Novas da lingua

Rexistros5071 a 5100 de 5280
22/11/2004. DINAMIZACIóN

Nº 17 do Cartafol Dixital

Consulte en liña o novo número do Cartafol Dixital, boletín mensual da USC con novas sobre normalización lingüística.

Entre os contidos deste número salientamos os datos estatísticos sobre a elaboración de programas académicos en lingua galega, o artigo valorativo sobre os usos lingüísticos na Universidade da Coruña ou a información sobre o concurso de monólogos organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Económicas.
19/11/2004. CURSOS E CONGRESOS

II Encontro Galego-Brasileiro de Investigadores

A Universidade da Coruña celebrará os vindeiros días 24, 25 e 26 de novembro un encontro entre investigadores galegos e brasileiros para debater e poñer en común os traballos que se están a desenvolver en ámbitos análogos da investigación galega e brasileira.

Se desexa consultar o programa destes encontros, prema aquí. Para calquera outra información, pode poñerse en contacto co Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da UDC.
19/11/2004. INVESTIGACIóN

Dicionario da vestimenta tradicional galega

Consulte en liña este novo dicionario realizado por Manuel Souto Pico como traballo de fin de carreira da licenciatura de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo.

A obra recolle os termos fundamentais da vestimenta e o traxe tradicional galegos e concíbese como un estudo aberto en constante ampliación, buscando a complicidade do usuario á hora de achegar novos termos ou completar os xa existentes.
16/11/2004. CURSOS E CONGRESOS

Debates abertos "Lingua e linguas"

A Fundación Carlos Casares inaugura hoxe en Vigo este ciclo de debates coa presentación da obra O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000). Volume III. Elaboración e difusión da lingua. O ciclo terá continuidade con dúas novas sesións que xirarán arredor do futuro da lingua no sector da mocidade (24 de novembro) e da pluralidade lingüística de Europa (14 de decembro).

A sesión de hoxe terá lugar no Salón de Actos da Fundación Carlos Casares ás 19:30 horas.
11/11/2004. OUTRAS

A Universidade de Santiago de Compostela informa os seus estudades da realidade lingüística de Galicia

O Oficina de Relacións Exteriores da USC difunde entre os estudantes que chegan desde fóra de Galicia información sobre a situación sociolingüística do noso país. Así, estes estudantes recibiron, a través do folleto explicativo “Galicia e o galego”, ampla información sobre o status do galego como lingua propia de Galicia, sobre a situación do idioma na USC e sobre as vantaxes que lle pode aportar o seu contacto co noso idioma á hora de aprender outras linguas románicas.

Toda esta información está tamén accesible en diferentes idiomas no web da USC.
11/11/2004. DINAMIZACIóN

Novo número do Cartafol Dixital

Xa pode consultar en liña o número 16 do Cartafol Dixital, voceiro da Universidade de Santiago de Compostela en materia de normalización lingüística.

(Máis información)

09/11/2004. INVESTIGACIóN

A situación sociolingüística e a consciencia idiomática na Galicia da Restauración

A Deputación Provincial de Pontevedra acaba de publicar A lingua galega entre 1875 e 1916, estudo onde se presenta unha exhaustiva panorámica deste período que estaba en boa parte aínda sen analizar desde a perspectiva sociolingüística.
(Máis información)
27/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas “Lingua e cidade”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e a Real Academia Galega organizan unhas xornadas sobre os usos lingüísticos no ámbito urbano que terán lugar os vindeiros días 10, 11 e 12 de novembro na Coruña e Ferrol.

Se desexa obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, prema aquí.
02/11/2004. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese a concesión de axudas aos concellos para fomentar o uso da lingua galega

A Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia fai pública a resolución do concurso de subvencións aos concellos de Galicia para a creación e mantemento de servizos de normalización lingüística ou a realización de actividades que fomenten o uso social da lingua galega.
22/10/2004. AXUDAS E PREMIOS

Axudas aos concellos da provincia da Coruña para promover a normalización lingüística

A Deputación da Coruña convoca axudas aos concellos de ata 50 000 habitantes para o mantemento ou creación de servizos municipais de normalización lingüística e a organización de campañas de dinamización.

O prazo para a presentación de solicitudes remata o día 15 de novembro. Se desexa consultar o texto completo da convocatoria, prema aquí.
20/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

Aprender galego a través da radio

A Radio Galega e Radio Ecca emiten diariamente (días laborábeis agás xoves) un curso de iniciación á lingua galega que se pode escoitar a partir das 22 h. (Radio Galega) e das 23 h. (Radio Ecca) a través das frecuencias habituais destas emisoras ou tamén a través da canle dixital Radio Galega Música.

