Novas da lingua

Rexistros4441 a 4470 de 5145
20/01/2008. OUTRAS

Probas para obtención dos certificados de lingua galega (Celga)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 para o 2009. Neste ano realizaranse tres convocatorias, dúas para Galicia, resto do Estado español e Europa (maio e novembro de 2009) e unha terceira para América (outubro de 2009).

Os prazos para a presentación de solicitudes rematan o 25 de marzo (convocatoria maio), o 30 de xuño (convocatoria de outubro) ou o 12 de outubro (convocatoria de novembro).

Se desexa máis información, prema aquí.
20/01/2009. EMPREGO

Praza de Licenciado/a en Lingua Galega na Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo publica, no BOP do 17 de xaneiro de 2009, a convocatoria das probas selectivas para cubrir, con carácter definitivo, unha praza de Licenciado/a en Lingua Galega, adscrita ao cadro do persoal funcionario.

O proceso de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no BOE.
20/01/2009. DINAMIZACIóN

Cine en galego para “os peques” da Coruña

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña, en colaboración coa CRTVG, organiza a actividade 12 pelis para os peques.

Os máis pequenos/as da Coruña poderán asistir de balde, todos os sábados de xaneiro, febreiro e marzo de 2009, á proxección de diferentes filmes infantís en lingua galega. Estas proxeccións vanse levar a cabo ás 18.00 h no Museo de Arte Contemporánea (MACUF), situado na avda. de Arteixo, 171 (Agrela-Bens).
20/01/2009. OUTRAS

Exeria, para un uso non sexista da linguaxe

A Secretaría Xeral de Igualdade e a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia presentan Exeria, unha nova ferramenta informática, de código aberto, que ten como finalidade o uso dunha linguaxe non sexista.

Exeria é unha aplicación que facilita a revisión lingüística de textos, detectando aqueles termos susceptibles dun uso sexista e propondo diferentes suxestións e alternativas.

16/01/2009. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Fisterra

O Concello de Fisterra anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes é de 5 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
14/01/2009. CURSOS E CONGRESOS

XI Encontros para a Normalización Lingüística

Xa está accesible en liña o programa dos XI Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os vindeiros días 12 e 13 de febreiro de 2009 na sede do Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela).

A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado no web do CCG.

Estableceranse dous prazos de preinscrición:

1º prazo: ata o 29 de xaneiro de 2009. Exclusivo para técnicos/s de normalización lingüística, profesionais do ámbito da planificación e a dinamización lingüística e socios/as da CTNL.

2º prazo: desde o 2 ata o 8 de febreiro de 2009. Aberto a todas as persoas interesadas.

A cota de matrícula é de 10 euros mais non debe realizarse o pagamento ata ter recibido confirmación da inscrición.
14/01/2009. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xaneiro de 2009. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
12/01/2009. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de axudas para financiar proxectos de fomento do uso do galego desenvolvidos polos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

01/12/2009. AXUDAS E PREMIOS

O Concello da Coruña premia a canción popular en galego

O Concello da Coruña organiza a segunda edición do certame ACoruñaSon, que ten como obxectivo fomentar, descubrir e promocionar novos autores e autoras de canción popular en galego.

Todas as persoas interesadas en participar no certame teñen de prazo, tanto para enviar a súa maqueta como para votar os seus temas favoritos, ata o vindeiro 10 de febreiro de 2009, para o que previamente deben rexistrarse no web do concurso.
O premio para os dez autores seleccionados será a asistencia a un obradoiro de canción popular impartido por Santiago Auserón e mais a gravación dun disco colectivo.

Se desexa consultar as bases completas do certame, prema aquí.
12/01/2009. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 31 de decembro de 2008, a convocatoria pública de axudas a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nas áreas da transmisión familiar e da mocidade que desenvolve o Plan xeral de normalización da lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.



30/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o Premio Linguapax 2009

O Institut Linguapax convoca unha nova edición deste galardón, que quere contribuír ao recoñecemento de lingüistas, investigadores, docentes ou membros da sociedade civil que teñan destacado na promoción da diversidade lingüística e/ou a educación multilingüe.

As candidaturas deben enviarse, xunto cunha breve recensión biográfica, á secretaría do Instituto Linguapax (info@linguapax.org) antes do 20 de xaneiro de 2009. O/a gañador/a do premio darase a coñecer o 21 de febreiro, Día Internacional da Lingua Materna.

Se desexa máis información sobre estes galardóns, prema aquí.
30/12/2008. DINAMIZACIóN

O noso Nadal, galego e verde

O Servizo de Normalización Lingüística e mais a Área de Medio Ambiente do Consello da Xuventude de Galicia elaboraron a guía O noso Nadal, galego e verde, deseñada para animar a cidadanía a que vivan un Nadal en galego, solidario e respectuoso co medio.

