Novas da lingua

Rexistros4651 a 4680 de 5273
21/01/2008. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Aranga

O Concello de Aranga anuncia a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística.

O proceso selectivo consistirá nun concurso de méritos e o prazo para presentar solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.

16/01/2008. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Mazaricos

O Concello de Mazaricos anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.[corrección de erros]

11/01/2007. EMPREGO

Contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística no Concello de Irixoa

O Concello de Irixoa anuncia a contratación temporal, a media xornada, dun técnico/a de normalización lingüística.

O proceso selectivo consistirá na valoración de méritos e nunha proba escrita que terá lugar o 23 de xaneiro. O prazo para presentar solicitudes remata o luns 21 de xaneiro de 2008.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
10/01/2008. CURSOS E CONGRESOS

Normalizando a fe

A Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas organiza a terceira edición das súas Xornadas de Normalización e Dinamización Lingüística, que terán lugar o vindeiro venres 11 de xaneiro no Hotel Os Abetos (Santiago de Compostela). O obxectivo principal desta iniciativa é promover foros de debate e intercambio de experiencias que contribúan a fomentar o uso do galego nos centros de ensino de titularidade católica.
04/01/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 4 de xaneiro de 2008, a convocatoria pública de axudas a entidades privadas sen fin de lucro para incrementar os usos da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia, da mocidade e do tempo de lecer.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria.

03/01/2008. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos centros privados concertados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 3 de xaneiro de 2008, a resolución da convocatoria de axudas para implantar accións que potencien o ensino en lingua galega no segundo ciclo de educación infantil en centros privados concertados de Galicia.

Para consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
02/01/2008. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en lingua galega

A Secretaría Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia anuncia, no DOG do 27 de decembro de 2007, a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.
02/01/2008. EMPREGO

Listaxe de candidatos para postos de técnico/a de normalización lingüística na Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña publica a convocatoria pública para a elaboración dunha listaxe de aspirantes para o posible nomeamento de técnicos/as de normalización lingüística como funcionarios/as interinos/as e/ou laborais temporais.

As probas selectivas consistirán na elaboración de dous exercicios eliminatorios, un primeiro que consistirá na contestación por escrito de 6 preguntas sobre o temario e un segundo no que deberá desenvolverse un suposto práctico relacionado coas funcións do posto e cos temas do programa.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
21/12/2007. DINAMIZACIóN

Os Reis Magos animan aos/ás nenos/as de Ames a escribirlles en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o I Concurso de Cartas aos Reis Magos. Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas entre o 20 de decembro de 2007 e o 2 de xaneiro de 2008 nas caixas de correo distribuídas por diferentes lugares do concello.

Os Reis Magos contestarán as cartas de todos os participantes e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios.

21/12/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Oleiros

O Concello de Oleiros anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
21/12/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o Premio Manuel Beiras 2007

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago fixeron entrega, o pasado 19 de decembro, dos seus respectivos premios aos galardoados da oitava edición do Premio Manuel Beiras.

Os premiados deste ano foron a empresa Cenlitrosmetrocadrado, na categoría de nova incorporación ao uso do galego, e o Dado Dadá, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego.

A Federación de Libreiros de Galicia recibiu tamén unha distinción especial polo seu compromiso co idioma.
20/12/2007. EMPREGO

Bolsas do Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 20 de decembro de 2007, a convocatoria de 16 bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (2 bolsas), Arquivo da Emigración Galega (2 bolsas), Arquivo de Comunicación (2 bolsas), Arquivo Sonoro de Galicia (2 bolsas), Área de Documentación (1 bolsa), Área de Publicacións (1 bolsa), Área de Xestión Cultural (2 bolsas), web corporativo do CCG (2 bolsas), Área de Informes (1 bolsa), Proxecto Sarmiento (1 bolsa).

A concesión das bolsas será ata o 31 de decembro de 2008. O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria (ver corrección de erros).
20/12/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios da Edición 2007

A Asociación Galega de Editores deu a coñecer os galardoados da terceira edición destes premios que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano.

Made in Galicia, de Sechu Sende, editado pola Editorial Galaxia; O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, editado por Edicións Xerais de Galicia; A Odisea, traducido Xavier Senín e editado pola Editorial Rodeira; Guía de mamíferos de Galicia, ilustrado por Carlos Silvar e editado por Baía Edicións; o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra; Anxos Sumai; A Nosa Terra, La Voz de Galicia e Alvarellos Editora foron as obras, autores e editores galardoados nas diferentes categorías.

