Novas da lingua

Rexistros451 a 480 de 5280
07/10/2024. AXUDAS E PREMIOS

Entréganse os premios do XIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas

O pasado 3 de outubro tivo lugar no Museo do Pobo Galego a entrega de premios aos centros de ensino gañadores da décimo terceira edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, un certame que convoca anualmente a Fundación Antonio Fraguas, coa colaboración da Secretaría Xeral da Lingua, para alentar entre a comunicade escolar a investigación sobre o patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico de Galicia.

Nesta edición os traballos gañadores foron “Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade” (na modalidade de ensino primario), presentado conxuntamente polos CEIP Lamas de Abade e Apóstolo Santiago de Santiago de Compostela, e Pérez Viondi da Estrada; e “A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela” (na modalidade de ensino secundario), presentado polo IES Monte Castelo de Burela.

Cada un destes traballos será premiado con 7.000 euros e os seus autores/as deberán executalo ao longo deste curso 2024-2025. Os resultados serán obxecto de cadansúa exposición, que se mostrará no Museo do Pobo Galego.

Para ampliar información, preme aquí.
04/10/2024. DINAMIZACIóN

Os Bolechas animan ás familias acolledoras a empregar o galego

As consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), presentan o proxecto didáctico Os Bolechas. Familias acolledoras, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego entre a infancia a través da lectura, así como sensibilizar as familias que participan en acollida temporal sobre a importancia de empregar o noso idioma neste proceso. Ao abeiro deste proxecto elaborouse un libro infantil e mais un caderno de actividades protagonizados pola Familia Bolechas, editados por Bolanda Edicións.

Se desexas ampliar información, preme aquí.
04/10/2024. DINAMIZACIóN

Actividades de socialización en galego para nenos e nenas de Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón presenta o programa de actividades de socialización en galego que van desenvolverse durante os meses de outubro e novembro de 2024 no marco dos programas Apego (para nenos/as de 0 a 6 anos) e Guizo (para cativos/as de entre 6 e 12 anos). En outubro, os máis pequenos/as de Narón terán ocasión de gozar dun contacontos teatralizado, un obradoiro para aprender a identificar árbores autóctonas e un espectáculo de contacontos debuxado seguindo a técnica do Kamishibai xaponés. En novembro haberá un contacontos ilustrado, un obradoiro para aprender a facer xoias de papel e mais un espectáculo de música e narración oral.

Na páxina web do SNL do Concello de Narón tes máis información sobre estas actividades.
03/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

O CCG difunde nunha peza audiovisual o legado que perdura en mandas e epitafios

O Consello da Cultura Galega presenta a peza audiovisual O que nos une fainos perdurar, na que se compilan epitafios e mandas testamentarias recollidas de fontes históricas, literarias, redes sociais e proxectos dinamizadores.

A peza está producida por Miramemira e foi deseñada para promocionar os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística, unha cita que reunirá a investigadores, dinamizadores sociais, axentes empresariais e representantes das confesións relixiosas maioritarias para reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios.

Os XXVI Encontros terán lugar o vindeiro 15 de outubro en Santiago de Compostela, na sede do CCG. A asistencia é libre e gratuíta. Se non o fixeches xa, aínda estás a tempo de inscribirte.

02/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de escrita creativa en Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous cursos de escrita creativa: un de nivel 1 (30 horas), para aquelas persoas que desexen iniciarse na escrita creativa en lingua galega; e outro de nivel 2 (20 horas), para as que queiran mellorar as súas destrezas literarias no noso idioma. Estes cursos impartiranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2024.

Na páxina web do SNL do Concello de Vigo podes obter máis información sobre as datas e lugares de celebración, os contidos e mais os trámites de inscrición:
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 – Pola mañá
-Curso de escrita creativa. Nivel 1 – Pola tarde
-Curso de escrita creativa. Nivel 2 – Pola mañá
02/10/2024. DINAMIZACIóN

Mocidade ao mando para explorar a economía e a empresa en galego

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organizan o concurso “Mocidade ao mando: explorando a Economía e a Empresa”, que ten como principal obxectivo fomentar a creación de contidos audiovisuais en galego, de carácter divulgativo, sobre economía ou empresa. Poderá participar no certame o alumnado da ESO, de formación profesional e de bacharelato dos centros de Galicia. A duración dos vídeos non será en ningún caso inferior a 30 segundos nin superior a 90. O xurado outorgará tres premios, valorados en 150, 100 e 50 euros respectivamente.

