Novas da lingua

Rexistros4201 a 4230 de 5145
29/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para preparar os Celga

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de lingua galega preparatorios para a obtención dos certificados Celga (niveis 1, 2, 3 e 4).

Os cursos desenvolveranse nas diferentes escolas oficiais de idiomas de Galicia e impartiranse en dúas quendas, unha que terá lugar no 2º cuadrimestre de 2009-2010 e outra no 1º cuadrimestre de 2010-2011. O prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida.

Se desexa máis información, prema aquí.
27/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias

O Consello da Cultura Galega organiza, os vindeiros 22 e 23 de febreiro de 2010, as Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias.

Ao longo destas dúas sesións abordaranse cuestións como os principios e obxectivos da CELMR, o réxime de protección do ensino, a intervención lingüística na vida económica e social ou os intercambios transfronteirizos.

Se desexa máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
27/01/2010. INVESTIGACIóN

55 mentiras sobre a lingua galega

A plataforma cidadá ProLingua presentará o vindeiro venres
5 de febreiro a súa primeira publicación 55 mentiras sobre a lingua galega, coordinada por Xosé-Henrique Costas, profesor da Universidade de Vigo.

A obra, que se presentará simultaneamente en máis de sesenta localidades (tanto en Galicia como no Estado español e no estranxeiro), ten como obxectivo ofrecer un argumentario rigoroso que axude a sociedade galega a comprender o actual debate lingüístico, así como a desmontar as falsidades e os prexuízos que neste momento están instalados no discurso sobre o idioma.
27/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Curso de blogs e iniciación a ferramentas multimedia

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) convoca o Curso de blogs e iniciación a ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística.

As sesións terán lugar os vindeiros días 18, 19 e 26 de febreiro de 2010 en Santiago de Compostela . O prazo de inscrición remata o vindeiro xoves, 4 de febreiro.
27/01/2010. DINAMIZACIóN

EuFalo.TV, un documental colaborativo sobre a lingua e os falantes

A Navalla Suíza presenta EuFalo.TV, un documental colaborativo no que son os/as propios/as falantes os/as que contan a súa historia coa lingua.

Trátase dun proxecto aberto á colaboración dos/as internautas, que poden completalo enviando vídeos nos que narren a súas experiencias e vivencias co uso do idioma.
26/01/2010. EMPREGO

Bolsas da ANL da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca catro bolsas de iniciación á colaboración coa súa Área de Normalización Lingüística. Os solicitantes deben cumprir como requisito ser estudades de Filoloxía Galega ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2009/2010 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 5 de febreiro de 2010, ás 14.00 h.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

25/01/2010. OUTRAS

Xosé Luís Méndez Ferrín, novo presidente da Real Academia Galega

O Plenario da Real Academia Galega elixiu o pasado sábado, 23 de xaneiro de 2010, co voto maioritario dos seus membros, a Xosé Luís Méndez Ferrín como novo presidente da institución.

Da Xunta de Goberno tamén formarán parte os académicos Xosé Luís Axeitos Agrelo (secretario), Manuel González González (tesoureiro), Euloxio Rodríguez Ruibal (Arquiveiro-Bibliotecario) e Francisco Fernández Rei (vicesecretario).
25/01/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación de banda deseñada en galego

A Consellería de Cultura e Turismo convoca axudas para edición de historias longas de banda deseñada en galego. As actividades obxecto de axuda son a elaboración do guión do proxecto e mais os gastos de ilustración e de edición.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/01/2010. DINAMIZACIóN

A nosa compra, en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza a campaña “A nosa compra, en galego”, que ten como obxectivo promover entre os/as usuarios/as e os/as comerciantes dos mercados o uso da lingua galega, así como achegar o léxico galego dos produtos que normalmente están á venda nun mercado.

Con esta finalidade, o Servizo de Normalización Lingüística, coa colaboración da Federación Galega de Comercio, elaborou o Dicionario ilustrado do comercio, un caderno que ademais do léxico máis frecuente na actividade dos mercados, contén follas en branco que permiten elaborar a listaxe da compra.

Como actividades complementarias, organizaranse tamén diferentes actuacións artísticas e culturais nos recintos dos mercados.

Se desexa máis información, prema aquí.
21/01/2010. DINAMIZACIóN

Consulte en liña os informes, posicionamentos públicos e artigos de opinión sobre as "Bases para o decreto”

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) achega no seu web un especial sobre as “Bases para o decreto do plurilingüismo”, que inclúe diversos documentos de valoración, de análise e de proposta alternativa elaborados tanto pola propia CGENDL como por outras entidades educativas.

