Novas da lingua

Rexistros4141 a 4170 de 5145
13/04/2010. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames reedita a campaña Calidade en Galego

Logo da boa acollida que a iniciativa tivo o ano pasado, o Servizo de Normalización Lingüística e mais o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames reeditan a campaña Calidade en Galego, cos obxectivos de aproveitar as vantaxes que o sector comercial pode tirar do uso da lingua galega e asentar unha imaxe de marca común para todo o pequeno comercio amiense.

Os comercios que se inscriban nesta segunda fase, así coma os 200 que xa forma parte da rede Calidade en Galego dende o ano pasado, poderán participar nun obradoiro de atención ao público, ademais de recibir unha bolsa con material promocional para o establecemento.

Se desexa máis información, prema aquí.
13/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Lingua de Amor 2010

O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza unha nova edición do concurso Lingua de amor.

Trátase dun certame de cancións e declaracións de amor a través da rede pensado para promover o uso do galego nas actividades de lecer.

O concurso conta con dúas modalidades (“declaracións de amor en galego a través da rede” e “cancións de amor en lingua galega”) e no caso da modalidade de declaracións de amor estableceranse tamén dúas categorías, segundo a idade dos participantes.

A data límite para participar no certame é o 28 de maio de 2010.
Pode obter máis información no web da campaña.
13/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso de Redacción “A través das palabras…. Uxío Novoneyra”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón convoca o I Concurso de Redacción “A través das palabras... Uxío Novoneyra”, co ánimo de conmemorar o Día das Letras Galegas e mais o Día de Internet, que se celebrarán o vindeiro 17 de maio.

No certame establécense tres categorías: unha para o alumnado de educación primaria, outra para o de educación secundaria e unha terceira para os adultos maiores de 16 anos.

As redaccións deben recoller, entre outros contidos, a importancia do Día das Letras Galegas e mais de Uxío Novoneyra para a lingua e cultura galegas.

O prazo para o envío das composicións remata o 30 de abril de 2010 e estas deben ser enviadas a través do formulario web que o concello habilitou para a ocasión.
12/04/2010. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Miño

O Concello de Miño anuncia a convocatoria para a contratación temporal por interinidade dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección é o de oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de catro días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria nun diario comarcal. (La Opinión de A Coruña do 11 de abril de 2010).

Se o desexa, no web da CTNL pode consultar o texto completo da convocatoria.

09/04/2010. DINAMIZACIóN

Tes dereitos lingüísticos. Exérceos

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, en colaboración coa Mesa pola Normalización Lingüística, está a desenvolver a campaña Tes dereitos lingüísticos. Exérceos, co obxectivo de fomentar o uso do galego na administración e informar a cidadanía dos seus dereitos lingüísticos.

Ademais da distribución de materiais informativos, a campaña inclúe tamén diversas conferencias e accións formativas, tanto dirixidas aos/ás traballadores/as da administración como ao público xeral.

No web da Deputación da Coruña pode consultar o programa de accións formativas previstas ata o momento.
09/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a sexta edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para analizar este tema.

Outorgarase un único premio de 1200 euros, ademais da publicación do artigo gañador en todos os medios de comunicación que colaboran coa iniciativa.

O prazo de presentación dos artigos remata o 3 de maio de 2010.
Se desexa consultar as bases, prema
aquí
.

09/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Igualando a lingua no Concello de Cee

Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas 2010, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cee organiza o certame de relato curto “Igualando a lingua”, que ten como obxectivo fomentar a reflexión arredor da normalización lingüística e a importancia da igualdade entre linguas.

O concurso está dirixido a todas as persoas maiores de 18 anos.

O gañador/a recibirá un premio de 250 euros. Haberá tamén un segundo premio de 150 euros para o/a finalista e un accésit, que consistirá nun lote de libros.

O prazo de presentación dos relatos remata o 10 de maio de 2010.

Se desexa consultar as bases completas da convocatoria, prema aquí.

08/04/2010. DINAMIZACIóN

Cine galego e proxección exterior da lingua en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha sesión de cine galego, no marco da programación da Semana do Audiovisual Galego, que desenvolve en toda Galicia a Axencia Audiovisual Galega.

En Redondela proxectarase a curta de animación Stop explotación infantil (2008) e mais o documental Mulleres da raia (2008).
As proxeccións terán lugar o 8 de abril, ás 19:00 horas, no Auditorio do Multiusos da Xunqueira.

Outra das iniciativas que está a desenvolver na actualidade o SNL, desta volta en colaboración coa Asociación de Empresarios de Redondela, é a edición trilingüe dunha Guía do peregrino, co ánimo de promover a hostalaría e o comercio redondeláns no ano Xacobeo 2010 e, ao mesmo tempo, contribuír á proxección exterior da nosa lingua.
08/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para o desenvolvemento de contidos interactivos en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

08/04/2010. DINAMIZACIóN

O Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades para o mes de abril

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o seu programa de dinamización lingüística para este mes de abril de 2010.

O programa inclúe, entre outras actividades, o I Club de Debate, unha exposición sobre Brais Pinto, un obradoiro de hip hop e dous roteiros culturais pola cidade.

