Novas da lingua

Rexistros4891 a 4920 de 5145
24/07/2006. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Instituto da Lingua Galega convoca catro bolsas de colaboración para os proxectos Corpus romance da Galicia medieval (2 bolsas), Tesouro Informatizado da Lingua Galega (1 bolsa) e Atlas Lingüístico Galego (1 bolsa).

Os/as solicitantes deberán estar en posesión da licenciatura de Filoloxía Galega ou Filoloxía Románica, non levar licenciados/as máis de 5 anos e ter unha nota media igual ou superior a 1,5 puntos no expediente académico.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
19/07/2006. EMPREGO

Praza de profesor/a de lingua e literatura galegas en Londres

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia, no DOG do 19 de xullo de 2006, a convocatoria de concurso público para a provisión dunha praza de profesor de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres.
Poden participar no concurso os funcionarios do corpo de mestres licenciados en Filoloxía Hispánica (galego-portugués), Filoloxía Románica (galaico-portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os profesores numerarios de lingua e literatura galegas de ensino secundario.

O prazo para a presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir da publicación desta convocatoria.
19/07/2006. CURSOS E CONGRESOS

Mar por medio 2006: estar no mundo, desde nós

O Concelle de Ribadeo, a Consellería de Cultura e Deporte e a Universidade de Santiago organizan a XIV edición das xornadas Mar por Medio, que terán lugar en Ribadeo os vindeiros días 26, 27 e 28 de xullo.

As sesións terán como fío condutor as estratexias para a proxección exterior da cultura galega e os contidos lingüísticos trataranse na xornada do xoves 27, na mesa redonda “Lingua e cultura galega no exterior: os casos irlandés, británico, francés e catalán”.

Se desexa máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.

17/07/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ao sector editorial para apoiar a tradución

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 17 de xullo de 2006, a convocatoria de axudas á produción editorial para apoiar a tradución de obras ao galego e a tradución e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego, así como para realizar grandes proxectos editoriais.

O prazo para presentar as solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/07/2006. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións para a edición de publicacións periódicas en lingua galega

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anuncia, no DOG do 17 de xullo de 2006, a convocatoria de subvencións para empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir do día seguinte ao da publicacións da resolución.
14/07/2006. EMPREGO

Praza de normalizador/a lingüístico/a na S. A. de Xestión do Plan Xacobeo

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo anuncia, no DOG do 12 de xullo de 2006, a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura dunha praza de normalizador/a lingüístico/a (persoal laboral fixo).

Poderán presentarse ás probas selectivas todas as persoas maiores de idade que estean en posesión da licenciatura de Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro día 14 de agosto.
As bases desta convocatoria están á súa disposición na sede da sociedade (Pavillón de Galicia. San Lázaro, s/n. Santiago de Compostela) ou nos fondos do CDSG.

10/07/2006. DINAMIZACIóN

María Mariño Carou será a homenaxeada no Día das Letras Galegas 2007

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 7 de xullo, dedicar o Día das Letras Galegas 2007 a María Mariño Carou, poeta de obra breve pero intensa, marcada polas circunstancias persoais e sociais que lle tocou vivir.

Se desexa máis información sobre a biografía desta autora, prema aquí.
07/07/2006. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 30 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a recensión da XV Trobada de Serveis Linguístics Universitaris, a presentación do curso de elaboración e edición de unidades didácticas de calidade en galego que está a organizar a Comisión de Normalización Lingüística de Psicoloxía ou o artigo sobre o tradutor automático OpenTrad.


06/07/2006. LEXISLACIóN

O Parlamento europeo rectifica

Despois de que o pasado 18 de maio a Conferencia de Presidentes lle solicitase á Mesa do Parlamento europeo reconsiderar a súa decisión sobre o uso das linguas cooficiais españolas, a Eurocámara rectificou finalmente a súa postura.

O novo acordo permítelles aos cidadáns dirixirse por escrito ao Parlamento europeo en galego, catalán e éuscaro e recibir unha resposta na mesma lingua. Ademais, traduciranse aos correspondentes idiomas cooficiais os textos lexislativos que afecten aos territorios onde estes se falan.
30/06/2006. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles na rede as intervencións dos II Diálogos de Lingua e Sociedade

Xa se pode acceder desde a mediateca da Uvigo-TV ás intervencións dos II Diálogos de Lingua e Sociedade 2006, organizados pola Fundación Carlos Casares e que tiveron lugar o pasado 21 de xuño na Universidade de Vigo.
28/06/2006. EMPREGO

Praza de Técnico/a de Normalización Lingüística no Concello do Val do Dubra

O Concello do Val do Dubra publica, no BOP do 21 de xuño de 2006, a convocatoria do proceso selectivo para a provisión dunha praza de Técnico/a de Normalización Lingüística.

