Novas da lingua

Rexistros451 a 480 de 5436
28/02/2025. OUTRAS

Guía didáctica “O Seminario de Estudos Galegos”

O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento publica, co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a guía didáctica O Seminario de Estudos Galegos, dirixida ao alumnado dos cursos finais de Educación Primaria e de Educación Secundaria Obrigatoria. A guía inclúe contidos relacionados cos obxectivos do SEG, o seu funcionamento interno e os homes e mulleres que formaron parte del. Como material complementario, inclúese o xogo “E ti… de quen vés sendo?”, unha versión do clásico “quen é quen?”, onde os xogadores deben adiviñar a identidade dunha selección dos membros do SEG a partir dunha serie de pistas sobre o seu aspecto.

Ademais da versión impresa, que conta cunha tiraxe de 500 exemplares, a guía conta cunha versión dixital accesible de balde na Rede.

Se o precisas, podes ampliar información premendo aquí.
28/02/2025. DINAMIZACIóN

Os concellos de Carballo, Ferrol, Pontevedra e Santiago organizan novas actividades para o Apego

Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, a igualdade entre homes e mulleres será o eixo temático das actividades do espazo Apego que organiza o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago durante o vindeiro mes de marzo, sen esquecer tampouco os contidos relacionados co Entroido.

Pola súa parte, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol proponlles aos máis cativos/as da casa e ás súas familias un programa lúdico para rematar o inverno con tardes cheas de música, cantigas, contos e apego pola lingua.

Os nenos e nenas de Carballo tamén poderán gozar durante o primeiro semestre de 2025 dunha programación chea de música, contos, teatro, xogos, andainas e obradoiros didácticos en galego organizados polo SNL municipal, no marco do proxecto Apego.

E no que respecta ao Concello de Pontevedra, o seu Servizo de Normalización Lingüística deseñou a serie de carácter lúdico e didáctico Un pobo con historia de seu, que se desenvolverá entre os meses de marzo e xuño de 2025 en diferentes parroquias e localizacións do concello. Trátase de actividades de hora e media de duración, dirixidas a familias con nenos/as de máis de 3 anos, que constan dunha pequena explicación didáctica sobre unha determinada etapa histórica, un obradoiro creativo no que se confeccionará un obxecto relacionado coa etapa que se traballe, un contacontos e un obradoiro de debuxo guiado.
21/02/2025. OUTRAS

21 de febreiro: Día Internacional da Lingua Materna

Hoxe, 21 de febreiro, conmemórase o Día Internacional da Lingua Materna, unha celebración que este ano leva por lema As linguas importan e que a UNESCO conmemora desde hai 25 anos para pór de relevo a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta. Coincidindo con esta conmemoración, a UNESCO presenta a publicación As linguas importan: orientación mundial sobre a educación multilingüe, unha guía que convida aos responsables políticos a integrar a educación multilingüe nos sistemas educativos e recolle exemplos de boas prácticas neste eido en varios países.

Entre os múltiples recursos que o Consello da Cultura Galega elabora desde a perspectiva lingüística, neste 21 de febreiro desde o CDSG seleccionamos como recomendación a última publicación do Álbum de Galicia, que recolle a biografía de Adolfina e Rosa Casás Rama, dúas mulleres que cantaron e crearon sempre na súa lingua materna e, xustamente por ese valioso legado que nos deixaron, forman parte do grupo de cantareiras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025.
20/02/2025. DINAMIZACIóN

A USC anima a restituír os apelidos á forma galega correcta

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía da USC presenta a páxina web As cousas polo seu nome, onde se poden atopar todos os recursos e información necesaria para restituír os apelidos á súa forma galega correcta. Atoparás un buscador cos 6.000 apelidos máis frecuentes en Galicia, recursos bibliográficos sobre onomástica galega, unha guía coa información necesaria para realizar os trámites administrativos e unha sección de audiovisuais onde diferentes persoas contan as súas experiencias.

A iniciativa está acompañada dun vídeo promocional dirixido á mocidade.
20/02/2025. OUTRAS

Conversa sobre a lingua na Facultade de Filoloxía da USC

O colectivo de estudantes Erguer organiza un diálogo aberto sobre normalización lingüística, que terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago hoxe, xoves 20 de febreiro de 2025, ás 19:00 h, na aula C01. Na conversa participarán Alba Nogueira, xurista e membro correspondente da Real Academia Galega (RAG); Elías Feijóo, catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da USC; e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. O evento é de acceso libre, tanto para a comunidade universitaria como para o público xeral.

