Novas da lingua

Rexistros5011 a 5040 de 5280
26/04/2005. CURSOS E CONGRESOS

Culturas en diálogo entre a mocidade europea

A asociación Culturas en Diálogo convida a todos os mozos e mozas europeos de idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos a participar nos encontros Culturas en Diálogo 2005, que terán lugar entre o 17 e 30 de xullo a ambos os lados da fronteira de Dinamarca e Alemaña.

A iniciativa, que nace da cooperación entre as minorías xermana, danesa e frisoa, pretende fomentar entre a mocidade o estudo e a reflexión sobre a realidade plural de Europa e as súas minorías nacionais, lingüísticas e culturais. A data límite para formalizar a matrícula é o 17 de maio.
25/04/2005. DINAMIZACIóN

Correlingua 2005: Galego, un bico na lingua

Con este lema Galego, un bico na lingua, dará comezo o vindeiro 2 de maio en Lugo unha nova edición do Correlingua, iniciativa que se irá desenvolvendo en varias etapas por diferentes puntos do país entre os días 2 e 13 de maio.

O Correlingua é unha proposta lúdico-educativa que pretende convidar os centros de ensino e a mocidade galega en xeral a reivindicar publicamente a normalización do idioma galego. Se desexa obter máis información sobre esta actividade, prema aquí.
21/04/2005. INVESTIGACIóN

Toda a toponimia de Galicia reunida nun único volume

No marco da Xornada Técnica sobre a Toponimia en Galicia, presentouse onte, 20 de abril, en Santiago de Compostela o Nomenclátor de Galicia. Con esta publicación ofrécese agora nun único volume toda a toponimia oficial das provincias, concellos, parroquias e lugares galegos. Ao libro xúntase un CD-ROM con esta mesma información.

Ambos materiais están ao seu dispor nos fondos do CDSG. Se prefire consultar o nomenclátor en internet, prema aquí.
20/04/2005. DINAMIZACIóN

Preséntase a Rede de Entidades Amigas da Lingua

O vindeiro venres, 22 de abril, ás 20 horas presentarase na Casa das Campás (Pontevedra) a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL). Esta iniciativa está a ser liderada por unha ducia de entidades pontevedresas cunha clara sensibilidade cara á normalización dos usos do idioma galego.

REAL ten como obxectivos prioritarios o intercambio de información, a coordinación e a colaboración mutua entre entidades que traballen a prol da normalización lingüística do galego. Se desexa colaborar ou adherirse a esta iniciativa, pode poñerse en contacto co Departamento de Lingua Galega do Concello de Pontevedra (Tfno.: 986 863157)
18/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

Asistencia técnica para a execución do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia a contratación dunha asistencia técnica para o asesoramento, elaboración e execución de proxectos normalizadores destinados á implementación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

O procedemento de selección será o de concurso e o prazo de presentación das ofertas será de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio.
15/04/2005. EMPREGO

Praza de técnico en dinamización sociolingüística

A Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia convoca o proceso selectivo para a provisión, con carácter temporal, dunha praza de técnico en dinamización sociolingüística.

Todas as persoas interesadas en participar no proceso teñen de prazo para presentar a súa solicitude ata o vindeiro día 19 de abril, inclusive. A documentación debe dirixirse á S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, con domicilio social en Santiago de Compostela, A Barcia, estrada Santiago-Noia km 3.
14/04/2005. LEXISLACIóN

Nova estruturación do ensino non regrado de lingua galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 14 de abril de 2005, a nova estruturación dos cursos de formación non regrada de lingua galega, cos seus correspondentes niveis, temarios, validacións e equivalencias.

Se deseña coñecer o texto completo desta orde, prema aquí.

14/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

III edición do Premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca a terceira edición deste premio que ten como obxectivos principais homenaxear a figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro e contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega.

O prazo para a presentación de orixinais remata o 2 de setembro de 2005. O traballo gañador será publicado na colección Cadernos Ramón Piñeiro e o seu autor/a recibirá
3 000 euros.

Se desexa consultar o texto completo desta convocatoria, prema aquí.
08/04/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 8 de abril de 2005, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
08/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

I Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca, en colaboración con La Voz de Galicia, o Diario de Bergantiños e Galicia Hoxe, a primeira edición deste premio que pretende promover o uso do galego na prensa escrita e crear espazos nos xornais para a análise sociolingüística.

