Novas da lingua

Rexistros5041 a 5070 de 5153
20/07/2005. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da Administración local

A Consellería de Xustiza, Interior e Administración local convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis básico, medio e superior) para o persoal da Administración local.

O prazo de presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
14/07/2005. INVESTIGACIóN

Preséntase a tradución ao galego de Idioma e poder social, de Rafael Ninyoles

O vindeiro luns, 18 de xullo, ás 20 h, o sociolingüista Rafael Lluis Ninyoles presentará na Coruña (no local de Portas Ártabras, rúa da Sinagoga, 22) a tradución ao galego do seu libro Idioma e poder social. No acto intervirán tamén Mª Pilar García Negro, Francisco Pillado e Goretti Sanmartín Rei.

O profesor Ninyoles participará ao día seguinte, 19 de xullo, no
I Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, coa conferencia inaugural “Lingua e sociedade hoxe”.
12/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ao desenvolvemento de guións e á produción audiovisual de novos realizadores

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, publica, no DOG do 12 de xullo de 2005, a resolución de axudas para o desenvolvemento de guións e para a realización de proxectos de produción audiovisual en lingua galega que incorporen novos realizadores.

Se desexa consultar o texto completo da resolución, prema aquí.
11/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas á produción audiovisual en lingua galega

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo publica, no DOG do 8 de xullo de 2005, a resolución de axudas para apoiar o desenvolvemento de proxectos de produción audiovisual, así como a produción audiovisual en lingua galega.

Se desexa máis información, prema aquí.

07/07/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a adquisición de material didáctico en galego

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 7 de xullo, a convocatoria de axudas públicas destinadas a centros de ensino privados para a adquisición de material didáctico en galego.

O prazo se presentación de solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
05/07/2005. INVESTIGACIóN

Primeira tese sobre a planificación lingüística no ámbito socioeconómico

A investigadora Valentina Formoso presentou onte na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago a súa Tese de Doutoramento A lingua galega no ámbito empresarial. Usos e representacións sociolingüísticas.

A tese, dirixida polos doutores Carmen Alén Garabato e Manuel González González, achega unha ampla análise sociolingüística do ámbito socieconómico, ao tempo que propón medidas concretas para a planificación e normalización lingüísticas neste eido.

O tribunal outorgou a este traballo a cualificación de Sobresaliente “Cum Laudem”.
04/07/2005. DINAMIZACIóN

O Día das Letras Galegas 2006 estará dedicado a Manuel Lugrís Freire

O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado día 2 de xullo, dedicar o Día das Letras Galegas 2006 a Manuel Lugrís Freire, un dos membros fundadores da RAG e presidente desta institución entre o 28 de abril de 1934 e o 20 de agosto de 1935.

Se desexa máis información sobre a biografía deste destacado persoeiro da cultura galega, prema aquí.
01/07/2005. DINAMIZACIóN

Nova versión do programa Xestora

O programa Xestora é unha ferramenta informática creada no ano 2000 a iniciativa da Concellaría de Relacións Veciñais e Política Lingüística do Concello de Santiago.
Xestora (3.0) engade modelos adaptados á lexislación vixente e contén, entre outras prestacións, un plan de contabilidade adaptado ás asociacións; documentación para a solicitude de subvencións; axuda para efectuar o balance e conta de resultados e os asentos de apertura e peche do ano.

Na edición desta terceira versión colabora a Deputación da Coruña, que xa distribuíu
3 000 exemplares entre as entidades sen ánimo de lucro da provincia.

30/06/2005. LEXISLACIóN

Refórmase o Regulamento do Senado sobre o uso das linguas cooficiais

O Senado aprobou onte o texto que previamente os grupos con representación nesta cámara pactaran para ampliar o uso do galego, éuscaro e catalán na Cámara Alta.
A reforma permitirá o emprego das tres linguas en todas as sesións da Comisión Xeral de Comunidades Autónomas. Así mesmo recóllese que se unha moción, interpelación ou pregunta se presenta, ademais de en castelán, nalgunha das linguas cooficiais do Estado, esta publicarase tamén neste idioma no Boletín Oficial das Cortes Xerais.

