Novas da lingua

Rexistros4741 a 4770 de 5273
20/07/2007. OUTRAS

As novas probas de competencia lingüística comezarán a finais de ano

Segundo informou a Secretaría Xeral de Política Lingüística, no último trimestre deste ano 2007 realizaranse as primeiras probas de lingua galega adaptadas ao novo sistema de certificación de competencia lingüística CELGA.

Para a preparación destas probas existirá a opción de asistir a cursos presenciais preparatorios ou ben botar man de diversos materiais de autoaprendizaxe que en breve estarán accesibles no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Se desexa máis información, prema aquí.
12/07/2007. DINAMIZACIóN

Ribadeo con moito gusto, na túa lingua

O Concello de Ribadeo e o IES Porta da Auga están a desenvolver conxuntamente a campaña de dinamización lingüística Ribadeo con moito gusto, na túa lingua, que ten como principais obxectivos promover a calidade e autenticidade dos servizos e produtos que se ofrecen na hostalería ribadense e dinamizar o uso do idioma galego neste ámbito.

No transcurso da campaña repartiranse entre os restaurantes e cafeterías do concello portamenús, a tradución dos respectivos menús en catro idiomas (galego, castelán, francés e inglés), modelos de carta en soporte informático, adhesivos co lema da campaña e diplomas de adhesión.
11/07/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros privados

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 11 de xullo de 2007, a resolución das subvencións a proxectos de fomento do uso do galego desenvolvidos polos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados.

Para consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
10/07/2007. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica, no DOG do 10 de xullo de 2007, a convocatoria de doce bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta institución.

Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (2 bolsas), Proxecto Sarmiento (1 bolsa), Arquivo de Comunicación (2 bolsas), Arquivo Sonoro de Galicia (2 bolsas), web corporativo do CCG (2 bolsas), Área de Publicacións (1 bolsa), Xestión Cultural (2 bolsas).

A concesión das bolsas será ata o 31 de decembro de 2007. O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
06/07/2007. OUTRAS

O alumnado do Bierzo e Sanabria poderá estudar galego no Bacharelato

A Xunta de Castela e León acaba de aprobar a introdución da materia optativa “Lingua e Cultura Galega” dentro do currículo do Bacharelato, polo que a partir do vindeiro curso 2007-2008 os institutos de ensino secundario dos territorios limítrofes con Galicia poderán ofertar estes estudos, dándolle así continuidade ao programa de lingua galega establecido xa no Ensino Secundario Obrigatorio.

A medida insírese no Protocolo de colaboración que manteñen a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León para promover o ensino do galego en centros do Bierzo e de Sanabria. Se desexa máis información, prema aquí.
04/07/2007. INVESTIGACIóN

Preséntase no CCG a publicación “A lingua galega na cidade no século XX”

Mañá xoves, día 5 de xullo, presentarase no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega a obra A lingua galega na cidade no século XX, editada por Edicións Xerais e da que é autor Gabriel Rei-Doval, profesor de sociolingüística da Universidade de Wisconsin.

Na presentación, que terá lugar ás 13:00 h, intervirán Henrique Monteagudo (secretario do CCG), Manuel Bragado (director de Xerais) e o propio autor.
04/07/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Escola Galega de Administración Publica e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) para o persoal das administracións de Galicia.

As solicitudes deben tramitarse a través do formulario que atopará no web da EGAP. O prazo de matrícula remata o 16 de xullo de 2007.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
02/07/2007. DINAMIZACIóN

Xosé María Álvarez Blázquez, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 30 de xuño, dedicar o Día das Letras Galegas 2008 a Xosé María Álvarez Blázquez, escritor tudense que destacou tamén polo seu importante labor como editor. No web culturagalega.org obterá máis información sobre a biografía deste autor.

Na mesma sesión plenaria nomeouse Académico de Honra da Real Academia Galega a John Rutherford, profesor titular da Facultade de Español do Queen's College e director do Centre for Galician Studies de Oxford.

29/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

Curso de formación de profesorado de galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, un curso de formación de profesorado de galego, que se desenvolverá os días 16-24 de xullo de 2007 no Campus Sur da Universidade de Santiago.

O custo do curso é de 40 euros e o prazo de matrícula remata o vindeiro 6 de xullo.
29/06/2007. LEXISLACIóN

A Xunta de Galicia aproba o novo decreto para regular o uso do galego no ensino

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica no DOG do 29 de xuño de 2007 o Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.