No que respecta á parte lingüística, a guía contén cantares e contos de Nadal, receitas tradicionais e mais consellos para mercar agasallos en galego.
30/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios da edición 2008

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados da cuarta edición destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.

Fin de século en Palestina, de Miguel Anxo Murado, editado pola Editorial Galaxia; Palabras brancas, de Elvira Riveiro, editado por Edicións Xerais de Galicia; Lolita, traducido por Xesús Fraga e editado por Faktoría K de Libros; O libro das viaxes imaxinarias, ilustrado por Xosé Cobas e editado por Edicións Xerais de Galicia; Agustín Fernández Paz e a empresa Gadisa foron as obras, autores e entidades galardoadas nas diferentes categorías.

Se desexa máis información, prema aquí.

30/12/2008. OUTRAS

Nace a asociación Diverslinguae

O pasado 16 de decembro presentouse publicamente Diverslinguae, unha asociación de ámbito estatal que nace co ánimo de dar a coñecer a realidade plurilingüe do Estado español e defender os dereitos lingüísticos dos pobos que o integran.

A asociación está constituída pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Aurten Bai, Euskara Kultur Elkargoa e o CIEMEN, entidades que xa teñen experiencia na colaboración conxunta por seren membros todas elas do Comité do Estado Español da Axencia Europea das Linguas Minorizadas.

Se desexa ampliar esta información, prema aquí.
30/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2008

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago fixeron entrega, o pasado 12 de decembro, dos seus respectivos premios aos galardoados da novena edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron a empresa A Navalla Suíza, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e Tórculo Artes Gráficas, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego.

O centro comercial Área Central recibiu tamén unha distinción especial polo seu compromiso co idioma.
15/12/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Narón

O Concello de Narón anuncia a convocatoria para a contratación temporal, como persoal laboral, dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes remata o 22 de decembro de 2008.
Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
15/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de cartas aos reis magos no Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o II Concurso de cartas aos reis magos. Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben entregarlles as súas cartas, escritas en galego, aos carteiros reais que pasarán polos colexios ou depositalas antes do vindeiro 30 de decembro nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello.

Os reis magos contestarán todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios.
15/12/2008. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de dez bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Corpus de referencia do galego actual (2 bolsas), Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Dimensións da identidade colectiva en Galicia (1 bolsa), Síntese de voz en galego (2 bolsas), Tesouro fraseolóxico galego (1 bolsa), Cantigas de Santa María (1 bolsa), Base de datos do ALiR (1 bolsa) e Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
15/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Premios Xarmenta 2008

A Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” deu a coñecer os galardoados da cuarta edición destes premios que teñen como finalidade recoñecer o labor daquelas institucións e personalidades que máis teñan contribuído á promoción do galego no Bierzo.

Os gañadores deste ano son Susana Seivane, a Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e mais o grupo berciano Aira da Pedra. O acto de entrega dos premios terá lugar o 15 de xaneiro de 2009, no Teatro Bérgidum de Ponferrada.

A Asociación Xarmenta aproveitou a ocasión para presentar o terceiro número da revista que leva o seu mesmo nome e coa que queren seguir contribuíndo á difusión da lingua galega no Bierzo.
12/12/2008. INVESTIGACIóN

O Consello de Europa avalía o cumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias no Estado español

O Consello de Europa acaba de facer público un segundo informe sobre o grao de cumprimento da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias por parte do Estado español, que aprobou este documento en 1992 e posteriormente ratificouno en 2001.

No que respecta á promoción e protección da lingua galega, o Comité de Expertos do Consello de Europa céntrase naquelas disposicións nas que detectara deficiencias no primeiro informe. No ámbito educativo, eloxia a creación das Galescolas e apoia o novo Decreto 124/2007, mais sinala deficiencias no seu cumprimento e insta ás autoridades a crear un modelo educativo totalmente en galego para o alumnado que o desexe. Así mesmo sinala o incumprimento xeral dos mínimos asumidos polo Estado español no ámbito da xustiza e detecta deficiencias noutros ámbitos como a Administración, os medios de comunicación, a vida económica e social e os intercambios transfronteirizos.

Se desexa consultar os informes anteriores, tanto do Goberno español como do Consello de Europa, prema aquí.
12/10/2008. DINAMIZACIóN

Segunda edición da campaña "Xeración E logo!"

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presentou a segunda edición desta iniciativa que ten como obxectivo fomentar a transmisión xeracional da lingua galega. A principal actuación consistirá na distribución de diferentes materiais (música para o berce, un caderno da xestación, unha escolma de nomes galegos, recitativos e adhesivos para o coche) na rede hospitalaria e de atención primaria do Servizo Galego de Saúde e nos centros médicos privados.

Todos os materiais escritos poderán descargarse desde o sitio web da campaña, onde os pais e nais teñen tamén a posibilidade de participar na sección “Anenotario” contando as anécdotas dos seus cativos.

09/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Para ben ser, os parabéns en galego

O Servizo de
Normalización Lingüística do Concello do Barco de Valdeorras, coa colaboración da aula de Informática do Concello,
convoca un concurso de postais de Nadal en formato dixital, presentacións e/ou vídeos para impulsar o uso da lingua galega no ámbito das novas tecnoloxías.

Os traballos presentados deberán ser inéditos e estar redactados e/ou gravados en lingua galega. O prazo de presentación remata o 29 de decembro ás 14:00 h.

Se desexa consultar as bases do concurso, prema aquí.
02/12/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para adultos e colectivos de Galicia

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para as probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4, destinados a adultos e colectivos de Galicia.

Os cursos desenvolveranse en diferentes localidades galegas ao longo do ano 2009 e o prazo de presentación de solicitudes varía segundo a quenda elixida. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
02/12/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para as empresas xornalísticas e de radiodifusión

A Secretaría Xeral de Comunicación publica, no DOG do 2 de decembro de 2008, dúas liñas de axudas destinadas ao fomento do galego nas empresas xornalísticas e de radiodifusión.

Por un lado, establécese unha liña de axudas dirixidas especificamente a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego e por outro, unha liña de subvencións destinada ás empresas xornalísticas e de radiodifusión no seu conxunto que se comprometan a incrementar de xeito progresivo os contidos en galego e sobre o galego.

En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das convocatorias.
02/12/2008. INVESTIGACIóN

Accesibles na rede os relatorios presentados nas V Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as gravacións dos relatorios, conferencias e debates que tiveron lugar no marco das V Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Docencia Universitaria, celebradas os pasados 12, 13 e 14 de novembro de 2008.

Así mesmo, tamén poden consultarse as presentacións con que algúns relatores/as apoiaron o seu discurso.
02/12/2008. INVESTIGACIóN

Accesibles en liña os relatorios presentados nas V Xornadas de Lingua e Usos

Xa están accesibles, no web do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, as gravacións dos relatorios, conferencias e debates que tiveron lugar no marco das V Xornadas de Lingua e Usos. Lingua e Docencia Universitaria, celebradas os pasados 12, 13 e 14 de novembro de 2008.

Así mesmo, tamén poden consultarse as presentacións con que algúns relatores/as apoiaron o seu discurso.
02/12/2008. DINAMIZACIóN

En liña o nº 45 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a recensión do Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria, a presentación das I Xornadas de Recursos Didácticos Galegos ou a análise sobre a introdución do fomento do galego como obxectivo estratéxico nos diferentes plans sectoriais e contratos-programa da USC.
28/11/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ámbito editorial e mais na educación infantil dos centros de ensino privados concertados

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 28 de novembro de 2008, a resolución da convocatoria de subvencións destinadas á promoción, produción e edición do libro galego.

Pola súa parte, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica tamén a relación de centros beneficiarios das axudas para a implantación de accións que potencien o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil no ámbito do ensino privado concertado.

28/11/2008. INVESTIGACIóN

Novo recurso terminolóxico no ámbito da veterinaria

O Servizo de Normalización Lingüística da USC presenta o Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria: (galego-español-inglés), coordinado por Xusto Rodríguez Río e no que participaron tanto profesionais do ámbito da veterinaria como lingüistas expertos en terminoloxía.

A obra conta con 2 715 entradas, para as que se presenta ademais da denominación galega, o seu equivalente en inglés, castelán e, nalgúns casos, mesmo latín.
21/11/2008. DINAMIZACIóN

Por unha administración mellor, mellor en galego

A Confederación Intersindical Galega (CIG) presenta a campaña Por unha administración mellor, mellor en galego, destinada principalmente a concienciar os traballadores/as da Administración pública da necesidade de cumprir a normativa lingüística vixente e garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

O desenvolvemento desta iniciativa, que é a segunda fase doutra campaña previa que a CIG botou a andar no mes de maio, inclúe a edición de carteis e o envío de misivas a toda a afiliación da Administración e aos directivos das diferentes áreas das institucións públicas, nas que se recollen os dereitos e as obrigas lingüísticas no ámbito público.

Se desexa máis información, prema aquí.