O sistema de selección será o de concurso-oposición e os/as aspirantes deberán posuír o título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega, ou de mestre co diploma de especialista en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Se desexa máis información, prema aquí.
26/06/2006. AXUDAS E PREMIOS

II Concurso de mensaxes de móbil

A Área de Normalización Lingüística do Concello de Porriño, en colaboración coa Biblioteca municipal, organiza a segunda edición do Concurso de mensaxes SMS en lingua galega.

As mensaxes, que teñen ser orixinais e non superar os 150 caracteres, deben enviarse ao número 630468553 antes do vindeiro venres, 30 de xuño.
19/06/2006. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as subvencións a entidades privadas sen fin de lucro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publica, no DOG do 19 de xuño de 2006, a resolución das subvencións a entidades privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
19/06/2006. DINAMIZACIóN

Tui rememorará os primeiros xogos florais en lingua galega

No marco dos actos de celebración do seu centenario, a Real Academia Galega conmemorará a celebración dos primeiros xogos florais en galego, celebrados en Tui en 1891.

O acto terá lugar o vindeiro sábado, 24 de xuño, en Tui e nel rememoraranse aqueles primeiros xogos florais con diferentes actuacións musicais, intervencións de reivindicación lingüística a cargo dos académicos da RAG e a lectura dos xa históricos discursos de Manuel Murguía, Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas.
15/06/2006. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 15 de xuño de 2006, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
12/06/2006. DINAMIZACIóN

O galego, o mellor dos ingredientes

Os concellos de Ames, Brión e Rois presentan a campaña de galeguización da hostalería “O galego, o mellor dos ingredientes”. O acto, no que intervirán representantes dos tres concellos organizadores e do sector da hostalaría, contará tamén coa actuación do grupo Mofa e Befa, co espectáculo “Cociña cacofónica”.

A presentación terá lugar o vindeiro xoves, l5 de xuño, ás 18:00 h no Pazo da Peregrina (Bertamiráns – Ames).
08/06/2006. AXUDAS E PREMIOS

IV edición do Premio Ramón Piñeiro de ensaio breve

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca a cuarta edición deste premio que ten como obxectivos principais homenaxear a figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro e contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega.
O prazo para a presentación de orixinais remata o 4 de setembro de 2006. O traballo gañador será publicado na colección Cadernos Ramón Piñeiro e o seu autor/a recibirá
3 000 euros.

Se desexa consultar o texto completo desta convocatoria, prema aquí.
08/06/2006. DINAMIZACIóN

Consulte en liña o nº 29 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o novo número do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación do I Concurso de publicidade en galego, a nova sobre os diferentes premios orientados á dinamización lingüística que convoca a USC ou o artigo sobre os recursos informáticos en galego que difunde o portal mancomún.org.
08/06/2006. DINAMIZACIóN

A arte de contar no Concello de Betanzos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos organiza o obradoiro “A arte de contar”, con actividades de expresión corporal e contacontos. As actividades, destinadas a cativos/as de entre 7 e 14 anos, desenvolveranse ao longo do mes de xullo (sábados pola mañá) e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
Se desexa máis información, pode poñerse en contacto co servizo: 981 771300 / 670016403.
06/05/2006. EMPREGO

Praza de Técnico de Normalización Lingüística no Concello de Vigo

O Concello de Vigo publica, no BOP do día 2 de xuño de 2006, a cobertura con carácter interino dunha paraza de Técnico Superior de Normalización Lingüística. O sistema de selección será o de oposición libre e o prazo para a presentación de instancias é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.

06/05/2006. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os XII Premios Peña Novo

A Fundación Lois Peña Novo fixo públicos os gañadores da XII edición dos Premios Peña Novo, pensados para animar o proceso de normalización lingüística nas administracións públicas de Galicia.

Nesta edición os galardoados foron os xulgados 1 e 2 de primeira instancia e instrución de Lalín; o xefe superior de Policía de Galicia, Luís García Mañá; e a empresa de telecomunicacións R.
02/06/2006. CURSOS E CONGRESOS

Diálogos sobre linguas e sociedades 2006

A Fundación Carlos Casares organiza a segunda edición destes Diálogos, que naceron co obxectivo de converterse en foro estable de debate sobre as cuestións derivadas da complexa relación entre as linguas e os grupos humanos e que xirarán nesta ocasión arredor das ideoloxías e a diversidade lingüística.

