Novas da lingua

Rexistros5041 a 5070 de 5273
23/05/2005. OUTRAS

Cartografía actualizada para a lingua galega

O xornal electrónico Vieiros difunde o mapa “Territorios de lingua galega”, o primeiro que recolle todos os territorios (de dentro e de fóra da Galicia administrativa) onde se fala o galego.

O mapa, autoría de Ramón Pais Pazos, presentouse o pasado día 14 de maio no transcurso do IV Banquete de Cacabelos, organizado polo Foro Arrainos con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas.
20/05/2005. LEXISLACIóN

O réxime lingüístico europeo a debate na Universidade de Vigo

O Centro de Linguas da Universidade de Vigo, que dirixe a profesora Maruxa Cabeza, anuncia a celebración da conferencia O réxime lingüístico das comunidades europeas, a cargo de Germán Luis Ramos Ruano, xurista-lingüista na Secretaría Xeral do Consello da Unión Europea.

O acto terá lugar o vindeiro día 23 de maio, ás 17:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
19/05/2005. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a concesión de axudas a empresas privadas

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 19 de maio, a resolución do concurso público para a concesión de axudas destinadas a fomentar o uso da lingua galega entre as empresas privadas.

Se desexa consultar esta resolución, prema aquí.

18/05/2005. DINAMIZACIóN

O Concello de Vigo constitúe o Consello Social da Lingua Galega

O Concello de Vigo constituíu oficialmente o Consello Social da Lingua Galega, cuxa creación aprobara o Pleno deste mesmo concello o pasado 27 de decembro de 2004.

O Consello Social da Lingua Galega de Vigo ten como obxectivos principais o asesoramento, consulta e participación na política lingüística do concello, co ánimo de fomentar a normalización do uso do galego entre a poboación viguesa.
06/05/2005. EMPREGO

Bolsas para o ensino de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades do exterior

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 16 de maio de 2005, a convocatoria para a selección de bolseiros/as que impartan as materias de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Birmingham, Cork, Lisboa, Padua, Trier e Tubinga.

O prazo para a presentación de solicitudes é de corenta días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
16/05/2005. DINAMIZACIóN

En liña o número 21 do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 21 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos, entre outros, a presentación dos I Premios á calidade lingüística, o artigo de valoración sobre o Obradoiro de expresión oral en galego ou a recensión sobre Código Cero, Diario Tecnolóxico de Galicia.
12/05/2005. DINAMIZACIóN

Xarmenta, un pulo máis para o galego no Bierzo

O pasado mes de marzo un grupo de mestres, pais de alumnos e membros de diferentes colectivos culturais do Bierzo constituían a Asociación Berciana da Lingua “Xarmenta”.

O colectivo, que nace co obxectivo de promover e dignificar a lingua galega no Bierzo, está a organizar ao longo deste mes de maio unha serie de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas 2005.
09/05/2005. DINAMIZACIóN

13 de maio: Día das Letras Galegas no Bierzo

O Colectivo Cultural Fala Ceibe organiza o Día das Letras Galegas 2005 no Bierzo, xornada lúdido-reivindicativa que terá lugar o vindeiro día 13 de maio a partir das 19:00 horas, na Sede da Obra Social de “Caja España”, en Ponferrada.

O acto comezará cunha homenaxe á primeira revista escolar en lingua galega no Bierzo: A Coruxa e continuará coa proxección da curtametraxe O Avó, do Obradoiro de Iniciación á Curtametraxe integrado no proxecto ON & OFF de Mr Misto Films. A participación dos estudantes de diferentes colexios da comarca porá o peche a un acto que quere reivindicar a normalización progresiva do uso do idioma galego no Bierzo.
09/05/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á investigación en lingua galega na Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña publica a convocatoria de axudas a estudantes que realicen a redacción e defendan a tese de doutoramento, a tese de licenciatura, o traballo de investigación de terceiro ciclo ou o proxecto de fin de carreira en lingua galega durante o ano 2005.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o 30 de novembro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria ou acceder aos modelos de solicitude, prema aquí.
06/05/2005. DINAMIZACIóN

Palabras de lei para galeguizar a Administración de Xustiza

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia presentou, o pasado día 4 de maio, nun acto presidido polo Presidente da Xunta de Galicia, a publicación Palabras de lei. Galeguizar Galicia.

Nesta obra, un selecto grupo de xuíces, xuízas, fiscais e secretarios/as xudiciais amosan publicamente o seu compromiso coa normalización da lingua galega no ámbito da xustiza, ao tempo que convidan a todos os demais xuíces e maxistrados de Galicia a unirse á súa iniciativa.

Pola súa parte, a Consellería de Xustiza presentou a versión en galego dunha primeira selección de 750 documentos pertencentes ao programa Libra.
03/05/2005. INVESTIGACIóN

O Euromosaic recolle a situación sociolingüística dos novos estados membros da Unión

A Comisión Europea decidiu ampliar o estudo Euromosaic para dar conta da nova realidade sociolingüística da Unión Europea, coa adhesión en 2004 de dez novos estados membros.

