Novas da lingua

Rexistros4711 a 4740 de 5280
13/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción editorial galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 13 de xuño de 2007, a convocatoria de axudas á produción editorial para apoiar a tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e a tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

Máster oficial en lingua e usos profesionais

A Universidade da Coruña organiza o Máster oficial en lingua e usos profesionais, con tres especialidades: galego, español e inglés. Trátase do primeiro mestrado destas características que se imparte no Sistema Universitario Galego e como título oficial ten validez en toda a Unión Europea.

A súa duración é de un ano académico e combina contidos lingüísticos, tecnolóxicos e das ciencias sociais, incluíndo tamén prácticas en empresas e institucións.

O prazo de preinscrición estará aberto de 20 de xuño a 20 de xullo de 2007. A matrícula formalizarase en setembro.
11/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

III Curso de verán “Traballando en lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a terceira edición do curso de verán Traballando en Lingua, que terá lugar na Facultade Ciencias da Educación desta universidade os días 17, 18 e 19 de xullo de 2007.

Os obxectivos do curso son, entre outros, reflexionar sobre os factores que interveñen na dinamización lingüística, así como analizar e avaliar experiencias e metodoloxías desenvolvidas neste ámbito.

O prazo para realizar a preinscrición remata o vindeiro 28 de xuño.

05/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios a proxectos de innovación lingüística no ámbito educativo

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan 10 premios a proxectos de innovación en normalización lingüística destinados aos centros de ensino públicos.

O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


05/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a cuarta edición do Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

O premio está dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas e contará con dúas modalidades: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2007.
05/06/2007. EMPREGO

Praza de tradutor/a en lingua galega

A Deputación Provincial de Ourense publica, no BOP de Ourense do 30 de maio de 2007, a convocatoria para cubrir, como persoal laboral temporal, unha praza de tradutor/a en lingua galega. O procedemento de selección será o de concurso cunha proba práctica e o prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
04/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de linguaxe administrativa galega (nivel medio e superior) para o persoal da Administración local de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

30/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Normalizando a Xeración E Logo!

No marco da campaña xeral de promoción lingüística En galego tes todo por dicir. E Logo!, a Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a iniciativa Xeración E Logo!, destinada a fomentar a transmisión lingüística entre pais e fillos.

A través desta actuación, o Servizo Galego de Saúde entregaralles a todas as mulleres en estado de xestación en Galicia unha carpeta-maletín con información e consellos de puericultura, un caderno do embarazo, recitativos para o bebé e un disco con cantos de berce.

29/05/2007. OUTRAS

Xa está dispoñible o Mini MAGASI v2.0

Manuel González, docente do Ciclo Formativo de Grao Superior de Administración de Sistemas Informáticos no IES Xulián Magariños (Negreira), acaba de presentar a segunda versión do proxecto MAGASI, compilación de software educativo de libre distribución en lingua galega.

Esta segunda versión en formato CD leva por nome Mini MAGASI v2.0 e en breve contará cunha edición ampliada en formato DVD. Ademais de descargalo no seu PC, desde o pasado mes de outubro de 2006, o MAGASI tamén pode consultarse en liña.

28/05/2007. DINAMIZACIóN

Campaña de transmisión lingüística interxeracional no Concello de Santiago

A Concellaría de Política Lingüística do Concello de Santiago, en colaboración coa Deputación da Coruña, botou a andar unha nova campaña deseñada para sensibilizar as familias compostelás sobre a importancia de transmitirlles aos seus fillos de forma temperá a lingua galega.

A campaña organízase arredor de tres momentos: o embarazo, o parto e o rexistro, e para o seu desenvolvemento contouse coa colaboración das diferentes entidades que teñen relación co nacemento do neno/a, como son os centros de saúde, as tendas especializadas en puericultura ou o Rexistro Civil.
(Máis información)



25/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a normalización da lingua galega na Administración local

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 25 de maio de 2007, a convocatoria pública de subvencións destinadas ás entidades locais para desenvolver actividades de promoción e difusión do idioma galego neste ámbito.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

24/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Búscase imaxe para o galego

O xornal electrónico Vieiros convoca a segunda edición do certame Unha imaxe para o galego, que nesta ocasión tamén inclúe a modalidade de vídeo. Trátase de elixir a imaxe ou vídeo que describa de xeito máis orixinal o que significa para os participantes o idioma galego.

