Novas da lingua

Rexistros421 a 450 de 5145
11/12/2024. DINAMIZACIóN

Os Bolechas van de xira para ensinar os cantares de Reis

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, coa colaboración da CRTVG e Gadisa, organiza a nova xira de Nadal dos Bolechas, unha iniciativa de dinamización lingüística dirixida ao público infantil e familiar. O espectáculo, que ten como obxectivo ensinarlles aos nenos e nenas os tradicionais cantares de Reis, percorrerá entre o 26 de decembro de 2024 e o 4 de xaneiro de 2025, oito concellos galegos: Abadín, Burela, Celanova, A Estrada, Melide, Padrón, Redondela e Verín.

Para ampliar información, preme aquí.
10/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña convoca axudas para o audiovisual en lingua galega

A Deputación da Coruña publica as bases reguladoras do programa de subvencións a empresas audiovisuais para o apoio á distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2025. Esta convocatoria contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos (feitos fóra de Galicia).

O prazo de presentación de solicitudes indicarase no anuncio do extracto da convocatoria que se publicará no BOP, a través da Base de Datos Nacional de Subvencións.
09/12/2024. CURSOS E CONGRESOS


A Universidade de Vigo organiza unha mesa de debate sobre a política lingüística en Galicia

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organiza a mesa redonda Análise da política lingüística aplicada en Galicia ante os últimos resultados do IGE, na que participarán Anik Nandi, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade Woxen e especialista en política lingüística familiar; Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística; e Xosé Henrique Costas, sociolingüista e catedrático da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da UVigo.

O acto terá lugar o 12 de decembro de 2024, ás 17:00h, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo. A entrada é de balde e non é preciso inscrición previa.
09/12/2024. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia presenta o programa de voluntariado lingüístico “Queres falar?”

Coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, a Dirección Xeral de Xuventude e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presentaron o pasado 5 de decembro a iniciativa Queres falar?, un programa de voluntariado lingüístico dirixido a promover o uso do galego entre a mocidade. O obxectivo é poñer en contacto a través de grupos de conversa a galegofalantes habituais con outras persoas que desexen mellorar a súa competencia lingüística, ou incluso comezar a falar galego.

O programa botará a andar formalmente a comezos do vindeiro ano 2025 e organizarase nos diferentes “Espazos Xove” que a Xunta de Galicia ten repartidos por Galicia. Segundo informan os promotores da iniciativa, en breve anunciaranse as datas, lugares de inscrición e prazos.

Para ampliar información, preme aquí.
04/12/2024. OUTRAS

A RAG presenta a sección web “Nomes galegos das aves de Galicia e España”

Mañá, 5 de decembro de 2024, ás 12:00 horas, terá lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca de Galicia (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela) a presentación pública da nova sección da páxina web da RAG Nomes galegos das aves de Galicia e de España, un traballo elaborado por un equipo interdisciplinar de ornitólogos e lingüistas onde se divulgan as denominación en galego de máis de 600 especies.

No acto intervirán Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Manuel González González, coordinador do Seminario de Terminoloxía da RAG; Silverio Cerradelo Gómez, autor do web “A Chave. Galego, lingua de calidade”; e Cosme Damián Romay Cousido, membro do Grupo Naturalista Hábitat.
04/12/2024. DINAMIZACIóN

A CRTVG convoca a cuarta edición do certame #DígochoEu

A Compañía de Radio Televisión de Galicia convoca o IV concurso #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia (educación primaria e secundaria), ou de fóra de Galicia que impartan a materia de lingua galega. O profesorado interesado en participar debe enviar un bosquexo de guión para un capítulo do #DígochoEu dunha duración inferior a 1 minuto, usando a lingua galega e contando coa participación activa do alumnado. Tras seleccionar as 12 propostas máis orixinais, innovadoras e creativas, o equipo do #DígochoEu elaborará o guión definitivo e acudirá ao centro para gravar os episodios. Unha vez emitidos un xurado profesional independente outorgará tres premios (de 500, 300 e 200 euros) en cada unha das categorías (primaria e secundaria).

O prazo de presentación de candidaturas remata o 22 de decembro de 2024, ás 23:59 horas.