Finalmente, as emendas presentadas por CIU e PNV, co apoio do senador do BNG integrado no grupo mixto, non foron aprobadas.
24/06/2005. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o profesorado

O Centro de Formación e Recursos de Santiago está a organizar o curso A nova normativa da lingua galega, que ten como obxectivo difundir os cambios ortográficos e morfolóxicos da última reforma de 2003 entre a comunidade docente.

Esta actividade terá unha duración de 18 horas e desenvolverase ao longo do vindeiro curso 2005-2006. A data límite de inscrición é o 15 de setembro.
23/06/2005. LEXISLACIóN

Recoñécese a oficialidade do galego no Rexistro Civil

En virtude do artigo 3 da Constitución española e do principio de dobre oficialidade contido nos estatutos das comunidades autónomas con lingua propia, as Cortes Xerais veñen de aprobar a Lei 12/2005, do 22 de xuño, pola que se modifica o artigo 23 da Lei do 8 de xuño de 1957, do Rexistro Civil.

Segundo esta modificación, os asentos poderán realizarse agora tanto en castelán como na lingua oficial propia da Comunidade Autónoma na que estea situado o Rexistro Civil. Ademais, nas Comunidades con lingua oficial propia distinta do castelán, as follas dos libros do Rexistro Civil, os impresos, os selos e os sistemas informáticos distribuiranse nas dúas linguas oficiais.
21/06/2005. DINAMIZACIóN

En Cambre, co galego a todas partes

Baixo o lema Co galego a todas partes, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Cambre está a desenvolver unha campaña de dinamización en diferentes ámbitos sociais.

Esta campaña, que se organiza en varias fases, pretende intervir cada mes nun ámbito específico, coma as farmacias, as piscinas ou as tendas de roupa. Este mes de xuño estase a dedicar á intervención no eido farmacéutico, baixo o lema Contigo o galego goza de boa saúde, e o vindeiro mes de xullo o concello convidará a todas as piscinas municipais a que se “mollen co galego”.
16/06/2005. OUTRAS

O Centro Galego de Bruxelas convídanos a consultar “A Nosa Voz” en liña

A Nosa Voz, voceiro do Centro Galego de Bruxelas, contará a partir de agora cunha edición en PDF que pode descargarse desde o seu web.

Neste número 45, do mes de xuño, ofrécennos, entre outros contidos, un especial dedicado ao Día das Letras Galegas 2005.
14/05/2005. INVESTIGACIóN

Preséntase no CCG o documento máis antigo escrito en galego en Galicia

Henrique Monteagudo, secretario do CCG e director do CDSG, presentou aos medios de comunicación unha reprodución en tamaño real do documento O Foro do bo burgo do Castro Caldelas, dado en Allariz en abril de 1228 e único diploma en romanzo saído da chancelaría de Alfonso IX.

O profesor Monteagudo explicou cales foron as claves que o levaron a seguir a pista deste importante documento, do que xa se coñecía a súa existencia pero se ignoraba a súa transcendental importancia para a historia da lingua galega, ao descubrirse agora que nos atopamos ante o documento máis antigo escrito en galego en Galicia.

O documento orixinal do Foro do bo burgo de Castro Caldelas está custodiado no Arquivo dos Duques de Alba (Madrid). Se o desexa, nos fondos do CDSG pode acceder a unha reprodución en tamaño real.