Para consultar as bases completas do certame, preme aquí.
02/10/2024. DINAMIZACIóN

Programación de outubro para medrar con Apego en Compostela

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades que se organizarán este mes de outubro no marco do proxecto Apego, deseñado para fomentar a socialización en galego durante a primeira infancia. A oferta inclúe xogos, obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, ciencia, contos e a visita de persoas maiores dos centros socioculturais.

Podes ampliar información sobre as diferentes actividades, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
02/10/2024. OUTRAS

A CTNL demanda a apertura dunha nova etapa na planificación lingüística en Galicia

Coincidindo co vixésimo aniversario da aprobación por unanimidade no Parlamento de Galicia do Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua fai público un comunicado no que expón unha serie de consideracións relacionadas coa implementación deste plan e co estado actual da planificación lingüística en Galicia. Como conclusión, a CTNL considera que, 20 anos despois, os obxectivos recollidos no PXNLG non foron acadados e avoga “por que o peso adquirido na nova estrutura da Xunta de Galicia non fique só nunha cuestión denominativa e por non demorar máis un cambio de rumbo que necesariamente ha de pasar pola recuperación do consenso, a eliminación de toda medida antinormalizadora e a apertura dunha nova etapa”.

Na páxina web da CTNL podes consultar o comunicado completo.
01/10/2024. CURSOS E CONGRESOS

Aquelas que cantan: XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocan unha nova edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral, baixo o título específico Aquelas que cantan.

A sesión terá lugar o 19 de outubro de 2024, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo. A entrada é gratuíta e preferente para socias/os de ambas as asociacións.

O programa e o sistema de inscrición poden consultarse nas webs da AS-PG e a AELG.
30/09/2024. INVESTIGACIóN

Debate sobre a estandarización do galego, o éuscaro, o aragonés e o asturiano

A Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo organiza o Coloquio sobre a estandarización de linguas minorizadas: logros e retos, no que participarán os representantes das academias de catro linguas do Estado: Henrique Monteagudo (Real Academia Galega), Miren Azkarate (Euskaltzaindia), Maite Moret (Academia Aragonesa de la Lengua) e Inaciu Galán (Academia de la Llingua Asturiana).

A charla, que forma parte do programa da Semana internacional das linguas, as literaturas e a tradución, está aberta ao público e terá lugar mañá, 1 de outubro de 2024, ás 18:30 h, na Casa Galega da Cultura (Vigo).
27/09/2024. OUTRAS

Chegou a G-Night 2024. Centos de actividades de divulgación encherán esta tarde noite as sete cidades galegas

Hoxe, Noite Galega das Persoas Investigadoras, parques, museos, bares e os espazos máis variados da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra e Santiago de Compostela serán os protagonistas da gran feira científica G-Night.

Da organización galega desde evento europeo, ocúpase o consorcio formado polas universidades de Vigo, Santiago e A Coruña; institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e INCIPIT); e outros organismos de investigación galegos (IDIS, CITMAga, SEBBM, CESGA e a RAGC).

Tes múltiples opcións para participar. Consulta o programa aquí.
27/09/2024. DINAMIZACIóN

O Concello de Oleiros presenta a programación de Apego para o outono

No marco do proxecto Apego, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros proponlles ás familias con nenos e nenas de ata 6 anos un amplo abano de actividades para socializar en galego nos meses de outono. O programa inclúe música, danza, contos, teatro, obradoiros didácticos e obradoiros de olería.

A asistencia é de balde mais cómpre reservar praza, a través dos formularios que se habilitarán na páxina web municipal os propios días das actividades.
27/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en galego na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo anuncia a convocatoria de axudas ao alumnado que presentase e defendese en galego a tese de doutoramento (TD), o traballo de fin de grao (TFG) ou o traballo de fin de mestrado oficial (TFM) na Universidade de Vigo entre o 16 de setembro de 2023 e o 15 de setembro de 2024. Quedan excluídos os TFG do grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos literarios (módulo de lingua galega), do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Inglés) e do grao en Tradución e Interpretación (Galego-Francés).

O prazo de presentación das solicitudes para optar a estas axudas remata o 30 de setembro de 2024.

Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. Tamén podes obter máis información sobre esta iniciativa no Diario da Universidade de Vigo.
27/09/2024. DINAMIZACIóN

FalaRedes comeza o outono cun espectáculo sobre a soidade na adolescencia

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, promovido pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, levará durante os meses de outubro e novembro de 2024 o espectáculo teatral Wombo Combo, da compañía Galeatro, a cinco concellos galegos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (Muros, Ribeira, Mos, Viveiro e Foz).