O Euromosaic nacía en 1992 para estudar os grupos lingüísticos minoritarios dos daquela países membros da Unión e en 1995 ampliábase por primeira vez para engadir os informes individuais dos grupos lingüísticos de Austria, Finlandia e Suecia. Con esta segunda ampliación queda xa recollida no estudo a realidade sociolingüística dos 25 países membros. Se desexa consultar os informes individuais correspondentes a cada comunidade lingüística, prema aquí.
27/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

Concurso “Letras Galegas 2005. Concello do Porriño”

A Concellería de Normalización Lingüística do Concello do Porriño organiza, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2005, un concurso literario nas modalidades de relato curto e mensaxes de móbil (sms).

En ambas as modalidades as obras presentadas deben ser inéditas e estar escritas en lingua galega. O prazo para a presentación dos traballos remata o 16 de maio.

Se desexa consultar as bases específicas de cada convocatoria, prema aquí.
27/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás empresas para a edición de publicacións periódicas en lingua galega

A Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública anuncia, no DOG do 27 de abril, a convocatoria de subvencións as empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego normativizado.

O prazo de presentación de solicitudes é de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/04/2005. CURSOS E CONGRESOS

Culturas en diálogo entre a mocidade europea

A asociación Culturas en Diálogo convida a todos os mozos e mozas europeos de idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos a participar nos encontros Culturas en Diálogo 2005, que terán lugar entre o 17 e 30 de xullo a ambos os lados da fronteira de Dinamarca e Alemaña.

A iniciativa, que nace da cooperación entre as minorías xermana, danesa e frisoa, pretende fomentar entre a mocidade o estudo e a reflexión sobre a realidade plural de Europa e as súas minorías nacionais, lingüísticas e culturais. A data límite para formalizar a matrícula é o 17 de maio.
25/04/2005. DINAMIZACIóN

Correlingua 2005: Galego, un bico na lingua

Con este lema Galego, un bico na lingua, dará comezo o vindeiro 2 de maio en Lugo unha nova edición do Correlingua, iniciativa que se irá desenvolvendo en varias etapas por diferentes puntos do país entre os días 2 e 13 de maio.

O Correlingua é unha proposta lúdico-educativa que pretende convidar os centros de ensino e a mocidade galega en xeral a reivindicar publicamente a normalización do idioma galego. Se desexa obter máis información sobre esta actividade, prema aquí.
21/04/2005. INVESTIGACIóN

Toda a toponimia de Galicia reunida nun único volume

No marco da Xornada Técnica sobre a Toponimia en Galicia, presentouse onte, 20 de abril, en Santiago de Compostela o Nomenclátor de Galicia. Con esta publicación ofrécese agora nun único volume toda a toponimia oficial das provincias, concellos, parroquias e lugares galegos. Ao libro xúntase un CD-ROM con esta mesma información.

Ambos materiais están ao seu dispor nos fondos do CDSG. Se prefire consultar o nomenclátor en internet, prema aquí.
20/04/2005. DINAMIZACIóN

Preséntase a Rede de Entidades Amigas da Lingua

O vindeiro venres, 22 de abril, ás 20 horas presentarase na Casa das Campás (Pontevedra) a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL). Esta iniciativa está a ser liderada por unha ducia de entidades pontevedresas cunha clara sensibilidade cara á normalización dos usos do idioma galego.

REAL ten como obxectivos prioritarios o intercambio de información, a coordinación e a colaboración mutua entre entidades que traballen a prol da normalización lingüística do galego. Se desexa colaborar ou adherirse a esta iniciativa, pode poñerse en contacto co Departamento de Lingua Galega do Concello de Pontevedra (Tfno.: 986 863157)
18/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

Asistencia técnica para a execución do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anuncia a contratación dunha asistencia técnica para o asesoramento, elaboración e execución de proxectos normalizadores destinados á implementación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

O procedemento de selección será o de concurso e o prazo de presentación das ofertas será de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio.
15/04/2005. EMPREGO

Praza de técnico en dinamización sociolingüística

A Sociedade Anónima para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia convoca o proceso selectivo para a provisión, con carácter temporal, dunha praza de técnico en dinamización sociolingüística.

Todas as persoas interesadas en participar no proceso teñen de prazo para presentar a súa solicitude ata o vindeiro día 19 de abril, inclusive. A documentación debe dirixirse á S.A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, con domicilio social en Santiago de Compostela, A Barcia, estrada Santiago-Noia km 3.
14/04/2005. LEXISLACIóN

Nova estruturación do ensino non regrado de lingua galega

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 14 de abril de 2005, a nova estruturación dos cursos de formación non regrada de lingua galega, cos seus correspondentes niveis, temarios, validacións e equivalencias.

Se deseña coñecer o texto completo desta orde, prema aquí.

14/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

III edición do Premio Centro Ramón Piñeiro de ensaio breve

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca a terceira edición deste premio que ten como obxectivos principais homenaxear a figura do ilustre galeguista Ramón Piñeiro e contribuír á difusión do ensaio breve en lingua galega.

