Novas da lingua

Rexistros4081 a 4110 de 5145
15/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre a lingua do sindicato STEG

O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG) organiza unha xornada sobre a lingua co ánimo de crear foros de debate e reflexión sobre a problemática das sociedades plurilingües contemporáneas e mais sobre os diferentes modelos de políticas lingüísticas implementados tanto en Galicia como noutras comunidades do Estado.

As sesións terán lugar o vindeiro sábado, 19 de xuño, no MUPEGA (rúa San Lázaro, 107. Santiago de Compostela).

Se desexa obter máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.


15/06/2010. DINAMIZACIóN

Sumemos en galego

A CIG-Ensino, en colaboración coa plataforma Queremos Galego, convoca ao profesorado de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química a un encontro que leva por lema Sumemos en galego: continuemos a dar aulas na nosa lingua.

O acto terá lugar o vindeiro 18 de xuño, ás 18:00 h, no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela).


15/06/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria presenta as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, para desenvolver en centros de ensino públicos no curso académico 2010-2011.

De entre todos os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que serán premiados con cadansúa axuda de 3000 euros, cunha xornada de formación para o profesorado implicado e mais coa difusión dos materiais na web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xullo de 2010.
15/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de Celga 1 en liña

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca un curso en liña destinado a preparar a proba de Celga 1.

O curso desenvolverase entre o 4 setembro e o 12 de novembro de 2010. O prazo de matrícula remata o vindeiro 15 de xullo.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/06/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en lingua galega de materiais didácticos

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de materiais didácticos curriculares para niveis non universitarios.

O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/06/2010. DINAMIZACIóN

Nace GalegoLab, un novo colectivo para a promoción do idioma

Hoxe presentouse en Santiago de Compostela GalegoLab, un novo colectivo sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o impulso de accións concretas de promoción da lingua galega, dándolle prioridade ás culturas emerxentes e ás actividades da vida cotiá.

O traballo do colectivo xestionarase a través dunha rede social de crowdsourcing, onde os usuarios/as poderán propor e valorar novas ideas de actuación, coordinar os recursos necesarios para levalas a cabo e colaborar na difusión e implementación dos resultados.


15/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para galegos/as residentes no exterior

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos preparatorios de lingua galega para os niveis Celga e mais cursos de extensión cultural, destinados a galegos/as residentes no exterior e persoas interesadas no idioma e a cultura de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de marzo de 2011. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
09/06/2010. OUTRAS

Acordo de colaboración entre o Consello da Cultura Galega e a Consellería de Educación

O pasado 31 de maio o presidente do CCG, Ramón Villares, e o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez, asinaron un acordo de colaboración en virtude do cal a Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Consello da Cultura Galega, a través do CDSG, colaborarán no intercambio de información sobre recursos sociolingüísticos e na visibilización de produtos documentais de interese para a lingua galega.

Se desexa máis información, prema aquí.

04/06/2010. CURSOS E CONGRESOS

VI Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Concello de Carballo e mais a CTNL organizan a sexta edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en Lingua", que nesta ocasión xirará arredor da creatividade para a lingua.

As sesións desenvolveranse os días 14, 15 e 16 de xullo no Pazo da Cultura de Carballo.
O prazo de inscrición remata o vindeiro 23 de xuño.
03/06/2010. DINAMIZACIóN

A mellor escola, a casa. Fálalle galego!

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela presentará o vindeiro sábado, 5 de xuño, ás
20:00 horas no Auditorio da Xunqueira, a campaña “A mellor escola, a casa. Fálalle galego!”.
A iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Coordinadora de ENDL de Redondela, ten como obxectivo fomentar a transmisión xeracional da lingua a través do patrimonio oral que se conserva aínda vivo nas familias.

Ao abeiro desta campaña desenvolvéronse diferentes actividades nos centros educativos no primeiro trimestre do ano e co material multimedia compilado editouse un CD, que será distribuído o vindeiro sábado no acto de presentación. Neste acto, aberto a toda a cidadanía, actuará tamén o grupo de monicreques Tanxarina.
02/06/2010. DINAMIZACIóN

Volve Lingua Viva, agora en formato dixital

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo retoma a edición da revista semestral Lingua Viva, agora accesible na rede en formato dixital.

O número 49, correspondente ao segundo semestre de 2010 e o primeiro desta nova andaina, inclúe, entre outros contidos, a presentación das actividades desenvolvidas polo SNL na primeira metade do ano, un artigo sobre os prexuízos lingüísticos, unha nova sobre a recuperación dos microtopónimos orixinais ou unha sección destinada á resolución de dúbidas lingüísticas.
01/06/2010. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Monfero

O Concello de Monfero anuncia a convocatoria para a contratación temporal a tempo parcial dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de xuño de 2010.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
01/06/2010. EMPREGO

Resolución das bolsas para os proxectos de investigación
do CCG

O Consello da Cultura Galega fai pública a listaxe provisional de bolseiros/as seleccionados/as para colaborar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

O prazo de exposición desta listaxe será de 10 días naturais, durante os cales os interesados/as poderán facer as alegacións pertinentes.