Na páxina web Neofantes podes obter máis información sobre esta iniciativa.
19/02/2025. DINAMIZACIóN

Institucións, entidades culturais e centros educativos preparan o Día de Rosalía

Institucións, entidades culturais e centros educativos do país están a organizar diferentes actos para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebra anualmente cada 23 de febreiro, data do nacemento da autora que se converteu nun dos principais símbolos da lingua e a cultura galegas.

A Fundación Rosalía de Castro organizou para este 2025 un programa de actividades que se desenvolverán en Padrón e Santiago de Compostela ao longo de toda a xornada do 23 de febreiro. O acto institucional central terá lugar no Panteón de Galegos Ilustres, ás 11:00 h, cunha lectura de poemas rosalianos, música e degustación do Caldo de Gloria.

Pola súa parte, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) tamén celebrará entre o 21 e o 23 de febreiro diferentes actos na Coruña, Vigo e Lugo, ademais do seu acto central conmemorativo que terá lugar o sábado 23 de febreiro, ás12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres, no que se fará unha lectura pública de fragmentos da obra rosaliana e mais do Manifesto da AELG, asinado este ano por Marga do Val. No web da AELG podes consultar o programa completo de actividades conmemorativas, tanto as propias coma as organizadas por outras institucións ou entidades culturais.
19/02/2025. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra publica as bases do circuíto “+Escénicas” para 2025

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras e mais a convocatoria do ano 2025 do circuíto “+Escénicas” de apoio á programación de espectáculos profesionais de artes escénicas en galego nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Os concellos poderán solicitar un máximo de cinco espectáculos, que se desenvolverán entre o 1 de abril de 2025 e o 31 de marzo de 2026, de entre os grupos incluídos no catálogo +Escénicas. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde o 17 ao 31 de marzo de 2025.

Así mesmo, a través destas bases regúlase a actualización do catálogo “+Escénicas”. O prazo para a inscrición e modificación de espectáculos por parte das compañías é do 1 ao 28 de febreiro de cada ano natural.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
18/02/2025. OUTRAS

Comeza o foro “Un país coa súa lingua” cun debate sobre a educación e a socialización

O vindeiro 27 de febreiro de 2025, a partir das 16:00 h, terá lugar na sede do Consello do Cultura Galega, en Santiago de Compostela, a mesa de debate “Educación e socialización”, coa que o CCG inaugura o foro participativo Un país coa súa lingua. Este primeiro encontro, coordinado por Nel Vidal e Dolores Vilavedra, ten como obxectivo reflexionar sobre “o papel do ensino para adquirir a competencia e favorecer o uso da lingua galega na infancia e na adolescencia, en relación con outras dinámicas e espazos para a socialización na lingua propia de Galicia”.

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente a este primeiro debate. A maiores, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise, e no outono organizarase un foro final aberto a toda a cidadanía, no que se presentarán as conclusións iniciais e se debaterán co público asistente.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.

Na páxina web do CCG podes ampliar información e acceder ao formulario de inscrición.

18/02/2025. DINAMIZACIóN

Guía básica de galego para as persoas que visitan Narón

O Concello de Narón edita a guía En Narón, galego viaxeiro, unha iniciativa promovida polo Servizo de Normalización Lingüística municipal e dirixida ás persoas que visitan Narón e desexan expresarse en galego durante a súa estadía. A obra inclúe vocabulario e fraseoloxía útil (en galego, castelán e inglés) para empregar en bares e restaurantes, para coñecer xente, para preguntar por algún enderezo ou para visitar os lugares emblemáticos do municipio; así como refráns e expresións populares.
18/02/2025. OUTRAS

Henrique Monteagudo imparte unha conferencia en Vigo sobre a figura de Castelao

No marco das actividades de conmemoración do Ano Castelao, a Fundación Penzol, en colaboración coa Cátedra Castelao da Universidade de Santiago (USC), organiza a conferencia “Castelao. A forxa dun mito”, impartida por Henrique Monteagudo. O acto terá lugar o vindeiro 20 de febreiro de 2025, ás 19 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo.

No seu relatorio, o profesor Monteagudo fará un percorrido pola traxectoria vital de Castelao e presentará unha síntese das principais liñas do seu pensamento, co obxectivo de divulgar o coñecemento dunha figura transcendental para a política, as artes plásticas, a literatura e a defensa e ilustración do idioma galego.

A maiores, tamén podes consultar a biografía de Castelao no Álbum de Galicia, autoría do propio Henrique Monteagudo.
18/02/2025. OUTRAS

Coloquio en Marín sobre o futuro do idioma

O Museo Municipal Manuel Torres, en Marín, acollerá o vindeiro venres, 21 de febreiro, ás 20:00 h, o coloquio O galego: unha lingua que vale para todo, organizado pola A. C. Almuinha. Na conversa participará Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, e Xosé Antonio Pazos, profesor do CEIP Sequelo. O obxectivo do acto é promover a reflexión sobre o estado actual do idioma galego, así como sobre as súas perspectivas de futuro. A entrada é libre ata completar o aforo do sala.