Todas as leccións do curso permanecerán, durante a duración do mesmo, accesíbeis no web da Radio Galega, polo que vostede tamén terá a oportunidade de oír as clases xa emitidas.
20/10/2004. INVESTIGACIóN

Glosario de termos esenciais de botánica

A Comisión de Normalización Lingüística da Escola Politécnica Superior da USC acaba de publicar un glosario multilingüe que recolle a terminoloxía básica da área de botánica. Este glosario, que constitúe o primeiro froito dunha serie máis ampla que irá saíndo paulatinamente á luz, pretende potenciar o uso do galego nas actividades académicas e investigadoras da Escola.

Se está interesado/a en obter un exemplar, pode poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística da USC.
14/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

Simposio Lingua e Territorio

O Instituto da Lingua Galega organiza o Simposio Lingua e Territorio, que se desenvolverá en Santiago de Compostela, en sesións descontinuas, entre os días 4 de novembro e 3 de decembro.

O simposio xirará arredor das fronteiras lingüísticas interiores, debatendo e reflexionando sobre as manifestacións lingüísticas da nosa particular distribución xeográfica. O prazo de inscrición remata o 3 de novembro e as prazas son limitadas.
14/10/2004. EMPREGO

Bolsa de colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña convoca, coa colaboración da Deputación da Coruña, unha bolsa para desenvolver labores de apoio ao Servizo de Normalización Lingüística desta universidade. As persoas solicitantes deben ser licenciados/as en Filoloxía Galega pola Universidade da Coruña, ademais de estar matriculados nalgún curso de doutoramento da universidade ou estar en posesión do Diploma de Estudos Avanzados (DEA).

O prazo de presentación de solicitudes é do 8 ao 22 de outubro. Se desexa consultar o texto íntegro desta convocatoria, prema aquí.
13/10/2004. INVESTIGACIóN

O galego estremeiro entra na Real Academia Galega

A Real Academia Galega acordou, no plenario do pasado 9 de outubro, nomear catro novos académicos en representación das diferentes comunidades lingüísticas que conforman o que se deu en chamar “galego estremeiro” ou “galego exterior”, reforzando así o seu compromiso coa defensa e promoción do galego falado fóra das nosas fronteiras administrativas.
(Máis información)
13/10/2004. INVESTIGACIóN

Créase a Sociedade Galega de Terminoloxía

Diferentes investigadores, tradutores e especialistas en terminoloxía galega reuníronse o pasado mércores, 6 de outubro, para constituír a Sociedade Galega de Terminoloxía. Esta asociación ten como obxectivos, entre outros, facilitar o coñecemento e a cohesión entre as persoas relacionadas coa terminoloxía en Galicia, promover accións formativas e propiciar o intercambio de información e coñecementos neste eido.

Se desexa máis información ou está interesado/a en participar no proceso de creación e desenvolvemento desta asociación, pode poñerse en contacto coa Xunta Directiva provisional a través do enderezo electrónico: lingua@consellodacultura.org.
11/10/2004. EMPREGO

Praza de técnico/a en normalización lingüística no Concello de Moaña

O Concello de Moaña convoca unha praza de técnico/a de normalización lingüística, incluída na Oferta de Emprego Público de 2004. A praza cubrirase polo sistema de concurso-oposición en quenda libre e todas as persoas interesadas teñen de prazo para presentar a súa solicitude 20 días naturais a partir do seguinte ao da publicación dun extracto desta convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

Se desexa consultar o temario e as bases específicas desta convocatoria, prema aquí.
11/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

Curso de dinámicas e técnicas grupais aplicadas á normalización da lingua

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) organiza un novo curso de formación que ten como principal obxectivo o de dar a coñecer ferramentas e dinámicas de traballo para desenvolver o labor de normalización lingüística no ámbito dos grupos.
(Máis información)
06/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

VIII Encontros para a Normalización Lingüística

Xa está accesible no noso web toda a información referente á oitava edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán os días 20, 21 e 22 de xaneiro de 2005. Consulte o programa provisional e, se o desexa, acceda ao formulario de inscrición en liña.