Os artigos deben ser inéditos, estar escritos en galego e tratar sobre un tema relacionado coa planificación e normalización da lingua galega. Todas as persoas interesadas deben presentar os seus orixinais entre o 11 e o 27 de abril.
Se desexa coñecer as bases completas desta convocatoria, prema aquí.
06/04/2005. OUTRAS

Preséntase a interface en lingua galega para o Office 2003

A Xunta de Galicia e a compañía Microsoft Ibérica presentaron hoxe, día 6 de abril, en Santiago de Compostela o paquete informático Office 2003 en lingua galega, froito dun protocolo de colaboración que ambas entidades asinaron en xullo de 2003 e que xa ten dado outros froitos como a interface en galego do Windows XP.

O paquete que hoxe se presenta fornece ao usuario dunha interface traducida ao galego para os seguintes programas: Microsoft Office Word 2003, Microsoft Office Outlook® 2003, Microsoft Office PowerPoint® 2003 e Microsoft Office Excel 2003.
06/04/2005. INVESTIGACIóN

A Casa das Linguas, un proxecto para a promoción dos idiomas da Península Ibérica

O Instituto Cervantes e a Universidade de Alcalá asinaron onte, 5 de abril, un acordo para crear a Casa das Linguas, unha entidade que se dedicará ao ensino, estudo e promoción de todas as linguas da Península Ibérica. O proxecto contará tamén coa colaboración de diferentes institucións dedicadas ao estudo e fomento das linguas cooficiais de España, entre as que se atopa a Real Academia Galega.

Se desexa máis información sobre esta iniciativa, prema aquí.

05/04/2005. INVESTIGACIóN

Materiais de apoio terminolóxico para os docentes da UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña acaba de inaugurar unha nova colección de manuais terminolóxicos destinados a facilitarlle ao profesorado o seu traballo nas aulas e, ao mesmo tempo, a incentivar o uso do galego entre este colectivo.

Os seis primeiros volumes da colección están relacionados coas áreas de Arquitectura, Dereito, Bioloxía, Fisioterapia-Podoloxía-Enfermaría, Económicas-Empresariais e Informática e cóntase que en breve saian á luz outros seis manuais.

Se desexa máis información sobre estes materiais ou está interesado en adquirir algún exemplar, debe pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística da UDC.

05/04/2005. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 20 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación dos I Premios á calidade lingüística, a achega de novos datos estatísticos sobre a introdución do galego nos programas das diferentes materias universitarias e o artigo sobre a valoración do coñecemento de galego nos diferentes procesos selectivos de acceso ao corpo docente e investigador contratado ou interino.
23/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

Xornada técnica sobre a toponimia en Galicia

O Proxecto Toponimia de Galicia organiza, o vindeiro 20 de abril, unha xornada técnica que ten como finalidade deseñar estratexias para desenvolver con éxito o traballo de recuperación, catalogación e depuración da toponimia galega. Todas as persoas interesadas en asistir teñen como data límite para formalizar a súa inscrición ata o 15 de abril.

Se desexa máis información sobre o programa da xornada ou sobre os trámites de matrícula, prema aquí.

15/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

As reivindicacións nacionais e lingüísticas durante o S. XIX, a debate na Universidade Paul-Valéry

A Universidade Paul-Valéry organiza o coloquio internacional O espertar das nacionalidades e as reivindicacións lingüísticas en Europa (1830-1930). O evento conta coa colaboración, entre outras entidades, do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e as sesións terán lugar os vindeiros días 2 e 3 de xuño en Montpellier (Francia).

Se desexa coñecer o programa provisional ou acceder ao boletín de inscrición, prema aquí.
11/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

XV Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organiza unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 8 e 9 de abril.
Entre os contidos de sociolingüística, destaca o seminario de normalización e dinamización nas aulas (Colectivo Tagen Ata), as diferentes presentacións de experiencias educativas de inmersión lingüística e a conferencia “Sociolingüística ou ‛suciolingüística’?” (P. García Negro).

Se desexa coñecer o programa completo das xornadas ou acceder ao formulario de matrícula en liña, prema aquí.
10/03/2005. INVESTIGACIóN

Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo preséntanos este repertorio terminolóxico bilingüe do léxico da Administración pública, baseado no Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI).

Se desexa consultar a versión web do vocabulario, prema aquí.
10/03/2005. INVESTIGACIóN

Vocabulario xurídico-administrativo galego-castelán

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo preséntanos este repertorio terminolóxico bilingüe do léxico da Administración pública, baseado no Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo (CLUVI).