No Facebook da A. C. Almuinha podes ampliar información.

18/02/2025. DINAMIZACIóN

O EDLG do IES Félix Muriel elabora un calendario escolar en homenaxe a Castelao

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Félix Muriel de Rianxo difunde na Rede un calendario escolar do ano 2025 elaborado en homenaxe a Castelao, neste ano no que se conmemora o 75 cabodano do pasamento deste rianxeiro universal. O almanaque, realizado por alumnado de 4º da ESO, inclúe na páxina de cada mes a coñecida autocaricatura de Castelao datada en 1914, que custodia o Museo de Pontevedra, acompañada de cadanseu extracto do Sempre en Galiza.

A iniciativa enmárcase no grupo de actividades autónomas que o alumnado debe desenvolver na materia de Lingua Galega e Literatura para promover a autonomía persoal colaborando co Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto.

Podes ampliar información premendo aquí.
18/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña crea o fondo de proxectos singulares en lingua galega para a mellora social

A Deputación da Coruña publica, no BOP do 14 de febreiro de 2025, as bases do I Certame “Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025”, destinado a apoiar o desenvolvemento de proxectos singulares en lingua galega de especial interese cultural e orientados á mellora social.

O fondo ten unha dotación de de 300.000 euros, que se repartirán en 20 premios. Poderán presentarse proxectos que se vaian desenvolver entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025. O prazo de presentación de solicitudes de participación comezará o 21 de febreiro e rematará o 21 de marzo de 2025, ás 14:00 horas.

Na páxina web da Deputación da Coruña tes máis información sobre esta iniciativa. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
17/02/2025. DINAMIZACIóN

Unha mocidade activa reivindicará unha lingua viva no Correlingua 2025

CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG presentaron a nova edición do Correlingua, que baixo o lema A mocidade activa por unha lingua viva percorrerá once localidades galegas entre os días 6 e 29 de maio de 2025. Igual ca en pasadas edicións, ademais da propia carreira, o programa inclúe unha regueifa colectiva, obradoiros de escrita creativa e dous concursos: crealingua (concurso libre de creación artística en galego) e cantalingua (concurso de música en galego).

Correlingua é unha iniciativa de normalización lingüística con 25 anos de historia, que ten como obxectivo sensibilizar a sociedade, nomeadamente a poboación infantil e moza, sobre a importancia de defender os nosos dereitos lingüísticos a través de actividades colectivas e lúdicas.

No sitio web da iniciativa podes ampliar información.
17/02/2025. INVESTIGACIóN

A UVigo presenta unha escolma de termos xurídicos, medioambientais e micolóxicos

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo presenta a Escolma de termos científicos, un glosario que contén unha selección de termos das áreas do dereito, o medioambiente e a micoloxía, seleccionados pola súa especial relación co territorio, a cultura, as tradicións ou a historia de Galicia.

A obra é autoría dos docentes e investigadores da UVigo Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro e presentouse como a primeira entrega dunha serie que se elaborará no marco do Plan de Ciencia de Ida e Volta 2025-2026.

No Diario da Universidade de Vigo podes ampliar información.
17/02/2025.

A mocidade de Redondela comeza o reto “Unha semaniña enteira”

Coincidindo co Día de Rosalía, que se conmemora o vindeiro 23 de febreiro, os centros de ensino medio do concello de Redondela organizan un ano máis “Unha semaniña enteira”, unha iniciativa de normalización lingüística na que o alumnado asume o reto de falar galego durante as 24 horas do día durante toda unha semana, desde o 17 ao 23 de febreiro.

A iniciativa conta coa colaboración do Concello de Redondela e de diferentes entidades sociais, que se sumarán á celebración do Día de Rosalía coa organización de actividades deportivas, musicais e culturais.

Podes ampliar información premendo aquí.

17/02/2025. DINAMIZACIóN

O programa Apego continúa coas actividades de socialización en galego

O Servizo de Normalización do Concello de Ames presentou o amplo programa de actividades que se desenvolverán durante o primeiro semestre de 2025 no marco do programa Apego, deseñado para para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia. Os máis pequenos/as e as súas familias poderán gozar de arrolos obradoiros, teatro, contos, xogos, maxia e música de diferentes estilos, neste ano 2025 no que as cantareiras e a poesía popular de transmisión oral terán un especial protagonismo.