Un dos aspectos máis salientables desta nova normativa é que tanto no ensino primario como secundario deberá impartirse como mínimo o 50% da docencia en galego. No ensino infantil (0-6 anos) o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado e no caso dos contextos castelán falantes o uso do galego deberá ser como mínimo igual ao do castelán. No ensino de adultos, nos niveis I e II impartirase en galego, como mínimo, o 50% das materias e a partir da ESO a docencia será integramente en galego, agás as materias doutras linguas.
28/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

VII Escola de Verán “A Normalización Lingüística”

Nova Escola Galega organiza unha nova edición da súa Escola de Verán, que nesta ocasión terá como tema central a normalización lingüística.
As xornadas, destinadas ao profesorado de ensino non universitario, desenvolveranse entre os días 5 e 8 de setembro de 2007 na Casa da Cultura do Concello de Fene.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
18/06/2007. DINAMIZACIóN

A Universidade de Santiago adhírese ao Voluntariado de Activación Lingüística

A partir do vindeiro curso académico, os estudantes foráneos dos diferentes programas de intercambio nos que participa a USC (Erasmus, Séneca e intercambios bilaterais) poderán formar parte do Programa de Acompañamento de Estudantes (PAE). A través do PAE estes estudantes recibirán a axuda de estudantes voluntarios/as que lles facilitarán o seu achegamento á lingua e cultura galegas.

A iniciativa inscríbese no programa de Voluntariado de Activación Lingüística (VAL) que están a desenvolver a Mesa pola Normalización Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Para obter máis información, prema aquí.
18/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros públicos

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica, no DOG do 18 de xuño de 2007, a resolución das subvencións a proxectos de fomento do uso do galego desenvolvidos polos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino públicos.

Para consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
18/06/2007. DINAMIZACIóN

O SNL do Concello do Barco de Valdeorras xa está na rede

Xa está accesible na rede o sitio web oficial do Concello do Barco de Valdeorras, que inclúe unha páxina dedicada ao Servizo de Normalización Lingüística municipal. Nela ofrécese información sobre os servizos que oferta o SNL e en breve engadirase tamén o nomenclátor oficial do concello, así como datos de coñecemento e uso do galego neste municipio.
15/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 7 de xuño de 2007, a resolución das subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega nos ámbitos da familia, da infancia e da mocidade.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
13/06/2007. DINAMIZACIóN

O idioma galego terá presenza por primeira vez no Eisteddfod

Este ano o Centro de Estudos Galegos en Gales participará no festival anual de cultura galesa Eisteddfod, que terá lugar en Mold (Flintshire) desde o 4 ao 11 de agosto.

No marco deste evento, o día 6 de agosto, ás 14:00 h, o escritor e tradutor Xurxo Borrazás participará cunha conferencia sobre lingua e literatura galegas. A intervención realizarase en galego, cun servizo de tradución simultánea ao galés.
13/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a produción editorial galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 13 de xuño de 2007, a convocatoria de axudas á produción editorial para apoiar a tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e a tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
13/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

Máster oficial en lingua e usos profesionais

A Universidade da Coruña organiza o Máster oficial en lingua e usos profesionais, con tres especialidades: galego, español e inglés. Trátase do primeiro mestrado destas características que se imparte no Sistema Universitario Galego e como título oficial ten validez en toda a Unión Europea.

A súa duración é de un ano académico e combina contidos lingüísticos, tecnolóxicos e das ciencias sociais, incluíndo tamén prácticas en empresas e institucións.

O prazo de preinscrición estará aberto de 20 de xuño a 20 de xullo de 2007. A matrícula formalizarase en setembro.
11/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

III Curso de verán “Traballando en lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza a terceira edición do curso de verán Traballando en Lingua, que terá lugar na Facultade Ciencias da Educación desta universidade os días 17, 18 e 19 de xullo de 2007.

Os obxectivos do curso son, entre outros, reflexionar sobre os factores que interveñen na dinamización lingüística, así como analizar e avaliar experiencias e metodoloxías desenvolvidas neste ámbito.

O prazo para realizar a preinscrición remata o vindeiro 28 de xuño.

05/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

Premios a proxectos de innovación lingüística no ámbito educativo

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística convocan 10 premios a proxectos de innovación en normalización lingüística destinados aos centros de ensino públicos.

O prazo de presentación de solicitudes é de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.