Se desexa consultar a versión web do vocabulario, prema aquí.
08/03/2005. AXUDAS E PREMIOS

Novas iniciativas de dinamización lingüística na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta dúas novas convocatorias destinadas a promover o uso do galego entre a comunidade universitaria.
Trátase dos premios de poesía, relato curto e tradución literaria 2005 e das axudas á investigación en lingua galega 2005.

No caso dos premios literarios, o prazo remata o vindeiro 18 de abril, mentres que as solicitudes para as axudas á investigación poden presentarse ata o 11 de novembro.
08/03/2005. AXUDAS E PREMIOS

II Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a segunda edición do Certame Literario Concello de Ames. O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes.

Os textos, escritos en lingua galega, inéditos e de tema libre, deberán enviarse antes do vindeiro 22 de abril ao Servizo de Normalización Lingüística do concello.
08/03/2005. EMPREGO

Bolsa de colaboración no SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca unha bolsa para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística. As persoas solicitantes deben ser licenciados/as en Filoloxía Galega ou Filoloxía Galego-Portuguesa, ademais de ser alumnos/as de terceiro ciclo desta universidade.

O prazo de presentación de solicitudes é do 7 ao 17 de marzo. Se desexa consultar o texto íntegro desta convocatoria, prema aquí.
04/03/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 4 de marzo de 2005, a convocatoria de axudas a equipos de normalización lingüística dos centros de ensino privados (concertados e non concertados).

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.


03/03/2004. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á edición e tradución en lingua galega

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo publica, no DOG do 3 de marzo, a convocatoria de subvencións á produción editorial en lingua galega. As axudas están destinadas concretamente a apoiar a edición de obras en galego, a tradución para o galego e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

Se desexa consultar o texto completo desta convocatoria, prema aquí.
02/03/2005. LEXISLACIóN

O Plan de normalización da lingua galega accesible en internet

Xa pode consultar en formato PDF o Plan de normalización da lingua galega, aprobado o pasado 22 de setembro de 2004 polo Parlamento de Galicia. Descargue este documento desde o noso propio web ou desde o portal educativo da Xunta de Galicia.
02/03/2005. DINAMIZACIóN

Ponte coa lingua, voceiro de normalización lingüística no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo botou a andar o pasado mes de novembro Ponte coa lingua, unha nova publicación que irá dando conta do estado da lingua galega neste concello ao tempo que atenderá tamén aquelas iniciativas sociolingüísticas máis salientables que se vaian desenvolvendo no país.
(Máis información)
02/03/2005. DINAMIZACIóN

Xa está en liña o número 19 do Cartafol Dixital

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual da USC con novas sobre normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos do Plan de Organización Docente do curso 2004-2005 sobre tendencias de uso do galego na docencia, o artigo sobre a divulgación científica en galego ou a información sobre o curso de expresión oral que organiza a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía.
25/02/2005. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza este obradoiro de integración lingüística e cultural que ten como obxectivo facilitarlles a integración no contexto sociolingüístico galego aos inmigrantes e emigrantes retornados.

As sesións desenvolveranse entre o 14 de marzo e o 7 de abril, en horario de 19.00 a 21.00 h., e todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 9 de marzo. Se desexa máis información sobre os contidos deste obradoiro ou sobre os trámites de inscrición, prema aquí.
23/02/2005. INVESTIGACIóN

Léxico multilingüe de transporte turístico

O grupo de traballo do Proxecto Linmiter, baixo a coordinación da Dirección de Terminoloxía e Industrias da Lingua da Unión Latina, preséntanos este novo produto terminolóxico relacionado co transporte turístico.

O léxico contén 255 entradas co seu equivalente en once linguas diferentes, entre as que se atopa o galego. Pode consultar en liña esta ferramenta no web do Termcat e en breve estará tamén accesible no web do Proxecto Linmiter.

18/02/2005. DINAMIZACIóN

Campusons, certame de rock universitario en galego

As tres universidades galegas convocan a segunda edición deste certame de rock universitario destinado a artistas noveis que empreguen a lingua galega nas súas composicións. Ademais das tres universidades galegas, o certame conta coa colaboración da casa discográfica Sons Galiza, así como dos concellos das sete cidades con campus universitario.

Todos os grupos ou solistas interesados en participar neste concurso teñen de prazo para enviar as súas maquetas, con catro temas orixinais en galego, ata o vindeiro 24 de abril. Se desexa máis información, prema aquí.