Cantareiras da Vila da Igrexa (Cerceda)
Cerceda (A Coruña), 1930 - Cardeda (A Coruña), 2000Autoría: Richi Casás
Adolfina e Rosa Casás Rama, dúas das homenaxeadas nas Letras Galegas 2025
Primeiros anos
Tanto Adolfina (1912-2009) coma Rosa (1914-2005) naceron e viviron na Vila da Igrexa (Concello de Cerceda). Fillas de solteira as dúas, aprenderon a tocar e cantar de man de mulleres da familia: Rosa, da súa avoa e da súa nai, María Casás; e Adolfina coa súa nai. Durante a súa xuventude Rosa, xunto coa súa tía Adolfina Casás (1912-2009) e outras veciñas da parroquia, participaron en numerosas foliadas ás que eran chamadas por teren sona de boas tocadoras. Por iso, malia non tocar nunca de xeito profesional, era habitual a súa presenza nos traballos comunitarios nos que, acabada a faena, había baile, ou
fuliada, como era chamada en Cerceda.
Rosa traballou como labrega e lavandeira en Cerceda, e tivo catro fillos de solteira: Pedro, María, José María (coñecido como Antonio) e Rafael. Ningún deles seguiu cultivando a música tradicional, a pesar de que aprenderon de pequenos a cantar, tocar e bailar, nas
fuliadasque se celebraban na parroquia. A biografía de Adolfina é semellante: labrega e lavandeira en Cerceda, tivo tres fillas de solteira: Mercedes, Carmen e Teresa e ningunha delas se dedicou á música tradicional.
A xeración das fillas de Rosa e Adolfina, nacida durante a posguerra, sufriu dous importantes cambios vitais que determinaron un esmorecemento do canto tradicional. Por un lado, a emigración da seguinte xeración ao exterior e ás cidades, coa conseguinte disolución das comunidades rurais que deron orixe ao canto tradicional. Por outro lado, a modernización dos labores agrícolas e da vida doméstica, que remataron con moitos dos contextos nos que se desenvolvían a música e o baile tradicional.
A comarca de Ordes sufriu desde a posguerra ata a década de 1980 un importante movemento migratorio, tanto interior como exterior. O interior foi fundamentalmente cara á Coruña, e o exterior cara ao Reino unido e Suíza. Por esta razón gran parte da mocidade desapareceu, e con ela, as xuntanzas donde se usaba a música tradicional para amenizar os seráns. Ademais en Cerceda especialmente, pola proximidade coa cidade da Coruña, deuse durante todo o século XX unha forte emigración cara á urbe. Por esta razón, non houbo un desenvolvemento económico local comparable ao das cidades próximas, donde se concentrou o investimento das remesas procedentes da emigración. Este feito provocou que nesa comarca as pandereteiras seguisen sendo requiridas para facer as festas, posto que as comunidades cada vez menos numerosas e máis empobrecidas non podían contratar orquestras, bandas de música ou outros medios de lecer. Isto mantivo viva a tradición de cantareiras e gaiteiros na comarca, fronte a outras manifestacións musicais como as bandas de música ou as orquestras de baile.
Esta distinción entre cantareiras/gaiteiros por un lado e bandas/orquestras por outro, estableceu un chanzo socioeconómico e de prestixio que axudou a calar as voces da música tradicional nas celebracións festivas, tanto na aldea como (aínda máis) na cidade, se ben nos núcleos rurais houbo casos de resistencia ata datas moi próximas a nós. Rosa Casás non foi allea a este fenómeno, xa que a súa voz calaría tanto na emigración como na súa estancia posterior na cidade da Coruña.