14/06/2005. LEXISLACIóN

O galego entra na Unión Europea, aínda que sen rango de oficialidade

O Consello de ministros de Asuntos Xerais e Relacións Exteriores da UE aprobou onte, día 13 de xuño, o uso das linguas cooficiais españolas (galego, catalán e éuscaro) nas institucións europeas, aínda que ningunha delas terá o rango de lingua oficial da UE, tal e como reclamaba o goberno español no memorandum presentado o pasado 13 de decembro de 2004.
(Máis información)
13/06/2005. CURSOS E CONGRESOS

Curso de deseño e aplicación de ferramentas de análise sociolingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza este curso de formación destinado especialmente a técnicos/as de normalización lingüística e en xeral a todas as persoas interesadas no estudo da sociolingüística galega.

O curso, de 16 horas de duración, desenvolverase os vindeiros días 8 e 15 de xullo na Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de preinscrición é do 13 ao 22 de xuño e só unha vez recibida a confirmación de admisión se deberán efectuar os trámites de matrícula.

Se desexa coñecer o programa do curso ou acceder ao formulario de preinscrición en liña, prema aquí.
10/06/2005. INVESTIGACIóN

Dicionario CLUVI inglés-galego

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo pon á disposición de todos os usuarios da rede Internet o Dicionario CLUVI inglés-galego (CLIG).
O CLIG está elaborado a partir dun corpus representativo de textos ingleses traducidos ao galego, polo que para cada tradución seleccionada o dicionario fornece un exemplo real de uso documentado neste corpus.

Esta primeira versión do CLIG inclúe 5 324 entradas e 7 998 traducións, que se irán completando en vindeiras versións do programa.
07/06/2005. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán “Lingua e dereito: logros, fracasos e retos”

A Facultade de Dereito de Ourense organiza un curso de verán que ten como obxectivos estudar e fomentar os usos lingüísticos no ámbito da xurisprudencia.

O curso, de 20 horas de duración, desenvolverase durante os días 13 e 14 de xullo de 2005 en Castro Caldelas - Salón Nobre do Castelo. Todos as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 30 de xuño de 2005.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
06/06/2005. DINAMIZACIóN

Xa pode consultar o número 22 do Cartafol Dixital

Xa está en liña o novo número do Cartafol Dixital. Entre as novidades deste número, salientamos, entre outros contidos, a entrevista a Jorge Mira, un dos autores do artigo "Interlinguistic similarity and language death dynamics", a presentación da nova Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria ou a recensión da obra Estatuto xurídico da lingua galega, recentemente editada por Edicións Xerais.
06/06/2005. DINAMIZACIóN

Galeguizando a hostalería de Ames, Brión e Rois

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e a Cooperativa Tagen-Ata están a desenvolver unha campaña de galeguización no ámbito da hostalería.

A campaña, que leva por lema “O galego, o mellor dos ingredientes”, ten como obxectivos fundamentais promocionar o sector hostaleiro da comarca e, ao mesmo tempo, fomentar os usos e actitudes positivas cara ao galego. A todos os establecementos que decidan adherirse á campaña achegaráselle un conxunto de materiais útiles como portamenús, gardamanteis, a tradución das cartas ao galego, inglés e castelán ou modelos de carta en soporte informático.

Esta campaña non se cinguirá só ao Concello de Ames senón que se estenderá tamén aos Concellos de Brión e Rois.
02/06/2005. INVESTIGACIóN

Presentación pública da Sociedade Galega de Terminoloxía

O vindeiro 8 de xuño, ás 18:30 horas, terá lugar no salón de actos do Consello da Cultura Galega a presentación pública da Sociedade Galega de Terminoloxía.

Con motivo desta presentación, a profesora Teresa Cabré Castellví, fundadora do Institut Universitari de Lingüística Aplicada e directora da Sección de Lexicografía do Institut de Estudis Catalans, dará unha conferencia sobre a Xestión terminolóxica das linguas minorizadas.
31/05/2004. LEXISLACIóN

Preséntase no CCG a publicación “Estatuto xurídico da lingua galega”

Hoxe martes, día 31 de maio, preséntase no Salón de Actos do Consello da Cultura Galega a publicación Estatuto xurídico da lingua galega, editada por Edicións Xerais e autoría de Antonio X. Ferreira, Alba Nogueira, Anxo Tato e Luís Villares.