Outros concellos galegos que tamén están a desenvolver neste mes de febreiro actividades de fomento da socialización en galego son Santiago de Compostela ou Pontevedra. Podes manterte ao día de todas as iniciativas de Apego a través da súa páxina web.
17/02/2025. DINAMIZACIóN

AMEGA presenta unha guía didáctica sobre a historia dos medios en galego

No marco das actividades de conmemoración do Día dos Medios en Galego 2025, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) puxo a dispor de todas as persoas interesadas, para a súa descarga de balde en Internet, a guía didáctica Coñecendo a historia dos medios en galego, un recurso educativo dirixido a alumnado de ensino medio. A publicación foi elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Diferentes centros educativos, como o IES Punta Candieira (Cedeira), o IES de Cacheiras (Teo) ou o CPI Virxe da Cela (Monfero), empregarán este material como ferramenta didáctica para que o seu alumnado coñeza a historia dos medios de comunicación en lingua galega e reflexione sobre a situación actual do noso idioma no ámbito xornalístico e audiovisual.
17/02/2025. DINAMIZACIóN

As mensaxes de amor en galego teñen premio

A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia convocan unha nova edición de Lingua de Namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega (redactadas en prosa ou en verso), dirixido á mocidade e pensado para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías.

As bases establecen 3 categorías: A (persoas de 14 a 19 anos); B (persoas de 20 a 35 anos) e C (persoas de 14 a 35 anos, só para Instagram). Outorgaranse tres premios en cada unha das categorías A e B (1º- tableta Samsung Galaxy S9; 2º- altofalante bluetooth JBL; 3º. cascos sen fíos), e un único premio na categoría C (tableta Samsung Galaxy S9).

O prazo para enviar as mensaxes remata o 17 de marzo de 2025.

Para consultar as bases completas do certame e ampliar información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
14/02/2025. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do Festival Rosalía “sen pombas nin flores”

A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago presentaron o programa da sétima edición do Festival Rosalía, deseñado para “pór en valor a diversidade e a calidade da creación artística da nosa lingua e as novas dimensións que se lles outorga desde diferentes disciplinas tanto á figura de Rosalía como ao noso idioma”. Este ano as actividades desenvolveranse durante os días 21, 22 e 23 de febreiro de 2025, baixo o lema Sen pombas nin flores.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa tanto na páxina web do Concello de Santiago como na da Deputación da Coruña.
12/02/2025. DINAMIZACIóN

A Deputación de Pontevedra convoca o programa “+Música 2025”

A Deputación de Pontevedra publica as bases reguladoras e mais a convocatoria do Programa “+Música 2025” de apoio á programación artística profesional en galego nos concellos da provincia de Pontevedra. O programa está dirixido aos concellos da provincia de Pontevedra de menos de 50.000 habitantes, que poderán solicitar un máximo de dúas actuacións, a desenvolverse entre o 15 de abril e o 31 de decembro do 2025, de entre os grupos incluídos no Catálogo +Música.

O prazo de presentación de solicitudes de actuacións por parte dos concellos interesados estará aberto desde o 20 de febreiro de 2025 ata o 5 de marzo de 2025, os dous incluídos.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
11/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para os SNL da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca unha liña de axudas, dirixida a concellos e outras entidades locais da provincia, para a creación, mantemento ou reforzo dos servizos de normalización lingüística (SNL) municipais durante o ano 2025. No caso das axudas á creación de SNL, poden optar os concellos de menos de 50.000 habitantes, ou ben as agrupacións de concellos, mancomunidades ou entidades locais menores da provincia que non conten con este servizo. Para o mantemento ou reforzo do SNL, poden optar os concellos que conten con este servizo e queiran mantelo ou reforzalo (contratando persoal a maiores ou incrementando a xornada existente).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria e do extracto no BOP de Pontevedra e na Base de Datos Nacional de Subvencións.
11/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resolución definitiva das axudas da Deputación da Coruña aos SNL municipais

A Deputación da Coruña publica a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para financiar gasto do persoal técnico dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2025.

Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
11/02/2025. OUTRAS

A Xunta de Galicia presenta un avance dos resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia presentou publicamente un avance dos datos obtidos na Enquisa sobre a percepción social do galego, encargada ao Instituto Sondaxe e realizada entre o 22 de outubro e o 27 de novembro de 2024. Os resultados foron obtidos a partir dunha mostra de 1.200 enquisas realizadas a familias con fillos/as en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. O principal obxectivo do estudo é avaliar a opinión das familias en relación á crenza de se existe en Galicia algún idioma discriminado, e sondar as súas preferencias sobre o uso do galego no sistema educativo.