Para consultar o programa mensual completo, prema aquí.
04/08/2010. DINAMIZACIóN

Exposición Castelao e Nós no Círculo de Artesáns da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega organizan a exposición Castelao e Nós, co ánimo de conmemorar o 90 aniversario da inauguración do Álbum Nós no Círculo de Artesáns da Coruña.

A exposición estará aberta ao público do 6 ao 19 de abril de 2010 no Círculo de Artesáns da Coruña.

Como actividades complementarias, o 13 de abril, ás 20:00 h, proxectarase o vídeo Irmán Daniel e o 16 de abril, tamén ás 20:00 h, poderase asistir a A Galiza das Irmandades: un percorrido en imaxes, da man de Laura Mariño.

Se desexa máis información, prema aquí.


06/04/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre a Historia de Galicia no Concello de Zas

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas organiza, en colaboración coa Deputación da Coruña, as Xornadas sobre a Historia de Galicia, que inclúen unha exposición e mais un ciclo de conferencias nos centros de ensino do concello.

A exposición, obra do ilustrador Pepe Carreiro, estará aberta ao público desde o día 5 ata o día 16 de abril no Anexo ao Polideportivo de Baio.

A iniciativa enmarcase nun proxecto de colaboración entre a Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña e os servizos de normalización lingüística dos concellos de Teo, Zas, Boiro, Melide, A Coruña e Ferrol.

Se desexa consultar o calendario completo da exposición en todos estes municipios, prema aquí.
05/04/2010. CURSOS E CONGRESOS

Ponte...nas ondas! conmemora os seus 15 anos de actividade

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! organiza a XVI edición da súa xornada multimedia de comunicación interescolar, que se desenvolverá o vindeiro 16 de abril no museo Verbum (Vigo) baixo o lema “O tesouro dos avós”.

Así mesmo, co ánimo de conmemorar os seus 15 anos de actividade, Ponte...nas ondas! está a organizar tamén o congreso internacional Pontes de Cultura, Pontes de Futuro, concibido como un foro de reflexión sobre esta experiencia educativa que naceu en 1995 grazas á cooperación entre escolas de Galicia e do norte de Portugal.

O congreso terá lugar os días 23 e 24 de abril en Vigo (museo Verbum) e rematará o 25 de abril en Melgaço coa presentación dun libro-disco sobre as cantigas de amigo e un concerto no que actuarán Socorro Lira, Joao Afonso e Uxía Senlle.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/04/2010. DINAMIZACIóN

I Ciclo de Cine Documental: unha ollada ao social galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan o I Ciclo de Cine Documental: unha ollada ao social galego.


As proxeccións terán lugar entre o 14 e o 29 de abril de 2010 no Salón de Actos da Facultade de Socioloxía.

Como actividade complementaria, convócase o I Premio de Ensaio sobre Temática Social, cuxas bases se publicarán en breve.
05/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español

Os departamentos responsables da política lingüística dos gobernos de Euskadi, Catalunya, Galicia e Illes Balears entregaron, no
marco do protocolo de colaboración que manteñen, o Premio á promoción da realidade plurilingüe do Estado español.

A entidade galardoada nesta segunda edición foi a empresa Eroski, pola integración da diversidade lingüística na súa política empresarial desde a década dos 70, co obxectivo de mellorar a atención aos seus clientes e de asumir como responsabilidade social propia o respecto pola diversidade cultural dos diferentes territorios nos que está implantada a empresa.

Se desexa máis información, prema aquí.
05/04/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción de curtametraxes e videoclips en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca subvencións para apoiar a realización de proxectos de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega ou videoclips producidos por empresas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
29/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

VII Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a sétima edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega.

O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en galego.

O prazo de presentación de orixinais remata o 17 de abril de 2010.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

26/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

V Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza este seminario de formación dirixido aos membros e coordinadores/as dos equipos de normalización e dinamización lingüística, que se celebrará ao longo dos meses de abril e maio nas sete cidades galegas.

Para obter máis información sobre o programa desta actividade, así como sobre as datas das sesións e mais os prazos de inscrición, prema aquí.
26/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas lingua, literatura e nación

O Comité de Filoloxía da Universidade da Coruña organiza as
III Xornadas lingua, literatura e nación, que nesta edición xirarán arredor do tema “Normalizando a lingua, normalizado a nación”.

As sesións terán lugar os vindeiros días 21, 22 e 23 de abril na Aula Magna da Facultade de Filoloxía e a matrícula é de balde.

Se desexa máis información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
26/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

Ouff Escola 2010

O Consorcio do Festival Internacional de Cine Independente de Ourense (OUFF), a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Ourense convocan o II Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolve no marco do XV Festival de Cine Internacional de Ourense.

A iniciativa está destinada ao alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2009-2010 e ten como obxectivo fomentar a creatividade audiovisual en lingua galega.