31/05/2010. DINAMIZACIóN

En galego tamén se fai ciencia

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, integrada polas tres universidades galegas, presenta a campaña
En galego tamén se fai ciencia, na que participan investigadores/as de diferentes ámbitos científicos para promover e avalar a validez do idioma galego no ámbito da docencia e a investigación científica.

Os encargados do desenvolvemento da campaña foron os gabinetes de recursos audiovisuais e os servizos de normalización lingüística das tres universidades, baixo a coordinación xeral da UDC.
31/05/2010. DINAMIZACIóN

En liña O Cartafol Dixital do mes de maio

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Senén Barro, reitor da USC; a presentación das oito aplicacións informáticas en galego xeradas no Fiadeiro de localización de software libre ou a nova sobre a campaña En galego tamén se fai ciencia.
28/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores

A escritora Marica Campo, autora do artigo A busca do tesouro, foi a gañadora da sexta edición deste concurso que convoca anualmente o Concello de Carballo. O premio ten unha dotación económica de 1200 euros e o artigo gañador será publicado nos once medios de comunicación colaboradores.

O xurado outorgou tamén un accésit sen dotación económica ao artigo Por unha Galiza neofalante, do autor Marcos Abalde Covelo.

Se desexa máis información, prema aquí.
28/05/2010. DINAMIZACIóN

Manual práctico do imposto sobre a renda en lingua galega

A Axencia Tributaria acaba de editar, coa colaboración da Xunta de Galicia, a versión en lingua galega do Manual práctico do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do exercicio 2009.

O documento ten como principal obxectivo facilitarlles aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas tributarias, achegando exemplos prácticos que pretenden facer máis accesibles os textos fiscais. Así mesmo, a edición en galego do documento ten como finalidade ofrecer á cidadanía recursos que lle permitan vivir en galego en todos os ámbitos sociais.
26/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Camilio Nogueira e Fermín Bouza, premiados tamén polo seu compromiso co galego

O pasado 23 de maio, a Fundación Pedrón de Ouro celebrou, na Casa Museo de Rosalía (Padrón), o acto público de entrega dos premios Pedrón de Ouro e Pedrón de Honra, que nesta edición recaeron en Camilo Nogueira e Fermín Bouza, respectivamente.

No caso de Camilo Nogueira, recoñécese o seu labor reivindicativo e normalizador nos ámbitos cultural, sindical, político e lingüístico. Neste último eido destácase o seu labor parlamentario no proceso de elaboración da actual Lei de Normalización Lingüística.

De Fermín Bouza valórase a súa traxectoria como docente universitario, activista político e escritor en lingua galega. No eido sociolingüístico, destácase o seu compromiso coa defensa do idioma galego a través do blog El voto con botas.
25/05/2010. LEXISLACIóN

A Xunta de Galicia aproba o novo decreto para regular o uso das linguas no ensino

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 25 de maio de 2010, o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

A nova norma, elaborada no medio dunha intensa polémica social e debate institucional, entrará en vigor mañá, 26 de maio de 2010, quedando derrogado o anterior Decreto 124/2007.


25/05/2010. EMPREGO

Praza de profesor/a de lingua e literatura galegas en Londres

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia a convocatoria de concurso público para a provisión dunha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres.

Poden participar no concurso os funcionarios/as do corpo de mestres licenciados/as en Filoloxía Hispánica (galego-portugués), Filoloxía Románica (galaico-portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os catedráticos/as e profesores/as de lingua e literatura galegas de ensino secundario con destino en Galicia.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir da publicación desta convocatoria. [Corrección de erros]

24/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o I Premio Rosalía de Castro de Lingua

A Deputación da Coruña fixo pública a resolución do I Premio Rosalía de Castro de Lingua, deseñado para recoñecer a persoas, empresas, asociacións e entidades que, co seu traballo, axudan a impulsar a presenza do idioma galego.

Nesta primeira edición resultou galardoada Blogaliza, plataforma que cataloga, etiqueta e facilita resumos de mensaxes dos blogs galegos e dispón dunha listaxe destes.

O acto de entrega do premio terá lugar o vindeiro 28 de maio, durante a celebración da III Festa da Lingua, que este ano se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames).