O documento foille entregado ao coordinador das comisións da renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega para que poida empregarse como ferramenta de traballo.

Para ampliar información, preme aquí.
07/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os Celga 2, 3 e 4

A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados dos niveis Celga 2, Celga 3 e Celga 4. A oferta inclúe tanto cursos na modalidade presencial como na modalidade en liña, que poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2025.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña convoca o XVI Premio Rosalía de Castro da Lingua

A Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca a décimo sexta edición do Premio Rosalía de Castro de Lingua, que ten como obxectivo recoñecer iniciativas de normalización lingüística ou traxectorias de persoas, colectivos e entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do idioma galego. Establécense tres categorías: unha para recoñecer o labor daquelas persoas que máis destaquen na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os estratos sociais; outra para a entidade que máis destaque na promoción do galego; e unha terceira para o proxecto de dinamización lingüística que estea dirixido especificamente aos sectores de menor idade (infancia e mocidade) e que atenda espazos emerxentes do uso da lingua. A dotación económica do premio é de 5.000 euros para cada unha das categorías.

O prazo de presentación de candidaturas rematará ás 14:00 h do 30 de abril de 2025.


Para consultar o texto coas bases completas deste premio, preme aquí.
06/02/2025. DINAMIZACIóN

VIII Certame de música infantil e xuvenil “Quero cantar”

A Deputación da Coruña publica as bases do VIII Concurso “Quero Cantar”, coa intención de fomentar o uso da lingua galega, así como a creatividade poética e musical entre a poboación infantil e xuvenil. O certame está dirixido a solistas ou grupos musicais, formados por rapaces e rapazas de ata 16 anos, que interpreten unha composición en galego con letra e música orixinais e inéditas. Establécense dúas categorías (infantil e xuvenil), segundo a idade dos participantes. Os tres primeiros clasificados de cada categoría terán a oportunidade de gravar a súa maqueta nun estudio profesional, e recibirán como agasallo material musical e/ou produtos culturais galegos. A maiores, os primeiros clasificados de cada categoría gravarán un videoclip da canción gañadora e o gañador/a da categoría xuvenil participará tamén nun programa formativo.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 14 de marzo de 2025, ás 14:00 h.

Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí. No sitio web da iniciativa tamén podes coñecer os temas participantes nas edicións anteriores.
05/02/2025. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación lingüística para a comunidade universitaria da UVigo

A Universidade de Vigo publica a convocatoria de cursos de formación en lingua galega do segundo cuadrimestre do curso académico 2024/2025, dirixidos á súa comunidade universitaria e organizados pola Área de Normalización Lingüística. Nesta ocasión os cursos ofertados son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Obradoiro de lingua oral (15 h); Galego hoxe (40 h); Cuestións de sociolingüística e de léxico (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro, marzo, abril e maio de 2025, na modalidade en liña. O prazo de inscrición remata o 14 de febreiro de 2025, e os trámites deben facerse a través da plataforma virtual https://bubela.uvigo.es.
05/02/2025. DINAMIZACIóN

Leria e A banda da Loba protagonizan a celebración do Día dos Medios en Galego 2025

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) conmemorará o Día dos Medios en Galego o vindeiro 7 de febreiro, día no que saíu por primeira vez á rúa, no ano 1976, o xornal O Tío Marcos d´A Portela (primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega).

Neste 2025 o lema da celebración será “A lingua que nos une” e o acto principal terá lugar no Playa Club da Coruña o propio 7 de febreiro a partir das 21:30 h, onde se celebrará un concerto de Leria e A banda da Loba. As entradas xa están á venda en entradium.com . A maiores, a partir dese día habilitarase a páxina web Medidas para o galego, a través da que a cidadanía poderá participar no proceso de elaboración de 100 medidas para mellorar a situación do noso idioma en todos os ámbitos sociais.

Na páxina web de AMEGA tes máis información sobre esta iniciativa.
04/02/2025. AXUDAS E PREMIOS

Coñece as canles gañadoras dos Premios Youtubeiras+ 2024

O xurado da oitava edición dos Premios Youtubeiras+ fixo públicas as canles gañadoras da edición de 2024. A gala de entrega dos premios tivo lugar o pasado sábado, 1 de febreiro de 2025, no Pazo da Cultura de Narón e nela foron galardoadas as seguintes canles: Galiactiva (Premio revelación); Rebelico Revista (Premio rede); Luís do Río (Premio calidade lingüística); “A Revolución Galega de 1846” de Orgullo Galego (Premio do público); Exército Mekemeke (Premio canle de YouTube); Sara Seco (Premio canle de TikTok); e Prado Rúa (Premio creación de contidos).