Na presentación, que terá lugar ás 12:00 h., intervirán, ademais dos autores, Carlos Varela (fiscal xeral do TSXG), Alfonso Zulueta (presidente do CCG), Henrique Monteagudo (secretario do CCG) e Manuel Bragado (director de Xerais).
26/05/2005. EMPREGO

Bolsa de colaboración no SNL da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca unha bolsa para desenvolver labores de apoio ao seu Servizo de Normalización Lingüística. As persoas solicitantes deben ser licenciados/as en Filoloxía Galega ou Filoloxía Galego-Portuguesa, ademais de ser alumnos/as de terceiro ciclo desta universidade.

O prazo de presentación de solicitudes é o comprendido entre os días 1 e 15 de xuño de 2005. Se desexa consultar o texto íntegro desta convocatoria, prema aquí.
24/05/2005. CURSOS E CONGRESOS

I Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, a Deputación da Coruña e a Cooperativa Tagen Ata organizan un curso de verán no que se traballarán os aspectos teóricos e metodolóxicos máis salientables da dinamización lingüística.
O curso desenvolverase na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña entre os días 19 e 22 de xullo de 2005.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.

24/05/2005. AXUDAS E PREMIOS

II Premio “Luísa Villalta” a Iniciativas Normalizadoras

Os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, en colaboración coa Dirección Xeral de Política Lingüística, organizan a segunda edición do Premio “Luísa Villalta” , que ten como principal obxectivo promover a reflexión e dinamización lingüísticas entre a comunidade universitaria.

O premio está dirixido a todo o alumnado de 1º, 2º e 3º ciclo das facultades e escolas universitarias galegas e contará con dúas modalidades: “artigo xornalístico” e “deseño dunha campaña de promoción da lingua galega”.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 3 de outubro de 2005.
23/05/2005. OUTRAS

Cartografía actualizada para a lingua galega

O xornal electrónico Vieiros difunde o mapa “Territorios de lingua galega”, o primeiro que recolle todos os territorios (de dentro e de fóra da Galicia administrativa) onde se fala o galego.

O mapa, autoría de Ramón Pais Pazos, presentouse o pasado día 14 de maio no transcurso do IV Banquete de Cacabelos, organizado polo Foro Arrainos con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas.
20/05/2005. LEXISLACIóN

O réxime lingüístico europeo a debate na Universidade de Vigo

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo, que dirixe a profesora Maruxa Cabeza, anuncia a celebración da conferencia O réxime lingüístico das comunidades europeas, a cargo de Germán Luis Ramos Ruano, xurista-lingüista na Secretaría Xeral do Consello da Unión Europea.

O acto terá lugar o vindeiro día 23 de maio, ás 17:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
19/05/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a concesión de axudas a empresas privadas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 19 de maio, a resolución do concurso público para a concesión de axudas destinadas a fomentar o uso da lingua galega entre as empresas privadas.

Se desexa consultar esta resolución, prema aquí.

18/05/2005. DINAMIZACIóN

O Concello de Vigo constitúe o Consello Social da Lingua Galega

O Concello de Vigo constituíu oficialmente o Consello Social da Lingua Galega, cuxa creación aprobara o Pleno deste mesmo concello o pasado 27 de decembro de 2004.

O Consello Social da Lingua Galega de Vigo ten como obxectivos principais o asesoramento, consulta e participación na política lingüística do concello, co ánimo de fomentar a normalización do uso do galego entre a poboación viguesa.
06/05/2005. EMPREGO

Bolsas para o ensino de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades do exterior

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 16 de maio de 2005, a convocatoria para a selección de bolseiros/as que impartan as materias de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Birmingham, Cork, Lisboa, Padua, Trier e Tubinga.

O prazo para a presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.