Para consultar as bases completas preme aquí.
04/12/2024. INVESTIGACIóN

Un novo estudo analiza a situación sociolingüística da mocidade baixolimega

A Universidade de Vigo acaba de sacar do prelo A Limia Baixa. Onde o mundo se chama en galego, unha obra na que a investigadora Reyes Rodríguez ofrece unha radiografía actual dos usos, actitudes e prexuízos lingüísticos da mocidade da Limia Baixa, unha área situada ao suroeste da provincia de Ourense que linda con Portugal polo sur e polo oeste.

Para consultar os datos bibliográficos desta monografía, preme aquí.
04/12/2024. DINAMIZACIóN

Chega o Nadal en Rede con música, teatro e maxia en galego

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presenta a nova edición do programa de dinamización lingüística Nadal en Rede, que ao longo deste mes de decembro percorrerá diferentes concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística con actividades de música, teatro, maxia e monicreques para que os nenos e nenas poidan gozar destas festas en galego.

A maiores, no Portal da Lingua Galega tamén se ofrece un repositorio de recursos con panxoliñas e nadais, modelos de cartas para escribirlles aos Reis Magos ou discursos para que estes poidan dirixirse aos nenos e nenas na nosa lingua.

Podes consultar o repositorio e mais o calendario de actividades premendo aquí.
03/12/2024. DINAMIZACIóN

O Proxecto Apego ofrece un modelo de carta para os seres máxicos do Nadal

Os seres máxicos do Nadal premian o apego pola lingua que demostran os nenos e nenas, así que non perdades a ocasión de escribirlles a vosa carta en galego empregando o modelo que facilita o Proxecto Apego na súa páxina web. E se queredes decorar a vosa misiva, tamén tendes ao voso dispor unha ficha con propostas de agasallos para decorar, recortar e pegar nas cartas.

Despois de enviardes a carta, na sección “Descargables” atoparedes máis recursos para seguir gozando en galego destas festas: fichas didácticas, tarxetas de Nadal, etiquetas para agasallos e grilandas do Apalpador para decorar.
03/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

Ela Diz, Toxo Telecom e Chichalovers, empresas premiadas polo seu compromiso co galego

O xurado da vixésimo quinta edición dos Premios Manuel Beiras fixo entrega onte, 2 de decembro de 2024, dos galardóns ás empresas premiadas este ano polo seu compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán. As empresas gañadoras desta edición son Ela Diz, na categoría de “uso continuado do galego”; Toxo Telecom, na categoría de “nova incorporación ao uso da lingua galega”; e Chichalovers, na categoría de “empresa innovadora no uso do galego”.

Para ampliar información, preme aquí.
02/12/2024. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra publica as axudas concedidas a concellos e entidades culturais para a dinamización lingüística

A Deputación de Pontevedra publica no BOP do 2 de decembro de 2024 a resolución das subvencións concedidas durante o segundo semestre deste ano a concellos e a entidades culturais sen ánimo de lucro da provincia para a realización de actividades de dinamización lingüística.

Para consultar a listaxe de entidades beneficiarias, preme aquí.
28/11/2024. DINAMIZACIóN

A plataforma Bluesky xa está dispoñible en galego

Grazas ao activismo social a prol do galego, desde este mesmo xoves 28 de novembro xa se pode configurar no noso idioma Bluesky, unha plataforma de mensaxes curtas que ultimamente se está a converter para moitos/as usuarios/as das redes sociais na alternativa a X (coñecida anteriormente como Twitter).

O traballo colaborativo de tradución foi impulsado polo activista Carlos Vieito, que contou coa colaboración de Alexandre Espinosa e Xurxo GP nas tarefas de tradución e programación. Para configurar a túa conta en galego só tes que ir a Axustes > idioma > galego. Neste momento está tamén dispoñible no noso idioma a aplicación de Bluesky para Android e os promotores da iniciativa anuncian que en breve estará a versión para IOS.
27/11/2024. DINAMIZACIóN

Xa podes enviar as túas suxestións para escoller a Palabra do Ano 2024

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié, a través do seu proxecto Portal das Palabras, convida a cidadanía a participar na escolla da Palabra do Ano 2024, partindo da premisa de que o idioma forma parte da nosa identidade como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente as nosas experiencias.

Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 8 de decembro de 2024, ás 23:59 h. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase un novo período de votación entre o 11 e o 25 de decembro para elixir definitivamente a palabra que mellor describe este ano que está a piques de rematar.
26/11/2024. DINAMIZACIóN

A mocidade carballesa rende homenaxe a Castelao no 80 aniversario da publicación de Sempre en Galiza

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza o acto de homenaxe Arredor de Sempre en Galiza 80 anos despois, no que unha representación da mocidade carballesa ofrecerá unha breve disertación a partir de citas textuais da obra de Castelao e reflexionará sobre os cambios que se produciron en materia de lingua desde 1944, ano da publicación en Bos Aries de Sempre en Galiza.

O acto terá lugar nas Escolas do Xardín Agra de Caldas o venres 29 de novembro de 2024, ás 18.30 horas. A partir dese mesmo día tamén poderá visitarse unha exposición de homenaxe a Castelao, centrada nas súas facetas de debuxante e humorista gráfico.

Para ampliar información, preme aquí.
26/11/2024. OUTRAS

A USC presenta a versión en galego do dicionario infantil de medicina Diximed

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentou a versión en galego do dicionario infantil de medicina Diximed, unha obra dirixida a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos que foi elaborada en 2019 por un grupo de investigación da Universidade Pompeu Fabra dirixido pola profesora Rosa Estopà. Ademais do propio SNL da USC, que se ocupou da tradución dos textos, na versión en galego tamén colaborou o alumando de 5º e 6º de Educación Primaria do CEIP López Ferreiro, de Santiago de Compostela, encargado de ler e gravar as definicións.

Xunto co dicionario propiamente dito, en Diximed atoparás tamén un atlas con láminas ilustradas sobre o corpo humano, xogos interactivos que permiten achegarse de xeito divertido ao contido do dicionario e mais un léxico temático sobre a covid-19.

No Xornal da USC tes máis información sobre o acto de presentación.
26/11/2024. DINAMIZACIóN

A EASD Mestre Mateo premia os proxectos finais de estudos que poñan en valor a lingua galega

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EASD Mestre Mateo convoca o Premio “A lingua, arte da túa terra” 2024/25, dirixido ao alumnado da Escola que no seu Proxecto Final de Estudos poña en valor a lingua e a cultura galegas. O xurado outorgará un premio para ciclos formativos e outro para estudos superiores, dotados con 200€ cada un. A data límite para a presentación dos traballos é o 30 de xuño de 2025.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
22/11/2024. DINAMIZACIóN

A Universidade de Vigo organiza unha nova edición do programa Tándem Lingüístico

A Vicerreitoría de Internacionalización e o Centro de Linguas da Universidade de Vigo organizan unha nova edición do seu programa Tándem Lingüístico, dirixido á comunidade universitaria co obxectivo de poñer en contacto persoas que desexen, mediante conversas informais, compartir os seus propios coñecementos lingüísticos e ao mesmo tempo aprender outros idiomas novos.

As persoas interesadas en participar no programa poden inscribirse a través deste formulario en liña.

Para obter máis información, preme aquí.
22/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2024 analiza a materialidade da cultura impresa

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Consello da Cultura Galega e o Ministerio de Cultura do Goberno de España, organiza o Simposio ILG 2024, que nesta edición leva por título “Cultura Impresa: materialidades, paradigmas e retos epistémicos”, no que a lingüística dialogará con outras disciplinas como as artes visuais, os estudos culturais ou a historia social.

As sesións desenvolveranse os días 27 e 28 de novembro de 2024 no salón de graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de novembro.
22/11/2024. EMPREGO

Praza de tradutor/a de lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense publicou no BOP do 30 de outubro de 2024 as bases reguladoras para a provisión en propiedade das prazas vacantes correspondentes á oferta ordinaria de emprego público do ano 2021. Entre as prazas ofertadas atópase unha de tradutor/a de lingua galega (A1). Os/as aspirantes deben estar en posesión do título universitario de grao en: Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español); Estudos de Galego e Español; Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; Lingua e Literatura Galegas; Tradución e Interpretación ou equivalentes, ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. O sistema de selección é a oposición libre.