Se desexa máis información, prema aquí.
24/05/2010. DINAMIZACIóN

Segunda fase da campaña “Orgullosos/as do noso, orgullosos/as do galego”

A Coordinadora Galega de ENDL presentou a segunda fase da campaña “Orgullosos/as do noso, orgullosos/as do galego”, na que corenta personalidades de diferentes ámbitos da sociedade galega, como o científico, o empresarial, o docente ou o artístico, amosan o seu compromiso co idioma.

A CGENDL convida a toda a sociedade, especialmente á comunidade educativa, a adherirse a esta iniciativa enviando o seu texto de orgullo á páxina da campaña.

24/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Xurxo Souto, Premio Leixaprén 2010

A Coordinadora Leixaprén, formada por un conxunto de equipos de normalización e dinamización lingüística de centros públicos de Educación Secundaria situados nos concellos de Dodro, Lousame, Muros, Noia, Porto do Son, Rianxo e Rois, vén concedendo anualmente un galardón que pretende recoñecer o traballos de persoas, colectivos ou institucións que se distinguen pola defensa e promoción da lingua galega.

Nesta edición, o galardoado foi o artista Xurxo Souto, pola súa traxectoria profesional e o seu compromiso na defensa da lingua e da música galegas.

24/05/2010. INVESTIGACIóN

Feijóo, o galego e nós

Edicións Laiovento presenta o volume colectivo Feijóo, o galego e nós.

A obra, coordinada por Xosé María Álvarez Cáccamo, recolle unha escolma de artigos, de diferentes autores, publicados entre xaneiro de 2009 e marzo de 2010, que no seu conxunto ofrecen unha panorámica sobre a evolución da lingua galega neste último ano.
24/05/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios “Peña Novo” e mais “Bacelos de Prata”

O pasado 14 de maio, a Fundación Lois Peña Novo fixo públicos os gañadores da XVI edición dos Premios Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia e mais nas empresas que manteñen relación directa coa Administración.

Os galardoados foron o catedrático Ramón Lorenzo Vázquez, o Foro Avogados Lugo SCP e mais o Concello de Burela.

Por outra banda, a Asociación Álvaro das Casas entregou tamén o pasado 17 de abril os premios Bacelos de Prata, que nesta edición lles foron outorgados á Adega Durán, S.L., da denominación de orixe Rías Baixas, e a Emilio Docampo Diéguez, da denominación de orixe Ribeiro.

10/05/2010. INVESTIGACIóN

Novo web do Proxecto Toponimia de Galicia

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presentou o novo web do Proxecto Toponimia de Galicia, deseñado para salvagardar o patrimonio cultural galego a través da recuperación dos seus topónimos.

Na actualidade, o web permite buscar 357 338 nomes de lugares e localizalos sobre unha fotografía aérea. Con todo, o Proxecto Toponimia, que comezou no ano 2000, está aínda en fase de recollida de datos na maior parte do territorio galego, polo que o número de topónimos dispoñibles no web irá aumentado a medida que as diferentes fases do traballo metodolóxico se vaian completando na totalidade dos concellos de Galicia.

Se desexa máis información, prema aquí.
11/05/2010. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas sobre “A posición e o uso do galego no eido xurídico-social”

Os Comités da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña organizan as I Xornadas sobre "A posición e o uso do galego no eido xurídico-social", que terán lugar os días 12 e 13 de maio no Salón de Actos da Facultade de Dereito.

A matrícula debe facerse a través deste formulario.

Se desexa máis información sobre o programa, prema aquí.
10/05/2010. CURSOS E CONGRESOS

III Curso de Verán de Lingua e Cultura Galega para Estranxeiros

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza o III Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros, que se desenvolverá entre os días 5 e 30 de xullo de 2010 na Facultade de Filoloxía da UDC.

O prezo da matrícula é de 60 € e a organización concederá 15 bolsas de estadía de 500 € brutos. O prazo de inscrición remata o 28 de maio de 2010.

Se desexa máis información, prema aquí.
10/05/2010. DINAMIZACIóN

III Festa da Lingua

A Deputación da Coruña, en colaboración cos concellos de Santiago de Compostela, Rois, Dodro, Teo, Oroso e Ames, organiza a III Festa da Lingua, que se celebrará o 28 de maio,
ás 20:30 h, no Auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames).

No acto, que será presentado por Belén Regueira, actuarán Espido, Talía Teatro, Celso Sanmartín e A Banda da Balbina.
07/05/2010. DINAMIZACIóN

Carballo dedica o mes de maio a fomentar a transmisión da lingua

O Concello de Carballo presenta o programa de actividades que se desenvolverán no municipio ao longo do mes de maio, co obxectivo de conmemorar o Día das Letras Galegas e ao mesmo tempo fomentar a transmisión da lingua.

O programa, que reserva un lugar destacado para a V Semana do Libro e a Lectura, inclúe tamén exposicións, concertos, representacións teatrais, concursos de pintura e maratóns de lectura, entre outras actividades.