A emigración
Na década de 1960 Rosa emigrou con dous dos seus fillos, primeiro a Suíza e despois ao Reino Unido. Alí perdeu o contacto coa música tradicional e deixou por completo de cantar e tocar. Na emigración no Reino Unido, concretamente en Nottingham, os galegos agrupábanse en bloques de casas acaroadas, nas que compartían veciñanza con inmigrantes procedentes de Turquía, Grecia, A India ou Paquistán. No tempo de lecer os emigrantes non cadraban con británicos, nin con emigrantes de fóra de España. Non era raro que os galegos neste contexto convivisen con españois do sur da península. As celebracións reducíanse aos eventos familiares máis íntimos, e nelas non se cantaba nin bailaba música tradicional, aínda que si se utilizaba a música popular en castelán. Isto fixo que Rosa non seguise cultivando o seu saber en canto á música e ao baile tradicionais na súa estadía na emigración, polo que o seu estilo non evolucionou, nin creou novas letras ou melodías durante eses anos.
Durante ese tempo Adolfina, que non emigrou, seguiu cantando, aínda que durante a década de 1970 ese cantar empezou a quedar só para as pequenas celebracións familiares, xa que os traballos comunais que favorecían as grandes xuntanzas de xente, cederan o paso á mecanización dos procesos agrícolas, e a chegada da radio e a televisión mudaran en gran medida os hábitos de lecer.
O retorno de Rosa
Tanto Rosa como os seus dous fillos menores (Antonio e Rafael) retornaron a Galicia a mediados dos anos 70. Rosa foi vivir en 1975 ao populoso barrio da Agra do Orzán, na Coruña, donde coidou dos seus netos. Mentres, ía reformando a casa de Cerceda, onde volvería establecerse na década de 1990. Xa retornada da emigración e vivindo na Coruña, a etnomusicóloga Dorothé Schubarth chegou á Vila da Igrexa en marzo de 1980, donde citou a Rosa e Adolfina, na casa desta última. Dorothé deu con Rosa e Adolfina mentres buscaba informantes en Corme, entre o alumnado do colexio da vila. Alí deuse a casualidade de que traballaba Carlos Casás, neto de Adolfina, que informou á músicóloga da existencia das cantareiras na Vila da Igrexa. Dorothé fixo dúas sesións de recollida con Rosa e Adolfina, con varios meses de diferenza. Sobre esta recollida Dorothé comenta a gran variedade e orixinalidade das coplas que lles recolleu, pois tanto Rosa como Adolfina eran creadoras de coplas que servían para tratar sobre sucesos e personaxes locais. Dorothé recolleu, ademais de 250 coplas, unha decena de melodías propias, que figuran no Cancioneiro Popular Galego, publicado en varias edicións durante a década de 1980 pola Fundación Barrié. As gravacións realizadas nese momento en cintas magnéticas, hoxe están dixitalizadas e depositadas no Fondo D. Schubarth do Arquivo Sonoro do Consello da Cultura, así como no APOI do Museo do Pobo Galego.
A recuperación do canto
Despois do retorno a Galicia desde a emigración, Rosa vive na Coruña alternativamente co seu fillo máis novo. O feito de vivir nun bloque de pisos condiciona o lecer, posto que a convivencia fai que se eviten os ruídos e, xa que logo, o canto e o baile. Iso reprime a Rosa á hora de cantar na casa, así como o feito de que ao abandonar a aldea tamén se abandonan os outros contextos axeitados para o canto: o lavadoiro, o agro, os camiños... A cidade, por iso, tanto para Rosa como para outros músicos tradicionais, foi un factor de silencio, e non sería ata os anos 90 cando recupere o contexto axeitado para volver cantar, tocar e bailar.
En 1988 Rosa ponlle o ramo á súa casa natal, que está a reformar na Vila da Igrexa, o que permite facer as celebracións familiares na aldea despois de décadas de ausencia. Alí os seus fillos, conscientes de que Rosa ten a habilidade, así como a oportunidade para cantar, anímana a facelo nas ocasións en que a familia se reúne en Cerceda. En moitas destas ocasións canta en compaña da súa tía Adolfina, que fora compañeira musical antes da emigración, desde os anos 30 aos 60 do século pasado. Tamén outras veciñas de Cerceda se teñen unido a elas, como é o caso de Carmucha da Vila.