En breve poderá acceder tamén desde o programa aos resumos das diferentes intervencións, que iremos subindo á rede tan pronto como os relatores nolos vaian facilitando.
05/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas sobre Modelo de Universidade, Modelo Lingüístico

O Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña organiza estas xornadas sobre o modelo lingüístico no ámbito universitario, que terán lugar os vindeiros 13 e 14 de outubro na Facultade de Ciencias da Educación. O prazo de inscrición estará aberto ata o mesmo día da inauguración.

Se desexa consultar o programa, prema aquí.
05/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para non galegofalantes

O Servizo de Normalización Lingüística da USC organiza unha nova edición dos cursos de lingua galega para non galegofalantes, que contarán con dous niveis (elemental e competencia) e que se impartirán a partir de novembro nos campus de Santiago e Lugo.
Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa matrícula ata o 29 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.
01/10/2004. CURSOS E CONGRESOS

I Congreso Internacional “Política editorial e tradución da literatura infantil e xuvenil en Galicia”

A Universidade de Vigo organiza este primeiro congreso internacional sobre a tradución da literatura infantil e xuvenil desde unha perspectiva normalizadora. O congreso terá lugar os días 18, 19 e 20 de novembro de 2004, no Centro Cultural Caixanova, e o prazo de matrícula estará aberto ata o mesmo día da inauguración.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites da inscrición, prema aquí.
28/09/2004. INVESTIGACIóN

A lingua galega nos medios de comunicación

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega presenta un avance dos datos obtidos na enquisa A lingua galega nos medios de comunicación: situacións e opinións, que se enmarca dentro dun novo volume do proxecto de investigación O proceso de normalización do idioma galego 1980-2000.

Os datos que agora se presentan foron obtidos a partir de 1 200 entrevistas sobre o consumo de medios en Galicia e as opinións respecto da presenza da lingua galega nos diferentes soportes. Se desexa consultar os principais resultados desta enquisa, prema aquí.
28/09/2004. EMPREGO

Bolsas de cooperación no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago convoca 5 bolsas de cooperación para participar en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. As bolsas terán unha dotación de 604 euros mensuais, cunha dedicación de 25 horas semanais, e poderán optar a elas todos/as os/as licenciados/as en Filoloxía Galega ou Hispánica.

O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 4 de outubro. Se desexa coñecer o texto íntegro da convocatoria, prema aquí.
27/09/2004. CURSOS E CONGRESOS

Nova oferta de cursos de lingua galega na Universidade de Vigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a oferta de cursos de lingua galega para o 1º cuadrimestre do curso 2004-2005, que está dirixida á mellora da competencia lingüística da comunidade universitaria.

Se desexa máis información sobre este programa formativo, así como sobre os prazos e trámites de matrícula, prema aquí.
23/09/2004. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas na Universitat de Barcelona

A Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona fai pública a convocatoria de cursos de lingua e cultura galegas para o curso 2004-2005. Na convocatoria ofértanse catro niveis (galego básico, iniciación, perfeccionamento e cultura galega especializada), destinados a todos/as os/as maiores de 17 anos, sexan ou non alumnos/as desta universidade.

O prazo de matrícula é do 27 de setembro ao 13 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.
23/09/2004. OUTRAS

Novos recursos educativos na sección De Bolina

Co ánimo de atender as suxestión dos usuarios do noso web, o CDSG decidiu ampliar a sección De Bolina cun novo cartafol pensado especialmente para a comunidade educativa. Neste cartafol, que leva por nome Ensino, atopará 20 novas ligazóns que ofrecen información e recursos de utilidade para todas aquelas persoas implicadas directamente na galeguización do ensino.
20/09/2004. CURSOS E CONGRESOS

Formación continua no ensino

A Asociación Sócio-Pedagóxica Galega comeza o curso escolar con novas edicións dos Encontros Pedagóxicos e as Xornadas de Ensino, que se desenvolverán ao longo desta semana en diferentes puntos do país.
(Máis información)
16/09/2004. INVESTIGACIóN

Datos de inserción laboral dos licenciados en Filoloxía Galega

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) publica un informe sobre a inserción laboral dos titulados no sistema universitario galego durante o período 1996-2001. Entre as titulacións avaliadas atópase a de Filoloxía Galega.
(Máis información)
14/09/2004. CURSOS E CONGRESOS

Curso de iniciación ao galego para inmigrantes

A Concellería de Cultura e Deportes do Concello de Ames, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, organiza un curso de iniciación ao galego destinado aos inmigrantes.

O prazo de inscrición é do 13 ao 30 de setembro.
(Máis información)