Se desexa máis información, prema aquí.
20/12/2007. DINAMIZACIóN

Promoción do galego no ámbito xurídico e asociativo no Concello de Ribadeo

O IES Porta da Auga de Ribadeo desenvolverá un proxecto de normalización lingüística que ten como principal obxectivo a elaboración en galego de modelos documentais de uso frecuente no ámbito xurídico e asociativo. O proxecto, coordinador polo profesor Anxo Martínez, inclúe a distribución dixital destes documentos entre os colectivos xurídicos e asociativos de Ribadeo e a súa comarca, así como calquera outro apoio lingüístico que estes demanden.

O IES Porta da Auga xa desenvolveu con éxito o pasado curso 2006-2007 o proxecto de innovación lingüística “Normalización do galego na hostalaría ribadense”.
20/12/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de Dereito para as probas de habilitación para a tradución e interpretación xurada

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) organiza un curso de Dereito destinado especialmente a todas as persoas interesadas en presentarse ás probas de habilitación profesional para tradutores e intérpretes xurados.

O curso, de 20 h de duración, terá lugar os venres 11, 18 e 25 de xaneiro e 1 e 8 de febreiro, en horario de 16:00 a 20:00 h, na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. O prazo de preinscrición remata o vindeiro 22 de decembro de 2007.

As persoas interesadas en asistir ao curso deberán enviar un correo cos seus datos persoais a info@agpti.org, onde lle facilitarán máis información sobre esta actividade.

17/12/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios Xarmenta 2007

A Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta” deu a coñecer os galardoados da terceira edición destes premios que teñen como finalidade recoñecer o labor daquelas institucións e personalidades que máis teñan contribuído á promoción do galego no Bierzo.

Os gañadores deste ano son a Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León e o escritor Manuel Rivas. O acto de entrega dos premios terá lugar o 16 de xaneiro de 2008, no Teatro Bérgidum de Ponferrada.

A Asociación Xarmenta aproveitou a ocasión para presentar o segundo número da revista que leva o seu mesmo nome e coa que queren seguir contribuíndo á difusión da lingua galega no Bierzo.
17/12/2007. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 17 de decembro de 2007, a convocatoria de doce bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: dicionarios de literatura (2 bolsas), cadernos de fraseoloxía galega (1 bolsa), corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro (1 bolsa), recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos (2 bolsas), avaliación e aprendizaxe do galego (1 bolsa), prosa literaria galega medieval (1 bolsa), lírica medieval (2 bolsas) e síntese de voz en galego (1 bolsa).

O prazo de presentación de solicitudes é de 31 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.

14/12/2007. CURSOS E CONGRESOS

Formación para avaliadores do CELGA

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Cursos Internacionais da USC organizan novas xornadas de formación de avaliadores do CELGA, que se desenvolverán en xaneiro de 2008 (7 e 8 de xaneiro / 14 e 15 de xaneiro).

Se desexa acceder ao formulario de inscrición en liña, prema aquí.
14/12/2007. DINAMIZACIóN

Nadais diferentes na Coruña e Fene

Os concellos da Coruña e de Fene organizan escolas de Nadal dirixidas a nenos/as de Educación Infantil e Primaria, onde se desenvolverán diferentes actividades lúdicas e educativas que terán como eixo de unión a promoción e o uso do galego.

Na Escola “Un Nadal de viaxe polo mundo” participarán nenos/as da Coruña e da Comarca de Bergantiños e o prazo de matrícula remata o 22 de decembro. Pola súa parte, os máis novos/as do Concello de Fene teñen de prazo ata o 20 de decembro para inscribirse nun Nadal diferente.
12/12/2007. AXUDAS E PREMIOS

I Concurso literario Poeta Antonio Fernández Morales

O Concello de Cacabelos e a Asociación Berciana da Lingua Xarmenta organizan o I Concurso literario Poeta Antonio Fernández Morales, co obxectivo de fomentar o uso do idioma galego no Bierzo e ao mesmo tempo homenaxear a figura deste escritor berciano.

O certame, ao que poden presentarse obras escritas tanto en galego como en castelán, conta cunha modalidade de poesía e outra de relato breve, así como tres categorías para cada modalidade, segundo a idade do/a autor/a.

O prazo de admisión de orixinais remata o vindeiro día 20 de decembro.