Así mesmo, a Coordinadora de Traballadores/as para a Normalización Lingüística (CTNL) ofrece tamén en liña unha compilación de artigos, entrevistas e posicionamentos públicos sobre estas “Bases”.

21/01/2010. INVESTIGACIóN

A lingüística galega desde alén mar

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela edita o volume A lingüística galega desde alén mar, obra colectiva que recolle as actas do VIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, celebrado na Universidade Federal da Bahia en setembro de 2006.

O libro, coordinado por Gabriel Rei-Doval, compila 21 artigos organizados nos seguintes apartados: Sociolingüística, estandarización e glotopolítica; Etnolingüística e pragmática; Lingüística aplicada; Estilística, sintaxe e semántica; Historia e dialectoloxía; e Lingua e estudos galegos no exterior.


19/01/2010. LEXISLACIóN

A Real Academia Galega presenta a súa análise sobre as Bases para o decreto do plurilingüismo

Despois de que o pasado 30 de decembro de 2009 a Real Academia Galega (RAG) recibise do Goberno Galego o documento titulado ”Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia”, a RAG fixo público onte, 18 de xaneiro de 2010, o informe coa valoración destas “Bases”.

O documento, aprobado por unanimidade polo plenario da institución o día 16 de xaneiro de 2010, está accesible en liña en formato PDF.
19/01/2010. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a promoción do galego na Administración local

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do convenio de colaboración asinado o pasado mes de decembro de 2009 coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, resolveu a convocatoria de axudas para a promoción do uso do galego nas entidades locais.

Para consultar a listaxe de entidades subvencionadas, prema aquí.

Se o desexa, tamén pode ampliar esta información no web da SXPL.
14/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre a represión lingüística en Galicia

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza as Xornadas sobre a represión lingüística en Galicia, que se desenvolverán do 15 ao 31 de xaneiro de 2010 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns-Ames).

Durante este período estará aberta ao público unha mostra gráfica e audiovisual sobre a represión lingüística desatada en Galicia a partir do levantamento militar de 1936, que chega agora a Ames despois de ter visitado diferentes puntos do país.

De xeito complementario, desenvolverase tamén un ciclo de charlas-coloquio sobre o tema.
11/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a particulares (adultos) e colectivos de Galicia.

Os cursos desenvolveranse en diferentes localidades galegas ao longo do ano 2010 e o prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí. (Corrección de erros)
11/01/2010. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de catro bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro (1 bolsa), Dicionarios de literatura (1 bolsa), Corpus documentale latinum gallaeciae (1 bolsa) e Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
11/01/2010. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística nos centros educativos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para desenvolver proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de Galicia durante o curso escolar 2009-2010.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 1 de febreiro de 2010. Se desexa máis información, prema aquí.
11/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 21 de xaneiro de 2010. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

08/01/2010. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles en vídeo as intervencións do Simposio Internacional Ecolingua

Xa están accesibles en internet, en formato vídeo, as diferentes intervencións do I Simposio Internacional Ecolingua, que tivo lugar os pasados días 17, 18 e 19 de decembro de 2009 en Vigo, organizado polo Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).

Se desexa ver os vídeos, prema aquí.
08/01/2010. LEXISLACIóN

Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no sistema educativo

O Goberno galego aprobou, no Consello da Xunta do pasado 30 de decembro de 2009, as Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no sistema educativo non universitario.

Segundo o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, o documento aséntase en tres piares: o reparto equilibrado das horas de docencia en galego e castelán, a reserva dun terzo da docencia para impartir en linguas estranxeiras (nomeadamente en inglés) e a incorporación da opinión das familias no referente ao reparto das materias que deben impartirse en cada lingua.

Antes da elaboración do documento final, que derrogará o Decreto 124/2007, estas bases serán presentadas ás forzas políticas e aos axentes sociais implicados.
08/01/2010. INVESTIGACIóN

Que facemos coa lingua?, monográfico sobre a situación do galego no ensino

Estega, a nova publicación periódica do Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galiza (STEG), inicia a súa andaina cun monográfico sobre a situación da lingua galega no ensino.