O espectáculo, dirixido a público xeral maior de 8 anos, está baseado nunha obra escrita por Paula Carballeira (Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023), e trata o tema do uso das redes sociais e a soidade na adolescencia.

Podes coñecer o calendario completo da actividade premendo aquí.

26/09/2024. OUTRAS

Exposición sobre o uso do galego nas inscricións funerarias do concello de Ortigueira

A Asociación Cultural S.I.R. La Devesana organiza a exposición fotográfica “Palabra e Memoria nas parroquias de Ortigueira”, na que o historiador Jerónimo Martínez amosa con imaxes a evolución do uso da lingua galega nas inscricións funerarias de 20 cemiterios das parroquias do concello de Ortigueira no período comprendido entre 1972 e 2024.
O acto de inauguración terá lugar mañá, 27 de setembro de 2024, na propia sede da asociación a partir das 19:00 h. Nel participarán, ademais do autor da mostra, o profesor Bernardo Penabade, orientador da investigación; e mais representantes da Devesana e Terras do Ortegal, entidades que colaboran na iniciativa. A exposición poderá visitarse de xeito libre os días 5 e 12 de outubro, aínda que tamén poden concertarse citas noutras datas.

Na páxina de Facebook do Proxecto Burela podes ampliar información sobre esta iniciativa.
25/09/2024. OUTRAS

O Consello da Cultura Galega súmase á conmemoración do Día Europeo das Linguas

O Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración co Instituto Cervantes, o Euskal Etxepare Institutua e o Institut Ramon Llull, celebra cada ano o Día Europeo das Linguas, unha conmemoración instaurada polo Consello de Europa en 2001 co obxectivo de promover a diversidade lingüística e fomentar o plurilingüismo entre a cidadanía.

Nesta edición de 2024, o acto institucional conxunto das catro institucións terá lugar hoxe, 25 de setembro, ás 18:30 horas, na sede do Instituto Cervantes de Lisboa. Neste acto participarán diferentes poetas da península ibérica e, ao remate, os asistentes tamén poderán gozar da actuación musical do grupo Galandum Galundaina, de tradición mirandesa.

O 26 de setembro (o propio día da conmemoración) a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, asistirá ao acto oficial que terá lugar no Congreso dos Deputados, onde a partir das 16:30 h, terá lugar unha mesa redonda sobre o plurilingüismo en España na que participarán representantes das academias das linguas oficiais do Estado. Neste caso a música correrá a cargo de Rozalén, que interpretará catro cancións nas catro linguas oficiais do Estado.

No web institucional do CCG podes ampliar esta información.
24/09/2024. LEXISLACIóN

O Consello de Europa detecta eivas na garantía dos dereitos lingüísticos no ensino, a sanidade, a xustiza e a Administración do Estado

O Consello de Europa publica o sexto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Estado español asumiu ao ratificar este tratado internacional.

No que respecta ao galego en Galicia, o Comité de Expertos recomenda que con carácter inmediato se tomen as seguintes medidas: eliminar as limitacións para que o galego se empregue como lingua vehicular no ensino de materias científicas; garantir o uso do galego nos centros sociosanitarios; garantir o dereito dos galegofalantes a relacionarse no seu idioma coa Administración do Estado en Galicia; e garantir que os tribunais desenvolvan os procedementos xudiciais en galego cando o solicita unha das partes.

Ademais destas recomendacións máis urxentes, o Comité de Expertos volve recomendar que con carácter xeral se garanta o ensino en galego en todos os niveis educativos (poñendo especial énfase na etapa da educación infantil e no ámbito urbano); que se desenvolvan materiais didácticos para as materias técnicas, a formación profesional e o ensino a distancia; que se ofrezan datos desagregados sobre o número de procedementos xudiciais que se desenvolven en galego; que se desenvolva o software necesario que permita o uso de formularios e modelos de documentos en galego na Administración de Xustiza; que se poñan ao dispor da cidadanía modelos de documentos en galego para relacionarse coa Administración do Estado; que se restableza a versión en galego do BOE e que se ofrezan datos sobre os dereitos dos consumidores en Galicia.

Con respecto ao galego exterior, recoméndase con urxencia dar pasos para o recoñecemento do “galego-asturiano” no Estatuto de Autonomía de Asturias, fomentar a cooperación entre as comunidades autónomas de Asturias e Galicia, establecer mecanismos para asesorar as autoridades en todas as materiais relacionadas co galego en Castela e León; e promover o ensino da “fala” en Estremadura.