O acto terá lugar o vindeiro 21 de xuño na Universidade de Vigo (Edificio Miralles – sala 1) e a asistencia será libre ata completar a capacidade da sala. Se desexa obter máis información sobre o programa, prema aquí.
02/06/2006. DINAMIZACIóN

Presentación pública do Foro Enrique Peinador

O pasado mércores, día 31 de maio, presentouse publicamente en Ourense o Foro Enrique Peinador, que aglutina entidades empresariais e institucionais influentes no ámbito socioeconómico galego e que nace co obxectivo de conciliar a actividade económica coa defensa dos valores culturais e lingüísticos do país.

Entre as iniciativas máis inmediatas do Foro están a organización dunha xornada dedicada á empresa galega, a elaboración dun dicionario de termos económicos ou a proposta de institucionalización do Día da Empresa Galega.
31/05/2006. INVESTIGACIóN

Contratación de persoal docente no Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo

O reitorado da Universidade de Vigo convoca un concurso público para a contratación de persoal docente.

Catro das prazas ofertadas están adscritas ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina (dúas con categoría de asociado e dúas con categoría de axudante) e os titulares impartirán a docencia nas facultades de Filoloxía e Tradución (Vigo), Ciencias Empresariais e Turismo (Ourense), Ciencias da Educación e do Deporte (Pontevedra) e Ciencias Sociais e da Comunicación (Pontevedra).

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 5 de xuño. Se desexa máis información sobre as características destas prazas, prema aquí.
31/05/2006. OUTRAS

O Instituto Cervantes colaborará na difusión exterior da lingua galega

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Instituto Cervantes asinaron un convenio de colaboración para incluír dentro da programación académica do Instituto Cervantes cursos de galego oral, de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega.

Con este mesmo obxectivo de fomentar a difusión exterior da lingua, a Xunta de Galicia formalizou tamén o seu ingreso na Casa das Linguas, institución promovida polo Instituto Cervantes e pola Universidade de Alcalá, onde se ofertarán a partir do vindeiro mes de setembro cursos de galego, catalán, vasco e portugués.

26/05/2006. INVESTIGACIóN

O Concello de Betanzos homenaxea a M. Lugrís cunha escolma dos seus textos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos presentará hoxe, día 26 de maio, unha escolma de textos de M. Lugrís Freire co ánimo de homenaxear ao autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.
A escolma componse dos textos máis significativos da súa produción como narrador, dramaturgo, poeta e xornalista e inclúe tamén o texto íntegro do primeiro mitin en lingua galega, que Lugrís pronunciou en Betanzos en 1907.

O acto terá lugar ás 20:30 h no Salón Azul do Edificio Liceo (Betanzos) e nel participarán Concepción Valladares, concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Xesús Torres, historiador, e Mónica Baleirón, responsable da edición.

24/05/2006. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á produción audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura e Deporte publica, no DOG do 23 de maio de 2006, a convocatoria pública de subvencións para producións ou coproducións audiovisuais e interactivas en lingua galega.

O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Se desexa máis información, prema aquí.
24/05/2006. CURSOS E CONGRESOS

Asesores lingüísticos na Galicia actual

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua están a organizar o seminario Asesores lingüísticos na Galicia actual, co obxectivo de afondar na situación e as demandas específicas dos profesionais que traballan nos eidos da tradución, corrección, asesoramento ou xestión lingüística.

As sesións, de acceso libre, terán lugar os vindeiros días 1 e 2 de xuño no salón de actos do Consello da Cultura Galega.

23/05/2006. OUTRAS

OpenOffice en galego

A Consellería de Innovación e Industria presenta a versión en galego do paquete ofimático OpenOffice 2.0, que se pode descargar de balde no portal Mancomun.org.

Neste mesmo sitio tamén atopará un corrector ortográfico para OpenOffice adaptado á normativa oficial vixente.

23/05/2006. OUTRAS

A edición dixital de La Voz de Galicia, agora tamén en lingua galega

Co gallo da festividade do Día das Letras Galegas, desde o pasado 17 de maio o xornal La Voz de Galicia ofrece a posibilidade de consultar en galego a súa edición dixital. Este novo servizo ofrécese grazas a un programa de tradución automática que ten a súa orixe no proxecto de I+D OpenTrad, no que colaboraron, entre outras entidades, o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo e a empresa Imaxin Software.