Así Rosa e Adolfina incluso chegan a compartir o seu canto en contextos estraños para elas, como as festas que se facían en Agolada (Pontevedra), na terra da súa nora Pilar, moi lonxe de Cerceda, ás que foron convidadas durante a década de 1990.
Con todo, ningún dos fillos de Rosa, nin as fillas de Adolfina seguiron a súa tradición. Un dos seus netos, Richi Casás, músico coruñés ao que Rosa coidou de pequeno, publicou un libro-disco titulado Fuliada na Vila no que describe a vida e música de Rosa e Adolfina, e interpreta, a través da linguaxe do jazz, as músicas que lle legaron as súas devanceiras.
O cantar de Rosa e Adolfina
Rosa e Adolfina foron mulleres labregas, que aprenderon a cantar, tocar e bailar no seo da súa familia materna, pois ambas eran fillas de solteira. Aprenderon as súas letras e melodías nese ambiente familiar, e enriquecéronas con melodías novas que chegaban a través doutras cantareiras que pasaban pola Vila da Igrexa, así como nas visitas que realizaban a outras parroquias e lugares con motivo dos traballos comunais, ou cando ían servir a casas doutros labradores. Na memoria familiar, así como no traballo de recollida realizado por Dorothé Schubarth, figuran as seguintes pezas:
. Muiñeira 104W (catálogo de D. Schubarth)
. Muiñeira Floreada (recollida no CD Fuliada na Vila, a partir da recollida de D. Schubarth)
. Canto de Nadal 147 C (Catálogo de D. Schubarth)
. Canto de reices
. Jota 104W (catálogo de D. Schubarth)
. Jota «Morena disimulada»
. Valse do gaiteiro (164 no catálogo de D. Schubarth)
. Agarrado «Anque me vexas con outro»
. Arrolo «Duérmete mi niño»
A súa habilidade para improvisar letras era coñecida. Se ben non eran regueifeiras como tal, pois non facían a regueifa na forma que coñecemos noutras comarcas, si elaboraban coplas de todo tipo para atinguir situacións ou persoas da súa contorna, así como para defenderse das
marmulaciónsderivadas da súa condición de nais solteiras, ou doutras circunstancias vitais.
Como instrumentistas adaptábanse aos obxectos que tivesen á man para facer un ritmo que acompañase o seu canto. Usaban normalmente instrumentos da cociña, e así o fixeron incluso o día que Dorothé chegou á Vila da Igrexa para gravalas. Testemuña isto o feito de que non tiveron pandeireta propia ata 1993, ano en que lles foi agasallada por un dos seus netos. Aínda así, sabían tocar a pandeireta para acompañárense, se ben non eran virtuosas do instrumento, nin lle concedían importancia ao mesmo máis que como simple acompañamento. Adoitaban tocar co puño, e só facían as marcas precisas para o cambio de punto a volta e viceversa. Non riscaban nin adornaban os toques con outras técnicas.
Na jota cabe mencionar que en ocasións, descabalgaban a parte forte da volta, de modo que a tónica do verso non cadrase coa parte forte do compás, senón coa anacrusa, creando un efecto de desequilibrio que resultaba distintivo no seu estilo.
Bibliografía
Casás, Richi (2020): Fuliada na vila, Santiago de Compostela: aCentral Folque.
Schubarth, Dorothé; Santamarina, Antón (1984): Cancioneiro popular galego. A Coruña: Fundación Barrié.
Filmografía
Gándara, Alejandro; Tubío, Olaia (2020): Dorothé na Vila.
Fonografía
Schubarth, Dorothé; Santamarina, Antón: Fondo Dorothé Schubarth / Antón Santamarina. Discos V e VI. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Arquivo Sonoro de Galicia.
Como citar: Casás, Richi : Cantareiras da Vila da Igrexa (Cerceda). Publicado o 19/2/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35796. Recuperado o 11/02/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Armando Requeixo sobre a publicación Cantareiras: a poesía popular nas Letras Galegas 2025. Ver Documento. Artigo
Requeixo, Armando: «Letras atlánticas: O cantar do pobo», Diario de Ferrol, (30 de novembro de 2024).
Fonte: Diario de Ferrol.
Entrevista de Patricia Blanco a Richi Casás en la Voz de Galicia. Ver Documento. Entrevista
Blanco, Patricia: «A primeira literatura foi oral: Rosa e Adolfina, dúas cantareiras das Letras Galegas 2025, foron súa avoa e madriña», La Voz de Galicia, (29 de novembro de 2024).
Fonte: La Voz de Galicia
«Un gremlim na cociña», artigo de Richi Casás, publicado en Symphonia, revista do Conservatorio Superior de Música da Coruña. (6 de xullo de 2022). Ver Documento. Artigo
Casás, RichiI: «Un gremlim na cociña», Symphonia: revista do Conservatorio Superior de Música da Coruña, (6 de xullo de 2022).
Fonte: Symphonia: Revista do Conservatorio Superior de Música da Coruña.
https://symphoniarevista.wordpress.com/
Artigo de Gracia Novás en La Voz de Galicia sobre a posta en marcha do sitio web dedicado ás Letras Galegas 2025. Ver Documento. Artigo
Novás, Gracia: «A RAG inaugura en internet as Letras das cantareiras», La Voz de Galicia, 47905 (4 de xaneiro de 2025), 31.
Fonte: La Voz de Galicia
Rosa e Adolfina, texto de Richi Casás coas letras e músicas da Vila da Igrexa (Cerceda) rexistradas por Dorothé Schubarth en 1980. Ver Documento
Fonte: Richi Casás.
Ligazóns de interese
Acceso ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego
Fonte: Museo do Pobo Galego.
https://museodopobo.gal/gl/apoi
Acceso ao Cancioneiro pupular galego, recollido e ordenado por Dorothé Schubart e Antón Santamarina e publicado pola Fundación Barrié
Fonte: Fundación Barrié.
https://cancioneiro.fundacionbarrie.org/
Especial Letras Galegas 2025 da Real Academia Galega
Fonte: Real Academia Galega.
https://academia.gal/
«Cantareira: a palabra do ano anticipa un 2025 de honra ás mulleres que
Fonte: Paza.gal.arrequeceron o cancioneiro e o idioma», artigo de David Lombao en praza.gal, (5 de xullo de 2024)
https://praza.gal/
«As Letras Galegas de 2025 serán de literatura e música», artigo de Santiago Montes en culturagalega.gal, (5 de xullo de 2024)
Fonte: Cultura Galega. Consello da Cultura Galega.
https://culturagalega.gal/
«Richi Casás:
Fonte: La Voz de GaliciaA primeira literatura en todas as linguas do mundo foi a oral», entrevista de Patricia Blanco a Richi Casás na que fala das pandereiteiras e cantareiras homenaxeadas co Día das Letras Galegas 2025. La Voz de Galicia, (29 de novembro de 2024)
«Somos Pandeireteiras: as tocadoras e o aturuxo», artigo de Mercedes Peón na edición dixital de La Voz de Galicia.
Fonte: La Voz de Galicia
La Voz de Galicia, (11 de maio de 2025)
https://www.lavozdegalicia.es
Videos
Trailer de Dorothé na Vila, película documental que percorre corenta anos despois o mundo gravado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth
Fonte: Dorothé na Vila Documental / YouTube.com
Vila da Igrexa, Cerceda (Teaser)
Fonte: Dorothé na Vila Documental / YouTube.com.
«Muiñeira floreada» do disco Fuliada na Vila
Fonte: aCentral Folque / YouTube.com
Nova sobre o Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral
Fonte: g24noticias / YouTube.com
Fuliada na vila no Cultura Aberta 2016
Fonte: Luar na Bailada / YouTube.com






