O prazo para enviar as propostas remata o vindeiro 11 de xuño.
23/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

I Premio de artigos xornalísticos normalizadores “Concello de Vilagarcía”

O Concello de Vilagarcía de Arousa convoca a primeira edición deste premio que ten como obxectivo principal fomentar espazos de reflexión sociolingüística nos medios de comunicación.

O certame conta cun primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300, ademais da publicación dos artigos galardoados nos diferentes medios colaboradores. O prazo de presentación dos artigos remata o vindeiro 2 de xuño de 2007.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
23/05/2007. DINAMIZACIóN

A CIG anima a “revirarse” á mocidade traballadora

Baixo o lema “Revírate, en galego sempre”, a CIG presenta unha nova campaña de normalización lingüística dirixida á mocidade traballadora, co ánimo de que superen os prexuízos existentes e reclamen o seu dereito a empregar o galego en todos os ámbitos sociais, incluído o laboral.

A campaña, que botou a andar o día 1 de maio, Día do Internacionalismo Proletario, e terá continuidade ata o outono, conta con materiais publicitarios e formativos que se farán chegar aos delegados/as da CIG, así como a diferentes asociacións, bibliotecas e institucións públicas. Se desexa máis información, prema aquí.
23/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Máis axudas para o audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia fixo públicas as convocatorias de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, así como para a produción ou coprodución destes proxectos.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xuño, no caso das producións e coproducións, e o 16 de xuño se se trata de proxectos audiovisuais.
16/05/2007. OUTRAS

Acceso libre ao bUSCatermos

A Universidade de Santiago de Compostela decidiu conmemorar o Día das Letras Galegas e o Día de Internet liberando ata o 30 de maio o acceso á maior base de termos científicos que existe en lingua galega.
Actualmente, o bUSCatermos conta con 134 000 fichas de
200 000 termos de linguaxes de especialidade que están sendo traducidos ao portugués, castelán, inglés e catalán.

15/05/2007. LEXISLACIóN

O Parlamento de Galicia insta á normalización do galego na Administración local

O pasado 9 de maio aprobouse por unanimidade no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para a adopción de medidas que permitan cumprir cos obxectivos marcados polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega na Administración local.

Esta iniciativa atende a aspectos como a toponimia; o uso oral e escrito nas relacións coa cidadanía; os actos e relacións xurídicas dos concellos e deputacións; o acceso á función pública ou a coordinación dos servizos lingüísticos.
Se desexa coñecer o texto completo, prema aquí.
14/05/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán de Lingua e Cultura Galegas para estranxeiros

A Universidade da Coruña, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, organiza este curso que terá lugar entre o 2 e o 27 de xullo, cunha duración de 80 horas lectivas, na Facultade de Filoloxía da Coruña.

Na súa primeira edición ofertará o nivel elemental de lingua galega e terá un custo de 200 euros, prezo en que están incluídos o material didáctico, os gastos das actividades complementarias de carácter cultural e mais o diploma. Ao mesmo tempo, a UDC ofertará varias bolsas de estadía, por un importe de 400 euros e exención de matrícula.

Se desexa obter máis información sobre os trámites da matrícula ou coñecer os contidos do curso, prema aquí.
14/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

O III Premio a artigos xornalísticos normalizadores xa ten gañador

Trátase de Miguel Mosquera Fociños, autor de Obreiras, tolos, escolares, poetas. A Lingua galega nas cidades. Xunto con el foron galardonados Sechu Sende, que recibiu o 2º premio polo artigo Guía sexual da sociolingüística; e Xabier Cid, recoñecido cun accésit.

Ademais do correspondente premio en metálico, os artigos gañadores sairán publicados nos diferentes medios colaboradores os vindeiros días 19 de maio (2º premio) e 20 de maio (1º premio). No caso dos medios non diarios, publicaranse ambos artigos no número inmediatamente posterior a estas datas.

A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 17 de maio, ás 19:00 h, na praza do Concello de Carballo, no transcurso dos actos de celebración do Día das Letras Galegas.
11/05/2007. DINAMIZACIóN

O Concello de Ames súmase ao Programa de Voluntariado de Activación Lingüística

O Voluntariado de Activación Lingüística é unha iniciativa coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia. O Concello de Ames é o segundo concello, despois do de Santiago de Compostela, que se une a este proxecto co ánimo de fomentar os lazos de contacto entre persoas falantes de galego e outras que desexan aprendelo ou perfeccionalo.

Os lugares de inscrición son a Casa da Cultura do Milladoiro, as bibliotecas municipais e o Servizo de Normalización Lingüística.