Baixo o título “Que facemos coa lingua?”, este número inicial inclúe, entre outros contidos, unha entrevista a Emilio Insua e a Miguel Louzao onde se fai un percorrido pola normalización lingüística dos últimos 30 anos, unha análise sobre a promoción da lingua desde os ENDL, a cargo de Valentina Formoso, ou un artigo sobre a situación sociolingüística de Finlandia, autoría de Pablo Gamallo.
23/12/2009. DINAMIZACIóN

Está en liña o Cartafol Dixital de decembro

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.
Entre os contidos deste número salientamos a entrevista a Pilar Brocos, gañadora do premio Luísa Villalta de iniciativas normalizadoras; a reportaxe sobre agasallos en galego para o Nadal e a presentación de Ubuntu-USC, un sistema operativo libre que se está implantando progresivamente na Universidade de Santiago.
23/12/2009. DINAMIZACIóN

O noso Nadal, galego e verde

O Consello da Xuventude de Galicia elaborou, por segundo ano consecutivo, a guía O noso Nadal, galego e verde, deseñada para animar a cidadanía a que vivan un Nadal en galego, solidario e respectuoso co medio.
No que respecta á parte lingüística, a guía contén cantares e contos de Nadal, receitas tradicionais e mais consellos para mercar agasallos en galego.
23/12/2009. DINAMIZACIóN

A lingua, esa ponte que nos une

A Concellaría de Normalización Lingüística en colaboración coa Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino públicos do Concello de Redondela elaborou, para o próximo 2010, calendarios de parede, calendarios de peto e marcapáxinas-calendario baixo o lema A lingua, esa ponte que nos une.
A edición deste material é o colofón aos numerosos traballos de colaboración desenvolvidos neste ano entre a Coordinadora de ENDL e o Concello, realizados a través do Servizo de Normalización Lingüística.
14/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2009

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago fixeron entrega dos seus respectivos premios aos galardoados da décima edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron a tenda Pecados, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e Localia Televisión, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego.

A Libraría Pedreira recibiu tamén unha distinción especial polo seu compromiso co idioma.

Se desexa máis información, prema aquí.
14/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a publicidade en lingua galega

O Consello Asesor de RTVE-G e CRTVG entregaron o pasado venres, 11 de decembro, os XVI Premios á Publicidade en Galego. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o traballo realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.

Na categoría de radio, a campaña gañadora foi "Onda Cero Galicia", elaborada e presentada por Onda Cero Radio. No ámbito da televisión, o gañador foi o anuncio de R-Cable Galicia “Cámbiache o conto”, elaborado pola axencia Oceanográfico e emitido pola TVG. Polo que respecta ao premio na modalidade de internet, nesta ocasión o xurado decidiu deixalo deserto.
11/12/2009. DINAMIZACIóN

Da mañá á noite, Convers-ando

O colectivo CambiaGalicia organiza a actividade Da mañá á noite Convers-ando, que se desenvolverá mañá, 12 de decembro de 2009, en Vigo.

Entre os principais obxectivos da iniciativa están o de romper prexuízos cara á lingua a partir do diálogo e o de provocar unha reflexión que leve ao uso e defensa do galego nas persoas participantes.

Ao longo da xornada desenvolveranse, entre outras actividades, safaris fotográficos, obradoiros de monólogos, xogos infantís e actuacións musicais.
11/12/2009. DINAMIZACIóN

En galego, consumo gusto

O Foro Enrique Peinador e mais a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística están a promover a campaña “En galego, consumo gusto”, co ánimo de alentar os consumidores na utilización de produtos con denominación de orixe etiquetados en lingua galega, como sinal de garantía de orixe.

A iniciativa foi presentada no marco da xornada Empresa e identidade, que organizou o Foro Enrique Peinador o pasado día 26 de novembro co obxectivo de poñer en valor o esforzo e o compromiso das empresas galegas que etiquetan na lingua propia de Galicia os seus produtos.

Se desexa máis información, prema aquí.

10/12/2009. CURSOS E CONGRESOS

I Simposio Internacional Ecolingua

O Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA) organiza o I Simposio Internacional Ecolingua, que terá lugar os vindeiros días 17, 18 e 19 de decembro no Centro Social Caixanova de Vigo.

Ao longo destas tres xornadas abordaranse, entre outros, os seguintes temas: a coexistencia de linguas: de problema a oportunidade; Galicia como realidade plurilingüe: unha vantaxe comparativa; o rol de cada lingua nun país plurilingüe e o papel do galego como referente colectivo e elemento de cohesión social.

O prazo de matrícula remata o vindeiro 16 de decembro.

Se desexa máis información, prema aquí.
10/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

III Concurso de cartas aos reis magos no Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o III Concurso de cartas aos reis magos.
Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas, escritas en galego, nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello antes do vindeiro 29 de decembro.

Os reis magos contestarán todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios.