Novas da lingua

Rexistros4501 a 4530 de 5145
29/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de aproveitamento de ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza
este curso de formación que ten como principal obxectivo analizar as posibilidades e vantaxes que poden ofrecer determinadas ferramentas multimedia para o traballo en normalización lingüística.

As sesións desenvolverase na Facultade de Filoloxía da USC os días 18, 24 e 25 de outubro de 2008. O prazo de preinscrición remata o 9 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.


26/09/2008. EMPREGO

Bolsas para a colaboración nun estudo sociolingüístico na Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca 20 bolsas para a colaboración na realización dun estudo sobre o coñecemento, uso e actitudes da lingua galega na UDC. Os/as solicitantes deberán ser estudantes desta universidade, con matrícula, no curso académico 2008-2009.

A duración destas bolsas é de 4 meses, comprendidos entre o día 10 de novembro de 2008 e o 9 de marzo de 2009. O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de outubro de 2008.

Se desexa máis información, prema aquí.
26/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística na provincia da Coruña

A Deputación da Coruña publica, no BOP do 26 de setembro de 2008, as bases reguladoras do programa de cooperación cos concellos da provincia da Coruña para a creación ou mantemento
dos servizos de normalización lingüística durante o período 2009-2011.

Poderán participar na convocatoria todos os concellos de menos de 50 000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos que cumpran cada un deles o requisito do número de habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
26/09/2008. INVESTIGACIóN

Glosario de termos xurídicos dubidosos castelán-galego

O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago presenta a edición dixital do Glosario de termos xurídicos dubidosos (castelán-galego), autoría de Martín Ramos Ínsua e revisado polo Termigal.

Este glosario publicarase en edición papel no vindeiro número da revista Avogacía Compostelá, publicación que incluirá tamén información sobre a nova campaña de dinamización lingüística que vai desenvolver o Colexio de Avogados de Santiago para fomentar o uso do galego no ámbito da avogacía.
26/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de Podcast

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o II Concurso de Podcast, que ten como obxectivo principal fomentar a lingua oral e a creatividade mediante o uso das TIC.

O certame conta con dúas categorías, “CREARTE” (para traballar contidos musicais, literarios, o cinema, o medio ou o teatro) e “DOCUMENTARTE” (para contar viaxes, tradicións, oficios etc. en formato documental radiado ou televisado).

O prazo para enviar os podcasts remata o vindeiro 30 de outubro de 2008.
25/09/2008. DINAMIZACIóN

O Concello de Muros promove o uso do galego no ámbito da hostalaría

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Muros está a desenvolver, baixo o lema “Nós, en galego”, unha campaña de dinamización lingüística no ámbito da hostalaría na que participan 25 empresas hostaleiras do municipio.

Grazas a esta iniciativa os menús de todos os locais colaboradores poden consultarse agora en tres linguas (galego, castelán e inglés). Ademais, o concello facilitoulles tamén aos hostaleiros/as diferente material de promoción (como chisqueiros, pousavasos, bolígrafos....) cos que agasallar á clientela e, ao mesmo tempo, promover o uso do galego no sector.

Iniciativas similares foron desenvolvidas con anterioridade noutros concellos como, por exemplo, Ribadeo ou Ames.
25/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Terminoloxía: palabras que contan

Co gallo da celebración do Día Internacional da Tradución 2008, a Asociación de Tradutores Galegos (ATG), a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI), a Universidade de Vigo e mais a Consellería de Cultura e Deporte, organizan a xornada Terminoloxía: palabras que contan.

O evento terá lugar o vindeiro día 29 de setembro na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. No web da CTNL pode consultar o programa completo da xornada.
25/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para actividades de dinamización lingüística no Concello de Culleredo

O Concello de Culleredo publica, no BOP da Coruña do 24 de setembro de 2008, a convocatoria de subvencións municipais destinadas a entidades sen ánimo de lucro, colexios públicos e persoas físicas deste concello. Entre as actividades subvencionables na área de cultura, deportes e participación cidadá están as orientadas a fomentar a lingua e a cultura galegas.

O prazo para presentar as solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

III Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza diferentes seminarios de formación destinados ao profesorado non universitario, en especial aos membros dos equipos de normalización lingüística, que se celebrarán ao longo dos meses de outubro e novembro nas sete principais cidades galegas.

Para obter máis información sobre os prazos de inscrición e os programas das diferentes edicións, prema aquí.
16/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Simposio “Cartografía e toponimia”

O Instituto da Lingua Galega (USC), a Asociación Galega de Onomástica e o Consello da Cultura Galega organizan o simposio “Cartografía e toponimia”, no que se abordarán desde unha óptica multidisciplinar diferentes cuestións relacionadas coa investigación toponímica e coa análise cartográfica.

As sesións desenvolveranse entre os días 28 de outubro e 6 de novembro na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. O prazo de inscrición remata o 25 de outubro.

15/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega nas cidades de Bos Aires e Bonn

A Secretaría Xeral de Emigración e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan, no marco do programa Cursos de lingua galega na túa cidade, cursos preparatorios para as probas Celga nas cidades de Bos Aires (Arxentina) e Bonn (Alemaña).

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

11/09/2008. DINAMIZACIóN

Galeguiza o teu móbil

A Secretaría Xeral de Política Lingüística acaba de asinar un convenio con dez das principais empresas do sector da telefonía móbil mediante o cal os fabricantes se comprometen a implantar progresivamente o galego nas opcións dos menús e noutras aplicacións dos terminais.

Pola súa parte, as operadoras asinantes ofreceranlles aos seus clientes a posibilidade de comunicarse con eles en galego e de substituír os seus antigos terminais por outros que posúan o galego como opción idiomática.

Se desexa máis información sobre esta iniciativa, prema aquí.

11/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os premios a proxectos de innovación en normalización lingüística

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística fan pública a resolución da convocatoria de premios a proxectos de innovación en normalización lingüística para o curso 2008-2009.

Para coñecer a listaxe dos centros de ensino gañadores, prema aquí.

10/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

Curso de redacción normativa e documentos administrativos en galego

A Deputación de Ourense organiza un curso de redacción normativa e documentos administrativos en galego, dirixido a traballadores da administración local dos grupos C1 e C2 que interveñan na tramitación de expedientes administrativos ou
na elaboración dos seus documentos, así como a persoal técnico e administrativo, en xeral, das corporacións locais que realice no seu traballo tarefas de xestión administrativa.

Para poder participar nesta actividade, os/as solicitantes deberán acreditar ter realizado o curso de linguaxe administrativa (nivel medio).

O curso, de 25 horas de duración, desenvolverase entre os días 1 e 18 de decembro de 2008 e o prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de novembro.

09/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, organiza a segunda edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 22 de outubro de 2008 no Pazo de Mariñán (Bergondo).

09/09/2008. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro de política lingüística desde as administracións locais da Coruña

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, coa colaboración da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, organiza a segunda edición deste Encontro de política lingüística que quere poñer en contacto os diferentes responsables políticos e técnicos das administracións locais para compartir experiencias e propostas en materia de normalización lingüística.

As sesións terán lugar o 22 de outubro de 2008 no Pazo de Mariñán (Bergondo).

08/09/2008. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a realización de proxectos de dinamización lingüística no ámbito educativo

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca axudas para a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2008-2009.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 6 de outubro. Para consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
08/09/2008. OUTRAS

Habilitación profesional para tradutores e intérpretes xurados

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 5 de setembro de 2008, a convocatoria pública de probas de habilitación profesional para a tradución e a interpretación xurada do galego para outras linguas, e viceversa.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de outubro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

04/09/2008. INVESTIGACIóN

Presentación do estudo “Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria”

Mañá venres, día 5 de setembro, presentarase no salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) a obra Situación do ensino da lingua e da literatura galega na Educación Secundaria Obrigatoria, resultado dunha investigación de campo realizada entre os anos 2005 e 2007 a partir dun convenio de colaboración entre o CCG e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE) da USC.

Na presentación, que terá lugar ás 11:30 h, intervirán Ramón Villares, presidente do CCG; Henrique Monteagudo, secretario do CCG; Bieito Silva Valdivia, director da investigación e José Cajide Val, director do ICE da USC.

31/07/2008. EMPREGO

Praza de profesor/a contratado/a interino/a na Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca un concurso público de méritos para a contratación de persoal docente para o curso académico 2008-2009. Entre as prazas, ofértase unha de profesor/a contratado/a interino/a de substitución, adscrita ao Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística, para desenvolver labores de docencia nas materias da área de Filoloxía Galega e Portuguesa.

O prazo de entrega da documentación remata o vindeiro 8 de agosto. Se desexa acceder ao texto completo da convocatoria, prema aquí.
31/07/2008. DINAMIZACIóN

Ben falado!, novo espazo na TVG para a difusión do idioma

Desde o pasado 21 de xullo a Televisión de Galicia emite diariamente o programa Ben falado!, un microespazo matinal de difusión lingüística concibido desde unha perspectiva lúdico-educativa.

No programa, promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e presentado polo académico Xesús Ferro Ruibal, trátanse diferentes contidos relacionados coa historia, a gramática, a ortografía e o léxico do galego, tentando ao mesmo tempo de ensinar e deleitar ao espectador.
15/07/2008. CURSOS E CONGRESOS

Amplíase o prazo de inscrición nos cursos preparatorios para as probas dos Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia a ampliación do prazo de presentación de solicitudes para os cursos preparatorios das probas dos niveis Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

Así pois, naqueles cursos que aínda teñan prazas dispoñibles, o prazo de inscrición remata dez días antes da data prevista para o inicio de cada curso, agás os do mes de xullo, que rematará tres días antes.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/07/2008. DINAMIZACIóN

Inaugúrase a exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”

Maña, mércores 16 de xullo, inaugúrase en Santiago de Compostela (San Martiño Pinario) a exposición As nosas palabras, os nosos mundos, organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e coordinada polo profesor Anxo Lorenzo.

A mostra, que será itinerante, ten como obxectivo promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística do mundo e contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha boa convivencia global.

Se desexa máis información, prema aquí.
15/07/2008. INVESTIGACIóN

Segunda edición do Máster oficial en lingua e usos profesionais

A Universidade da Coruña organiza a segunda edición do Máster oficial en lingua e usos profesionais, con tres especialidades: galego, español e inglés.

A súa duración é de un ano académico e combina contidos lingüísticos, tecnolóxicos e das ciencias sociais, incluíndo tamén prácticas en empresas e institucións.

O prazo de preinscrición remata o 14 de agosto de 2008. A matrícula formalizarase en setembro.

11/07/2008. INVESTIGACIóN

EGU, a cultura universal en galego accesible en internet


A editorial Ir Indo presenta a versión dixital da EGU, a primeira enciclopedia galega de carácter universal escrita integramente en galego.

Esta obra, que será de acceso gratuíto ata outubro, conta con máis 200 000 entradas e inclúe, entre outros recursos, arquivos sonoros, vídeos, animacións e materiais didácticos.
09/07/2008. DINAMIZACIóN

AnimaLingua: granxa-escola en lingua galega

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza a granxa-escola AnimaLingua, iniciativa didáctica de dinamización lingüística no tempo libre dirixida a nenas e nenos de entre 8 e 11 anos.

O proxecto desenvolverase entre o 1 e o 13 de agosto na granxa escola Fervenza do Toxa (Abades-Silleda) e o prazo de inscrición é do 9 ao 19 de xullo. Se desexa máis información sobre o programa de actividades e mais os trámites de inscrición, prema aquí.
07/07/2008. DINAMIZACIóN

Ramón Piñeiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2009

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 5 de xullo, dedicar o Día das Letras Galegas 2009 a Ramón Piñeiro López, intelectual galeguista que destacou polo seu labor como ensaísta, escritor, tradutor e, en xeral, promotor da normalización da lingua galega nos anos da posguerra.

En 1967 foi elixido membro numerario da Real Academia Galega e en 1983 participou na creación do Consello da Cultura Galega, institución da que foi o primeiro presidente ata o seu pasamento en 1990.

Se desexa máis información, prema aquí.
02/07/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Monfero

O Concello de Monfero anuncia a convocatoria para a contratación temporal a tempo parcial dun técnico/a de normalización lingüística, que terá como principal obxectivo planificar e desenvolver as tarefas de asesoramento e dinamización lingüística que organice o Concello.

O proceso de selección é o de oposición libre. O prazo de presentación de solicitudes remata o 5 de xullo de 2008.
Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.

01/07/2008. AXUDAS E PREMIOS

O Concello da Coruña subvencionará iniciativas de normalización lingüística

A Concellaría de Mocidade, Solidariedade e Normalización Lingüística do Concello da Coruña publica, no BOP do 21 de xuño de 2008, a convocatoria de subvencións destinadas á participación da mocidade (inclúense como subvencionables os proxectos xuvenís de promoción da cultura e lingua galega) e mais a convocatoria de axudas a entidades sen fin de lucro para realizaren accións de normalización lingüística.

En ambas as convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
30/06/2008. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca cursos de linguaxe administrativa galega, de nivel medio e superior, para o persoal da Administración da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo de 2008. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.