Para obter máis información, prema aquí.
11/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 10 de maio de 2007, a convocatoria pública de subvencións para a produción de curtametraxes en versión orixinal en lingua galega, así como de contidos interactivos e proxectos de creación net-art.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
09/05/2007. INVESTIGACIóN

Conferencia de Francesco Benozzo no Consello da Cultura Galega

O vindeiro martes, 15 de maio, o profesor Francesco Benozzo impartirá unha conferencia que leva por título
"L´area galega nella preistoria linguistica d´Europa".

O acto, organizado polo Consello da Cultura Galega e o Instituto da Lingua Galega, terá lugar ás 17.00 horas na biblioteca do CCG. Todas as persoas interesadas en asistir deben confirmar a súa asistencia nos teléfonos 981 957 226 / 981 957 218 ou no correo electrónico comunicacion@consellodacultura.org.
08/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Probas libres de lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza probas libres de lingua galega para os niveis de iniciación e perfeccionamento. As probas de iniciación realizaranse o 16 de xuño de 2007 e as de perfeccionamento o día 30 de xuño, nos lugares indicados nas respectivas convocatorias.

07/05/2007. DINAMIZACIóN

En liña o número 35 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a convocatoria da segunda edición do concurso de publicidade Comunicándomos, o anuncio do novo Curso de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación ou a nova sobre a proposta que a USC lle presentou á ACSUG para que na valoración de méritos docentes se inclúan os relacionados co uso do galego.
07/05/2007. DINAMIZACIóN

Ames aposta pola introdución do galego no ámbito das novas tecnoloxías

Co gallo da celebración do vindeiro día 17 de maio, Día das Letras Galegas e Día Mundial de Internet, a Concellería de Cultura e Deportes do Concello de Ames organizará ao longo deste mes de maio diferentes actividades formativas destinadas a fomentar o uso das novas tecnoloxías en lingua galega.

A maior parte dos actos desenvolverase na semana das Letras Galegas e entre as actividades programadas haberá cursos de iniciación á informática, actividades de difusión do software libre en galego ou cursos de elaboración de blogs. Se desexa máis información, prema aquí.
03/05/2007. OUTRAS

Nova Escola Galega opina sobre a política educativa en Galicia

Tomando como referente o debate iniciado na pasada XIII Asemblea anual de Nova Escola Galega (NEG), o grupo de normalización deste colectivo elaborou un documento sobre o estado actual da normalización lingüística no ensino. Na publicación NEG Opina reflexiónase sobre o proxecto de decreto para o uso do galego no ensino, poñéndoo en relación co decreto vixente, cos modelos de normalización lingüística para o ensino elaborados con anterioridade por NEG e mais cos diferentes datos sociolingüísticos publicados recentemente.

Se desexa consultar este documento, prema aquí.
03/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a elaboración de guións de proxectos audiovisuais en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 3 de maio de 2007, a convocatoria de subvencións para a escrita individual de guións de proxectos audiovisuais en lingua galega.

O prazo para presentar as solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/05/2007. OUTRAS

Novas edicións de Expolingua en Berlín e Praga

Ao longo do mes de novembro de 2007 desenvolveranse dúas novas edicións destas feiras internacionais para a promoción das linguas nas cidades de Berlín e Praga. A Expolingua Praga 2007 terá lugar os días 9 e 10 de novembro e a Expolingua Berlín 2007 desenvolverase entre os días 16 e 18 do mesmo mes.

O galego, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ten anualmente presenza institucional nas Expolinguas de Lisboa, París e Berlín.
25/04/2007. DINAMIZACIóN

Comeza unha nova edición do Correlingua

Baixo o lema Galegando bota a andar unha nova edición do Correlingua, proposta lúdico-educativa que pretende convidar os centros de ensino e a mocidade galega en xeral a reivindicar publicamente a normalización do idioma galego.

O Correlingua comezará o vindeiro 2 de maio en Fene e percorrerá durante dúas semanas diferentes comarcas do país, ata rematar en Pontevedra o día 16.
25/04/2004. DINAMIZACIóN

Albaroque da lingua 2007

Con motivo da véspera do Día das Letras Galegas, un grupo de profesionais da normalización lingüística organiza a primeira edición do Albaroque da lingua, xuntanza lúdico-festiva reivindicativa que quere fomentar o espírito lúdico no proceso de normalización do idioma.

Os/as organizadores/as convidan a todas as persoas implicadas dalgún xeito no proceso de normalización do galego a participar nunha cea de confraternización que terá lugar o vindeiro día 16 de maio, en Luou, e que contará tamén cun espectáculo ao vivo e outras sorpresas.