Se queres consultar os informes de seguimento de períodos anteriores (así como os correspondentes informes estatais), preme aquí.
24/09/2024. INVESTIGACIóN

O primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia xa é realidade

O pasado 19 de setembro de 2024 tivo lugar a inauguración oficial do Centro de Estudos Galegos na Universidade de Woxsen, o primeiro destas características en Asia. O centro bota a andar grazas a un acordo de colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e estará dirixido polo profesor Anik Nandi, gran coñecedor da realidade sociolingüística de Galicia. Entre as súas funcións están a promoción de intercambios científicos e docentes entre institucións galegas e da India e a difusión das creacións culturais galegas no país asiático.

Ademais do propio director do centro e diferentes profesores da Universidade de Woxsen, no acto inaugural participaron tamén o embaixador de España na India, Juan Antonio March Pujol; o director do Instituto Cervantes de Nova Delhi, Óscar Pujol Riembau; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.
24/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Xornada divulgativa na USC sobre lingua e matemáticas

Hoxe, 24 de setembro de 2024, ás 16:00 h, terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a Xornada Lingua e Matemáticas, organizada pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC.

A asistencia é libre ata completar a capacidade da sala. Consulta o programa.
24/09/2024. AXUDAS E PREMIOS

Volven os premios Youtubeiras+ con fachenda ao cadrado

Xa podes consultar as bases da nova edición dos premios Youtubeiras+, unha iniciativa promovida por 10 concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo co obxectivo de promover a creación de contidos en galego no YouTube e en TikTok, así como visibilizar os perfís das persoas creadoras.

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. As canles deben ter a maioría dos seus vídeos en galego e, como mínimo, un deles subido a partir do 15 de novembro do 2023 co cancelo #youtubeiras, sen restricións de privacidade. Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) teñen que estar en galego. O xurado outorgará 7 premios: dous deles valorados en 1250 € e cinco en 1000 €.

O prazo de inscrición das canles remata o 15 de novembro de 2024.

Na páxina web do proxecto podes consultar as bases completas desta edición, visitar os recusos formativos que hai dispoñibles en liña e coñecer as canles gañadoras da pasada edición de 2023.
20/09/2024. DINAMIZACIóN

As familias de Pontevedra tamén poderán recibir o outono con Apego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa Apego no outono, destinado a ofrecer espazos de lecer e socialización en galego para as familias do concello con nenos e nenas de 0 a 6 anos. Trátase dun amplo abano de actividades (cantigas, arrolos, recitados, xogos de dedos e contos, narración oral, música e actividades didácticas sobre os oficios tradicionais galegos e o artesanado ) que se desenvolverán desde o vindeiro mércores, 25 de setembro, ata o 30 de novembro. Todas as actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente.

Para ampliar información sobre o programa e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
20/09/2024. INVESTIGACIóN

O Concello de Carballo edita un estudo sobre o topónimo Verdillo

O pasado 12 de setembro tivo lugar en Carballo a presentación pública do informe Verdillo ou Berdillo? Informe da investigación sobre o topónimo Verdillo ou Berdillo (Carballo), do século XV ao século XXI, autoría de Xosé Mª Lema Suárez.

O emprego do topónimo con “v” era unha reivindicación social antiga que se materializou en 2017 cando o Consello Parroquial de Verdillo, recentemente constituído, comezou a empregar a forma “Verdillo”, en lugar da oficial “Berdillo”. Posteriormente, a pedimento deste Consello Parroquial, o Concello de Carballo trasladou unha consulta formal ao Seminario de Onomástica da RAG que, tras o pertinente estudo, ditaminou que efectivamente a forma correcta é Verdillo.

Malia que o cambio no nomenclátor da Xunta de Galicia está aínda pendente, o Concello de Carballo editou este exhaustivo estudo onomástico para poñelo ao dispor de toda a cidadanía.

Na páxina web municipal podes ampliar información.
20/09/2024. DINAMIZACIóN

O Foro Enrique Peinador organiza un acto para reivindicar o galeguismo empresarial

O vindeiro 24 de setembro, ás 12:30 h, terá lugar no Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra o acto “Galeguismo empresarial: comprometidos co futuro”, organizado polo Foro Enrique Peinador co apoio da Deputación de Pontevedra e mais a Xunta de Galicia. O evento ten como finalidade impulsar o uso do galego no ámbito empresarial, reafirmando o compromiso co noso idioma e a nosa identidade.