05/06/2007. AXUDAS E PREMIOS

IV Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organizan a cuarta edición do Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras, que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

O premio está dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas e contará con dúas modalidades: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de outubro de 2007.
05/06/2007. EMPREGO

Praza de tradutor/a en lingua galega

A Deputación Provincial de Ourense publica, no BOP de Ourense do 30 de maio de 2007, a convocatoria para cubrir, como persoal laboral temporal, unha praza de tradutor/a en lingua galega. O procedemento de selección será o de concurso cunha proba práctica e o prazo de presentación de solicitudes é de 7 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
04/06/2007. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de linguaxe administrativa galega (nivel medio e superior) para o persoal da Administración local de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

30/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Normalizando a Xeración E Logo!

No marco da campaña xeral de promoción lingüística En galego tes todo por dicir. E Logo!, a Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a iniciativa Xeración E Logo!, destinada a fomentar a transmisión lingüística entre pais e fillos.

A través desta actuación, o Servizo Galego de Saúde entregaralles a todas as mulleres en estado de xestación en Galicia unha carpeta-maletín con información e consellos de puericultura, un caderno do embarazo, recitativos para o bebé e un disco con cantos de berce.

29/05/2007. OUTRAS

Xa está dispoñible o Mini MAGASI v2.0

Manuel González, docente do Ciclo Formativo de Grao Superior de Administración de Sistemas Informáticos no IES Xulián Magariños (Negreira), acaba de presentar a segunda versión do proxecto MAGASI, compilación de software educativo de libre distribución en lingua galega.

Esta segunda versión en formato CD leva por nome Mini MAGASI v2.0 e en breve contará cunha edición ampliada en formato DVD. Ademais de descargalo no seu PC, desde o pasado mes de outubro de 2006, o MAGASI tamén pode consultarse en liña.

28/05/2007. DINAMIZACIóN

Campaña de transmisión lingüística interxeracional no Concello de Santiago

A Concellaría de Política Lingüística do Concello de Santiago, en colaboración coa Deputación da Coruña, botou a andar unha nova campaña deseñada para sensibilizar as familias compostelás sobre a importancia de transmitirlles aos seus fillos de forma temperá a lingua galega.

A campaña organízase arredor de tres momentos: o embarazo, o parto e o rexistro, e para o seu desenvolvemento contouse coa colaboración das diferentes entidades que teñen relación co nacemento do neno/a, como son os centros de saúde, as tendas especializadas en puericultura ou o Rexistro Civil.
(Máis información)



25/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a normalización da lingua galega na Administración local

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 25 de maio de 2007, a convocatoria pública de subvencións destinadas ás entidades locais para desenvolver actividades de promoción e difusión do idioma galego neste ámbito.

O prazo de presentación de solicitudes é de un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

24/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

Búscase imaxe para o galego

O xornal electrónico Vieiros convoca a segunda edición do certame Unha imaxe para o galego, que nesta ocasión tamén inclúe a modalidade de vídeo. Trátase de elixir a imaxe ou vídeo que describa de xeito máis orixinal o que significa para os participantes o idioma galego.

O prazo para enviar as propostas remata o vindeiro 11 de xuño.
23/05/2007. AXUDAS E PREMIOS

I Premio de artigos xornalísticos normalizadores “Concello de Vilagarcía”

O Concello de Vilagarcía de Arousa convoca a primeira edición deste premio que ten como obxectivo principal fomentar espazos de reflexión sociolingüística nos medios de comunicación.

O certame conta cun primeiro premio de 600 euros e un segundo de 300, ademais da publicación dos artigos galardoados nos diferentes medios colaboradores. O prazo de presentación dos artigos remata o vindeiro 2 de xuño de 2007.

Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
23/05/2007. DINAMIZACIóN

A CIG anima a “revirarse” á mocidade traballadora

Baixo o lema “Revírate, en galego sempre”, a CIG presenta unha nova campaña de normalización lingüística dirixida á mocidade traballadora, co ánimo de que superen os prexuízos existentes e reclamen o seu dereito a empregar o galego en todos os ámbitos sociais, incluído o laboral.

A campaña, que botou a andar o día 1 de maio, Día do Internacionalismo Proletario, e terá continuidade ata o outono, conta con materiais publicitarios e formativos que se farán chegar aos delegados/as da CIG, así como a diferentes asociacións, bibliotecas e institucións públicas. Se desexa máis información, prema aquí.