O prazo para a presentación de orixinais remata o 2 de setembro de 2005. O traballo gañador será publicado na colección Cadernos Ramón Piñeiro e o seu autor/a recibirá
3 000 euros.

Se desexa consultar o texto completo desta convocatoria, prema aquí.
08/04/2005. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 8 de abril de 2005, a convocatoria de bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que neste momento se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
(Máis información)
08/04/2005. AXUDAS E PREMIOS

I Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca, en colaboración con La Voz de Galicia, o Diario de Bergantiños e Galicia Hoxe, a primeira edición deste premio que pretende promover o uso do galego na prensa escrita e crear espazos nos xornais para a análise sociolingüística.

Os artigos deben ser inéditos, estar escritos en galego e tratar sobre un tema relacionado coa planificación e normalización da lingua galega. Todas as persoas interesadas deben presentar os seus orixinais entre o 11 e o 27 de abril.
Se desexa coñecer as bases completas desta convocatoria, prema aquí.
06/04/2005. OUTRAS

Preséntase a interface en lingua galega para o Office 2003

A Xunta de Galicia e a compañía Microsoft Ibérica presentaron hoxe, día 6 de abril, en Santiago de Compostela o paquete informático Office 2003 en lingua galega, froito dun protocolo de colaboración que ambas entidades asinaron en xullo de 2003 e que xa ten dado outros froitos como a interface en galego do Windows XP.

O paquete que hoxe se presenta fornece ao usuario dunha interface traducida ao galego para os seguintes programas: Microsoft Office Word 2003, Microsoft Office Outlook® 2003, Microsoft Office PowerPoint® 2003 e Microsoft Office Excel 2003.
06/04/2005. INVESTIGACIóN

A Casa das Linguas, un proxecto para a promoción dos idiomas da Península Ibérica

O Instituto Cervantes e a Universidade de Alcalá asinaron onte, 5 de abril, un acordo para crear a Casa das Linguas, unha entidade que se dedicará ao ensino, estudo e promoción de todas as linguas da Península Ibérica. O proxecto contará tamén coa colaboración de diferentes institucións dedicadas ao estudo e fomento das linguas cooficiais de España, entre as que se atopa a Real Academia Galega.

Se desexa máis información sobre esta iniciativa, prema aquí.

05/04/2005. INVESTIGACIóN

Materiais de apoio terminolóxico para os docentes da UDC

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña acaba de inaugurar unha nova colección de manuais terminolóxicos destinados a facilitarlle ao profesorado o seu traballo nas aulas e, ao mesmo tempo, a incentivar o uso do galego entre este colectivo.

Os seis primeiros volumes da colección están relacionados coas áreas de Arquitectura, Dereito, Bioloxía, Fisioterapia-Podoloxía-Enfermaría, Económicas-Empresariais e Informática e cóntase que en breve saian á luz outros seis manuais.

Se desexa máis información sobre estes materiais ou está interesado en adquirir algún exemplar, debe pórse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística da UDC.

05/04/2005. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 20 do Cartafol Dixital, boletín mensual editado polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.

Entre os contidos deste número salientamos a presentación dos I Premios á calidade lingüística, a achega de novos datos estatísticos sobre a introdución do galego nos programas das diferentes materias universitarias e o artigo sobre a valoración do coñecemento de galego nos diferentes procesos selectivos de acceso ao corpo docente e investigador contratado ou interino.
23/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

Xornada técnica sobre a toponimia en Galicia

O Proxecto Toponimia de Galicia organiza, o vindeiro 20 de abril, unha xornada técnica que ten como finalidade deseñar estratexias para desenvolver con éxito o traballo de recuperación, catalogación e depuración da toponimia galega. Todas as persoas interesadas en asistir teñen como data límite para formalizar a súa inscrición ata o 15 de abril.

Se desexa máis información sobre o programa da xornada ou sobre os trámites de matrícula, prema aquí.

15/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

As reivindicacións nacionais e lingüísticas durante o S. XIX, a debate na Universidade Paul-Valéry

A Universidade Paul-Valéry organiza o coloquio internacional O espertar das nacionalidades e as reivindicacións lingüísticas en Europa (1830-1930). O evento conta coa colaboración, entre outras entidades, do Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago de Compostela e as sesións terán lugar os vindeiros días 2 e 3 de xuño en Montpellier (Francia).

Se desexa coñecer o programa provisional ou acceder ao boletín de inscrición, prema aquí.
11/03/2005. CURSOS E CONGRESOS

XV Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) organiza unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, que se celebrarán os vindeiros días 8 e 9 de abril.
Entre os contidos de sociolingüística, destaca o seminario de normalización e dinamización nas aulas (Colectivo Tagen Ata), as diferentes presentacións de experiencias educativas de inmersión lingüística e a conferencia “Sociolingüística ou ‛suciolingüística’?” (P. García Negro).

Se desexa coñecer o programa completo das xornadas ou acceder ao formulario de matrícula en liña, prema aquí.