega (niveis básico, medio e superior) e mais un curso sobre a normativa ortográfica vixente na actualidade.

Os cursos están destinados ao persoal da Deputación Provincial, dos organismos autónomos e mais dos concellos adheridos ao Plan Agrupado de Formación do ano 2010.

O prazo para presentar as solicitudes remata o 3 de setembro.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

30/07/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe xurídica galega

A Dirección Xeral de Xustiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe xurídica galega, dos niveis medio e superior, destinados ao persoal ao servizo da Administración de xustiza e mais aos colectivos relacionados co ámbito xurídico que presten servizos en Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de setembro de 2010.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí. [corrección de erros]
26/07/2010. INVESTIGACIóN

En liña o segundo volume de Estudos de Lingüística Galega

O Instituto da Lingua Galega presenta o segundo volume de Estudos de Lingüística Galega, revista de periodicidade anual que quere constituírse como un espazo de debate e intercambio científico arredor do idioma galego.

A publicación inclúe estudos sobre lingüística e filoloxía, artigos breves relacionados coa variedade normativa do galego e recensións críticas de traballos que analizan directa ou indirectamente o noso idioma.

Ademais da versión en papel, a revista conta cunha edición electrónica que permite o acceso íntegro a todo o seu contido.
21/07/2010. LEXISLACIóN

O Senado reforma o seu regulamento para ampliar o uso das linguas cooficiais


O Pleno do Senado aprobou hoxe definitivamente o seu regulamento para ampliar o uso das diferentes linguas cooficiais do Estado no seu seo a partir do vindeiro ano.

Ata o de agora as linguas cooficiais podían empregarse unicamente na Comisión Xeral de Comunidades Autónomas mais a partir desta nova reforma do regulamento, o galego, catalán, valenciano e éuscaro poderán usarse tamén nos plenos, aínda que só no debate das mocións. Os parlamentarios terán tamén a posibilidade de usar todas estas linguas por escrito nos textos que dirixan ao Senado.
20/07/2010. INVESTIGACIóN

Estudos xurídicos sobre o Decreto para o Plurilingüismo

O vindeiro sábado, 24 de xullo, ás 22:00 h, terá lugar no Festigal (Santiago de Compostela) a presentación da obra Estudos xurídicos sobre o Decreto para o Plurilingüismo, coordinada por Luís Villares Naveira e editada por Laiovento.

Ademais do propio coordinador, na presentación participarán tamén Alba Nogueira, Carlos Amoedo, Dalila Dopazo e Francisco Pillado.

20/07/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premio Via Galego 2010

A Fundación Via Galego convoca a primeira edición do Premio Via Galego, galardón co que quere recoñecerse o labor daquelas persoas ou entidades que traballan para mellorar as relacións de Galicia cos outros territorios do sistema lingüístico galego-portugués.

O prazo para presentar as candidaturas remata o 1 de setembro de 2010 e o galardón, que carece de dotación económica, darase a coñecer o 18 de outubro.

Se desexa máis información, prema aquí.