Novas da lingua

Rexistros4291 a 4320 de 5145
28/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións ao audiovisual en lingua galega

A Axencia Galega de Industrias Culturais publica a resolución de diferentes liñas de subvención para fomentar o audiovisual en lingua galega.

As axudas concedidas destinaranse aos seguintes conceptos: para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en galego, para a produción de contidos interactivos en lingua galega ou para as producións ou coproducións audiovisuais en galego con decidido contido artístico e cultural.
28/09/2009. EMPREGO

Resólvese a convocatoria de lectorados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a listaxe coa adxudicación das prazas de lectores de lingua, literatura e cultura galegas, con destino en universidades españolas e estranxeiras.

Para consultar o texto da resolución, prema aquí.
25/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas “A Europa na Galiza: lingua, historia, didáctica”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Facultade de Ciencias de Educación desta mesma universidade, organiza as Xornadas “A Europa na Galiza: lingua, historia, didáctica”, co obxectivo de dar a coñecer a historia de Galicia en relación ao espazo europeo no que se integra.

As sesións terán lugar na Facultade de Ciencias da Educación da UDC os días 19 e 20 de novembro de 2009. O prazo de inscrición remata o 12 de novembro.
21/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

Curso de ortografía e ortotipografía do galego

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación organiza un curso de ortografía e ortotipografía do galego, que se desenvolverá os días 9, 16, 23 e 30 de outubro de 2009 na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 30 de setembro. Se desexa máis información prema aquí.
18/09/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Dodro

O Concello de Dodro anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

16/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

A cuestión lingüística a debate no Consello da Cultura Galega

A amplitude e intensidade que están adquirindo os debates sobre a lingua en Galicia, e moi particularmente a súa relevancia política, levou ao CCG a considerar a necesidade de establecer foros de reflexión sobre a situación sociolingüística galega.

O Seminario sobre lingua, sociedade e política en Galicia, coordinado por Víctor Fernández Freixanes, Henrique Monteagudo e Ramón Maiz, desenvolverase en catro sesións ao longo dos meses de decembro de 2009 a xuño de 2010. O obxectivo final é a elaboración dun informe que será elevado ao Consello da Cultura Galega.

Así mesmo, en febreiro de 2010, baixo a coordinación de Alba Nogueira, terán lugar as Xornadas de análise sobre a Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, nas que se analizará en profundidade a aplicación da Carta e se tirarán conclusións sobre os seus efectos nos ordenamentos xurídico-lingüísticos dos países asinantes.
16/09/2009. INVESTIGACIóN

Dispoñible na rede o primeiro número de Galicia 21

O Centro de Estudos Galegos en Gales (Universidade de Bangor) e mais a Universidade de Cardiff presentan o primeiro número de Galicia 21: Revista de Estudos Galegos Contemporáneos, publicación académica de periodicidade anual accesible en liña.

Entre os contidos deste número, salientamos o artigo de Anxo Lorenzo, actual secretario xeral de Política Lingüística, que achega unha análise da situación actual da lingua galega desde a perspectiva sociolingüística.
15/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

III Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Deputación da Coruña, coa organización e xestión da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, promove a terceira edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 21 de outubro de 2009 no Pazo de Mariñán (Bergondo).


15/09/2009. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea”

O Instituto da Lingua Galega (USC), o Departamento de Ciencias da Comunicación (USC) e o Consello da Cultura Galega organizan o simposio Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea, no que se presentarán publicamente boa parte dos traballos que recolle o volume Papés d’emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846 (I).


As sesións desenvolveranse os días 3, 4, 5, 10 e 11 de novembro de 2009. O prazo de inscrición remata o 23 de outubro.
09/09/2009. DINAMIZACIóN

Exposición “Ramón Piñeiro, Olladas no Futuro”

O museo Verbum - Casa das Palabras organiza unha exposición temporal sobre a vida e a obra de Ramón Piñeiro, na que se destaca, entre outros aspectos, a importancia do idioma na súa escrita e na súa conciencia de galeguidade.

A mostra estará aberta ao público desde o 11 de setembro ata o 1 de novembro de 2009. Se desexa máis información, prema aquí.

09/09/2009. AXUDAS E PREMIOS

Premios para a innovación lingüística no ámbito educativo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan 7 premios a proxectos de innovación en normalización lingüística, destinados aos centros de ensino públicos, para desenvolver no curso académico 2009-2010.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de outubro de 2009.
02/09/2009. DINAMIZACIóN

Volven os Axóuxeres

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou a nova programación para o ano 2009 das Festas dos Axóuxeres e mais dos Encontros dos Axóuxeres.