O prazo para a presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais seguintes ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
21/11/2024. AXUDAS E PREMIOS

Convócanse os XXV Premios Manuel Beiras

O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan a vixésimo quinta edición dos Premios Manuel Beiras, que este ano levan por lema “En galego, empresa/comercio + intelixente”. Estes galardóns teñen como finalidade recoñecer o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial compostelán, premiando o uso do galego na comunicación comercial nas seguintes categorías: "empresa cun uso continuado da lingua galega", "empresa de nova incorporación ao uso da lingua galega" e "empresa innovadora no uso do galego". Poden concorrer a este premio as empresas radicadas do concello de Santiago de Compostela, entendendo aquelas que teñen a súa sede social no municipio ou que realizan unha importante actividade nel. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera outra persoa ou entidade.

O prazo para presentar as candidaturas remata o 25 de novembro de 2024. O acto oficial de entrega de premios terá lugar o 2 de decembro de 2024, ás 20:00 h, no Teatro Principal.

Para ampliar información, preme aquí.
21/11/2024. LEXISLACIóN

O Comité de Ministros do Consello de Europa avala o informe do Comité de Expertos do pasado mes de setembro

O Consello de Europa publicou o pasado 24 de setembro de 2024 o sexto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Estado español asumiu ao ratificar este tratado internacional.

Tendo en conta o exposto no informe remitido polo Estado español en agosto de 2023 e tamén o recollido no mencionado informe do Comité de Expertos do pasado mes de setembro de 2024, o Comité de Ministros do Consello de Europa acordou trasladarlles ás autoridades españolas unha serie de recomendacións concretas. No que respecta ao galego, recoméndalles en termos xerais que teñan en conta todas as observacións e recomendacións feitas polo Comité de Expertos, pero con carácter prioritario as seguintes: que se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía nos centros sociosanitarios, que se garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos, que a lexislación garanta o uso do galego en todos os procedementos xudiciais cando o solicite unha das partes e que se tomen as medidas necesarias para que os falantes de galego poidan relacionarse neste idioma coas delegación locais da Administración do Estado en Galicia.
19/11/2024. DINAMIZACIóN

Concurso de curtametraxes “Un idioma de cine”

O Concello de Caldas organiza o concurso de curtametraxes “Un idioma de cine”, dirixido a mozos e mozas de ata 30 anos de idade residentes en Galicia. As curtametraxes presentadas deben ser orixinais e inéditas, ter unha duración de entre 5 e 10 minutos, e unha temática relacionada co outono. O formato pode ser de acción ou de animación. O xurado outorgará tres premios, cunha dotación económica de 700€, 500€ e 300€ cada un. A maiores, a curta máis votada polo público tamén será premiada con 500€.

O prazo de presentación dos traballos remata o 10 de decembro de 2024. Podes consultar as bases completas premendo aquí.

A iniciativa enmárcase no programa de dinamización lingüística promovido polo Concello de Caldas para fomentar a creación audiovisual en galego entre a mocidade. No marco deste mesmo programa organizouse tamén un obradoiro formativo o pasado mes de outubro.
19/11/2024. DINAMIZACIóN

Festa da lingua na Facultade de Educación e Traballo Social da UVigo

A Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, ubicada no Campus de Ourense, organiza o vindeiro venres 22 de novembro de 2024, a partir das 11 h, unha Festa da lingua para conmemorar o aniversario de que a UVigo lle outorgara o distintivo de galeguización Gal Ego, como recoñecemento público ao seu labor de fomento e promoción do idioma galego.

A festa terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán (Edificio Ferro) e actuará Xosé Antonio Touriñán e mais o grupo musical Factoría de Subsistencia.
19/11/2024. DINAMIZACIóN

Rechouchíos en galego para rematar o ano en Moaña

O Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña presentan as actividades que se organizarán durante os meses de novembro e decembro de 2024 no marco do programa municipal de dinamización lectora e lingüística Rechouchíos. O mes de novembro estará destinado á narración oral, para concienciar á cativada da importancia da igualdade de xénero, e en decembro tocará festexar o Nadal con moita maxia, circo, teatro e música.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
15/11/2024. EMPREGO

Bolsas de formación no Servizo de Publicacións do Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao en Tradución e Interpretación, no que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grado en Lingua e Literatura Galegas; o grao Estudos de Galego e Español con itinerario en lingua galega e española; ou equivalentes.