11/12/2007. INVESTIGACIóN

A debate a relación cultural e lingüística entre Galicia e Portugal

A Fundación Vía Galego organiza os días 11 e 12 de decembro, na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela, dúas conferencias para afondar na ligazón histórica entre os falares do norte e do sur do Miño, así como nas oportunidades que se derivan desta relación.

O primeiro acto terá lugar o día 11 as 19:30 h e leva por título Compostela e Braga, dúas capitais culturais do Reino de Galiza, a cargo do historiador Anselmo López Carreira.

O día 12, ás 19:30 h, o político e intelectual Camilo Nogueira, baixo o título A cultura galega abre portas á Lusofonía, falará da potencialidade do idioma galego no contexto global.
11/12/2007. DINAMIZACIóN

En liña o número 38 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a recensión sobre novas utilidades informáticas para o galego, a presentación dos Premios á calidade e á excelencia lingüística ou a nova sobre o multilingüismo no ensino non universitario.
11/12/2007. EMPREGO

Bolsas de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) convoca dúas bolsas destinadas a desenvolver estudos e prácticas na materia de linguaxe administrativa galega nesta institución. As/os bolseiras/os desenvolverán as súas actividades de formación desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro de 2008, aínda que estas poderán ser prorrogadas por un ano máis. A dotación económica de cada bolsa será de 1 200 euros brutos mensuais.

O prazo> de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
11/12/2007. AXUDAS E PREMIOS

Múdase a data do exame Celga 4

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a modificación da data do exame para a acreditación do nivel de lingua galega Celga 4, que se realizará durante os días 26 e 27 de xaneiro de 2008. A partir do 3 de xaneiro de 2008 publicarase no web da SXPL a listaxe de admitidos/as, así como o día en que debe realizar a proba cada candidato.
30/11/2007. CURSOS E CONGRESOS

I Seminario de Planificación Lingüística

Os vindeiros días 3 e 4 de decembro desenvolverase no Consello da Cultura Galega o I Seminario de Planificación Lingüística, que reunirá a académicos, políticos, expertos e xestores galegos e non galegos para avaliar as políticas lingüísticas do Estado e obter ditames e recomendacións en materia de planificación lingüística.

O seminario, organizado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, estrutúrase en dúas xornadas, unha primeira que xirará arredor do modelo lingüístico educativo no ensino non universitario (3 de decembro) e unha segunda centrada nas políticas lingüísticas en España (4 de decembro).

Como asistentes ao acto foron convidados arredor de 100 profesionais e investigadores relacionados coa política lingüística e a planificación do idioma galego.
27/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios á calidade e á excelencia lingüística

A Universidade de Santiago, a través das comisións de normalización lingüística dos centros, convoca os IV Premios á calidade lingüística e o II Premio á excelencia lingüística.

Estes galardóns teñen como principal obxectivo fomentar a cultura da calidade e o uso do galego nos traballos académicos entre o alumnado de 1º e 2º ciclo.

A data límite de recepción dos traballos é o día 24 de xullo de 2008.

27/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o IV Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras

O xurado do IV Premio Luísa Villalta fixo pública a resolución a través da cal acordaron conceder tres premios por cada unha das modalidades que inclúe este galardón: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O certame, dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas, ten como principal obxectivo promover a reflexión e a dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

Prema aquí para consultar a lista de galardoados.
27/11/2007. LEXISLACIóN

Créase A Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística pon ao dispor de todas as persoas interesadas A Liña do Galego, un servizo gratuíto que atenderá consultas sobre dereitos lingüísticos e tramitará queixas sobre a súa vulneración. Así mesmo, tamén se recollerán e farán públicos os parabéns para as persoas e institucións que garantan e respecten o dereito a vivir en galego.

Pódese acceder a este servizo a través do teléfono 902 106474 (os días laborables, desde as 8:00 ás 22:00 horas) ou dirixíndose ao enderezo electrónico linhadogalego@amesanl.org.
26/11/2007. AXUDAS E PREMIOS

VIII Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio, Industria e Navegación e o Concello de Santiago convocan a oitava edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade outorgar un recoñecemento público ao esforzo de normalización lingüística no sector empresarial.

O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que leven feito un uso continuado do galego e outra para os que se incorporaron recentemente. Os interesados teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 30 de novembro de 2007.
26/11/2007. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cerceda

O Concello de Cerceda anuncia a convocatoria para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística que terá como principal obxectivo planificar, xestionar e executar accións destinadas a fomentar o uso e o prestixio da lingua galega en todos os sectores do ámbito municipal.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e o prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.