As Festas dos Axóuxeres, que teñen como obxectivo fomentar a transmisión e o uso do galego desde as idades máis temperás, celebraranse nas cidades galegas ao longo deste mes de setembro.

A seguir, durante os meses de outubro e novembro, terán lugar en diferentes vilas galegas os Encontros dos Axóuxeres, un espectáculo cun formato máis reducido que, a diferenza das Festas, se organiza en lugares pechados.

Para ampliar esta información, prema aquí.
31/08/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello da Baña

O Concello da Baña anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o concello.

O sistema de selección é o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

09/09/2009. EMPREGO

Convocatoria de contratos para colaborar no Tesouro Informatizado da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela fai pública a convocatoria de dous contratos temporais para colaborar no proxecto Tesouro Informatizado da Lingua Galega, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega.

Os aspirantes deben ser licenciados/as en filoloxía. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
28/08/2009. CURSOS E CONGRESOS

Simposio internacional sobre o multilingüismo no ciberespazo

Linguamón-Casa das Linguas e mais Maaya, Rede Mundial para a Diversidade Lingüística organizan este simposio internacional, no que se reflexionará sobre se as actuais sociedades do coñecemento poden permitirse non ser multilingües.

As sesións terán lugar en Barcelona os días 29 e 30 de setembro de 2009. Se desexa consultar o programa, prema aquí.
28/08/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a galeguización das entidades deportivas de Ferrol

O Concello de Ferrol convoca subvencións para a galeguización das páxinas web dos clubs e entidades deportivas deste concello.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das bases da convocatoria.

28/08/2009. DINAMIZACIóN

Nace a plataforma cidadá ProLingua

A comezos de agosto de 2009 presentouse publicamente ProLingua, unha plataforma a prol da defensa e promoción da lingua galega.

Tal e como se recolle no seu manifesto fundacional, o colectivo, creado por persoas de moi diversa ideoloxía e profesión, “ten como obxectivos exclusivos a promoción do galego como lingua propia de Galicia (e das comarcas estremeiras) e a consecución da súa oficialidade real, que pasa por unha presenza normal en ámbitos dos que se mantén practicamente excluída, como a empresa, a xustiza e outros servizos públicos e privados, especialmente os medios de comunicación.”
Xa que logo, ProLingua desenvolverá accións destinadas a reclamar o cumprimento íntegro da actual Lei de Normalización Lingüística de 1983 e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004.
28/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

Conclusións e materiais do V Curso de verán "Traballando en lingua"

Xa están accesibles en liña as conclusións e mais os materiais do V Curso de verán “Traballando en lingua”, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración coa Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) e o Concello de Carballo, que nesta edición xirou arredor do compromiso individual e do argumentario acaído para a normalización lingüística.

Tanto as conclusións xerais do curso, como as dos diferentes grupos de traballo, así como os textos dos relatorios, están ao dispor de todas as persoas interesadas no web do SNL da Universidade da Coruña e mais no da CTNL.
28/07/2009. DINAMIZACIóN

Obradoiro de dinamización e animación á lectura no Concello de Betanzos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza o obradoiro A arte de contar, destinado a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos, que ten como obxectivo fomentar a lectura en galego entre a poboación máis nova.

As sesións desenvolveranse ao longo do mes de agosto e o prazo de inscrición remata o 30 de xullo. Para obter máis información, prema aquí.


27/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

A debate as relacións entre a transmisión cultural e a lingüística

A Oficina Europea para as Linguas Minoritarias, en colaboración co Centro Europeo Mercator de Investigación sobre o Multilingüismo, organiza o seu congreso anual sobre diversidade lingüística, que nesta edición reflexionará sobre a relación entre a transmisión das culturas e a transmisión das linguas.

As sesións desenvolveranse entre os días 28 e 30 de outubro de 2009 en Ljouwert/Leeuwarden (Frisia, Países Baixos). Se desexa máis información, prema aquí.
27/07/2009. DINAMIZACIóN

Constitúese a plataforma cidadá “Queremos Galego”

O pasado 14 de xullo constituíuse formalmente a plataforma cidadá “Queremos galego”, formada inicialmente por máis de 40 entidades sociais, así como por diferentes persoas que a título individual quixeron unirse á iniciativa.

Entre os obxectivos inmediatos da plataforma está o desenvolvemento dunha iniciativa lexislativa popular para garantir os dereitos lingüísticos dos galegos/as e mais a organización dunha manifestación en defensa da lingua que terá lugar o vindeiro outono.

Se desexa máis información, prema aquí.
16/07/2009. DINAMIZACIóN

AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a segunda edición da granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos.