O acto está aberto a toda a cidadanía, mais cómpre confirmar asistencia. Podes ampliar información premendo aquí.
20/09/2024. INVESTIGACIóN

Presentación pública do libro gañador do I Premio Internacional de Estudos Galegos

A Asociación Internacional de Estudos Galegos anuncia a presentación da obra Colocacións co verbo soporte 'dar' en galego e español mailos seus equivalentes en lingua croata, autoría do investigador Alejandro Martínez Vicente e publicada pola UMinho Editora. Trátase do traballo gañador do I Premio Internacional de Estudos Galegos, convocado en 2024 pola AIEG co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editora UMinho.

A presentación terá lugar o vindeiro 26 de setembro, ás 19 h, en formato virtual e será retransmitida na canle de YouTube da AIEG.
19/09/2024. DINAMIZACIóN

Monicreques e narración oral en galego para os nenos e nenas de Moaña

Os nenos e nenas de Moaña terán ocasión de gozar a partir de mañá, 20 de setembro, e durante todas as tardes dos venres do vindeiro outubro de cinco espectáculos infantís (monicreques e narración oral en galego) que se desenvolverán no marco do programa municipal de dinamización lectora e lingüística “Rechouchíos”, que organiza o Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal de Moaña.

Os espectáculos celebraranse en diferentes centros socioculturais do concello e a entrada é de balde, ata completar a capacidade das salas.

Podes consultar o programa completo premendo aquí.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca dous cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador (PDI) desta universidade, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 14 de outubro e o 15 de decembro de 2024. Os cursos son os seguintes: Curso de actualización de competencias lingüísticas (destinado ao PDI que xa posúa un certo dominio do idioma galego e precise ampliar e asentar os conceptos) e Curso superior de competencias lingüísticas (destinado ao PDI que queira acadar coñecementos de nivel avanzado).

O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro de 2024.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e os trámites de inscrición.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de alfabetización en galego para o colectivo inmigrante da Laracha

O Concello da Laracha organiza unha nova edición do programa “A Laracha acolle”, deseñado para favorecer a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes empadroadas no municipio, prestando especial atención ao colectivo das mulleres. No marco deste programa desenvolverase a partir do vindeiro 1 de outubro de 2024 un obradoiro de alfabetización nas dúas linguas oficiais de Galicia (galego e castelán), que se completará coa creación do espazo de expresión e participación cultural “Exprésa-T”, onde os participantes terán ocasión de poñer en práctica os coñecementos lingüísticos adquiridos e coñecer os nosos costumes e valores culturais.

Na páxina web do Concello da Laracha podes ampliar información sobre esta iniciativa.
19/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do primeiro cuadrimestre do curso académico 2024/2025, dirixidos á comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); A calidade lingüística no teu TFG ou TFM (30 h); Avanza co galego (40 h); Curso de linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); Escribir en internet (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro de 2024, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 26 de setembro de 2024, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.

Podes ampliar información premendo aquí.
18/09/2024. OUTRAS

Os Zeta falan galego

As persoas nacidas entre mediados dos anos 90 e comezos da década dos 2000 pertencen á denominada xeración Zeta e o seu compromiso co galego será decisivo para a supervivencia do noso idioma no futuro. A Televisión de Galicia emitiu o pasado mes de maio de 2024 Os Zeta falan galego, unha serie documental dirixida por Manuel Darriba na que diferentes mozos e mozas galegofalantes pertencentes a esta xeración falan dos seus hábitos lingüísticos.

Podes ver os dous capítulos (de 20 minutos de duración cada un) na plataforma AGalega.
17/09/2024. CURSOS E CONGRESOS

Os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística tratarán a importancia da escolla lingüística nos actos funerarios

Co xa vén sendo costume, coa chegada do outono o Consello da Cultura Galega convoca unha nova cita para o encontro, o debate e a reflexión sociolingüística. Nesta edición, os XXVI Encontros para a Normalización Lingüística preséntanse baixo o lema “Vivir e perdurar na nosa lingua” e teñen como obxectivo reflexionar sobre a importancia da lingua escollida nos actos funerarios, tanto nas cerimonias civís como nas das confesións relixiosas. A xornada rematará cunha visita comentada pola Cidade Vella compostelá, conducida por Manuel Gago.

Os Encontros terán lugar o 15 de outubro de 2024, na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela. A inscrición é gratuíta e as prazas (limitadas a 100) cubriranse por orde de chegada das solicitudes.

Na páxina web do CCG podes consultar o programa completo e mais acceder ao formulario de inscrición.