O prazo de inscrición remata o 15 de maio de 2010.
25/03/2010. EMPREGO

Bolsas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 25 de marzo de 2010, a convocatoria de 14 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (1 bolsa), Arquivo da Emigración Galega (1 bolsa), Arquivo de Comunicación (1 bolsa), Arquivo Sonoro de Galicia (1 bolsa), Área de Xestión Cultural (1 bolsa), Área de Informes (1 bolsa), web corporativo do CCG (1 bolsa), Área de Publicacións (2 bolsas), Área de Documentación (2 bolsas) e Área Técnica (3 bolsas).

A concesión das bolsas será ata o 31 de decembro de 2010. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
24/03/2010. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de carteis das Letras Galegas no Concello de Betanzos

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, o Concello de Betanzos, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un concurso de carteis destinado ao alumnado de educación primaria e secundaria do municipio.

O idioma empregado no cartel debe ser o galego e a súa temática debe xirar arredor da figura de Uxío Novoneyra, escritor homenaxeado este ano.


O xurado concederá un primeiro premio e mais dous accésits. A maiores, o cartel gañador será o que ilustre o programa de actividades das Letras Galegas 2010 do Concello de Betanzos.

24/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

XX Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 9 e 10 de abril de 2010 na Facultade de Ciencias da Educación, en Santiago de Compostela.

O prazo de matrícula estará aberto entre o 26 de marzo e o 8 de abril de 2010.

Se desexa máis información, prema aquí.

23/03/2010. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número do Cartafol Dixital correspondente ao mes de marzo.

Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Alejandra Mosquera, estudante de Enxeñaría técnica en informática de sistemas, a presentación dos V Premios «Comunicándomos», de publicidade en galego e a nova sobre as xornadas Achegándonos ao medio rural, organizadas pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria da USC, en colaboración co SNL e os Comités.
23/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de galego para profesionais da tradución

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación organiza un curso de galego, que ten como principal obxectivo facer un repaso das cuestións dubidosas, problemáticas e confusas que adoitan aparecer no traballo diario dos profesionais da tradución.

As sesións terán lugar os venres 9, 16, 23 e 30 de abril e
7, 14, 21 e 28 de maio
, en horario de 18:00 a 20:30 horas, na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

O prazo de preinscrición remata o vindeiro 29 de marzo.

Se desexa máis información sobre o programa do curso ou os trámites da matrícula, prema aquí.
23/03/2010. DINAMIZACIóN

Para animar en galego, sen escusas nin atrancos

A comisión Xalgarete da Asociación Xuvenil Amencer, de Ourense, presenta o segundo título dos Cadernos Xalgarete: Para animar en galego, sen escusas nin atrancos, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego no lecer educativo.

O caderno compila unha serie de textos onde diferentes profesionais comprometidos co idioma convidan aos animadores/as a combater os seus prexuízos e a animar en galego no tempo libre.
22/03/2010. INVESTIGACIóN

Lingua e futuro

O vindeiro mércores, 24 de marzo, ás 20:00 h, terá lugar na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) a presentación da obra Lingua e futuro, coordinada por Goretti Sanmartín e editada por Laiovento.

Trátase dun traballo colectivo que compila dez artigos, de once autores diferentes, ligados entre si polo obxectivo central de ofrecer alternativas actuais á situación da lingua galega.

No acto de presentación participarán Carlos Amoedo, Filipe Díez, Mariló Candedo, Manuel Núñez Singala, Mª Pilar García Negro, Xosé Ramón Freixeiro, Narciso de Gabriel, Sabela Rivas, Goretti Sanmartín e Xosé Manuel Beiras.
22/03/2010. DINAMIZACIóN

Camiño das culturas e das linguas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o proxecto Camiño das culturas e das linguas. Diversidade cultural e lingüística no Camiño de Santiago, cofinanciado pola Comisión Europea, que ten como obxectivo promover a diversidade lingüística e cultural no marco do Camiño de Santiago.

Entre as accións que se desenvolverán no marco deste proxecto salientan o establecemento dunha rede europea de axentes culturais, a organización de congresos e encontros, a posta en marcha dunha exposición itinerante e a creación dun portal web multilingüe.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
22/03/2010. CURSOS E CONGRESOS

I Jornadas de cultura, língua e ensino

A Associaçom Galega da Língua (AGAL), en colaboración coa Universidade da Coruña, organiza as I Jornadas de cultura, língua e ensino, que terán lugar os días 8, 9 e 10 de abril de 2010 na Facultade de Ciencias da Educación da UDC.

O prazo de inscrición remata o 26 de marzo.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de matrícula, prema aquí.
18/03/2010. INVESTIGACIóN

Un idioma preciso

Hoxe, 18 de marzo, ás 20:00 h, preséntase publicamente na Libraría Couceiro (Santiago de Compostela) o proxecto editorial 2.0 Editora.

Un idioma preciso, de Xusto Rodríguez Río, foi a obra escollida para inaugurar a colección folcsonomías, dedicada a textos de comunicación na sociedade da información.

O volume compila unha serie de artigos sobre a linguaxe utilizada na comunicación técnica e científica, propoñendo as solucións máis acaídas. Estes mesmos contidos, agora editados en papel, son tamén tratados nunha sección dixital do web do SNL da USC, coordinada polo propio autor.