O proxecto desenvolverase entre o 17 e o 26 de agosto na granxa escola Fervenza do Toxa (Silleda) e o prazo de inscrición é do 15 ao 24 de xullo.

Para obter máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
08/07/2007. INVESTIGACIóN

Preséntase a obra “Sobre o racismo lingüístico”

Mañá, 9 de xullo de 2009, ás 20:00 horas, preséntase no Paraninfo da Reitoría da Universidade da Coruña a obra colectiva Sobre o racismo lingüístico, que compila diferentes estudos e análises sobre o proceso de normalización lingüística do galego.

No acto participarán Pilar García Negro, editora da obra, así como os/as autores/as Celia María Armas, Manuel Ferreiro, X. Ramón Freixeiro Mato, X. Manuel Sánchez Rei, Goretti Sanmartín, Francisco Rodríguez e Luís Villares Naveira.

07/07/2009. DINAMIZACIóN

A Administración local de Galicia reafirma o seu compromiso co galego

Co ánimo de conmemorar o 25 aniversario da Declaración do Hostal, asinada en maio de 1984 por 187 rexedores municipais, a Federación Galega de Municipios e Provincias e mais a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convocan outra asemblea de alcaldes para reafirmar o seu compromiso coa declaración de 1984 e darlle un novo pulo á galeguización da Administración local.

A cita terá lugar o vindeiro venres, 10 de xullo, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Se desexa máis información, prema aquí.

03/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

IX Congreso Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos presenta a novena edición do seu congreso internacional, que nesta ocasión leva por título “Galicia nos contextos globais: perspectivas para o século XXI”.

Ao longo destes días desenvolveranse 27 mesas redondas, catro conferencias plenarias e 79 relatorios, que xirarán, entre outros temas, arredor do dereito, a política, a economía, os estudos culturais, a lingua e a literatura.

As sesións terán lugar entre os días 13 e 17 xullo de 2009 en Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña.
02/07/2009. EMPREGO

Convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 2 de xullo de 2009, a convocatoria de lectorados de lingua, literatura e cultura galegas en diferentes universidades de España e do estranxeiro.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

02/07/2009. DINAMIZACIóN

En liña o nº 52 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a valoración dos obradoiros de formación lingüística para o PDI que se están a desenvolver na USC, a información sobre a modificación da Lei da función pública de Galicia ou a nova sobre o posicionamento de diferentes departamentos, facultades e institutos universitarios en relación á consulta realizada pola Consellería de Educación verbo das linguas vehiculares no ensino non universitario.
02/07/2009. CURSOS E CONGRESOS

Seminario “Software libre e lingüística”

A Oficina de Software Libre da USC organiza o seminario Software libre e lingüística, incluído no programa de cursos de verán, que ten como principal obxectivo ofrecer unha visión xeral da relación entre o software libre e a investigación filolóxica e lingüística.

As sesións terán lugar entre o 21 e o 24 de setembro de 2009 na Facultade de Filoloxía (aula 7) e a data límite de inscrición é o 11 de setembro.

29/06/2009. DINAMIZACIóN

Uxío Novoneyra, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 27 de xuño, dedicar o Día das Letras Galegas 2010 ao poeta Uxío Novoneyra.

Entre a súa produción literaria destacan Os Eidos (Galaxia, Vigo, 1955), con prólogo de Ramón Piñeiro; Os Eidos-2 (Galaxia, Vigo, 1974), ilustrado por Laxeiro; Poemas caligráficos (Brais Pinto, Madrid, 1979), no que se amosan os poemas a través da caligrafía do autor; Muller para lonxe (Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Lugo, 1987), ilustrado con debuxos de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio R. Fer; ou Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (Hércules de Ediciones, A Coruña, 1998), o seu último poemario.

Novoneyra foi tamén presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, cargo que ocupou desde 1982 ata o 30 de outubro de 1999, data da súa morte.

Se desexa máis información, prema aquí.

26/06/2009. DINAMIZACIóN

Un chanzo máis na introdución do galego no ámbito empresarial

Por iniciativa do Foro Enrique Peinador, dez empresas do país vinculadas a diferentes sectores empresariais decidiron facer unha aposta explícita pola introdución do galego na súa actividade diaria.

A través da sinatura dun convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, as empresas comprometéronse a incorporar gradualmente o galego na súa documentación interna e externa, páxina web, sinalización, actos sociais da entidade, etc. Pola súa banda, a SXPL ofreceralles asesoramento lingüístico e terminolóxico, ferramentas informáticas e apoio en todas as actividades normalizadoras que desenvolvan.

Se desexa máis información, prema aquí.