O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí.
14/11/2024. LEXISLACIóN

Publicada no BOE a lei que garante o uso do galego ante o Tribunal Supremo e a Audiencia Nacional

Hoxe, 14 de novembro de 2024, publicouse no BOE a Lei orgánica 5/2024, do 11 de novembro, do dereito de defensa, que ten como obxecto regular o dereito de defensa, recoñecido no artigo 24 da Constitución Española. No que respecta ao uso das linguas oficiais, o texto recolle no artigo 10 que a cidadanía ten dereito a empregar ante os tribunais e nas súas relacións coa Administración de Xustiza as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma. Nese mesmo artigo dise que tamén ten dereito “nos procesos ante órganos con xurisdición en todo o Estado, a empregar calquera das linguas oficiais da comunidade autónoma onde residan ou onde se iniciaran as actuacións xudiciais, así como a recibir en calquera desas linguas as comunicacións producidas”. A maiores, no artigo 11 recóllese que naqueles casos nos que o uso dunha determinada lingua contribúa a garantir o dereito de defensa, “o xulgado ou o tribunal porá a disposición dos intervenientes que o requiran os mecanismos pertinentes de interpretación e/ou tradución”.

A efectos prácticos, a novidade é que a partir de agora os cidadáns poderán empregar o galego, o catalán e o éuscaro nos procesos xudiciais ante órganos como o Tribunal Supremo ou a Audiencia Nacional.
14/11/2024. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os XXXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística

Hoxe, 14 de novembro de 2024, ás 20:30 h terá lugar no Teatro Principal da Estrada o acto de entrega dos XXXIV Premios San Martiño de Normalización Lingüística, cos que se recoñece publicamente o labor de persoas e entidades comprometidas coa normalización do idioma galego.

Nesta edición os galardoados son o Grupo Valenciaga, na categoría "Comarca Tabeirós-Terra de Montes"; o contador Celso Sanmartín, na categoría “Galicia enteira”; e a asociación cultural Cántigas e Frores, na categoría “Unha vida enteira”.

A entrada ao acto é libre ata completar a capacidade da sala.
14/11/2024. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo presenta un estudo sobre os trazos diferenciais da fala de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a publicación A fala de Vigo. Trazos diferenciais da nosa variedade dialectal, autoría do catedrático da Uvigo Xosé Henrique Costas-González. Trátase dunha obra de carácter divulgativo que ten o seu xermolo nunha conferencia impartida polo profesor Costas-González nos Faladorios-Vigo a comezos deste mesmo ano e nela recóllense e catalóganse os principais trazos fonético-fonolóxicos, prosódicos, morfolóxicos, léxicos e fraseolóxicos do galego que se fala en Vigo.

O volume está accesible en formato dixital na páxina web da Área de Normalización Lingüística da UVigo.

Se queres ampliar información sobre esta iniciativa, preme aquí.
13/11/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre litigación estratéxica e defensa de dereitos lingüísticos

A área de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña e mais o Observatorio de Dereitos Lingüísticos da Mesa pola Normalización Lingüística organizan a xornada Lingua con dereito. Dereito á lingua, na que se reflexionará e debaterá sobre as posibilidades de litigación estratéxica como vía de avance para os dereitos lingüísticos.

A xornada terá lugar o 23 de novembro de 2024 na Biblioteca Provincial da Coruña (Rúa Rego de Auga. 37). Podes inscribirte enviando os teus datos a través deste formulario.

Para obter máis información e coñecer o programa completo, preme aquí.
13/11/2024. DINAMIZACIóN

O Museo do Pobo Galego acolle a exposición “Palabra e memoria”

O Claustro Alto do Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acolle a exposición Palabra e Memoria, unha mostra sobre a normalización da epigrafía funeraria en lingua galega, froito do traballo de documentación realizado desde o ano 2003 polo alumnado do IES Perdouro de Burela no marco do proxecto de innovación educativa "Modelo Burela de Panificación Lingüística". As fotografías son autoría da fotoxornalista Pepa Losada, que contou coa colaboración posterior de María Mon e Aida López.

A exposición inaugurouse o pasado 6 de novembro de 2024 e malia que estará pechada temporalmente durante esta semana (do 11 ao 17 de novembro) por mor dunhas obras no edificio, a partir da vindeira semana poderá visitarse con normalidade ata o vindeiro 29 de decembro.